Amosando publicacións coa etiqueta Xoán I de Antioquía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xoán I de Antioquía. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de agosto de 2012

435

crismón, un dos símbolos
cristiáns por excelencia

novo consulado conxunto de Teodosio II e Valentiniano III.

febreiro, 11: logo de tratar de contelos nos límites da Proconsularis Ravenna negocia cos vándalos e asina un tratado non que se lles recoñece como foederati e nesa calidade recoñece tamén as súas conquistas: Mauretania e parte de Numidia. O imperio controla Carthago e as provincias orientais de Africa. No tradicional intercambio de reféns, Hunerico, fillo maior de Gaiserico, é enviado a Ravenna.

febreiro, 19: acordo secreto entre Aspar e Gaiserico para concluír a campaña oriental en Africa; Carthago é abandonada á súa sorte.

Hippo Regius constitúese en base de operacións navais para os vándalos. Gaiserico establece unha ruta comercial entre Italia e Africa; aproveita a paz para fortalecerse.

Ibas convértese en bispo de Edessa, en sucesión de Rabbalu; aproximarase aos nestorianos (predica “herexías” en público) e sendo a súa cabeza en Mesopotamia.

os burgundios de Gondicaro entran en Belgica, de onde son desaloxados por Aetius.

agosto: Xoán de Antioquía quéixase a Teodosio II de disturbios ocasionados polos nestorianos. Teodosio prohibe a prédica de doutrinas nestorianas.

agosto, 3:  a petición de Pulcheria, Teodosio II ordena o exilio contra Nestorio dende o seu retiro no mosteiro de Antiochia, onde se encontraba libre e activo logo da súa renuncia ao bispado, a Petra en Palestina Tertia.

agosto, 9: Casper II acada o trono da cidade de Palenque.

setembro, 5: Aetius recibe o título de patricius en Ravenna.

novembro, 14: lei de Teodosio II (dirixida a Leoncio, prefecto de Constantinopla) contra heréticos e pagáns e sobre os templos antigos.

nela pódense diferenciar tres partes. Na primeira, despois de evocar como fundamento a condena de Nestorio –damnatus–, descualificar a súa teoloxía como unha superstición propia de monstros –o adxectivo portentuosus pretende connotar a deformidade animal dos seus seguidores, a súa separación da racionalidade humana– e execrar o seu nome coa nota de infamia, ordénase que os seus seguidores deixen de chamarse cristiáns e que sexan chamados simonianos, por ter imitado o crime de Simón desertando de Deus.

sería o reflexo legal de considerar a cristoloxía de Nestorio como una herexía e o acto formal de incorporación do nestorianismo ao catálogo de herexías prohibidas e perseguidas. Pero sobre todo, a lei fai pública a condena ao silencio de Nestorio e a súa estigmatización social por parte de Teodosio II, que desexa manter a alianza con Alexandría tras non poder alcanzar unha verdadeira reconciliación.

decreta a pena de morte para todos os heréticos e pagáns. Aparte da ortodoxia, só o xudaísmo ten carácter legal.

tamén se ordena expresamente a destrución dos templos ou que sexan purificados mediante a colocación do signo da cruz, que “se cristianicen” transformándoos así en edificios que, inda que manteñan o seu aspecto anterior, estean desprovistos de toda connotación pagán; é dicir, purificalos e cristianizalos sen necesidade de transformalos en igrexas: venerandae christianae religionis signi expiari praecipimus.

nunha columna do templo de Concordia (r/Holguín) de Emerita hai un crismón. M. Alba di: “cun sentido claramente purificador foi repicado un crismón con lenda de factura improvisada e considerable tamaño, nunha moldura do templo”. A tentación de asociar este signo coa lei anterior é bastante razoable e teríamos aquí un exemplo do seu cumprimento.

decembro, 10: mención de celebracións con motivo da fin dun período katun segundo o calendario maia (9.0.0.0.0).

tratado de paz de Margus: Bleda e Atila arrancan condicións moi vantaxosas aos negociadores de Constantinopla, o quaestor Epixenes e Plinthas. Entre outras, os romanos non buscarán aliarse con outros bárbaros contra os hunos; duplícase o pago anual (de 350 a 700 libras de ouro) a cambio de paz.

decembro, 20: concédense poderes á comisión que estuda a lexislación para concluír o estudo e formar o codex legal.

Tibatto dirixe unha sublevación da bacauda na Armorica, que se retroalimenta cunha alta taxa de delincuencia e asaltos na zona do noroeste de Gallia.

Próspero de Aquitania escribe capitulla, unha listaxe de dez puntos doutrinais que defende a eficacia e necesidade da graza de Deus, cadanseu defendidos separadamente por declaracións papais. Defende a Agostiño e a súa doutrina sen nomealo. Outras obras compostas no período de Sixto III: sententiae (colección de 92 máximas que corren paralelos a escritos de Agostiño) e epigrammata (compilación de 106 epigramas de florilegium) – ambos concibidas coma libros de texto para os fieis cristiáns discutindo as doutrinas da encarnación e da graza. As florilexia mostran influencia monástica, urxindo ao lector a ser paciente na adversidade, acompañándose da virtude e intentando constantemente alcanzar a perfección. liber contra collatorem, opinión final de Próspero no problema da necesidade da graza, escrito en resposta á conferencia XIII das colationes de Xoan Casiano. carmen de providentia Divina, no que o problema da providencia se discute no contexto da creación do mundo por Deus e en relación á invasión da Gallia por vándalos e godos.

comezo da construción de Chichén Itzá.

morre Xoán Casiano. Tamén o historiador Philostorxio.

luns, 13 de agosto de 2012

433

moeda sueva
século V probablemente

Teodosio II e Petronius Maximus, cónsules.

primavera: a instancias de Teodosio II, Sixto III media na controversia cristolóxica entre Cirilo e Xoán de Antioquía. Alcanzan un acordo (Fórmula de reunión) en nome da concordia, a paz nas igrexas e a estabilidade do imperio. O prezo, como di Nestorio no seu Libro das Heráclidas, é a confirmación da súa deposición e condena definitiva. Cirilo pronuncia un discurso (23 abril) que anuncia a nova situación.

outono: Aetius regresa a Italia con novos mercenarios hunos. A posición de Sebastianus é feble e rexeita enfrontarse abertamente, decide abandonar Ravenna e buscar refuxio en Constantinopla. Aetius consegue ser nomeado novo magister peditum por Placidia, quen teme os seus buccellarii. Tamén é proclamado protector de Valentiniano III (14 anos). A partir de agora el decide as políticas imperiais. É posible que os hunos de Ruga conseguiran novas concesións no Danubio, quizás a consideración de foederati.

os bucelarios son típicos da tardoantigüidade: tropas privadas pagadas por militares e persoeiros de alto rango para a súa protección persoal; tiveron gran influencia no acceso ao poder de xeneralísimos coma Aetius ou Ricimero. A carreira do primeiro corroboraría este feito. Casou coa viúva de Bonifacio e herdou o séquito deste. Ernst Stein sospeita que o número de bucelarios de Aetius igualaría en número ás tropas regulares: inda sendo rexeitado por Gala Placidia e Valentiniano III, non podían desfacerse del. Cando lles foi posible, o estado xa non podía reverter a situación: non existía posibilidade de exercer autoridade algunha prescindindo de bucellarii.

outono: Constantinopla busca crea alianzas contra os hunos entablando contacto con tribos coma Amilzur, Itimar, Tonsur e Boïsque. Ruga protesta en Constantinopla mediante embaixadores.

os tamiles establécense en Ceilán.

a aristocracia local de Gallaecia ten que negociar directamente con Hermerico, o xefe suevo. O principal punto de conflito é o intento suevo de controlar as zonas sur e centro da provincia, posiblemente na contorna de Ourense. Probablemente os bispos están presentes nas negociacións e subscribirían os acordos.

Hermerico ten pésima reputación: un suevo pérfido que incumpre todo canto queda en cumprir. As fontes non dirían tanto: primeiro, non se sabe que actuara fóra de Callaecia e en 19 anos de mandato só hai ataques aos nativos en catro: non sería o salvaxe que pinta Hydacio, pero inda así o conflito existe.

Hermerico envía unha embaixada, presidida polo bispo Symphosius, a Ravenna. A presenza do bispo indicaría certos sectores galegos apoiarían ou estarían dispostos a convivir cos suevos.

sábado, 11 de agosto de 2012

431

representación das sesións do
Concilio de Éfeso

Bassus e Antiochus, cónsules.

Flavius Aetius loita en Rhaetia e Noricum. Hai testemuña da súa presenza en Vindelicia (Augsburg), restablecendo o control romano na liña do Danubio.

Aetius empurra os francos salios alén do Somme. Chlodius asina un tratado de paz e convértese en foederati do imperio.

marzo, 11: K’uk‘ B’ahlam I comeza o seu reinado en Palenque..

fame en Constantinopla: os ánimos están tan exaltados que o propio Teodosio II recibe pedradas nunha revolta popular.

xuño, 7 (ata xullo, 31) concilio de Éfeso, convocado por Teodosio II e presidido polo comes Candidiano, representante imperial: Cirilo de Alexandría, inda que Candidiano insiste en esperar para esperar a chegada de Xoán de Antioquía, probable apoio de Nestorio, abre as sesións. Nestorio boicotea o sínodo.

xuño, 22: Nestorio é condenado en ausencia. Cando chega Xoán propón outro sínodo que se celebra baixo a presidencia de Candidiano e que condena tanto a Cirilo coma ao seu aliado Memnon de Éfeso. Pulcheria apoia a Cirilo.

xullo, 11: chegan os legados de Roma e declaran válida a primeira decisión, cun amplo respaldo; porén, a arrogancia de Cirilo ao desprezar a decisión adoptada polo segundo sínodo, coa asistencia do representante imperial, provocan que Teodosio II o depoña oficialmente, feito que Cirilo non acepta e ignora.

coma consecuencia do concilio de Éfeso moitos nestorianos refúxianse en Persia e non recoñecen a autoridade de Constantinopla

xullo-agosto: logo de 14 meses de asedio, vencida por fame e enfermidades, os vándalos entran en Hippo Regius. Unha flota comandada polo magister militum oriental Aspar desembarca en Africa para apoiar a Bonifacio. Porén, os romanos son duramente derrotados e retíranse a Carthago. Flavio Marciano, futuro emperador, é capturado durante os combates e negóciase un tratado de paz que mantén a autoridade imperial en Carthago. Bonifacio é chamado por Gala Placidia, que precisa apoio contra Aetius.

unha lei regula a extensión que podía reclamar un santuario eclesiástico: ía alén da propia igrexa e incluía “as primeiras portas logo dos lugares públicos”. Isto confirmaría que, por exemplo en referencia a Xerusalem, o recinto debe ser visto como un complexo único sen distinción dos diferentes tipos de edificios: casas, xardín, pórticos, baños, … - os requisitos dun viaxeiro mediterráneo; proveer isto era unha obriga do bispo, e debeu influír no carácter dos edificios incluídos en complexos con afluencia de visitantes ou peregrinos.

unha flota procedente do reino de Shampa ataca o sur de China.

morre Paulino de Nola, que nacera nunha familia aristócrata de Aquitania.

outubro, 25: Maximiano, novo patriarca de Constantinopla, logo da defenestración de Nestorio e o rexeitamento das súas teses. Nestorio é exiliado ao seu mosteiro de Euprepios, próximo a Antioquía.

outubro, 30: Cirilo é recibido en Alexandría coma un heroe pola súa participación en Efeso. A cidade considérase capital da cristiandade.

Hydacio encabeza unha legación diplomática de galaico-romanos que visita a Aetius en Galia para solicitar axuda contra os suevos. O protagonismo de Hydacio, bispo, sinala unha muda de tendencia. A xerarquía eclesiástica xa ten un papel importante en representación da sociedade. Un terceiro poder que compite co estatal romano (en decadencia progresiva) e co militar xermánico (en ascenso progresivo).

ata 460 Hydacio, que mostra un especial interese pola cuestión, rexistra un enorme número de embaixadas, dende e cara Callaecia: godas, imperiais e “romanas” en xeral, para tratar asuntos cos dirixentes suevos.

este tipo de diplomacia era común na época e mantiña o funcionamento da maquinaria administrativa: existía comunicación entre as rexións do imperio e co centro imperial. Os diversos grupos de poder, suevos e godos, imperiais e provinciais, sabían máis ou menos o que facía o resto. O que cambia a respecto do pasado é que os grupos provinciais ou “bárbaros” eran agora capaces, cada vez máis, de enfrontar as autoridades imperiais. Inda que sen dúbida eran moi importantes a nivel local, non o eran tanto como para ser mencionadas na maioría das fontes históricas que no teñen chegado.

a estrutura na que as embaixadas se producen, porén, é a mesma que no pasado. Ao adaptarse a ela, tanto godos coma suevos, expresan a súa intención de vivir no imperio. As embaixadas que describe Hydacio, polo tanto, non son símbolos da decadencia da autoridade romana.

Próspero de Aquitania está en Roma para entrevistarse con Celestino I en relación ás ensinanzas de Agostiño.

instálase unha estatua do senador Virius Nicomachus Flavianus no foro Traxano en Roma. Na súa base inscríbese unha carta imperial que rehabilitaba a reputación do senador. Flavianus suicidárase logo da deposición de Euxenio, a quen apoiara (algúns afirman que fora decisivo), en 394. Como consecuencia o senador sufrira damnatio memoriae. Ao facer fincapé nalgúns aspectos da súa peripecia e ignorar outros, a inscrición representa a renegociación dun episodio comprometido do recente pasado do Senado.

Proclus, famoso filósofo neoplatónico, comeza estudos na Academia de Atenas con Plutarco de Atenas, Syrianus e AsclepixeniaProclus era de familia aristocrática procedente de Lycia e criado en Xanthus. Seu pai, Patricius, fora un importante xurista na corte oriental. Estudou retórica, filosofía e matemáticas en Alexandría coa intención de seguir os pasos de seu pai. Antes de finalizar regresou a Constantinopla por causa da decisión de Leonas, o seu principal instrutor de atender asuntos na capital. Fíxose avogado de éxito inda que se decatou de que prefería a especulación filosófica. Por iso volveu a Alexandría para estudar Aristóteles baixo Olympiodorus o Vello e matemáticas baixo un tal Heron.

mércores, 1 de agosto de 2012

429

moeda coa efixie de Bonifacio

Florentius e Dionysius, cónsules.

xaneiro: Eusebius, xurista, protesta formalmente contra Nestorio en nome dos católicos.

marzo, 25: durante a celebración da anunciación, Proclo, bispo de Cyzicus, predica que María é theotokos, en contra de Nestorio.

Heremigario, líder suevo, ataca os vándalos mentres embarcan para cruzar cara Africa pero é derrotado. Heremigario é lanzado polo seu cabalo oo Guadiana e morre afogado (segundo Hydacio, en castigo por ter violado o sepulcro da mártir Eulalia).

maio: Gaiserico e os vándalos (asdingos principalmente, máis restos de silingos e alanos) chegan a Africa, o gran celeiro da pars occidentis. Estímase que son arredor de 15.000 guerreiros e as súas familias e dependentes; quizás 80.000 persoas. A poboación de Africa cífrase en 8.000.000 aproximadamente.

as embarcacións vándalas acosan as rutas comerciais de gran e aceite.

Gaiserico desembarca en Tingitana, e avanza cara o leste, causando devastación en Caesariensis, Sitifensis e Numidia. De ser certo que pactara con Bonifacio, non cumpre o estipulado e obriga as forzas de Bonifacio (reconciliado agora con Gala Placidia) a retroceder ata Hippo Regius. Ao seu paso destrúe igrexas e confisca bens bereberes. Conta coa adhesión de moitos campesiños mauretanos e os sectores donatistas e demais “herexes” reprimidos pola xerarquía encabezada por Agostiño.

Teodosio II forma unha comisión co encargo de elaborar un código xurídico.

os fondos recadados pola comunidade xudía para financiar escolas teñen que ser devoltos ao fisco público.

Xoán I, patriarca de Antioquía.

o templo de Athenea na acrópole de Atenas é saqueado e os pagáns da cidade severamente reprimidos.

os anglosaxóns atacan Manchester.

Aetius opera contra os iuthungos en Raetia e Noricum. Chamado a Ravenna, concédenselle honores para telo controlado ante o seu aumento de poder e prestixio.

Florus, Xulián e outros refuxiados pelaxianos chegan a Constantinopla.

Xermanus de Auxerre e Lupus de Troyes visitan Britannia por decisión dos bispos de Gallia e por desexo de Celestino I tentan loitar contra o pelaxianismo.

Hilarius sucede ao seu parente Honoratus coma bispo de Arelate.

agosto, 26: un tremor de terra sacude de Roma. O Coliseo resulta afectado. O praefectus urbis Anicio Acilio Glabrion Fauso (425-437) comeza a restauración que terminará en 438 o seu sucesor Flavio Paulo, con quen se reinicia a actividade.

Próspero de Aquitania (nado c. 390 en Aquitania) mantiña correspondencia con Agostiño dende Massilia, onde semella que fora educado. Era leigo pero participou nas controversias relixiosas da época, defendendo a ortodoxia: de vocatione omnium gentium trata o tema da chamada aos xentís á luz da doutrina da graza de Agostiño.