Amosando publicacións coa etiqueta Childerico I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Childerico I. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de agosto de 2014

568

casco lombardo
Fornovo San Giovanni
Bergamo, museo civico archeologico
www.pinterest.com
inicios de ano: Xustino II substitúe o goberno militar por un goberno civil en Italia. O patricio Flavius Longinus, enviado para suceder a Narsés, chega a Ravenna.

abril, 1: os lombardos (uns 100000 en total, incluídos 20000 saxóns, bávaros, taifales e sármatas que se van unindo ao continxente) dirixidos por Alboino cruzan os Alpes Xulianos e invaden Italia.

maio, 20: os lombardos ocupan Aquileia e o Véneto. As escasas unidades bizantinas que están no val do Po non lles poden facer fronte; abandonan grandes zonas do noreste e establecen unha marca fronteiriza nas cuíñas ao sur de Ravenna (inda coñecida como ‘il marche’).

Paulinus I, patriarca de Aquileia, fuxe cos tesouros da súa igrexa e trasládaos á illa de Grado.

Xisulfo, sobriño de Alboino, é o primeiro duque lombardo de Friul.

o avance lombardo vese favorecido pola indiferenza civil, produto da dureza da ocupación bizantina.

as zonas que desaloxan os lombardos en Pannonia son ocupadas por avaros, búlgaros e eslavos.

Sixeberto I, rei de Austrasia, rexeita un novo ataque avaro.

Chilperico I estrangula a Galswintha por instigación de Fredegunda, con quen ten unha relación e con quen casa a continuación.

Aethelric sucede a seu irmán Adda como rei de Bernicia (Escocia).

agosto: o strategos bizantino Zemarchos parte ao encontro do khan turco coa intención de pactar unha alianza contra os persas.

Xustino II e Sofía envían a ‘cruz de Xustino II’ (logo chamada ‘cruz vaticana’) a Roma como mostra da súa vontade de mellorar relacións entre occidente e oriente.

batalla de Wibbandun: Ceawlin de Wessex (anglo) derrota a Aethelberht de Kent (xuto) (crónica anglo-saxona); o primeiro enfrontamento entre os ‘invasores’ de Britannia.

Liuva I asocia a seu irmán Leovixildo ao trono. Leovixildo casara con Golsvinta, viúva de Atanaxildo, e reclama o trono. Ten unha gran personalidade e moitos partidarios. Liuva I non se enfronta a el e decide repartirse o trono conservando a parte NO dos dominios godos.

morre Narsés, no seu retiro de Neapolis.

Clodoveo, fillo de Chilperico I, é expulsado de Tours por Eunius Mummolus, por orden de Gontran.

ofensiva avara contra Sirmium.

Corippo escribe un panexírico en honra do emperador Xustino II.

domingo, 30 de xuño de 2013

481

selo de Childerico I atopado na súa tumba en Tournai
childirici regis
Monnaie de Paris
Maecius, cónsul único.

Zenón executa a Sabinianus, o seu mellor xeneral.

os búlgaros, aliados dos bizantinos contra os godos, pasan o Danubio e saquean Tracia. Teodorico Estrabón derrótaos, abre novas hostilidades contra Zenón, e marcha cun exército (13000) cara Constantinopla. Debido a problemas loxísticos é obrigado a volver a Grecia. Pero en Stabulum Diomedis morre ao caer dun cabalo sobre unha lanza. A maioría dos seus homes deciden facer causa con Teodorico o Amalo, que muda en rex gothorum e o home máis influínte nos Balcáns.

febreiro, 1: Hunerico organiza unha conferencia entre bispos católicos e arianos en Carthago. A petición de Zenón permite a elección dun bispo, chamado Euxenio.

marzo: en Corea, Baekje, Silla e Daegaya forman unha alianza contra Goguryeo.

Odoacro ocupa Dalmacia despois de derrotar e matar ao comes Ovida, quen a controlaba logo de asasinar a Nepos.

decembro, 26: morre Childerico I en Tournai, o novo xefe é fillo seu, Clodoveo I (15).

os armenios rebélanse contra os persas.

mércores, 1 de maio de 2013

470

representación das 'lupercalia'
ivandromagno.wordpress.com
Severus e Iordanes, cónsules.

Antemius adquire mala fama entre os arianos e nicenos de Italia por volver a permitir a celebración das lupercalia e o nomeamento como cónsul do filósofo pagán Severus.

Odoacro faise coa xefatura das tropas auxiliares occidentais.

en Gallia os godos comezan a ocupación de Auvernia: Arvernis (Clermont) é asediada por godos e tropas galas e defendida por outros galos e burgundos.

Eurico derrota o exército britano en vicus Dolensis; Riothamus e os homes que lle quedan busca refuxio onde os burgundos, aliados imperiais.

continxentes de alamanos invaden Germania I e Belgica I: son derrotados por unha coalición de forzas romanas (Syagrius) e francos liderados por Childerico, e tropas saxonas lideradas por Odoacro.

morre Claudius Mamertus, presbítero de Vienne, que compuxera un compendio de lecturas anual, mentres que en Massilia, case de xeito simultáneo o presbítero Musaeus compuxera outro que casaba cos fitos do ano litúrxico.

o que fora magister officiorum Romanus conspira contra Antemius (quizás apoiado por Ricimer), pero é executado, abrindo máis as diferenzas entre os dous homes fortes de Occidente.

Logo do fracaso de Basiliscus o magister utriusque militiae Aspar recobra influencia e o seu fillo Patricius é nomeado caesar por León I. En Thraciae, o magister militum Anastasius rebélase, apoiado por Ardabur (outro fillo de Aspar).

os ostrogodos, conducidos por Teodomiro, entran en Moesia e nos Balcáns, causando o caos durante años.

Sidonio describe ao seu amigo Domicius a entrada de Sixismero en Lugdunum para casar cunha princesa burgunda.

chega a Constantinopla o manto da Virxe María, e dende entón as igrexas e  mosteiros comezan a encherse con reliquias marianas.

Lugdunum é a residencia real burgunda, antiga capital de Lugdunensis II, en Xenebra estaba o legado rexio e os reis residían ocasionalmente en Vienne. Lugdunum fora mías importante que Xenebra e incluso Tolosa, sede rexia goda. Ambas cidades se beneficiaron pola súa situación central dentro dunha zona de asentamento étnico. en Lugdunum inda residen membros da aristocracia galo-romana, como a familia de Gregorio de Tours, varios dos cales foron bispos. Sen embargo, a cidade vive un lixeiro retroceso.

martes, 30 de abril de 2013

469

planta da Caesaraugusta romana
wikipedia.es
Marcianus e Zenón, cónsules.

Antemius cede Lugdunensis I aos burgundos a cambio do seu apoio.

marzo, 8: unha novella imperial (conxunta de Antemius e León I) publicada en Constantinopla establece medidas contra a práctica da simonía na igrexa e entre os bispos.

Antemius tamén pacta cos britanos e un exército de 12000 homes cruza a Gallia. Riothamus ocupa Betoregas (Bourges). A intención era defender Aquitanica I.

os godos capturan Betoregas e desaloxan os romanos e os seus aliados britanos.

os vándalos saquean o Epiro.

Zenón é nomeado magister militum per Orientem.

Teodorico (15 anos) abandona Constantinopla, onde estivera dende 459 retido como refén. Volve onde a súa xente en Pannonia.

o comes Paulus more na batalla de Angers loitando contra invasores saxón ao mando de Adovacrius; sen embargo, Childerico I vence os saxóns decisivamente.

Syagrius, pese á súa mocidade, queda como comandante único das tropas romanas do norte de Gallia.

tropas de Eurico fanse co control de cidades hispanas coma Emerita, Pampilona e Caesaraugusta.

Severino logra en Passau a liberación de prisioneiros de guerra romanos en poder do xefe alamano Gibuldo.

Hunimundo e os suevos fan parte dunha coalición formada por herulos, sarmatas, esciros, xépidos e rugos que se enfrontan nunha batalla onde o Bolia aos godos, pero estes son quen de refacerse e Teodemiro busca vinganza pasando o Danubio e devastando o territorio suevo.

Hunimundo pode fuxir e muda no señor da guerra cunha ducia de seguidores que é mencionado na Vita Severini.

na batalla do Bolia morre o líder esciro Edika e o seu fillo Odoacro diríxese a Italia buscando refuxio; é seguido por restos de esciros, herulos e rugos.

a consecuencia do affair de Arvandus Sidonio regresa a Avitacum, o seu fogar galo, onde residirá, con visitas a Lugdunum e Arverni (capital de Auvernia). Alí frecuenta a Patieno de Lugdunum, o bispo, e outros cregos..

xorde un enfrontamento entre Ricimer e Antemius que se salda cunha reconciliación aparente.

última mención da construción dunha calzada romana (entre Tolosa e Javols, Gallia).

decembro, 13: un edicto imperial proscribe a celebración de espectáculos o domingo.

luns, 15 de abril de 2013

463

Childerico I

Basilius e Vivianus, cónsules.

o burgundo Gundioco é nomeado magister militum per Gallias e acorda un tratado cos francos do Rhenus que nega a beira esquerda aos alamanos. Legaliza a situación de Colonia e as terras circundantes de Germania II.

Aegidius derrota a Frederico na batalla de Aurelia (Orleans) con axuda de francos salios comandados por Childerico de Tournai.

outubro,10: Hilario escribe a Leoncio ordenándolle reunir o concilio de Arelate para regular o conflito contra o bispo Mamerto de Vienne, que ordenara un bispo na xurisdición da metrópole da propia Arelate.

Prisco Rétor menciona as migracións a Europa da federacións de tribos húnicas on-ogur.

martes, 9 de abril de 2013

460

representación dun excubitore
Magnus e Apollonius, cónsules.

inverno e primavera: continúan os preparativos para a campaña en Africa. Maioriano recruta alanos e outros “bárbaros” na Liguria e pasa por Tolosa, visitando e pactando con Teodorico II.

marzo, 27: os suevos destrúen Lucus Augusti e matan o gobernador. Suniericus e Nepociano atacan o continxente suevo en Lucus como represalia.

en Callaecia segue a loita pola supremacía total entre diferentes líderes, que se autotitulan reges, agora Requimundo e Frumario, que semella suceder ao falecido Maldra. O primeiro ten as súas bases en zonas occidentais e certo apoio da aristocracia local e pretendía certo entendemento co imperio por medio dos godos. Frumario tiña as súas bases en territorios máis meridionais e interiores, quizás con apoio dos grupos contrarios a intervencións alleas; quizás este feito indica a humilde orixe destes apoios e a súa oposición á aristocracia reflectida no cativerio de Hydacio. En todo caso, ambos procuran coexistir de xeito pacífico cos provinciais.


Palagorio, membro da aristo­cracia senatorial do noroeste peninsular, viaxa a Tolosa e non onde Ricimer, pedindo axuda fronte ás accións predadoras dos grupos suevos rivais. As difi­cultades de Requimundo para imporse definitivamen­te a Frumario permiten ao godo esixirlle o mantemento do anterior statu quo coa aristocracia galaica, a cambio do seu apoio, que se manifesta no envío de máis tropas godas á rexión.

forzas godas ocupan Santarem, en defensa da Lusitania fronte os suevos.

marzo, 28: Maioriano está en Arelate de paso a Hispania.

maio: Maioriano entra en Hispania. Escolle Carthago Spartharia, como punto de embarque das tropas para a campaña en Africa.

a cidade debía estar, a pesar do saqueo vándalo en 425, en bo estado: un axeitado sistema de instalacións portuarias, dársenas, almacéns e lonxas de contratación. En escavacións recentes, estas instalacións asócianse a restos dun pórtico e dun templo. É probable que existiran tamén outras instalacións portuarias na zona.

cataplus é a denominación do lugar de desembarco, arribo ou chegada. Nel concentrábanse unha serie de instalacións asociadas ao desenvolvemento da actividade comercial; isto é, os grandes almacéns para as mercadorías, a lonxa de contratación e a aduana. No período godo, nesta zona asentarase o teloneum, ámbito de actuación do telonarius ou vectigalia exactor, que se encargará de recadar os vectigalia ou impostos indirectos sobre as mercadorías, supervisará persoalmente a súa descarga, pagará aos mariñeiros os emolumenta, fixará os prezos dos diferentes artigos e anunciaraos a viva voz aos vendedores. Tamén terá potestade xudicial para dirimir os preitos entre os transmarini negotiatores, aplicando os principios de dereito mercantil da Lex Rhodia, aceptados en todo o Mediterráneo. Os vectigalia serán arrendados a publicanos por un período de tres anos.

semella haber certo paralelismo entre a expedición oriental de Maioriano e a occidental de Ne­pociano e Suniericus, pero cunha diferenza: con independencia do mando conxunto, o exército no occidente é exclusivamente godo.

Gaiserico ofrece un tratado, que é rexeitado. Comeza a destruír a zona na que espera que desembarquen os imperiais (Mauretania), incluíndo o envelenamento de pozos de abastecemento de auga. Semella que alguén traizoa os imperiais e os vándalos atacan e incendian a flota imperial en Elica. Isto obriga a aceptar o tratado vándalo. Maioriano licenza as tropas e regresa a Italia, facendo alto novamente en Arelate.

xuño, 15: en Xerusalem conságrase unha basílica a Eudoxia, logo de que a emperatriz arranxara o mantemento das súas necesidades e situara a Gabriel, un discípulo de Euthymius, á cabeza do establecemento. Será en pouco tempo un dos principais atractivos para os viaxeiros (testemuñas no s. VI como Teodosio e o peregrino de Piacenza). Descrito por Evagrius como un “enorme recinto, destacable pola súa importancia e beleza.” A asociación de Eudoxia cos lugares sacros comezou e rematou con Estevo: tal era a súa devoción particular ao primeiro mártir que escolleu situar a súa tumba alí na basílica recentemente construída, a vinte pasos dos propios restos de Estevo.

en Constantinopla cobra auxe a rivalidade entre azuis e verdes nos eventos do Hipódromo.

outubro, 20: morre Eudoxia. Posteriormente será vividamente lembrada cando a súa bisneta (co mesmo nome), filla do casamento (437) que causara a súa primeira viaxe a Palestina, fuxa alí do seu marido vándalo, Hunerico, para rezar nos santos lugares e venerar a tumba da súa avoa, e finalmente tamén rematar a súa vida alí.

León I funda os excubitores (garda imperial), unha unidade de elite (300 homes) recrutada entre os isauros.

ao norte de China, os Yuan-Yuan someten a vasalaxe o reino de Wei.

os hephtalitas conquistan a rexión afgán de Kushan. Penetran en India.

o imperio persa comeza a sufrir unha vaga de fames que durará anos.

prototipo do palacio dun dux bizantino ou tardorromano: un amplo patio central, rodeado de columnatas a xeito de peristilo, en torno ao cal se dispoñen unha serie de estancias: 1º triclinium, salón cunha ou tres ábsidas, para recibir o stibadium ou sigma, leito semicircular sobre o que se deitaban os invitados. Nesta sala teñen lugar os banquetes oficiais, tan importantes na política e diplomacia. 2º capela ou basílica, normalmente consagrada á theotokos, protectora do imperio 3º e último, sala de audiencias ou aula, cunha ábsida na cabeceira, onde se instala o tribunal do gobernador durante os procesos xudiciais ou as recepcións aos embaixadores estranxeiros; polo común, nun cuarto anexo están arquivos aos que dea lugar a actuación do funcionario. A aula normalmente está precedida dunha antecámara, dotada dun banco corrido de mamposteira, no que litigantes e embaixadores agardan, con paciencia, a ser recibidos polo representante do emperador.

Claudiano Mamerto, presbítero de Vienne, escribe de statu animae, onde combate as ideas materialistas do bispo semipelaxiano Fausto de Riez.

o franco Childerico I é desterrado polos seus propio pobo ao pazo dos turingos do rei Bisinus; desaproban o seu libertinaxe. Alí casa coa filla do rei, Basena. Os francos, mentres, son rexidos por Wiomad, a instigación de Aegidius.

en Ravenna final da remodelación do baptisterio de Neon.

finalización das covas Ajanta (India), cortadas na rocha volcánica e elaboradamente pintadas.

finalización tamén do buda sentado nas grutas de Yugang (Datong, Shanxi).

o patriarca Gennadios I consegue apartar ao monofisita Timotheus II Aelurus da sé de Alexandría e instala a Timotheus III Salophakiolos. A igrexa copta exipcia sepárase da ortodoxia de Chalcedon.