Amosando publicacións coa etiqueta Cerdic de Sussex. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cerdic de Sussex. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de xullo de 2014

534

restos atopados nunha basílica paleocristián en Septem
es.wikipedia.org
Xustiniano e Decius Paulinus, cónsules: este o último cónsul nomeado para a pars occidentis.

marzo: Xelimer foxe ás montañas pero logo de pasar nelas todo o inverno entrégase finalmente a Belisarius no monte Papua. El e grandes cantidades de vándalos son trasladados a Constantinopla.

abril: Belisarius deixa Carthago ao mando de Archelaos, novo prefecto do pretorio e do xeneral Salomon, que dispón dunha pequena forza militar. Mentres, el segue a pacificar a provincia e logra someter tribos bereberes.

lei CI I, xxvii, 2, 2 do emperador a Belisarius onde se organizan administrativa e defensivamente os novos territorios; menciónanse os territorios nucleares de Africa e tamén a organización e cargo de gobernadores en Cerdeña e Septem. Non se mencionan Baleares e Córcega, o que pode indicar que a súa importancia estratéxica se considera menor.

abril: fortificación de Septem. Ao tribuno da cidade encoméndaselle vixiar os ‘movementos’ de Gallia e Hispania (“… et ipsium traiectum semper servare et omnia, quaecumque in partibus Hispaniae vel” 17 CI I, xxvii, 2, 2). Isto é lóxico para Hispania pero non tanto para Gallia.

Baleares sería importante para vixiar e controlar Gallia. Datos arqueolóxicos certificarían a presenza de tropas imperiais, un feito que non sería tampouco cómodo para os visigodos. De feito, datos de Dianium (Denia) revelan reformas nas fortificacións nesta época.

a presenza nas Baleares tamén aporta vantaxes económicas e sociais: sobre todo, o control do tráfico comercial na zona. Estas terras tamén serán utilizadas en ocasións como destino para personaxes que sofren exilios ou desterros. A autoridade sería exercida posiblemente por un tribunus, ao igual que en Córcega, dependente do gobernador de Cerdeña.

verán: Xustiniano permite a celebración dun gran triunfo en honor de Belisarius, o primeiro que non honra un emperador en 500 anos. Participan Xelimer e grandes cantidades de vándalos. Durante a cerimonia exhíbense elementos procedentes do Templo de Xerusalem e tamén o tesouro vándalo. Xelimer recibe unha pensión e é exiliado a Galatia coa súa familia. Moitos vándalos ingresan no exército imperial. Tómanse medidas para erradicar o arianismo da rexión.

Toletum é agora o centro desde o que opera de Teudis, que se esforza por controlar rexións da Baetica.

outubro, 2: Atalarico (18 anos), rei godo de Italia, morre de tuberculose, lodo dunha vida ‘consentida’ e ‘disipada’. A súa nai Amalasunta non pode seguir gobernando en solitario e casa cun curmán, Theohadad, sobriño de Teodorico, que se converte en rei.

Theodahad é o maior terratenente de Italia e o último herdeiro masculino da liña de Teodorico. O previsto é que sexa consorte sen participar no poder. Pero mantén conversas secretas cos imperiais prometendo a Toscana ao imperio a cambio de cartos, o rango de senador e permiso para residir en Constantinopla.

Clotario I, coa axuda de seu irmán Childeberto I, acaba con Gundemaro II, rei burgundio. Repártense o territorios burgundos, que se incorporan a Neustria.

Xustiniano restrinxe as liberdades da comunidade xudea.

Cynric, rei de Wessex logo da morte de Cerdic (segundo a Crónica anglo – saxona).

novembro, 16: publícase a segunda revisión, e final, do corpus iuris civilis (Código de Xustiniano).

en Arabia, fin da guerra de el Basous, logo de corenta anos de enfrontamentos, entre as tribos Tamim e Taghlib.

o reino Wei do norte divídese en Wei leste e Wei oeste: Ye, capital oriental e Chang’ an, capital occidental.

morren Marcellinus Comes (cronista) e Anthemius de Tralles (arquitecto e matemático).

venres, 20 de decembro de 2013

527

bennythomas.wordpress.com
Mavortius, cónsul único.

abril, 4: Xustino I enferma de gravidade e Sabbatius é nomeado augustus co nome de Xustiniano I.

maio, 17: II concilio de Toledo.

agosto, 1: morre o emperador (74 anos) e Xustiniano I sucédeo no trono.

Belisarius recibe a encomenda de dirixir as operacións militares no fronte persa.

os anglo-saxóns baixo Aescwine fundan o reino de Essex (territorios ao norte do Támesis).

Cerdic de Sussex e o seu fillo Cynric derrotan os britanos en Cerdicesleah.

Silla, un dos tres reinos de Korea adopta formalmente o budismo como relixión oficial.

morre Illan mac Dúnlainge, rei de Leinster (Hibernia).

a corte Yamamoto reúne un exército de 60000 homes para apoiar o reino koreano do sur (Mimana) contra o do norte (Silla) pero unha revolta en Kyushu retrasa os plans de intervención dous anos.

Liang-Wudi fai un primeiro retiro nun mosteiro budista durante tres días.

setembro, 15: autorízase o divorcio no imperio oriental.

outubro: o armenio Patricius é nomeado comes orientis e enviado a Palmyra para reordenar a cidade e as fronteiras da zona.

novembro, 6: concilio de Carpentras, presidido por Cesarius de Arelate.

domingo, 8 de setembro de 2013

508

Lutecia en 508
representación de Jean Baptiste Bourgignon d'Anville (1697-1782)
commons.wikipedia.org
Venantius e Celer, cónsules.

Clodoveo captura Tolosa e parte do thesaurus godo. Establece a súa corte en Lutecia e recibe o nomeamento de patricius por parte de Anastasius.

Teodorico I comprende que debe ser máis agresivo contra Clodoveo e asina unha alianza con Xesaleico e entre ambos preparan un exército godo unido para enfrontarse aos francos.

xuño, 24: data da reunión do exército godo, cuxos preparativos de campaña son encomendados a Liberius. O exército atravesa o territorio do bispo Severo cometendo desmáns, o que motiva a Teodorico a enviar ao bispo 1500 sólidos en concepto de reparación para os propietarios afectados. Unha vez asentado o exército o rei ordena que aos civís se lles restitúan os seus dereitos e obrigas conforme ao dereito romano.

Clodoveo non pode tomar Carcassona, onde estaba o resto do thesaurus godo, que é trasladado a Italia.

a flota bizantina ataca o sur de Italia, Tarento.

batalla de Netley: Cerdic de Sussex penetra en Britannia cun exército e derrota ao xefe britano Nudd-Lludd.

inverno: todos os ríos de Britannia están xeados durante máis de dous meses.

o xefe beréber Masuna titúlase ‘rei dos mauros e dos romanos’.

revolta Tölech (lago Balkash) contra os ávaros.

Gundobado asedia Arelate. Pero o exército godo conxunto ao mando de Ibbas fai que se retire.

mércores, 4 de setembro de 2013

500

arte-historia.com
interior de Apolinar o Novo
Patricius e Hypatius, cónsules.

batalla de Mons Badonicus: “os romanos” (unha coalición de britanos e celtas) vencen os anglosaxóns, contendo a penetración destes ás zonas interiores de Britannia. O ano é aproximado e o lugar pode ser a zona de Bath. O líder xermano podería ser Aelle de Sussex ou Cerdic de Wessex; o lider romano, segundo lendas posteriores, sería o que daría lugar á lenda de Artús.

Britannia estaría xa dividida en sete reinos (heptarquía).

ao parecer, un grupo de emigrantes escotos parte de Dál Riata (norte de Hibernia), conducidos por Fergus Mor, e aséntase nas costas occidentais de Caledonia, que tamén se considera parte do reino, polo que é coñecido tamén como Dál Riata. Non sendo os primeiros escotos no lugar si son os primeiros que logran unha organización alén do simplemente tribal. A existencia histórica de Mor é cuestionable (Anais de Tigernach)

o reino de Munster en Hibernia pasara xa o seu período de maior apoxeo e agora divídese en dúas partes (Desmond, norte e Thomond, sur) gobernadas por dúas ramas da familia real de Munster (os Eoghan Mor): os MacCarthy en Desmond e os O'Brien en Thomond.

constrúese o monumento coñecido como “pedras de Ale” en Suecia.

o imperio chinés está gobernado pola dinastía Qi. Ao norte, o reino bárbaro de Wei fai de protección frontes aos ataques de varios pobos, especialmente os Yuan-Yuan. Ao sur o imperio chinés apoia ao reino Fu-nan coa esperanza de que domine o reino de Shampa, pero os intentos resultan infrutuosos.

Xuan Wu Di, novo emperador do norte.

aparecen os primeiros teóricos da literatura: Liu Xie escribe o Dragón cravado no corazón da literatura, onde combate o preciosismo e defende que o obxectivo da literatura é describir situacións e sentimentos reais, á vez que proporciona criterios “obxectivos” para xulgar unha obra.

en Roma, e outros lados, xa non hai necesidade de esconderse e cesan de producirse máis enterramentos en catacumbas.

Trasamundo casa con Amalafrida, irmá viúva de Teodorico, que aporta unha gran dote e unha tropa goda de elite de 5000 homes.

mercadores árabes establécense no norte de Etiopía.

Persia e India están conmocionadas polos hunos, se ben Khavad está facéndose co control do imperio grazas á axuda dos propios hunos.

os cristiáns de Persia, Armenia e o reino árabe de Hira adoptan o nestorianismo. Os nestorianos difunden novamente a cultura grega a Persia, antes erradicada polos sasánidas.

aparece o mazdeísmo, creado por Mazdak, que propón unha doutrina semellante ao maniqueísmo, un modo de vida ascético e comunista. Denuncia os intereses da nobreza e o poderío dos sacerdotes, co que se gañou a animadversión de ambos sectores.

o declive huno en occidente tamén permite a expansión dos eslavos, que asimilan parte dos invasores asiáticos e deixan de ser os campesiños dóciles que foran baixo os cimerios, sármatas, godos e hunos. Mudan en guerreiros, pero sen deixar as prácticas campesiñas. Mentres os xermanos só eran guerreiros e escravizaban os traballadores dos territorios conquistados, os eslavos conquistan un territorio e forman familias, labran a terra e absorben os nativos.

colonizan lentamente o territorio dende os Balcáns ata as actuais Rusia e Ucraína, e a poboación desas zonas “eslavízase” completamente.

ocupan territorios xunto ao Danubio e son a nova ameaza bárbara para a pars orientis.

o clima, relativamente estable e favorable desde 300, empeza a cambiar no este do Mediterráneo cara circunstancias máis desfavorables. É un cambio gradual que cubre case un século. Secan as fontes e son cubertas por dunas de area.

este cambio produce un desastre económico, xa que o sistema se basea na agricultura, que comeza a colapsar en áreas que dependían da auga: as chuvias decrecen e o aumento de anos de seca leva ao empobrecemento das terras, a fame e o abandono de terras. A poboación volve a unha economía que se basea máis no pastoreo. Este proceso afecta primeiro e máis directamente aos grandes asentamentos. Os anos prolongados de seca e os factores políticos producen cambios que terminan por causar o abandono final de moitos asentamentos.

nunha carta a un tal Xerome de Elusa, amigo seu, Procopio de Cesarea describe como as raíces das viñas están expostas ao aire por culpa dunha combinación de seca e ventos inclementes en Gaza.

Roma non forma parte do imperio pero os seus habitantes seguen a denominarse romanos. Constantinopla é a nova Roma, o latín é a lingua administrativa inda que o poboación fala grego e as institucións eran as tradicionais, modificadas pola adopción do cristianismo como relixión oficial.

a polémica máis importante á que sen enfronta Anastasius é a pugna entre catolicismo e monofisismo. Exipto e Asia Menor, liderados polos patriarcas de Alexandría e Antioquía, mudaron monofisitas para oporse ao patriarca de Constantinopla, e na capital o clero estaba dividido. Desde un punto de vista político, o dilema era que apoiar o monofisismo supuña conseguir a lealdade das provincias, pero tamén a ruptura con occidente (totalmente católico) e, por conseguinte, cerraba as portas a unha posible reconstrución do Imperio; por outra parte, apoiar o catolicismo podía facilitar que a poboación occidental se puxera de parte dos exércitos imperiais se lograban ocupar un territorio, pero a costa de perigosas tensións internas. Esta alternativa non era moi prometedora, pois tamén estaba a rivalidade entre o papa de Roma e o patriarca de Alexandría, rivalidade que non se resolvía inda que ambas igrexas aceptaran a doutrina católica. Tal vez por iso Anastasius se decantou polo monofisismo.

alguén, no norte de Italia, escribe o codex argenteus, unha versión da Biblia traducida ao godo por Wulfila.

a polémica sobre as diferenzas teolóxicas vese multiplicada por un fenómeno sociolóxico: en Constantinopla popularizáranse as carreiras de carros. Ao inicio había dous equipos, que se distinguían polas cores das súas traxes: os vermellos e os brancos, pero a medida que se popularizaban máis creáronse dous equipos máis: os azuis e os verdes, que finalmente foron maioritarios e eclipsaron os outros dous. Pero a rivalidade medrou tanto que se estendeu á política e á relixión; os azuis eran católicos e os verdes monofisitas.

cando Anastasius apoia o monofisismo atopa media cidade descontenta, provocando motíns e disturbios, cada vez máis frecuentes.

os xudeus redactaron a Guemará babilónica, comentarios á Mishná que deron lugar a unha segunda versión do Talmud, polo que se distingue entre o Talmud de Xerusalem e o de Babilonia; este último o máis difundido e o que ten desempeñado un papel principal na teoloxía xudía.

francos e burgundos libran unha batalla en Aedunense: Gundobado, sen saber do pacto segredo, contaba con reforzos de seu irmán Godexiselo pero estes non chegan e é derrotado. Gundobado consegue fuxir e chegar a Avignon. Mentres Clodoveo toma Lugdunum e Vienne. Tropas de Teodorico móvense cara a Provenza para conter a Clodoveo.

onde e refuxia e consegue que Clodoveo acceda a recoñecelo rei a cambio de pagarlle tributos.

Gundobado, presionado polo acercamento dos bispos a Clodoveo, tamén se fai católico xunto co seu fillo Sexismundo. Pasan a gobernar xuntos.

Gundobado derrota a Godexiselo, que é axustizado.

Clodoveo lexisla (lei sálica: un artigo nega que as mulleres poidan herdar terras, con repercusións na historia posterior de Europa).

Bieito de Nursia, mozo da aristocracia, decide abandonar Roma, onde estudara retórica, filosofía e dereito, para retirarse ao deserto de Subiaco, en Italia, onde o monxe Román, lle impón os hábitos monásticos.

chega a Roma a vivir Dionisio Exiguo. Alí, como membro educado da curia romana, traduce do grego ao latín 401 canons eclesiásticos, incluíndo os canons apostólicos e os decretos dos concilios de Nicea, Constantinopla, Chalcedonia e Sardis, e tamén unha colección das decretais dos papas dende Siricius ata Anastasius II. Estas coleccións tiveron grande autoridade no oeste e inda guían as administracións eclesiásticas. Dionisio tamén escribe un tratado de matemáticas elementais. Beda e Félix fixeron del abade inda que Casiodoro, amigo seu, di nas Institutiones que todavía era monxe ao final da súa vida.

Fulxencio de Ruspe, de visita en Roma, di: “que marabillosa debe ter sido a Xerusalem do ceo, cando esta cidade terreal brilla como o fai.” A vida de Roma non sufre gran alteración: o senado reúnese regularmente e as grandes familias aristocráticas manteñen en todo o seu estatus e as súas enormes propiedades; celébranse os xogos no circo; o grao segue a ser distribuído coma sempre; florecen as escolas e hai unha brillante vida cultural e social.

en Ravenna construción do baptisterio ariano e de Apolinar o Novo.

setembro, fin: Teodorico I abandona Ravenna e chega a Roma, onde entra triunfalmente. Publica o edictum theodorici regis, tratando de impor a lei romana a todos os seus súbditos, independentemente da súa orixe étnica. Restaura a organización política e administrativa da cidade (senado, prefecto da cidade, gobernadores provinciais, e curias municipais).

o edictum theodorici regis era incluído pola maioría de autores dentro do dereito ostrogodo, inda que algúns din que sería visigodo. Consta dun prólogo, 155 capítulos e epílogo e contén disposicións tomadas do dereito romano tardoantiguo (códigos gregoriano, hermoxeniano e teodosiano).

xunto con outras leis da época xa se distancia do principio de personalidade e se aproxima ao de territorialidade en canto á súa aplicación, xa que debía ser observado tanto por “romanos” como “bárbaros”. Trata de regular problemas territoriais nos lugares onde conviven romanos e bárbaros e hai problemas de asentamento.

hai teorías distintas sobre a súa autoría. Ata 1953 supúñase que era obra de Teodorico pero a partir de aí italianos coma Piero Rasi e Giulio Vismara identifican ao rei coma Teodorico II. Álvaro d’Ors supón que é obra dun gobernador ou prefecto do pretorio das Galias durante Teodorico II; quizás Magno de Narbo, de quen se sabe que dictou normas xurídicas aos godos (segundo Sidonio) e inda que contén costumes xermánicos, está fondamente xermanizado.

expansión das culturas de Perú.

enorme erupción do volcán Barú (Centroamérica).

fundación de Uxmal, cidade maia.