Amosando publicacións coa etiqueta Estevo III. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estevo III. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de decembro de 2016

772

destrución do Irminsul
Heinrich Leutemann, 1882
www.wikipedia.org
febreiro, 1: morre Estevo III e varios candidatos loitan por ser nomeados bispo de Roma. Desiderio aproveita para recuperar prazas.

febreiro, 9: resulta elixido Hadriano I, quen solicita axuda franca.

Desiderio impulsa institucións de ensino en Ticinum.

Theodo, fillo maior de Tassilo e Liutperga, é enviado a Roma para ser bautizado por Hadriano I en Pentecostés. As inscricións no cáliz de Tassilo constatarían que foi feito para celebrar con ocasión do bautismo de Theodo. Quizás o sabio grego Dobdegrecus, no entorno do bispo Virxilio de Salzburgo, e que tiña como patróns os duques, participou no deseño da peza. O cáliz está en Kremsmünster, onde foi doado polos duques.

Lucifrido, pequeno labrego lombardo, cede a súa propia casa, nas proximidades de Lucca, á igrexa, de quen a recibe de volta a cambio dunha renda.

a influencia de Desiderio alcanza o Danubio.

marzo: Yazid ibn Hatim, enviado a Ifriqiya á cabeza de tropas procedentes da zona de Khorasan expulsa os kharidjitas da Tripolitana.

abril, 22: o bispo de Roma xa non data as súas bulas polo ano de reinado do emperador de Constantinopla.

abril, 25: os armenios en rebelión contra o califa son derrotados na batalla de Bagrevand.

maio: Yazid ibn Hatim entra en Kairouan.

primavera/verán: inicio da guerra contra os saxóns. Carlos conquista a fortaleza de Eresburg e fai construír o donjon de Büraburg. Destrúe o ‘irminsul’, santuario pagán.

Desiderio ocupa prazas que pertencen ao bispo de Roma cando Hadriano I rexeita apoiar as reivindicacións da viúva de Carlomán. Apodérase de Ravenna, das cidades da Pentápole e Umbría. Asedia Roma e tenta facer coroar os fillos de Carlomán. Hadriano I envía unha embaixada a Thionville ao final de ano que acorda unha alianza contra os lombardos.

en Xapón os que poñen en produción novas terras son exentos de tributación.

Offa de Mercia exerce soberanía directa sobre Sussex. A continuación depón ao rei de Kent, Egbert II.

al-Mansur ordena impor marcas distintivas nas mans dos cristiáns e os xudeus de Xerusalem.

770

reconstrución de Hedeby
www.pinterest.com
Offa de Mercia continúa a política do seu predecesor e invade Sussex e Kent.

verán: Bertrada visita en Seltz a Carlomán de camiño a Italia. Quizás non lle menciona o motivo principal da viaxe: negociar con Desiderio o casamento de Carlos, o seu preferido e con quen convive, cunha princesa lombarda, xa que Carlomán quedaría rodeado de ‘inimigos’. Tamén se establece o casamento da irmá maior de Carlos, Xisela, con Adelchis, o herdeiro lombardo.

agosto, 28: Kōken morre, sendo sucedida polo seu curmán Kōnin, neto do defunto emperador Tenji.

setembro: Tassilo de Baviera convoca unha asemblea en Freising. Bertrada asiste, de camiño a Roma.

inverno: unha carta de Estevo III a ‘Bertrada e Carlos’ revela dúas cuestións, hostilidade e temor á alianza matrimonial e militar franco-lombarda e, curiosamente, ignorancia sobre cal dos reis francos será o que case coa filla de Desiderio.

a carta menciona a Hitherius, fidelis vester, activo na fronteira con Benevento con concomites (warband), forzando a volta de varias cidades ao poder de Roma. Fora notarius maior de Pipino desde 753 e notario de Carlos desde 768. A ausencia de documentos oficiais de Carlos desde 770 ata abril de 771 pode quere dicir que Hitherius foi con Bertrada a Italia e permaneceu alí cando ela regresou.

decembro, 25: Carlos casa cunha filla de Desiderio.

fundación do porto comercial de Hedeby entre os daneses e os alemáns.

Alhred de Northumbria envía a Willehad a Frisia.

al-Mansur ordena cerrar o ‘canal dos faraóns’ para controlar mellor as rutas comerciais.

769

reconstrución da Brixia romana
http://www.francescocorni.com/
abril 12-15: Constantino II, cegado, debe asistir a un concilio convocado por Estevo III no pazo Laterano, no que se anulan todos os seus actos como bispo de Roma. Nesta reunión, condénase a iconoclastia e fíxase a doutrina da igrexa a respecto das imaxes, rexeitando os canons do concilio de Hiéreia. Tamén se establece o sistema de elección para tratar de evitar eleccións alternativas.

Desiderio (segundo un documento consignado en Brixia, Brescia) acolle ao seu servizo persoal a grupos de nobres (gasindi regis): servir ao rei pasa a ser unha aspiración polos beneficios obtidos: títulos, cargos, …

primeira capitularia xeral franca, que, entre outros aspectos, estipula a presenza de bispos e capeláns no transcurso das campañas militares.

Carlos inicia comeza unha campaña contra Aquitania e Gascuña, chegando ata Burdigalia, onde establece unha praza militar en Fronsac. Carlomán rexeita participar. Hunaldo de Aquitania foxe onde Lupus II, señor de Gascuña, que o entrega a cambio de paz, sendo recluído nun mosteiro.

Eudo II é instalado polos francos como duque de Aquitania.

en Hibernia Máel Ruain funda o mosteiro de Tallaght, que se converte nun centro de saber e piedade, particularmente asociado ao movementos de reforma espiritual Céli Dé.

xoves, 17 de novembro de 2016

768

Aurelius, representación de 1788
xaneiro, 14: Froila I morre asasinado nunha conxura en Cangas, logo de ter asasinado ao seu propio irmán, Wimarano.

sucédeo un sobriño de Afonso I, Aurelius, elixido pola facción nobiliaria promozárabe. Aurelius aplaca unha rebelión dos servos e establece relacións pacíficas con Abd al-Rahman I.

Waifar de Aquitania e a súa familia son capturados e executados polos francos no bosque de Perigord; un parente de Waifar, Hunaldo, retoma a loita contra os francos.

agosto, 7: a aristocracia clerical romana, instigada por Desiderio, decide elixir outro bispo, Estevo III. Constantino II debe buscar refuxio nun mosteiro.

setembro: Tassilo de Baviera trasládase a Roma e traba lazos de amicitia con Estevo III.

setembro, 24: morre Pipino; seguindo a tradición divide os territorios entre os fillos varóns, Carlos e Carlomán; sen embargo, o reparto non respecta a tradicional división entre Neustria e Austrasia. Carlos recibe un ‘arco’ de territorios occidentais, mentres que Carlomán un de territorios orientais.

outubro, 9: Carlos é coroado en Noyon e Carlomán en Soissons.

Carlos fixa a súa residencia en Aquisgrán.

Desiderio alimenta as diferenzas entres os irmáns francos e decántase por Carlomán. Bertrada, viúva de Pipino, concerta casamentos dos seus fillos con princesas lombardas.

unha capitularia aquitana establece que todo home libre convocado ao exército ten dereito a recibir a auga e herba que precise para o seu cabalo.

Alhred de Northumbria casa coa princesa Osgifu, quizás filla do defunto rei Oswulf.

en al-Andalus, o xefe tribal bérber Saqiya ibn Abd al Wahid al-Miknasi encabeza unha rebelión contra Corduba, na rexión da actual Extremadura.

Pagan é asasinado; sucédeo Telerig como khaghan dos búlgaros.