Amosando publicacións coa etiqueta Cesarius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cesarius. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de decembro de 2013

527

bennythomas.wordpress.com
Mavortius, cónsul único.

abril, 4: Xustino I enferma de gravidade e Sabbatius é nomeado augustus co nome de Xustiniano I.

maio, 17: II concilio de Toledo.

agosto, 1: morre o emperador (74 anos) e Xustiniano I sucédeo no trono.

Belisarius recibe a encomenda de dirixir as operacións militares no fronte persa.

os anglo-saxóns baixo Aescwine fundan o reino de Essex (territorios ao norte do Támesis).

Cerdic de Sussex e o seu fillo Cynric derrotan os britanos en Cerdicesleah.

Silla, un dos tres reinos de Korea adopta formalmente o budismo como relixión oficial.

morre Illan mac Dúnlainge, rei de Leinster (Hibernia).

a corte Yamamoto reúne un exército de 60000 homes para apoiar o reino koreano do sur (Mimana) contra o do norte (Silla) pero unha revolta en Kyushu retrasa os plans de intervención dous anos.

Liang-Wudi fai un primeiro retiro nun mosteiro budista durante tres días.

setembro, 15: autorízase o divorcio no imperio oriental.

outubro: o armenio Patricius é nomeado comes orientis e enviado a Palmyra para reordenar a cidade e as fronteiras da zona.

novembro, 6: concilio de Carpentras, presidido por Cesarius de Arelate.

luns, 21 de outubro de 2013

513

Thracia, orixe da revolta de Vitalianus
de.wikipedia.org
Probus e Clementinus, cónsules.

revolta de Vitalianus, comes foederatorum en Thracia e godo de orixe, que apoia Chalcedon en contra de Anastasius, monofisita. O exército regular da diocese apoia a revolta; tamén os federados bárbaros e a poboación local, pero tamén recibe apoio de Teodorico.

Anastasius reduce impostos nas provincias de Bithynia e Asia para evitar que se unan á revolta.

un exército de 60000 homes asedia Constantinopla. O campamento está no suburbio de Hebdomon.

Anastasius envía unha embaixada baixo o cónsul Patricius para iniciar negociacións. Vitalianus fixa as súas condicións: restauración da ortodoxia de Chalcedon e o asentamento dos foederati de Thracia.

Vitalianus acepta un acordo e devolve o seu exército á Baixa Moesia. Logo de certas escaramuzas non decisivas, Anastasius envía un exército (80000) baixo o seu sobriño Hypatius.

Vitalianus derrota os bizantinos en Acris (Bulgaria) na costa do Mar Negro. Ataca os seus campamentos fortificados e logra unha derrota demoledora, aniquilando unha gran parte do exército imperial.

Xuño, 11: Cesarius de Arelate é nomeado vigario apostólico de Gallia e Hispania.

Khavad I adopta a doctrina dos mazdeístas e quebra a influencia dos magnates.

a comunidade xudía rebélase en Ctesiphonte contra o mazdeísmo e estable un reino xudeu independente que durará sete anos.

Vigor chega a bispo de Bayeux. Oponse ao paganismo e funda un mosteiro, que se fará famoso posteriormente (Saint-Vigor-le-Grand).

Drust mac Uudrost, rei dos pictos.

primeira edición ilustrada do Rhizotomikon de Crateo.

511

austrasia - wikipedia.org
Félix e Secundinus, cónsules.

Trasamundo (tamén inimigo de Teodorico) apoia a Xesaleico economicamente para que reemprenda a súa campaña en Hispania pero este é traizoado e abandonado polos seus partidarios en Barcino cando ía ser atacado polos ostrogodos ao mando de Ibbas. Tenta fuxir cara os burgundos pero é capturado e morto.

revoltas e enfrontamentos nas rúas de Antioquía entre partidarios do patriarca Flaviano II e o emperador Anastasius, monofisita.

agosto, 7: o emperador destitúe a Makedonios II como patriarca de Constantinopla e substitúeo por Thimotheos I, monofisita. Isto provoca tamén revoltas na capital, onde a residencia do prefecto do pretorio Marinos de Apamea é saqueada.

concilio en Orleáns convocado por Clodoveo ao que acoden bispos de toda Gallia. Regúlase o credo e a organización da igrexa no ámbito franco logo das novas anexións. Estréitanse vínculos entre monarquía e igrexa; o rei terá gran influencia á hora de nomear bispos.

o termo Gallia vai quedando en desuso: chaman Neustria (terra nova) aos últimos territorios conquistados, mentres os antigos denominaranse Austrasia (terra do leste). En Neustria distínguese a parte norte, propiamente franca, da parte sur, a que fora goda, onde os costumes romanos estaban moito máis enraizados. Esta parte conservou o nome romano de Aquitania.

Neustria e o norte de Austrasia seguirían dominadas polos francos salios, que adoptaron o latín como lingua, o mesmo que os burgundos; pola contra, alamanos e ripuarios conservaron a lingua xermánica.

Clodoveo reforza a súa posición coa axuda de Anastasius, que lle concede títulos oficiais romanos. En realidade, Constantinopla pretende contrarrestar a influencia de Teodorico. Clodoveo é católico inda que sexa ambicioso, traizoeiro, bárbaro, despótico e belicoso; Teodorico é ariano inda que leal, ilustrado e bo gobernante.

novembro, 11: morre Clodoveo (46). Divide os territorios entre os fillos seguindo o uso xermánico: Theuderico, primoxénito pero bastardo, reina en Remensis (Reims) e Metensis (Metz), onde habitan ripuarios e alamanos; Chlodomiro en Aurelianum (Orleáns), a parte central de Neustria; Childeberto en Parisiensis, a parte sur de Neustria; e Clotario Noviodunum (Soissons).

o reino burgundio segue en mans de Gundobado.

os reis apóianse nas cidades para recadar impostos, recrutar exércitos e manter a lei e o orde. O imposto sobre as terras faise cada vez menos relevante, como noutros reinos xermánicos. O representante real é o comes civitatis, que colabora co bispo. As cidades conservan a súa importancia e o rei mantén contacto viaxando e visitando permanentemente as diversas rexións que controla de xeito itinerante. Tamén van xurdindo residencias reais pouco a pouco. Polo tanto, non hai unha capital como tal.

Teodorico pon en circulación uns novos tremises de ouro de excelente peso e calidade para o pago do tributo dos visigodos, pronto imitados por burgundos e francos.

Amalarico reina baixo a rexencia de Teodorico; casa coa filla de Clodoveo.

en Arelate Cesarius funda as primeiras comunidades relixiosas femininas de occidente.

un monde chamado Euxipio escribe dunha comunidade no Monte Titano. Outro monxe que vive alí xa o denomina ‘San Marino’. É a primeira evidencia histórica da existencia da república.

venres, 6 de setembro de 2013

506

incipit dun manuscrito medieval que recolle
o Breviario de Alarico
de.wikipedia.org
Messala e Dagalaiphus, cónsules.

febreiro, 5: Alarico II reprime os partidarios dos francos pero isto fai que a tensión creza. Ante a acusación de que non se estaba a respectar o sistema legal tradicional o rei vese forzado a promulgar o chamado breviario de Alarico, que especifica o marco legal aplicable á poboación non goda. As fontes son, por unha banda, a lexislación romana (código de Teodosio) e, por outra, os escritos de xuristas romanos.

Petrus, un hispano que pretendía nomearse augustus en contra da crecente dominación goda, é axustizado. Os visigodos capturan Dertosa e a cabeza de Petrus é enviada a Caesaraugusta coma trofeo.

setembro, 1 (ata 511) : Casiodoro é nomeado quaestor palatii baixo Teodorico. Sen dúbida, apoia o réxime godo e este primeiro cargo obtívoo logo dun panexírico do propio Teodorico.

setembro, 10: o clero católico reúnese en Agde, no I concilio xeral do reino godo de Tolosa, baixo a presidencia de Cesarius de Arelate.

cada cristián debe comungar tres veces ao ano cando menos: Nadal, Pascua e Pentecostés.

establécense medidas restritivas na relación entre xudeus e cristiáns coa finalidade de evitar que moitos se convertan por conveniencia, e outros sigan atraendo cristiáns á súa fe. O canon 34 require oito meses de catecumenado para comprobar que o xudeu renuncia definitivamente ás súas antigas prácticas. O 40 prohibe aos sacerdotes e leigos cristiáns comer cos xudeus, algo moi frecuente durante o sabbath.

prohíbense os mosteiros onde conviven homes e mulleres.

o asasinato de escravos castígase con dous anos de excomungación.

as dioceses católicas de Gallia baixo os godos adoptan un estrutura unitaria, independente do resto do territorio.

Cesarius de Arelate pacta con Alarico. Aproveita o acoso franco para intentar recuperar influencia. Promete o seu apoio a cambio de que o rei free coa súa lexislación civil a influenza xudía e a súa crecente captación de membros.

Teodorico trata de mediar entre Clodoveo e Alarico II aproveitando as relacións que mantiña con ambos: Alarico II estaba casado coa filla de Teodorico, e éste estaba casado cunha irmá de Clodoveo. Non obstante, as negociacións fracasan: Clodoveo quería guerra.

Clodoveo derrota por segunda vez, e definitivamente, os alamanes en Tolbiacum; os que sobreviven acóllense con Teodorico e os ostrogodos.

Anastasius prosegue consolidando posicións en Mesopotamia: reforza e mellora as fortificacións en Batnae, Edessa e Amida.

cálculos do astrónomo Varaja Mijira no seu libro paῆncha siddhᾱntikᾱ.

enfrontamentos en Dacia entre continxentes controlados polos ostrogodos e outros controlados por Constantinopla.

xoves, 5 de setembro de 2013

503

ruínas de Edessa
www.edfu-books.com
Volusianus e Dixicrates, cónsules.

maio: Aerobindus, descendente de Aspar e magister militum, acuartélase en Dara cun exército de 12000 para vixiar e controlar Nisibis, en Persia.

Mundhir III, rei dos Lakhmidas (árabes cristiáns) saquea palaestina salutaris. Captura moitos romanos.

Ernakh, terceiro fillo de Atila, morre logo de reinar 34 anos. Sucédeno dous fillos, Utigur e Kutrigur, que teñen que contar cos búlgaros, na súa zona de influencia.

xullo: Anastasius envía un numeroso exército contra os persas (52000 homes) en Armenia ao mando de Flavius Hypatius, pero este é derrotado. Os romanos asedian Amida pero tamén fracasan.

agosto, fin de: Khavad I invade Osroene e asedia Edessa. Téntao dúas veces máis en setembro pero fracasa.

Liciniano, secretario de Cesarius de Arelate, denúnciao ante Alarico II por ter querido entregar Arelate aos burgundos, de quen era súbdito por nacemento.


inverno: Cesarius de Arelate in Burdigalensem civitatem ... quasi in exilio relegatus, segundo se deduce da data da epist. IV de Ruricius; pero Alarico II conta coa súa opinión e visítano altas personalidades da corte goda, como conta o propio bispo Ruricius na epist. III.

en Korea, o reino de Saro pasa a denominarse de Silla.

comeza o goberno de Bhanugupta, emperador gupta de India.

xoves, 10 de marzo de 2011

401

Alarico, xefe godo
No outono, Estilicón combate os vándalos e alanos que invadiran Raetia.

O populacho cristián de Cartago lincha pagáns e destrúe templos e "ídolos". Tamén en Gaza, o bispo local Porfirio ordea o linchamiento dos pagáns e a demolición dos nove templos restantes inda activos na cidade. O XV Concilio de Chalkedon decreta a excomulgación (incluso despois da súa morte) dos cristiáns que inda manteñan boas relacións cos seus parentes pagáns.

Gainas morrera a mans de Uldino e o ano comeza con aires de vitoria en Constantinopla. Fravita recibe o honor de ser nomeado cónsul, un feito que agrada a Estilicón, quen o ten en gran estima; os dous coñécense dende tempos de Teodosio I, "igualmente de orixe bárbara e namorados da gloria romana". Todo semella unha balsa de aceite. Pero a discordia chega de mans de Aureliano, que se apoia nunha poboación cada vez máis en contra dos bárbaros e tamén na emperatriz Eudoxia. Conseguirá matar dous paxaros dun tiro: alcanza a Fravita, e a través do xeral ao seu irmán Cesarius. O enfrontamento baséase nas relacións amistosas de ambos con Estilicón, quen "ameazaría a independencia e os valores de Oriente". O caso é que Aureliano, o verdadeiro amo de Constantinopla, odia a todos os bárbaros. Frativa e Cesarius caen en desgraza e son condenados a morrer logo dun xuízo sumario. A emperatriz e o seu fillo Teodosio (II) son proclamados augustos. Con Aureliano como prefecto do pretorio na corte de Constantinopla, os nacionalistas continúan no poder, que reterán durante moito tempo. Estilicón ten as mans atadas xa que debe facer fronte a serias ameazas en Italia.

En novembro, Alarico chega cos seus homes á península en busca dun lugar onde asentarse. Cae Aquileia e outras poboacións preto dela. Mediolanum é o próximo obxectivo.