Amosando publicacións coa etiqueta Adaloaldo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Adaloaldo. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de outubro de 2014

626

sección das murallas de Constantinopla
elocasodebizancio.blogspot.com
os arianos logran envelenar a Adaloaldo, demente, e elixen rei a Ariwaldo, cuñado seu, que encerra a muller de Adaloaldo nun mosteiro acusándoa de tramar contra el xunto con Grasfulfo II de Friuli.

Ariwaldo fixa a corte en Ticinum e reorganiza a administración seguindo o exemplo bizantino.

o duque alamano Berohartus publica o ‘pactus alemannorum’, o primeiro código lexislativo alamano, coa pretensión de conter os feudos frecuentes entre a poboación.

Edwin de Northumbria derrota a Cynegils, rei de Wessex, que tentara quebrar a súa crecente fortaleza asasinándoo e obrígao a recoñecer a súa autoridade.

abril, 19: Eanflaed, filla de Edwin, nace na residencia real onde o río Derwent. Paullinus bautízaa.

abril, 20 (Pascua): Edwin de Northumbria escapa a un atentado e promete converterse ao cristianismo, cousa que se decide nunha asemblea de nobres (witan) reunida en Goodmanham.

Edwin invade a illa de Man e logo Anglesey. Cadawallon, o rei, é derrotado en batalla e asediado na illa Puffin.

maio, 14-15: motíns de soldados da garda imperial (scholae) en Constantinopla, furiosos pola supresión das distribucións de annona e o aumento do prezo do pan. O patriarca cálmaos sacrificando o tesoureiro Xoán Seismos.

xullo, 2: Li Shimin viaxa a Chang’an para despedir a seu irmán Li Yuanji, cunha encomenda militar contra os turcos orientais. Li ten noticia de que o queren matar e toma a entrada norte ao palacio imperial con varios fieis, tende unha emboscada e elimina os seus irmáns Li Yuanji e Ji Jiancheng, que están detrás do atentado, celosos do seu poder.

xullo, 29 (ata agosto, 7): Cosroes II acorda unha alianza cos avaros, que cruzan o Danubio e chegan a Constantinopla (arredor de 80000 homes, incluídos grandes continxentes de eslavos, búlgaros e outros ‘bárbaros’), atacando as murallas da cidade. Un pequeno continxente persa chega ao Bósforo. Úsanse as máquinas de asedio máis potentes e modernas, moitas delas cubertas con peles para protexelas dos defensores.

a defensa da cidade (12000 homes ben adestrados) está en mans de Serxio I e Bonus, magister militum.

xullo, 31: os avaros e os persas lanzan un ataque que cubre a totalidade dos ‘muros de Teodosio’ (uns 5,7 kms) concentrando esforzos na parte central, particularmente o mesoteichion, de menos altura. Logo de duros combates de infantería nos propios muros os bizantinos repelen moitos asaltos á cidade. Heraclio ordena a seu irmán Theodoro tratar de distraer os persas no O de Anatolia mentres el volve ao seu propio exército en Pontus.

agosto, 7: nas augas do ‘Corno de Ouro’ a flota persa é destruída mentres transporta reforzos. Os avaros, logo de sufrir terribles perdas e quedar sen comida e subministracións, queiman as súas propias máquinas de asedio e abandonan o sitio e retroceden aos Balcáns. Os bizantinos logran unha gran vitoria, decisiva, en Blaquernae ‘baixo a protección’ da Virxe María.

Heraclio, con menos de 30000 homes está á defensiva en Pontus. Simula deixar un continxente poderoso en Trapezus e retírase en dirección NE ao longo do Mar Negro ata Colchis, onde contén os persas mediante unha combinación de ataques e repregues ao longo do río Phasis.

Cosroes II planea un ataque definitivo contra Constantinopla, volve a Anatolia con dous exércitos – quizás máis de 50000 homes cada un, e un posiblemente mandado por el mesmo. Un debe conter a Heraclio en Pontus e outro baixo Shahin Vahmanzadegan é derrotado por Theodoro.

Heraclio convida os croatas, eslavos procedentes de Galitzia, Silesia e Bohemia a asentarse en Illyricum; dánselles terras entre o Drave e o Adriático para así facer contrapeso fronte ós avaros. Aos serbios permíteselles trasladarse desde as súas terras ao norte dos Cárpatos aos territorios ao leste dos croatas. Heraclio solicita a Honorio I que envíe misioneiros a ambos grupos.

Heraclio alíase con Tong Yabghu Qaghan, khagan dos turcos occidentais, para unha invasión conxunta contra os persas na primavera seguintes. Promete a súa filla Eudoxia Epiphania (15 anos) en matrimonio ao khagan e envíaa cunha forte escolta e numerosos agasallos.

Heraclio recupera Anatolia e Exipto para o imperio, e logo ataca directamente Mesopotamia previa alianza cos jázaros, nómades ao N do mar Negro e descendentes dos hunos desprazados polos turcos desde as fronteiras orientais de Persia.

os jázaros atacan os avaros.

os monxes de san Xurxo de Cyzicus, con eles Máximo Confesor, foxen cara o sur lonxe do exército persa e a devastación que está a causar.

Romanus, bispo de Rouen como sucesor de Hidulfo.

sínodo de Clichy: regulación da división de poder entre os reis merovinxios.

Godinus, fillo do mordomo Warnachar casa coa súa sogra Bertha, a raíz do que Clotario II inicia contra el preparativos militares. Godinus foxe con Bertha onde Dagoberto I pero Clotario atrápaos e mátao a el en Chartres.

Dagoberto I constrúe unha abadía (futura saint Denis) sobre a tumba de Dionysius.

setembro, 4: Gaozu abdica en Li Shimin, que reina co nome de Tang Taizong.

setembro, 23: os turcos orientais asedian Chang’an. Taizong sae da cidade á cabeza das súas tropas e proponlle un combate singular, á maneira das guerras da estepa. A paz asínase ao día seguinte.

Clotario II reúne en Troyes os grandes de Borgoña, que rexeitan nomear un novo mordomo de palacio.

625

Edwin de Northumbria
es.wikipedia.org
morre Teodelinda, nai de Adaloaldo, seriamente ameazado pola oposición ariana.

marzo, 19: os habitantes de a Meca, alarmados polas expedicións musulmás, contraatacan e derrotan os homes de Muhammad en Uhud.

Edwin de Northumbria casa con Ethelberga, filla do defunto Ethelbert de Kent, o que aumenta considerablemente o seu prestixio entre os anglos. Ela é cristiá e ten como conselleiro a Paullinus, un ancián que chegara a Britannia con Agostiño de Canterbury. Ambos propóñense converter a Edwin.

xullo, 21: Edwin de Northumbria, os reis de Kent, de East Anglia e de Wessex abrazan a causa papal en contra dos monxes escoceses e crean o arcebispado de York. Paullinus é consagrado arcebispo de York por Justus de Canterbury.

agosto: expulsión da tribo xudía dos Banu Nadir, que se refuxia no oasis de Khaybar, a 100 kms ao norte.

outubro, 25: morre Bonifacio V.

os escritores teñen agora vez unha conciencia estritamente ‘nacional’, en vista da debilidade progresiva do Imperio; pódese ser cristián sen ser romano. Os reis tampouco se ven coma irmáns e son apoiados sen problemas pola igrexa ‘nacional’ contra outros.

os bizantinos dominan as Baleares; ou as illas quizás gozan de semi-independencia. Ata a caída de Carthago estarán baixo un tribunus que depende de Cerdeña.

o único que queda en mans bizantinas nos Balcáns son castella illados e as cidades de Constantinopla e Thessalonica.

novembro, 3: Honorio I, novo bispo de Roma.

sínodo en Reims: trátanse cuestións relativas á alienación de bens eclesiásticos, á escravitude e ao dereito de asilo nas igrexas.

Heraclio marcha coas súas forzas cara o oeste a través das montañas de Corduene. En menos de sete días pasa o monte Ararat e captura, ao longo do río Arsanias, as fortalezas estratéxicas de Amida e Martyropolis no alto Tigris. O exército persa no norte de Mesopotamia retírase cara o oeste a través do Éufrates. Heraclio segue ata Cilicia, portando un gran botín.

batalla de Sarus: Heraclio cruza vitorioso o río e as forzas de Shahrbaraz, con moitos reforzos, son derrotadas cerca de Adana. Heraclio recupera Capadocia e Pontus e retorna a Trapezus para pasar o inverno. Shahrbaraz retrocede con orden e é capaz de seguir avanzando a través de Anatolia cara Constantinopla.

morre Cadfan de Gwynedd e é soterrado en Llangadwaladr, once inda se pode ver o seu memorial. Sucédeo o seu fillo Cadwallon.

Judicael ap Hoel, rei de Domnonée (norte de Britannia).

Pulakesi II de Chalukya recibe unha embaixada persa en Badami.

Dagoberto I casa con Gomatrude en Clichy. Dous días despois, apoiado polos bispos e nobres reclama a seu pai Clotario II unha asemblea do reino de Austrasia. Clotario cede a rexión ao oeste dos Vosgos e das Ardenas, mais conserva as zonas austrasianas de Aquitania e Provenza.

xoves, 9 de outubro de 2014

616

representación de Adaloaldo, con súa nai
Teodelinda
commons.wikipedia.org
Isanavarman, rei de Chen-la, conquista e asimila Fu-nan; a potencia económica da zona pasa a ser Shampa.

Sisebuto conquista Septem, derrota os bizantinos e obrígaos a asinar unha tratado que restrinxe as posesións romanas ao Algarve. Heraclio pon como condición a expulsión dos xudeus de Hispania. Sen embargo, Sisebuto, da a opción de bautizarse no prazo dun ano baixo penas de exilio e confiscación dos seus bens. 90000 convértense e moitos outros refúxianse en Gallia.

Isidoro de Sevilla censura a medida de Sisebuto contra os xudeus porque "vai contra a liberdade duns súbditos".

morre Axilulfo e sucédelle Adaloado (14 anos), baixo a rexencia de Teodelinda e o xeneral Sundrarito.

Yangdi, escarmentado, traslada a capital máis ao sur, o que aumenta a súa impopularidade entre un importante sector da corte. A recente unificación de China non está consolidada: o norte ten a supremacía política e militar, pero o sur ten a superioridade cultural, e considera os ‘Sui’ uns bárbaros.

no norte estalla una revolta dirixida por Li Mi.

Cadfan ap Iago sucede a seu pai Iago ap Beli como rei de Gwynedd.

morre Aethelberht de Kent. Publicara un código legal que establecía un sistema de multas por cada delito cometido; e que substituía o código de honor e vinganza. Aethelberht tiña influencia sobre os seus veciños e a súa ausencia xera unha espiral de violencia.

febreiro: Eadbald sucede a Aethelberht, seu pai, como rei de Kent; é pagán e casa coa súa madrastra, Emma, seguindo o costume pagán; Laurentius de Canterbury fai por bautizalo de novo.

batalla do río Idle: Aethelfrith de Northumbria decide marchar cara o sur cunha pequena forza para apoderarse de algúns territorios de East Anglia, pero Raedwald ten todo o seu exército reunido para invadir Northumbria. Aethelfrith dase conta tarde da superioridade numérica do inimigo pero entra igualmente en combate, sendo derrotado e morto. Raedwald corona a Edwin rei de Northumbria.

os fillos de Aethelfrith corren sorte dispar: Eanfrith (26) foxe onde a familia de súa nai, e Gododdin intérnase en territorio picto. Oswald (12), Oswiu (4) e outros escapan á corte de Eochaid Buide de Dál Riata, onde son bautizados polos monxes de Iona.

morre Saeberht, primeiro rei cristián de Essex, e os seus fillos Sexred, Saeward e Sigeberht sucédeno e reinan xuntos. Volven ao paganismo.

Mellitus, bispo de Londinium, é exilado por Sexred a Gallia.

batalla de Chester, que ocasiona a separación definitiva da poboación britana en Gales e Cumbria.

os xudeus de Xerusalem toman o control da cidade e o templo é reconstruído por Nehemiah ben Hushiel (exilarca de Xerusalem), que establece un alto sacerdocio. Gran parte de Xudea e Galilea constitúen unha provincia autónoma dentro do imperio persa.

Shahin Vahmanzadegan destrúe Sardis, incluída a sinagoga; a súa importancia débese a unha vía que leva desde o interior á costa do Exeo. Shahin atravesa Anatolia, derrotando os bizantinos en numerosas ocasións.

luns, 15 de setembro de 2014

603

triente de ouro de Witerico
ceca ELIBERRI
www.maravedis.net
marzo: o embaixador bizantino Lilius, enviado onde Cosroes II, chega a Dara, onde lle comunican que será declarada a guerra contra Phocas.

Phocas ordena a Germanus, gobernador de Dara, que tome Edessa, onde Narsés se ten rebelado contra el, e este pide axuda a Cosroes II.

primavera: Liuva II enfróntase no propio pazo real de Toletum a unha rebelión ariana encabezada novamente por Witerico, que conta co apoio de gran parte da aristocracia. Nun combate o rei perde a man dereita, é capturado e executado polos rebeldes. Witerico, novo rei, fíxase como obxectivos expulsar os bizantinos e restaurar o arianismo.

xullo/agosto: Axilulfo sae de Mediolanum e asedia, coa axuda de auxiliares avaros, Cremona.

batalla de Degsastan: Aethelfrith, rei de Bernicia, vence as forzas combinadas de Strathclyde baixo Áedán mac Gabráin de Dalriada, establecendo a supremacía definitiva dos anglos na parte norte de Britannia.

Bonifacio (futuro bispo de Roma), nomeado apocrisiarius por Gregorio I.

a dinastía Sui mina o poder do turco Tardu instigando disensións entre turcos occidentais e orientais. Tardu, khagan occidental, é asasinado e sucedido por Heshana Khan, fillo seu, que impón fortes tributos ao pobo tiele.

abril, 7: Axilulfo, influído por Teodelinda, abandona o arianismo polo catolicismo e é bautizado, xunto co seu fillo Adaloaldo, na catedral de Monza, onde se instala a ‘coroa de ferro dos lombardos’.

a nova estabilidade en China baixo Wendi fai aumentar as zonas de cultivo e tamén progresa a tecnoloxía naval.

decembro: Shōtoku impón un novo sistema xerárquico na administración en Xapón que lle permite manexa con habilidade os clans máis poderosos e inserilos nun código de honor e obediencia ao poder central.

o monxe de Hibernia Offo funda a abadía de Schuttern en Alemaña.

agosto, 21: Cremona tomada polos lombardos. Axilulfo tamén toma Padua e Mantua, sendo repartidos os territorios destas cidades entre os ducados de Brescia e Bergamo.

setembro, 13: Mantua tomada polos lombardos; a fortaleza de Vulturnia réndese sen combate.

setembro: alcánzase unha tregua entre o exarca de Ravenna e os lombardos.

Gostun, soberano búlgaro.

agosto, problemas entre Comentiolus (magister militum Spaniae) e representantes eclesiásticos hispanos (Ianuarius, bispo de Malaga, un crego dependente deste e Stephanos, bispo de Illiberris), depostos e exiliados, causan o envío do defensor Xoan desde Roma. Había unha petitio por parte de Ianuarius, seguindo os procedementos do Corpus Iuris Civilis: Spania forma parte do exarcado de Africa, Mauretania II, e por tanto aplícanse as leis imperiais.

a causa do problema poden ser disensións dos bispos fronte á política imperial, unha posible conivencia co poder visigodo nas zonas limítrofes ou a morte de Liciniano, bispo de Carthago-Nova en Constantinopla, envelenado ab aemulis, segundo Isidoro de Sevilla.

Gregorio I escribe ao seu defensor Xoán, camiño de Hispania, para que poña orde nas condutas duns monxes da illa Cabreira, ao igual que sucede en Cerdeña: “alí onde a gravidade da culpa pide a aplicación da lei canónica, non podemos apartar a un lado o que é necesario corrixir, non sexa que, facendo ollos cegos, demos forza ás accións depravadas que, así como as encontramos, debemos de segar coa disciplina. Pois téñennos chegado novas de que os monxes do mosteiro na illa Cabrera, a carón de Mallorca, tamén unha illa (Capria insula, quae iuxta Maioricam idem insulam est ...),  obran de xeito tan perverso e teñen sometido as súas vidas a diversos crimes, que manifestan que, máis que servir a Deus, loitan, e dígoo chorando, a favor do antigo inimigo. Ti, coa autoridade que che confiren estas cartas, diríxete ao mosteiro, para informarte da vida e costumes dos que alí viven, procedendo a unha ampla investigación. Deste xeito, todo o que atopes que debe ser eliminado, tal como pide a norma canónica, terás que corrixilo impoñendo as penas correspondentes, e terás que preocuparte de informar os monxes de todo o que teñen que respectar. A túa forma de corrixir ten que servir para facer retornar os monxes ao camiño da boa vida monacal, de tal xeito que ti non sexas culpable de nada ante nós”

os datos arqueolóxicos falan dun complexo central común e unha serie de celas individuais arredor (o que permite cultos comúns e unha dedicación espiritual individual), unha zona de produción e unha necrópole, masculina e sen xoias, entre os ss. V-VII. Tamén hai restos en Conejera.

cando menos hai unha factoría de salgado de peixe e un taller de fabricación de púrpura. A comunidade debe ser bastante grande e probablemente non funcionará máis alá de 750 debido á inestabilidade política da época, con gran número de bandas de piratas.

Agostiño de Canterbury consegue que Aethelbert de Kent se bautice, o cal tamén lle permite entrar en Essex e Anglia oriental, territorios nos que o rei de Kent ten gran influencia.

Phocas trata de conter os avaros co pago dun forte tributo, o que lle vale o desprezo do exército. Ante o avance persa trata de obter apoios en occidente, recoñecendo a supremacía de Roma sobre Constantinopla, o que causa escándalo nesta cidade. Adopta medidas severas contra o monofisismo, que lle valen reaccións contrarias en Exipto e Asia Menor.

a pesar dos problemas e da gran diminución da poboación, as grandes avenidas de Roma seguen abertas. Moitos edificios públicos monumentais son dedicados a novos usos: cemiterios, vertedoiros, …

as importacións de produtos (envasados en ánforas) de Africa e o leste, inda que diminúen, seguen a chegar á capital.

neste ano prodúcese a última mención do Senado (aclamando as estatuas de Phocas e a súa dona Leontia) como tal pero a administración pública civil segue a funcionar, dirixida polo exarca de Ravenna. De todas maneiras, o gran poder romano é xa o bispo de Roma.