Amosando publicacións coa etiqueta Gundemaro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gundemaro. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de outubro de 2015

xoán biclarense

plano de Scallabis
550-556 nace na actual Scallabis, Lusitania, nunha familia de aristócratas godos, pero cristiáns.

570/571 viaxa a Constantinopla, para realizar estudos.

577/8 regresa a Hispania.

579-584, revolta de Hermenexildo contra seu pai Leovixildo en Hispalis. Leovixildo tenta gañarse os eclesiásticos católicos de orixe goda, entre os que está Xoán. Probablemente, a negativa do Biclarense de converterse ao arianismo explica o seu desterro a Barcino.

587/588, final do desterro de Xoán Biclarense en Barcino, logo da morte de Leovixildo e o perdón de Recaredo, froito do novo rumbo político. Unha vez perdoado, permaneceu en Tarraconensis, en Biclaro (probablemente Vallclara, Tarragona; inda que tamén podería ser Béjar, Salamanca), onde funda un mosteiro que se rexe por unha regra escrita por el mesmo (hoxe perdida, CPL 1866).

589; é probable que estea presente no III concilio de Toletum, polas novas que del aporta, inda que non asina as actas do mesmo, seguramente por ser inda abade (estes non subscribían daquela actas conciliares).

590 remata a súa estadía no seu mosteiro como abade.

591 bispo de Xirona.

592 subscribe o II concilio de Caesaraugusta.

597 subscribe o concilio de Toledo.

599 subscribe o II concilio de Barcelona.

610 subscribe o decreto de Gundemaro; de ser auténtico este documento, tería coincidido con Isidoro na reunión que o aprobou.

614 concilio de Egara.

de Xoán chegounos unha única obra: Chronicom. Polos acontecementos descritos, a obra ten como terminus post quem o ano 589, o último do que se recollen novas. Sen embargo, nela tamén se lle atribúen a Mauricio 20 anos de reinado, calculando a súa ascensión ao poder en 582; e igualmente se lle atribúen a Gregorio Magno 15 anos de pontificado, situando o se nomeamento en 586, o que apunta máis ben a que se puido redactar en torno a 601/602.

a obra foi transmitida con dous prólogos, dos cales só o primeiro ten algunha posibilidade de ser auténtico. Nela tamén se distinguen un prefacio, o corpo da obra e un epílogo.

no prefacio, como ocorre no caso da Crónica Universal de Isidoro, Xoán da novas dos seus predecesores e do xénero no que se enmarca a obra: Eusebio de Cesarea, Xerome, Próspero de Aquitania e Vitor de Tununa.

o corpo da obra abrangue de 566 a 589, como continuación expresa de Vitor, finalizando coa conversión dos godos no III concilio de Toletum.

polo que se refire ao epílogo, ten sido dividido en dúas partes por algúns autores, que consideran auténtica só a primeira, pois a segunda é claramente un engadido, como proba o feito de estar datado en 742. A primeira é unha recapitulación final do sucedido dende Adán ata o nacemento de Xesús, e dende entón ata o final da Crónica. Os críticos divídense entre os que a consideran unha recapitulación do propio Xoán e os que non.

a obra do Biclarense abrangue 24 anos, e ordena os sucesos narrados ano tras ano, tomando como referencia os anos dos emperadores romanos de Oriente ('no ano un do reinado de ...', 'no ano dous do reinado de ...', ...). Sen embargo, sobre este sistema de ideoloxía imperial, introduce un segundo sistema nacionalista e godo, a partir do momento no que o rei Leovixildo é asociado ao trono por seu irmán Liuva (568): ao ano de reinado dos emperadores, Xoán engade o dos reis godos. E mantén este sistema ata o final da obra, poñendo nun plano de igualdade ao emperador e o rei godo, sen que este estea subordinado ao primeiro. Isto responde á ideoloxía do autor, para quen existirían dous grandes reinos: o romano, en Oriente e o godo, en Occidente. O pobo godo estaría elixido polo deus cristián para substituír ao desaparecido Imperio de Occidente. Mais, a diferenza de Isidoro, Xoán non é hostil cara Bizancio, e o seu nacionalismo é, por isto, menos radical que o do hispalense.

a esta dobre cronoloxía súmase unha terceira, inda que de menor relevo: a dos papas de Roma, coa duración dos seus 'pontificados', proba tamén da importancia dos asuntos relixiosos na obra.

semella que o III Concilio de Toledo foi o que empurrou a Xoán a escribir para mostrar e exaltar a entrada do pobo godo dentro da historia da 'Salvación' no seno da Igrexa Católica. Isto sería confirmado pola minuciosidade coa que Xoán introduce na súa obra un gran número de novas relativas ás conversións de pobos pagáns ou cristiáns, mais herexes, á fe católica.

o segundo elemento desta obra é a admiración do autor por Leovixildo, unificador da península. Isto demóstrao o feito de que Xoán omite as persecucións do último rei ariano contra os católicos, tanto máis significativo, canto que o propio Xoán fora vítima delas; ou no feito de que o Biclarense tome partido por Leovixildo fronte ao fillo católico deste, Hermenexildo, cando este se rebela en Hispalis, porque isto ameaza a unidade política peninsular.

así, os dous puntos esenciais da obra do Biclarense son, por unha banda, a unificación política lograda por Leovixildo e, por outra, a relixiosa, lograda por Recaredo.

o ton da obra é frío, obxectivo, incluso distante a respecto dos acontecementos narrados, fuxindo do comentario persoal. Como consecuencia, sempre se ten considerado esta obra como digna de todo creto. Niso interveñen tamén a declaración programática de Xoán no prefacio da obra, onde di que non se servirá de ningunha outra fonte máis que do seu coñecemento persoal dos feitos e dos relatos de aqueles que os viviron. De aí, por exemplo, que os anos que abranguen o tempo que Xoán pasou en Constantinopla abondan en novas sobre o imperio, ao contrario do que acontece na parte da súa Crónica que abrangue os anos do seu retorno a Hispania, onde predominan as novas sobre o reino godo.

algo semellante ocorre nas crónicas que se presentan como continuación de obras anteriores, principalmente a de Eusebio - Xerome. O universalismo desta experimenta unha gran redución non só no espazo, mais tamén no tempo. É dicir, estamos, por unha banda, ante crónicas breves, que tratan un período non moi extenso, ou incluso, claramente reducido; e, por outra, ante autores que viven moitas veces en zonas periféricas, que son de orixe bárbara e que se interesan, por iso, en dar conta da historia do seu propio pobo e, quizás, da historia paralela do Imperio de Oriente, o único que se percibía inda como herdeiro de Roma (Hidacio, Xoán mesmo e Isidoro).

outro factor decisivo é o feito de que o autor se centra no seu propio tempo e no seu propio pobo debido á falta de fontes escritas, e ata de novas sobre o que acontece alén de Hispania, debido, claro está á desintegración cada vez máis acentuada do Imperio de Oriente. As viaxes son difíciles e arriscadas, e as persoas non viaxan, tampouco poden facelo os manuscritos.

a isto tamén contribúe a precariedade de medios culturais: a un autor éralle moito máis doado escribir un breve relato sobre a súa propia época (e moito máis se se trata de acumular pequenas novas independentes entre si) que escribir unha historia continuada. Os cronistas optaban así por limitarse a continuar coas súas obras o inmenso labor de Eusebio e Xerome, antes que retomar o curso da historia dende o inicio da mesma. Isto último indicaba, en primeiro lugar, unha sólida formación cultural; en segundo lugar, dispor dunha boa biblioteca na que o autor contase con fontes abondo; e, en terceiro lugar, ter a capacidade intelectual necesaria para extraer notas de diferentes fontes e elaborar con elas un relato ou unha exposición coherente. Non se debe esquecer, en fin, o peso que tiña Xerome dentro da Igrexa Católica (como podían telo Ambrosio ou Agostiño). Escribir unha crónica orixinal supuña aspirar a substituír con ela a Xerome. Isto podía verse como soberbia por parte do autor, algo doado de aceptar. A orixinalidade non consistía en escribir unha nova crónica universal sen copiar a Xerome, mais no feito de decidir que se tiña algo novo que dicir e que esa novidade era importante abondo como para redactar unha obra que competise coa de aquel como fonte para os contemporáneos e para a posteridade. Só un interese político de primeiro orde podía xustificar algo así.

dende o punto de vista do estilo, como ocorre nalgunhas outras obras do xénero, ao acercarse o autor ao final da súa obra; é dicir, ao tempo máis próximo a el, e, con frecuencia, ao acontecemento que ten determinado a redacción da Crónica, neste caso o III concilio de Toledo, o estilo seco e sucinto esperable é substituído por outro máis coidado, máis vivo, máis rico en matices, máis próximo, en definitiva, ao da historia. Así, a brevidade desaparece para deixar paso a un auténtico desenvolvemento narrativo, no que non só se conta un feito en concreto, mais tamén os seus antecedentes e a súa historia en conxunto, todo iso mediante un relato coherente, e perfectamente estruturado e organizado.

para finalizar, segundo Cardelle de Hartmann, os chronicorum caesaraugustanorum reliquiae, fragmentos conservados como anotacións marxinais nalgúns manuscritos das Crónicas de Vítor de Tunnuna e Xoán de Biclaro, e atribuídos a Máximo de Zaragoza, poden ser atribuídos tamén a Xoán. Polo seu contido, ao incluír novas sobre Tarraconensis, o seu autor debe ser situado nesta rexión de Hispania. Ao mesmo tempo, pola relación temática de varias de entre elas coa Crónica de Xoán, coa que partillan o interese polas rebelións contra o poder central e a supresión das mesmas, semella probable que deban atribuírse ao propio Xoán. Puido ocorrer que despois de ter concluído a súa Crónica, Xoán se decidise a revisar o texto da mesma, e especialmente o da obra homónima de Vítor de Tunnuna. Esta revisión teríao levado a completar algunhas novas da Crónica do seu antecesor, e a incluír mesmo unha nova ao inicio da súa propia crónica, sempre baixo a forma de anotacións á marxe no seu códice, que desta mesma forma, a través de copias sucesivas, terían chegado aos nosos días.

BIBLIOGRAFÍA

1. BIOGRAFÍA

CAMPOS, J., Juan de Bíclaro, obispo de Gerona. Su vida y su obra. Introducción, texto crítico y comentarios, Madrid, CSIC, 1960, pp. 15-29.
CARDELLE DE HARTMANN, C.- COLLINS, R., Victoris Tunnunensis Chronicon cum reliquiis ex Consularibus Caesaraugustanis et Iohannis Biclarensis Chronicon, Turnhout, Brepols, 2001 (CC SL 173A), pp. 124-128.

2. EDICIÓNS (CPL 2261)

CARDELLE DE HARTMANN, C.- COLLINS, R., Victoris Tunnunensis Chronicon cum reliquiis ex Consularibus Caesaraugustanis et Iohannis Biclarensis Chronicon, Turnhout, Brepols, 2001 (CC SL 173A), pp. 57-83. (*)
CAMPOS, J., Juan de Bíclaro, obispo de Gerona. Su vida y su obra. Introducción, texto crítico y comentarios, Madrid, CSIC, 1960, pp. 75-100.

3. TRADUCIÓNS

ARIAS, I. A., “Crónica Biclarense”, Cuadernos de Historia de España 10, 1948, pp. 129-141.
ÁLVAREZ RUBIANO, P., “La crónica de Juan Biclarense. Versión castellana y notas para su estudio”, Analecta Sacra Tarraconensia 16, 1943, pp. 7-44.

4. OUTROS ESTUDOS

ÁLAMO, M., “La Règle de Saint Bénoit éclairée par sa source, la Règle du Maître”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 740-755.
ÁLVAREZ GARCÍA, F., “Tiempo, religión y política en el Chronicon de Ioannis Biclarensis”, En la España Medieval 20, 1997, pp. 9-30.
ALVES DE SOUSA, P. G., Patrologia Galaico-Lusitana, Lisboa, Universidade Católica Editora, 2001, pp. 137-140.
CAMPOS, J., “Sobre la regla de San Juan de Bíclaro”, Salmanticensis 3, 1956, pp. 240-248.
CARDELLE DE HARTMANN, C., Joâo de Santarém (Biclarense). Crónica. Ediçâo crítica e introduçâo (Comentário histórico de Roger Collins), Lisboa, Ediçôes Colibri, 2002.
DÍAZ Y DÍAZ, M. C., “La transmisión textual del Biclarense”, De Isidoro al siglo XI. Ocho estudios sobre la vida literaria peninsular, Barcelona, El Albir, 1976, pp. 117-140.
DOMÍNGUEZ DEL VAL, U., Historia de la antigua literatura latina hispano-cristiana, vol. 2, Madrid, Fundación Universitaria Española, 1997, pp. 371-375.
GALÁN SÁNCHEZ, P. J., El género historiográfico de la Chronica. Las crónicas hispanas de época visigoda, Cáceres, Universidad de Extremadura, 1994, pp. 81-172.
PEREZ DE URBEL, J., “La Règle du Maître”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 707-739.
—, “Le Maître et Saint Bénoit”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 756-764.
—, “El maestro, San Benito y Juan Biclarense”, Hispania 1,1 1940-1941, pp. 7-42, e Hispania 1,2 1940-1941, pp. 3-52.
TEILLET, S., Des Goths à la nation gothique. Les origines de l’idée de nation en Occident du Ve au VIIe siècle, Paris, Les Belles Lettres, 1984, pp. 421-455.
VEGA, A. C., “De Patrología española. En torno a la herencia literaria de Juan de Bíclaro”, Boletín de la Real Academia de la Historia 164, 1969, pp. 13-74.
VOGÜE, A. DE, “Trithème, la Règle de Macaire et l’héritage littéraire de Jean de Biclar”, Sacris Erudiri 23, 1978-79, pp. 217-224 (reimp. id., Regards sur le monachisme des premiers siècles. Recueil d’articles, Roma, Pontificio Ateneo S. Anselmo, 2000, pp. 683-690).
WOLF, K. B., Conquerors and Chroniclers of Early Medieval Spain, Liverpool, Liverpool University Press, 1992, pp. 1-10 y 57-77.

venres, 26 de setembro de 2014

612

Sisebuto
febreiro, 19 (entre ... e marzo, 15): morre Gundemaro, sucedido por Sisebuto, unha persoa con certo interese pola cultura (escribe Vida de san Desiderio e Astronomico: sesenta hexámetros dedicados á influencia dos astros sobre as persoas).

Harsa, rei de Thaneshwar, unifica varios reinos do N de India, formando un estado poderoso no que florecen a cultura e a tolerancia relixiosa; atribúenselle tres obras de teatro en sánscrito.

Theuderico II, logo de asegurarse a neutralidade de Clotario II coa promesa de cederlle o ducado de Dentelin, reúne un exército en Langres e avanza cara Toul contra seu irmán Teodeberto II de Austrasia.

primavera: Priscus recupera Cesarea de Capadocia dos persas.

xuño: Teodeberto II é derrotado na batalla de Toul e refúxiase, primeiro en Metz e logo en Colonia, ata onde é perseguido por Theuderico. Teodeberto consegue reunir un novo exército composto por alamanos, turinxios e saxóns.

xullo: nova derrota de Teodeberto II na batalla de Zulpich; ten que fuxir alén do Rhenus mentres Theuderico II entra en Colonia.

Teodeberto II é apresado polo chambelán Berthairo, trasladado a Colonia e desprovisto dos símbolos reais, sendo encerrado nun convento en Chalón por Brunequilda, onde morre pouco despois de xeito violento. Meroveo, fillo de Teodeberto II, inda un bebé, é esmagado contra unha pedra. Theuderico II, rei de Austrasia e Burgundia.

agosto, 13: Eudocia, emperatriz, morre de epilepsia. Deixa dous nenos e é soterrada nos ‘Santos Apóstolos’.

outubro, 19: inicio do reino de Muwaan Mat, en Palenque; sucede a Aien Yohl Mat (morto agosto, 6).

outono: a doutrina celta de Columba difería da romana nalgúns aspectos: unha asemblea de bispos condénao e decide cruzar os Alpes, chamado por Axilulfo. Gallus, enfermo, non pode seguilo e permanece nos Alpes, onde constrúe unha cela e un hospicio en Steinachtal, futuro mosteiro de St. Gall.

a publicación do ‘manifesto do corán’ provoca unha controversia teolóxica entre monofisitas, nestorianos e ortodoxos, o que contribúe ao éxito do islam.

decembro, 5: Priscus é relevado por Philippicus.

peste en Alexandría.

Leudegasius, bispo de Mogontiacum.

avaros e eslavos reinician as súas incursións nos Balcáns. Os bizantinos, acosados moi seriamente no leste polos persas, son totalmente incapaces de detelos.

Yangdi invade Goguryeo cos chamados ’24 exércitos’ pero na batalla de Salsu unha forza chinesa de 305.000 homes é derrotada polo xeneral Eulji Mundeok onde o río Yalu. Só sobreviven 2700 homes. 

Arnulfo, conselleiro de Teodeberto II, bispo de Metz.

xoves, 25 de setembro de 2014

610

sólido de ouro coa efixie de Heraclio
www.numismall.com
Benxamín, mencionado coma bispo de Dumio.

Muhammad (40 anos) retírase a meditar a unha cova no monte Hira, cerca de a Meca, onde seica soña que o arcanxo Gabriel o chama a converterse no profeta de Allah para liberar o seu pobo da idolatría.

Allah, o todopoderoso, é o único deus que xulgará a todos os mortais o último día. Para gañar o seu favor e alcanzar o paraíso, os homes deben ser humildes e xustos, e dar parte da súa fortuna aos pobres e orfos. Denuncia os comerciantes ricos de a Meca e obrígaos a someterse aos ditados de Allah.

abril, 18: Serxio I, patriarca de Constantinopla, sucede a Thomas I.

abril/maio: os católicos conxuran contra Witerico e envelénano nun banquete en Toletum. Elixen rei a Gundemaro, duque de Narbona, que reúne o chamado concilio de Gundemaro, onde se restablece o catolicismo como relixión do estado. Gundemaro fíxase como política combater a vascos e bizantinos.

Eusebio, asina “ego Eusebius Tarraconenses” no Decretum de ecclesia Toletana de Gundemaro.

setembro: a comunidade xudía de Antioquía provoca graves disturbios na cidade; morre o patriarca Anastasio.

Columba e os seus compañeiros irlandeses (entre eles Gallus) fundan mosteiros en territorio franco; a súa regra é máis estrita que a beneditina e insiste no ascetismo. Brunequilda expúlsao de Burgundia e pasa á Suiza actual, onde funda un mosteiro xunto ao lago Constanza.

outubro, 4-5: Heraclio o Novo dirixe unha flota de guerra cara Constantinopla. Ao ter novas de tal feito o pobo lánzase contra o palacio imperial e a garda non fai gran cousa para impedir que Phocas sexa torturado ata morrer.

outubro, 6: Heraclio é proclamado emperador polo patriarca Serxio I. Modifícanse as normas sucesorias: xa non se elixe un césar como era costume desde a ‘tetrarquía’ de Dioclecio. O título imperial pasa a ser basileus.

o seu primeiro acto de goberno importante é facer o grego lingua oficial do imperio en substitución do latín. O grego era a lingua nai da inmensa maioría da poboación.

en teoría, Cosroes II debería estar agora satisfeito pero decide continuar a guerra. Prosegue con operacións militares en Syria e Anatolia.

Máximo Confesor traballa como xefe da chancelería imperial de Heraclio, protoasecretis. Posteriormente renunciará e profesará coma monxe en Chrysopolis, na outra ribeira do Bosphorus; quizás incómodo coa situación relixiosa na corte imperial e polo desexo de levar unha vida dedicada á oración.

batalla de Wangas (próximo á actual Berna): os alamanos baixo Berohartus arrasan a rexión de Avenches e vencen os condes francos da alén do Jura, ocupando o país. A villa romana de Aventicum resulta abandonada.

Teodeberto II fai asasinar a súa dona Bilichildis.

os avaros penetran en Friuli e arrasan o ducado, que actúa como protección lombarda contra os eslavos. Tasso sucede a Xisulfo II como duque, ao morrer este en combate contra os invasores.

c., Georgius Cuprios, xeógrafo bizantino, escribe descriptio orbis romani en grego e enumera as cidades do imperio. Quizás non é un documento oficial pero si deben ser datos tomados dalgún tipo de catálogo oficial. Menciona Spania:

670. Eparquia Mauritania II:
671. Septem, en Hispania
672. Mesopotamenoi, en Hispania
673. Mallorca, isla
674. Minorca, isla

a eparquia está dirixida desde Cartaxena (carta de Liciniano a Vicente de Ibiza); curiosamente Ibiza non se cita (tampouco Córcega, na parte correspondente), posiblemente por erro dos copistas.

os búlgaros do Volga logran independizarse dos eslavos.

Selyf ap Cynan sucede a seu pai Cynan Garwyn como rei de Powys.

a fabricación de papel chega a Xapón importada polo sacerdote budista Dam Jing.

Bonifacio IV celebra un concilio en Roma para tentar afianzar a disciplina monástica. Mellitus, bispo de Londres, está entre os asistentes.

Xoán V, patriarca de Alexandría.

outubro, 23: o bispo de Toledo é recoñecido como metropolitano polos bispos de Spania.