Amosando publicacións coa etiqueta Suintila. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Suintila. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de setembro de 2015

Argimundus: rebelde suevo?

malalanahistoria.wordpress.com
extracto da Crónica do Biclarense

14 Iohan. Bicl. Chron. a. 590.3: Reccaredo ergo orthodoxo quieta pace regnante domesticae insidiae praetendeuntur. nam quidam ex cubiculo eius, etiam prouinciae dux nomine Argimundus aduersus Reccaredum regem tyrannidem assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret et uita. sed nefandi eius consilii detecta machinatione comprehensus et in uinculis ferreis redactus habita discussione socii eius impiam machinationem confessi condigna sunt ultione interfecti. ipse autem Argimundus, qui regnum assumere cupiebat primum verberibus interrogatus, deinde turpiter decaluatus, post haec dextra amputata exemplum omnibus in Toletana urbe asino sedens pompizando dedit et docuit famulos dominis non esse superbos

Argimundus
ex cubiculo eius – destacado membro da Aula Rexia de Recaredo
etiam prouinciae dux – duque provincial
machinatione – autor dunha conspiración
tyrannidem assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret uita – apoderarse do reino e acabar coa vida do rei
maiestas – delito de lesa maxestade

a incorporación de Callaecia foi un asunto grave para os godos; solucionado en varias etapas:
- UN, de bloqueo da expansión territorial sueva que finaliza coa submisión e conquista do reino (anos 573-585);
- DOUS, de conquista con Leovixildo, dende 585 (conquista do reino suevo) a 589 (III Concilio de Toledo), de relativo éxito no militar e fracaso rotundo no relixioso coa conversión á morte do rei.
- TRES, de sometemento militar, dende Recaredo (586-601) a, cando menos, Sisebuto (612-621) e Suintila (621-631); cunha posible consolidación de vínculos familiares entre as nobrezas sueva e goda.
- e CATRO, de reorganización provincial durante Recesvinto (653-672) e Wamba (672-680), na que, aparte de diminuír o antigo dominio territorial suevo, ocupan cargos militares aristócratas godos con lazos de sangue coa corte toledana.

a numismática confirma campañas militares na rexión durante os reinados de Leovixildo (BRACARA, PORTOCALE), Recaredo (CALABACIA, PINCIA, TORNIO, BERGANCIA), Witerico (TUDE), Sisebuto (LVCVS) e Suintila (LVCVS); é dicir, durante o primeiro terzo do s. VII. A partir de Sisenando (631-636) non hai máis novas de acuñacións de tipo triunfal na zona.

Argi – mundus

o tema -mundus aparece na toponimia derivada de antropónimos xermanos, en confusión cultista co tema de orixe latina “munde/monte”. Semella privativo da Callaecia, sendo excepcional no resto de Hispania, excepción feita de Tarraconensis e tamén en Septimania (xa en Gallia). Certamente, non toda esta toponimia se remonta aos ss. VI-VII; boa parte dela sería plenamente medieval.

Freitemunde, Estremondo, San Jamonde e variantes: toponimia cun elemento secundario derivado dun posesor xermánico (Aldemunde, Baamonde, Bermún, Camonde, Castramonde, Gallamonde, Racamonde, Sesmonde, ...).

tamén na onomástica real sueva, onde se documentan casos: Requimundus, Remismundus, Veremundus, e Theodemundus.

tamén exemplos no estamento relixioso: Onemundus (bispo de Salamanca), Tructemundus de Elbora e Commundus, titular da sé egiditana, cátedras todas elas próximas a Callaecia o nalgún momento pertencentes ao reino suevo e á diocese metropolitana de Bracara.

o tema arge-/argi- (<germ. *harjia, 'exército'), inda que menos frecuente, pero do mesmo modo máis habitual na área occidental da península, atópase documentado nos nomes de dous bispos de Porto (Argionitus e Argebertus) e nun dos titulares da sede de Egitania (Argesindus). Quizá tamén o rei Ariamiro (559-566).

fóra destes casos, o tema arge-/argi- atopámolo outra volta no xa citado Argemundus, rebelde contra Wamba en Narbo, en dous Argibadus (un, bispo de Narbo e outro de Iliberris). Tamén en tres nomes documentados en varias pizarras da provincia de Salamanca: Argefredus, Argeredus e Argivindus.

a conclusión parece obvia: Argimundus ten un nome con compoñentes ben representados na onomástica sueva ou da zona limítrofe cos suevos, pero que son, sen embargo, pouco habituais na onomástica goda. Deste modo, o mapa de distribución desta onomástica apoia a idea de que o duque Argimundus debeu ter unha orixe sueva. Ademais, se temos en conta que o radical –mundus era usual na onomástica real sueva e case descoñecido na dos reis godos, así como que o dux era membro do officium palatinum, é moi probable que Argimundus pertencera á liña do rei Miro e que desempeñara o alto cargo de dux prouinciae Gallaeciae durante o reinado de Leoxigildo e/ou Recaredo, quizá como recompensa por ter formado parte dese sector da nobreza sueva que apoiou a Leovixildo na súa campaña de submisión do reino suevo. É máis, é probable que Argimundus fora un dos duques que sufocaron a revolta de Malaricus en 585 cuxos nomes Xoán de Biclaro preferiu manter no anonimato. E esta sospeita en relación da orixe sueva de Argimundus faise inda máis firme se temos en conta que, a pesar de ser un membro destacado da Aula Rexia, Argimundus non se atopa entre os nobres godos que abxuraron do arianismo no III Concilio de Toletum, circunstancia que induce a pensar que se trataba dun católico.

as moedas atopadas no sur de Callaecia e acuñadas en Totela, Calabacia, Bergancia, Pincia, Tornio, Tude e Luco terían a ver coas vitorias militares nas campañas represivas contra a rebelión aristocrática dirixida polo dux Argimundus.

considerando os feitos aquí expostos, tanto certos (dux prouinciae, membro do cubiculum, acuñacións monetarias galaicas, ocultacións de tesouros en Callaecia e zonas limítrofes, provincia non pacificada na súa totalidade) como hipotéticos (orixe sueva de Argimundus, partidario de Leovixildo, quizás emparentado coa dinastía derrocada), parece lóxico concluír que debeu ser tamén en Callaecia onde Argimundus se alza en rebeldía contra Recaredo.

o tráxico final de Argimundus, exposto á ira do populacho da regia sedes, é a proba definitiva de que a súa rebelión non foi unha simple conspiración de palacio, mais unha auténtica sublevación que tivo como escenario unha das provincias do reino. Unha rebelión en toda regra que fixo necesaria unha campaña militar e un desfile triunfal que servira de escarmento aos rebeldes tanto como aviso para futuros conspiradores.

é posible que Argimundus quedara a cargo de Callaecia co mandato expreso de pacificala, pois, aparte do seu cargo de cubicularius, era tamén dux prouinciae e que a rebelión tivera lugar ao inicio do reinado de Recaredo, pouco despois da reunión do III Concilio de Toletum (a. 589). Neste sentido, e inda que por desgraza resulte imposible determinar este extremo, a intención de Argimundus podería non ter sido a usurpación do trono toledano senón a restauración do reino suevo, territorio onde debía ter os seus principais apoios (inda que puideron darse as dúas opcións de forma consecutiva), de aí a omisión do lugar onde tivo lugar a rebelión por parte de Xoán de Biclaro.

o único seguro é que no momento da rebelión unha parte importante do exército godo debía estar acantonada en Callaecia, pois só así se explica que Segga, a cabeza da conxura de 587, fora enviado a esta provincia logo de ter sido condenado. Esta interpretación dos acontecementos atopa o seu apoio arqueolóxico na distribución de tesouros na parte sur de Callaecia e na aparición de emisións de moeda con lendas triunfais datadas.

as lendas VICTOR/VICTORIA dos tremisses acuñados por Recaredo son o reverso triunfal da parodia de pompa triumphalis con que Argimundus e a súa camarilla foron presentados ante os cidadáns da regia urbs. Ditas acuñacións con lenda triunfal deben relacionarse con cuestións relativas á propaganda bélica e as necesidades da campaña, e coas celebracións nas cidades onde se emitía a moeda logo do triunfo militar.

indicios que suxestionan que Argimundus quería restaurar o reino suevo:
1/ a provincia fora recentemente conquistada grazas en parte a un enfrontamento entre dúas faccións da nobreza sueva, a unha das que pertencería o rebelde
2/ o clamoroso silencio do Biclarense en torno ao desenvolvemento dos feitos, que contrasta cos detalles que aporta para outros sucesos análogos.
3/ a maneira de ser castigados os rebeldes, cunha cabalgata final a lombos dun asno polas rúas de Toletum, un triunfo burlesco da cerimonia de investidura, certamente máis propia dun triunfo militar que dunha conspiración de palacio, que se resolvían con xuízos sumarísimos e execucións das sentenzas (Segga en Emerita e Uldila en Toletum).

a rebelión de Argimundus marca un fenómeno típico da Callaecia goda: a súa militarización. A súa incorporación ao reino godo foi un proceso longo e gradual, con dificultades e éxitos, que determinou unha importante presenza militar na zona. E isto fixo aparecer unha potente aristocracia suevo-gótica que co tempo se fará co poder en Toletum. Neste sentido, de confirmarse a orixe galaica dos reis de Toletum na segunda metade do x. VII, comprenderíanse mellor os mecanismos que levaroa á aparición dun núcleo de resistencia política e militar á dominación musulmá no norte de Península, na Callaecia.

REFERENCIAS:
BARROSO CABRERA, Rafael - MORÍN DE PABLOS, Jorge & SÁNCHEZ RAMOS, Isabel Mª Gallecia Gothica: de la conspiración del Dux Argimundus a la integración en el Reino visigodo de Toledo. Idanha-a-Vella. Serie Histórica. AUDEMA, Madrid, 2015
GARCÍA MORENO, L.A. Prosopografía del reino visigodo de Toledo Ediciones Universidad Salamanca, 1974
es.wikipedia.org: Argimundo
callaecia: 589

domingo, 9 de novembro de 2014

634

Lindisfarne
www.flickr.com
xaneiro, 21: batalla de Firaz na que os árabes Rashidun (15000 homes) baixo Khalid ibn al-Walid derrotan unha combinación de bizantinos, persas e árabes cristiáns en Mesopotamia, moi superiores en número.

febreiro, 4: batalla de Dathin, na que forzas Rashidun baixo Yazid ibn Abi Sufyan derrotan os árabes cristiáns nas proximidades de Gaza. Os xudeus locais celebran a vitoria musulmá ao ter sido perseguidos polos bizantinos.

febreiro, 15: Khalid asiste de xeito clandestino en a Meca á peregrinación anual, antes de trasladarse a al-Hira.

abril: catro exércitos musulmáns comandados respectivamente por Amr, Yazid, Shurahbil ibn Hassana e Abu Ubaidah ibn al-Jarrah xúntanse nas ribeiras do Yarmouk, na fronteira bizantina.

Abu Ubaidah ibn al-Jarrah invade Palestina e Khalid diríxese cara Syria desde al-Hirah coa metade do seu exército, uns 8000 homes.

batalla de Qarteen: Khalid derrota os ghassánidas, capturan al-Qaryatayn e outras cidades da zona.

abril, 24: batalla de Marj Rahit, na que Khalid derrota os bizantinos e os seus aliados ghassánidas (15000 homes) e envía unha columna de cabalería a saquear os arredores de Damasco.

os musulmáns toman a cidade de Bosrah, ao leste do Xordán, que tiña un continxente de 12000 homes. Khalid impón o pagamento dun tributo.

Dagoberto I destitúe a Pipino de Landen do seu cargo de mordomo de palacio e reteno en Neustria. O seu posto ocúpao Ansexisel, fillo de Arnulfo de Metz, que casa con Begga, filla de Pipino. Ansexisel colabora nas súas funcións con Cuniberto de Colonia.

para consolidar a sucesión, e para contentar a nobreza de Austrasia, Dagoberto I nomea rei a Sixeberto III (3 anos), fillo seu con Ragnetruda.

Dagoberto I tamén estende a súa autoridade sobre os bretóns.

Eanfrith de Bernicia e a súa escolta persoal son asasinados por Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd durante unhas negociacións de paz. Oswald, irmán seu e un dos fillos de Ethelfrith de Northumbria, cristián céltico, exiliado en Iona (Dál Riata) e regresa do exilio logo de 18 anos.

Oswald, apoiado por escotos e pictos mata a Cadwallon na batalla de Heavenfield e unifica Deira con Bernicia e convértese no novo rei de Northumbria, aliándose con Wessex, mediante o seu casamento coa herdeira do rei.

morre Suintila no ostracismo.

Heraclio, enfermo e feble, con escasa popularidade en Oriente, é incapaz de dirixir o exército na súa resistencia fronte a nova ameaza árabe. Envía a Theodoro, irmán seu, para reunir forzas e recuperar territorios perdidos pero os monofisitas e os xudeus apoian a intervención árabe.

xullo, 30: os musulmáns derrotan en Ajnadayn, ao SO de Xerusalem, aos bizantinos (9000 homes) dirixidos por Theodoro. Heraclio, en Emesa, retírase a Antioquía. A rexión dos ghassánidas e Palmira caen en mans musulmáns.

agosto, 23: morre Abu Bakr, que é sucedido por Umar ibn al-Chattab, un dos colaboradores máis próximos a Muhammad, como 2º califa do islam.

setembro, 19: Khalid ibn al-Walid ocupa Damasco, a primeira cidade de certa entidade. A quen o desexe permíteselle retirarse a Antioquía, sen ser atacados.

batalla de Maraj-al-Debaj: sen embargo, unha columna bizantina con refuxiados de Damasco (10000 homes) é aniquilada cerca de Antioquía.

outono: os persas baixo Bahman Jadhuyih (10000 homes) derrotan un exército musulmán que se internara en Persia na ‘batalla da ponte’, no Eufrates, cerca de Kufa. Os elefantes persas desbandan os musulmáns pero o xeneral persa non os persigue nin aniquila.

inicio de hostilidades entre o Tíbet e o imperio chinés.

escríbese en Madinat o ‘diwan’, que regula a distribución dos despoxos da guerra contra os bizantinos e que logo servirá de norma para o financiamento dos estados musulmáns.

Taizong ordena construír o palacio Daming, residencia imperial de verán, como agasallo persoal a seu pai.

Sophronios, patriarca de Xerusalem, monofisita e vehemente opositor a Heraclio. Envía cartas a Honorio I e o resto de patriarcas de oriente explicando as súas posturas teolóxicas.

Heraclio decreta a conversión obrigatoria de todos os xudeus do imperio.

o reino Tuyuhun é invadido por tropas chinesas baixo Li Jing, xeneral da dinastía Tang.

Aidan de Lindisfarne, misioneiro irlandés, é chamado por Oswald para fundar un bispado na sagrada illa de Lindisfarne e restablecer o cristianismo en Northumbria.

Birinus, misioneiro franco, desembarca no porto de ‘Hamwic’ (cerca do actual Southampton) na súa misión para reintegrar volver Wessex no cristianismo.

sábado, 8 de novembro de 2014

633

Isidoro
misviajesconhistoria.blogspot
Abu Bark comeza unha campaña contra a tribo árabe de Kindah, na rexión de Iemen.

marzo, 18: a península Arábiga está unificada baixo Abu Bark.

abril: un exército musulmán (18000 homes) baixo Khalid ibn al-Walid invade Mesopotamia. Obtén vitorias decisivas na batalla de Chains (Kuwait) e na batalla do Río (Iraq).

maio: na batalla de Walaja, Khalid derrota os persas e os seus aliados cristiáns.

batalla de Ullais: Khalid derrota un enorme exército persa (70000 homes) cerca do Éufrates e asedia a cidade de Hira. Os asediados non tardan moito en renderse e ofrecer agasallos a Khalid.

xuño, 3: tratado de reconciliación (nove artigos) entre católicos e monofisitas redactado polo patriarca Kyros. Logo das reservas de Sophronios de Xerusalem, o patriarca de Constantinopla Serxio I publica o pséphos (‘decreto’), que prohibe os debates sobre a natureza de Cristo.

xullo: no asedio de Anbar, Khalid fai que se renda o gobernador persa, que é autorizado a retirarse.

batalla de Ein ut Tamr: o exército musulmán ataca un posto de control na fronteira persa.

agosto: batalla de Dumat al-Jandal, na que un exército musulmán (10000) baixo Khalid derrota árabes cristiáns en rebeldía contras os musulmáns.

outubro, 12: batalla de Hatfield Chase: Penda de Mercia e Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd vencen a Edwin de Northumbria, que morre no combate. Northumbria volve separarse en Deira e Bernicia. Osric, sobriño de Edwin, é rei de Deira e o fillo de Aethelfrith, Eanfrid, que retorna de territorio dos pictos é rei de Bernicia, ambos pagáns.

Paullinus de Iork foxe cara Kent coa raíña Aethelburga e a súa filla Eanflaed (7 anos), onde se converte en bispo de Rochester. Eanflaed medra baixo a protección do rei Eadbald de Kent, tío seu.

Dagoberto I alíase cos saxóns contra os eslavos.

Khalid ibn al-Walid reprime unha rebelión de varias tribos árabes e impide que abandonen o islam. Tamén consegue someter os lahkmidas.

inverno: Cadwallon é asediado por Osric en Eboracum pero consegue saír da cidade coas súas tropas por sorpresa e destrúe o exército de Osric.

novembro: Khalid coordina ataques nocturnos contra os árabes cristiáns nas batallas de Muzayyah, Saniyy e Zumail.

Li Chung Feng constrúe un ‘globo celestial’.

Songtsen Gampo, rei de Tibet, establece a súa capital en Lhassa.

decembro, 5: IV concilio de Toletum, presidido por Isidoro e no que Sisenando é recoñecido rei lexítimo e Suintila é condenado por ladrón, asasino e corrupto; establécese como obrigatoria a elección do rei polos nobres e a igrexa, sendo o rei unxido por Deus e, polo tanto, inviolable.

Xermán, mencionado como bispo de Dumio.

Caliabria, sé episcopal. O bispo Servus Dei asina as actas do IV concilio de Toledo. O lugar é unha ceca goda, como resultado da imposición de tributos na zona. A existencia de moedas de ouro na zona representa a expresión da afirmación simbólica e efectiva do poder central. Os bispos eran axentes recadadores do poder central, con influencia non só sobre cuestións relixiosas. Que Caliabria fose bispado pode deberse á influencia de Witerico (rei godo, 603-610), cabeza dun grupo nobiliario lusitanos con importantes bens na zona logo da conquista do reino suevo.

a caída de Xerusalem en mans de Heraclio e a presión deste sobre os xudeus ocasiona unha nova diáspora que chega, en parte, a Hispania. Sen embargo, tamén aquí existe xa gran presión sobre esta etnia como testemuñan as resolucións do IV concilio de Toledo: ‘todos os nenos xudeus deben ser arrebatados a seus pais e recluídos en mosteiros, ou en mans de relixiosos para ser formados no cristianismo’, ou ‘se un converso trata con algún xudeu pode ser escravizado e o xudeu publicamente lacerado’.

o reino britano de Strathclyde ten Dumbarton como capital.

Dagoberto I casa con Nantechilda logo de repudiar a Gomatruda.

martes, 4 de novembro de 2014

631

Sisenando
www.zaragoza.es
logo de ser atacados comerciantes francos, Dagoberto I decide iniciar accións militares contra Samo, rei dos vendos (eslavos do norte), que rexeitan a autoridade franca.

Dagoberto parte de Metz e vai recollendo aliados (nas accións militares participa o duque alamano Chrodoberto; tamén un continxente lombardo) no camiño pero é derrotado en Wogastisburg logo de tres días de combates. Dagoberto ten que retirarse e morren moitos homes.

Samo invade Turinxia e comete accións de pillaxe sen número. Consegue afianzar a súa independencia, cun territorio que vai do Elba a cerca do Adriático.

marzo, 26: Suintila abdica. Sisenando, gobernador de Septimania, é apoiado por Dagoberto, que destina a Hispania un continxente franco que chega a Caesaraugusta. Os nobres godos ofrécenlle presentes de ouro a cambio do seu apoio. Sisenando faise co trono. Téntase unha damnatio memoria contra Suintila.

Sigebert de East Anglia protexe o cristianismo e permite que o misioneiro Felix sexa bispo de Dunwich.

Cariberto II, rei de Aquitania derrota e conten os vascos.

Borandukht é sucedida por súa irmá Azarmedukht. Á súa vez, meses despois, esta é sucedida por Cosroes IV, que ten que ceder ante Hormizdas VI, que se proclama shah en Nisibis.

Kyros, patriarca de Alexandría, nomeado por Heraclio e con poder para actuar con plenos poderes (dioikesis) en Exipto, inicia unha persecución contra os coptos que non aceptan Chalcedonia.

a cidade maia de Calakmul ataca Naranjo, derrotando e deportando ao seu soberano.

en China demóstrase que a cola dun cometa sempre queda de costas ao sol.

os saxóns apelan a Dagoberto para que alixeire o tributo que pagan anualmente (500 cabezas de gando vacún).

Edwin de Northumbria consolida as fortificacións de Eboracum, probablemente incluíndo a edificación da denominada ‘torre dos anglos’.

o emperador chinés Taizong envía unha embaixada aos Xueyantuo, vasalos do khaganato turco do este; os seus homes levan ouro e seda para tentar liberar prisioneiros chineses capturados durante a transición da dinastía Sui á dinastía Tang. 80000 homes e mulleres son liberados e retornan salvos ás súas casas.

Taizong establece unha nova abadía daoísta en gratitude polos sacerdotes que ‘curan’ ao príncipe herdeiro dunha grave enfermidade.

Benxamín I, patriarca copto de Alexandría, escapa durante as persecucións do patriarca Kyros e agóchase no mosteiro de Macario, no alto Exipto.

Xuanzang, monxe budista chinés, cruza o Indo en Hund e viaxa a Cachemira (‘ceo na terra’), no NO de India.

Dagoberto visita Austrasia; toma unha concubina, Ragnetruda; teñen un fillo, Sixeberto.

martes, 21 de outubro de 2014

624

Mogadouro
moviespictures.org
testemuña epigráfica dun casamento entre un hispano-romano e unha sueva en Mogadouro, o que proba dúas cousas: 1/ existe unha identidade sueva separada da goda ou hispanorromana inda nesta época, e 2/ a tolerancia sueva aos casamentos entre etnias distintas; ao contrario da exclusión practicada polos godos.

Suintila expulsa definitivamente os bizantinos de Hispania.

os musulmáns de Madinat atacan e derrotan unha caravana de infieis, causando 63 vítimas na súa primeira acción bélica.

marzo, 15: con 300 fieis Muhammad derrota a 900 adversarios mecanos (coraichitas) na batalla de Badr, ao SO de Madinat, ao seu regreso de Syria. Logo de oír que o líder Abu Sufyan escolta unha rica caravana, Muhammad enche de area os pozos de auga ao longo da súa ruta para atraelos á loita. A continuación derrotan a tribo xudía dos Banu Qainuqa.

promúlgase o Tanglu Shuyi, primeiro código legal chino que se conserva completo.

Máximo Confesor xa reside no mosteiro de Xurxo en Cyzicus (costa sur do Mar de Mármara), onde escribe as súas primeiras obras: unha serie de cartas, incluíndo catro a Xoan Cubicularius (eunuco imperial), e algúns dos seus tratados espirituais coma ‘a vida ascética’ e as catro ‘centurias sobre o amor’. Durante esta estancia tamén coñece a Xoán, bispo de Cyzicus, a que dedica ‘libros de dificultades’, en base a conversas entre os dous e que escribe cando chega a Africa.

Suintila ataca os territorios vascos.

Justus sucede a Mellitus como arcebispo de Canterbury. Dispón o envío de misioneiros a Northumbria.

inverno: Cosroes II, retira a maioría das súas forzas de Chalcedonia e xunta tres exércitos para atrapar e destruír as forzas de Heraclio, que os ataca Tigranakert (oeste de Armenia); desorganiza as forzas dos xenerais Shahin Vahmanzadegan e Shahraplakan e destrúe o tren de subministracións persa.

Eorpwald sucede a seu pai Raedwald como rei (bretwalda) de East Anglia.

o calígrafo chinés Ouyang Xun completa a enciclopedia Yiwen Leiju.

Dagoberto I elimina o bávaro Chrodoaldo.

621

Suintila (acastro.es)
morre Sisebuto (quizás envelenado) e sucédeo seu fillo Recaredo II, inda un neno.

o bispo Didier de Auxerre, orixinario de Aquitania, lega á súa igrexa arredor de 140 quilos de ourives litúrxicos.

Heraclio acorda un tributo anual cos avaros a cambio de paz nos Balcáns; a súa intención é liberar esforzo militar para acometer accións militares en Anatolia contra os persas.

Gao Zu delega o control do exército e a administración no leste ao seu segundo fillo Li Shimin, concentrándose el mesmo na reforma da moeda e os impostos.

abril, 16: Recaredo II morre aos 30 días de subir ao trono. A nobreza recupera o seu dereito de elección e elixen a Suintila, quizás un familiar, que dirixira as campañas militares contra Spania.

maio, 28: Li Shimin derrota os exércitos numericamente superiores de Dou Jiande, xeneral da dinastía Sui, no paso de Hulao.

xuño, 4: Wang Shichong, tamén fiel á dinastía Sui e autoproclamado emperador, réndese a Li Shimin en Luoyang, lodo da derrota de Dou Jiande.

os chineses establecen un ente para a factura de porcelana.

agosto, 1: vitoria de Li Shimin en Chang’an; o seu inimigo Dou Jiande é decapitado tres días máis tarde.

conversión ao islam das tribos Banu Khazraj e Banu Aws.

o tesouro da igrexa de Constantinopla é cedido por Serxio I e monetizado para financiar a guerra contra os persas.

sábado, 13 de xullo de 2013

vii. reis godos

Ataúlfo
050. Ataúlfo. Foi o primeiro rei godo: tiña saqueado Roma, casou con Gala Placidia, irmá de Honorio, emperador dos romanos; apoderouse da España Tarraconense; sentou a súa corte en Barcelona, e foi asasinado polo seu sucesor Sixerico, dous anos despois (414–417).

Teodoredo
051. Walia. Guerreou contra os vándalos e alanos; fixo a paz con Roma, que lle cedeu terras francesas, e fixo a súa corte en Tolosa (Francia) (417–420).

052. Teodoredo. Reinando el, os vándalos abandonaron Andalucía e pasaron a África; morreu gloriosamente na batalla dos Campos Cataláunicos, onde foi derrotado Atila, o terrible azote de Deus, caudillos dos hunos (420-451).

Eurico
053. Eurico. Subiu ao trono despois de ter asasinado ao antecesor, seu irmán Teodorico, e publicou o primeiro código de leis que tiveron os godos, chamado Código de Eurico, que contribuíu á cultura do seu pobo (469-484).

Recaredo
054. Leovixildo. Foi o primeiro rei godo que usou insignias reais, e como os godos profesaban a relixión ariana e soubo que o seu fillo Hermenxildo se tiña convertido ao catolicismo, desterrouno a Valencia e despois a Tarragona, nunha de cuxos cárceres sufriu martirio. A corte dos reis era xa a cidade de Toledo (572-586).

055. Recaredo. Foi o primeiro rei godo que se fixo católico, seguramente por consello de seu tío, o bispo San Leandro (586-601).
Suintila

056. Sisebuto. Protexeu as letras e as artes; foi moi relixioso, e publicou un decreto expulsando os xudeus, acto que foi censurado por San Isidoro, arcebispo de Sevilla (612-621).

don Rodrigo
057. Suintila. Foi un bo rei; quixo mudar en hereditaria a coroa dos godos, que seguía a ser electiva; unha sublevación dos magnates privouno do trono, pero non da vida (621-631).

058. Wamba. Rexeitou a coroa cando foi elixido rei; pero obrigárono a aceptala con ameazas de morte; gobernou con enerxía e honradez, e destruíu a armada dos árabes, que por primeira vez tentaron desembarcar en España (672-680).

059. Don Rodrigo. Descoidou os intereses da nación; o malestar fíxose xeral, e os árabes invadiron o chan español, acabando coa monarquía visigótica (709-711).
a "súa" historia de España

venres, 12 de xullo de 2013

vi. dominación visigótica

asentamento dos bárbaros do Norte
043. Fin da dominación romana. A dominación romana rematou non s. V da nosa Era, coa invasión dos bárbaros do Norte.

Os bárbaros eran pobos salvaxes que, procedentes de Asia, vivían nas montañas do Norte de Europa. Coñécense cos nomes de suevos, vándalos, alanos, godos ou visigodos e hunos. Ao invadir a Península saquearon e destruíron o mellor que atoparon ao seu paso. Os hunos eran, seguramente, os máis feroces e rudos; ían vestidos de peles, bebían o sangue dos cabalos, comían carne crúa e na loita lanzaban ruxidos espantosos. O seu xefe, o sanguinario Atila, chamado o azote de Deus, dicía, orgulloso, que onde pasaba o seu cabalo, non volvía medrar a herba.

044. Reparto da Península. Os suevos establecéronse en Galicia; os vándalos ao Sur, en Andalucía; os alanos, ao Oeste, en Portugal, e os godos ou visigodos, ao Noroeste, é dicir, en Cataluña.

045. Períodos que comprende a dominación visigótica. A dominación dos godos durou 302 anos e abrangue dous períodos: o primeiro, de 177 anos, comprende desde a invasión ata Recaredo; o segundo, de 125 anos, desde Recaredo ata a chegada dos árabes.

Coa invasión dos bárbaros retrocedeu a cultura dos españois, e os costumes experimentaron un cambio absoluto. Durante o segundo período, floreceron as letras, e España chegou a ser a nación máis culta de Europa.

046. Os visigodos. Os visigodos constituían a raza menos salvaxe dos bárbaros, porque os prisioneiros que tiñan feito aos romanos antes de penetrar en España, ensináranlles a ler e escribir e a coñecer algo o Cristianismo.

047. Visigodos e romanos. Os visigodos aliáronse cos romanos coa fin de expulsar da Península ao resto de bárbaros; pero unha vez tiveron dominado aos suevos, aos vándalos e aos alanos, os visigodos souberon facerse donos de todo o país conquistado.

048. Carácter da monarquía visigótica. Os reis visigóticos eran electivos e non hereditarios, por cuxa razón se atentaba con frecuencia contra a vida do soberano, para arrebatarlle a coroa.

049. Principais reis godos. Os reis godos foron 33; pero os máis notables son Ataúlfo, Walia, Teodoredo, Eurico, Leovixildo, Recaredo, Sisebuto, Suintila, Wamba e Don Rodrigo.

a "súa" historia de España

martes, 25 de setembro de 2012

esperando os árabes

Recaredo no III Concilio de Toledo
conversión oficial ao catolicismo

a época visigoda en Hispania ten sido vista por moitos historiadores coma un período esplendoroso que ten o seu punto cumio no III Concilio de Toledo en 589 e a renuncia de Recaredo e o seu pobo ao arianismo e consecuente conversión ao catolicismo, que supuña unha unidade de fe baixo a éxida da Igrexa. E se a iso engadimos a “unidade” de Hispania, pretendida e falsamente atribuída a Recaredo tamén, o período ten sido considerado modélico, único e paradigmático para moitos. Engadamos a iso que tamén moitos historiadores teñen considerado que quen levou a cabo esta unidade –de fe e territorial– foron uns reis xermánicos que, polo tanto, daban ao regnum gothorum un carácter especial, porque, por unha banda, proporcionaba unha orixe xermánica á realeza hispana e porque, por outra, por fin, Hispania era católica (inda que fora por decreto). Por iso, na historiografía (en certa historiografía) o ano 711, a chegada dos árabes, significou unha catástrofe total, “a perda de Hispania”, o fin dunha época gloriosa dirixida baixo a influencia e omnipresencia da Igrexa.

os historiadores téñense preguntado ante esta “catástrofe”: como foi posible?, que aconteceu? E téñense buscado as causas en multitude de condicionamentos históricos: desafección da sociedade cara o seu reis (así se teñen interpretado as leis de Wamba e Ervixio sobre o exército), o mal endémico de loitas e ambicións de poder dos nobres na contorna do rei, ruína económica xeneralizada, man de obra desinteresada e pouco hábil, decadencia moral e dos costumes (concubinatos, desenfreo, corrupción) … Téñense escrito volumes enteiros sobre este tema.

todas estas interpretacións son contestadas, dun ou doutro xeito, no presente libro. Recaredo e os seus sucesores no tiñan xa nada ou case nada de “xermánicos”, o reino visigodo de Hispania non é un regnum xermánico; a unión do territorio non foi tal, cando menos ata 632, reinando Suitinla –como sinala convenientemente o propio Isidoro–;  a conversión proclamada e en certo modo imposta por Recaredo puido afectar a unha parte do seu pobo, pero os residuos do paganismo constátanse ata finais do s. VII, e as causas do fin do regnum non foron as enunciadas antes. O regnum en 711 era forte, con inmensos recursos no seu thesaurus (thesaurus e regnum nesta época son a mesma cousa), e a batalla na que morreu Roderico foi unha circunstancia puntual convenientemente magnificada por unha historiografía particular.

O regnum deixou de existir cando a Igrexa abandonou a súa función: o bispo de Toledo fuxiu a Roma en 712, e o instrumento de goberno –o concilio– deixou de funcionar como tal órgano supremo, e nese momento deixou tamén de existir a estrutura esencial de cohesión que mantiña o reino visigodo. Sen Igrexa non hai regnum. Que os exércitos de Roderico eran inoperantes é evidente, porque non existía un exército visigodo profesional, e o impulso do mundo árabe era incontido, inda que nun principio a súa chegada a Hispania non fora máis que unha expedición puntual. Unha sociedade máis dinámica viña a substituír a unha sociedade ancorada na crenza de ser invencible pola súa fe.

o período visigodo non foi unha época esplendorosa nin brillante. Quizás o foi só para a Igrexa que alcanzou cotas de poder totais. Non foi capaz de crear nada, ao contrario, foi un período amargo, escuro, triste, freado nos seus impulsos e creatividade eventual. Do mundo romano herdou leis, organización, títulos, pasado, pero, ao mesturarse coas institucións eclesiásticas dominantes, afogou as súas posibilidades. Conservou as súas fronteiras, certamente, pero durante setenta anos foi incapaz de desembarazarse dun puñado de tropas imperiais enviadas por Xustiniano dende Constantinopla. Ao imperio romano bizantino pasoulle algo semellante: perdeuse entre o incenso e o cerimonial, as disputas teolóxicas e a incapacidade de gobernar en medio das reviravoltas da diplomacia e o milenarismo.

tradución e adaptación ao galego dun extracto de
ARCE, Javier Esperando a los árabes. Los visigodos en Hispania (507-711) (2011), pp. 19-20.
xindiriz