Amosando publicacións coa etiqueta Phocas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Phocas. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de setembro de 2014

610

sólido de ouro coa efixie de Heraclio
www.numismall.com
Benxamín, mencionado coma bispo de Dumio.

Muhammad (40 anos) retírase a meditar a unha cova no monte Hira, cerca de a Meca, onde seica soña que o arcanxo Gabriel o chama a converterse no profeta de Allah para liberar o seu pobo da idolatría.

Allah, o todopoderoso, é o único deus que xulgará a todos os mortais o último día. Para gañar o seu favor e alcanzar o paraíso, os homes deben ser humildes e xustos, e dar parte da súa fortuna aos pobres e orfos. Denuncia os comerciantes ricos de a Meca e obrígaos a someterse aos ditados de Allah.

abril, 18: Serxio I, patriarca de Constantinopla, sucede a Thomas I.

abril/maio: os católicos conxuran contra Witerico e envelénano nun banquete en Toletum. Elixen rei a Gundemaro, duque de Narbona, que reúne o chamado concilio de Gundemaro, onde se restablece o catolicismo como relixión do estado. Gundemaro fíxase como política combater a vascos e bizantinos.

Eusebio, asina “ego Eusebius Tarraconenses” no Decretum de ecclesia Toletana de Gundemaro.

setembro: a comunidade xudía de Antioquía provoca graves disturbios na cidade; morre o patriarca Anastasio.

Columba e os seus compañeiros irlandeses (entre eles Gallus) fundan mosteiros en territorio franco; a súa regra é máis estrita que a beneditina e insiste no ascetismo. Brunequilda expúlsao de Burgundia e pasa á Suiza actual, onde funda un mosteiro xunto ao lago Constanza.

outubro, 4-5: Heraclio o Novo dirixe unha flota de guerra cara Constantinopla. Ao ter novas de tal feito o pobo lánzase contra o palacio imperial e a garda non fai gran cousa para impedir que Phocas sexa torturado ata morrer.

outubro, 6: Heraclio é proclamado emperador polo patriarca Serxio I. Modifícanse as normas sucesorias: xa non se elixe un césar como era costume desde a ‘tetrarquía’ de Dioclecio. O título imperial pasa a ser basileus.

o seu primeiro acto de goberno importante é facer o grego lingua oficial do imperio en substitución do latín. O grego era a lingua nai da inmensa maioría da poboación.

en teoría, Cosroes II debería estar agora satisfeito pero decide continuar a guerra. Prosegue con operacións militares en Syria e Anatolia.

Máximo Confesor traballa como xefe da chancelería imperial de Heraclio, protoasecretis. Posteriormente renunciará e profesará coma monxe en Chrysopolis, na outra ribeira do Bosphorus; quizás incómodo coa situación relixiosa na corte imperial e polo desexo de levar unha vida dedicada á oración.

batalla de Wangas (próximo á actual Berna): os alamanos baixo Berohartus arrasan a rexión de Avenches e vencen os condes francos da alén do Jura, ocupando o país. A villa romana de Aventicum resulta abandonada.

Teodeberto II fai asasinar a súa dona Bilichildis.

os avaros penetran en Friuli e arrasan o ducado, que actúa como protección lombarda contra os eslavos. Tasso sucede a Xisulfo II como duque, ao morrer este en combate contra os invasores.

c., Georgius Cuprios, xeógrafo bizantino, escribe descriptio orbis romani en grego e enumera as cidades do imperio. Quizás non é un documento oficial pero si deben ser datos tomados dalgún tipo de catálogo oficial. Menciona Spania:

670. Eparquia Mauritania II:
671. Septem, en Hispania
672. Mesopotamenoi, en Hispania
673. Mallorca, isla
674. Minorca, isla

a eparquia está dirixida desde Cartaxena (carta de Liciniano a Vicente de Ibiza); curiosamente Ibiza non se cita (tampouco Córcega, na parte correspondente), posiblemente por erro dos copistas.

os búlgaros do Volga logran independizarse dos eslavos.

Selyf ap Cynan sucede a seu pai Cynan Garwyn como rei de Powys.

a fabricación de papel chega a Xapón importada polo sacerdote budista Dam Jing.

Bonifacio IV celebra un concilio en Roma para tentar afianzar a disciplina monástica. Mellitus, bispo de Londres, está entre os asistentes.

Xoán V, patriarca de Alexandría.

outubro, 23: o bispo de Toledo é recoñecido como metropolitano polos bispos de Spania.

martes, 23 de setembro de 2014

608

beowulfmedieval.wordpress.com
Cosroes II asedia Antioquía e en Constantinopla a poboación está aterrada. Phocas demostra ser un inepto e reacciona de xeito violento ante calquera problema; isto faino impopular pero dispón da garda de palacio, coa que somete a cidade a un réxime de terror que mantén á raia os cidadáns.

Heraclio o Vello, exarca de Africa, e o seu fillo, tamén Heraclio, rebélanse contra Phocas. Proclámanse cónsules, e reclaman a púrpura. Acuñan moeda cos dous levando a coroa consular. Syria e Palaestina Prima tamén se rebelan.

verán: Heraclio o Vello, a petición de Crispos, xenro de Phocas, envía un exército a Exipto ao mando do seu sobriño Nicetas, que entra en Alexandría e controla gran parte do Baixo Exipto. Reteñen tamén a flota annonaria que debía transportar o gran a Constantinopla. Bonosus, enviado por Phocas, non logra volver a controlar a provincia.

loitas civís en Syria con partidarios e opositores aos edictos de Phocas contra o monofisismo.

Cosroes II invade Armenia e penetra en Anatolia atravesando Cappadocia, Phrygia, Galatia e Bithynia.

agosto, 1: en Roma dedícaselle unha columna corintia de 44 pés de altura (13,6 mts.) a Phocas por orden do exarca.

setembro, 25: Bonifacio IV, novo bispo de Roma logo de case outro ano de ‘sé vacante’.

Phocas cede o uso do Panteón, no campo de Marte, a Bonifacio IV.

Yangdi continúa a campaña de obra pública emprendida por seu pai, e manda abrir un gran canal que una Luoyang e Pekin (‘gran canal de Hebei’); tentara diminuír o número de traballadores forzados, pero as necesidades das obras obrígano a rectificar e son recrutados grandes continxentes de traballadores, dos que a metade morre no traballo; por exemplo, un millón de persoas participan na construción do ‘gran canal’.

Yangdi ve recoñecida á súa autoridade por parte dos oasis na conca do Tarim, o que lle abre as portas ao comercio con Persia e India

unha expedición chinesa destrúe a capital do reino de Shampa. Tamén se inicia outra expedición a Taiwan.

Eochaid Buide sucede a seu pai Áedán mac Gabráin como rei de Dál Riata.

a igrexa de Xeorxia volve á ortodoxia de Chalcedonia.

Halloween mencionado por primeira vez como ‘festividade’ cristián.

c., posible data de composición de Beowulf.

martes, 16 de setembro de 2014

607

manuscrito Wandalgarius
ano 793
www.pankraz-fried.de
Ceolwulf de Wessex ataca Sussex.

febreiro, 19: Bonifacio III, logo de case un ano de ‘sé vacante’, novo bispo de Roma.

marzo, 15: é visible o cometa Halley.

Brunequilda fai que mutilen un pé de Uncelenus, duque alamano, o que segundo a lex alamannorum non lle permite ostentar ningún cargo ao non poder montar a cabalo sen axuda.

agosto, 1: Suiko, a iniciativa de Shōtoku, envía unha embaixada a China encabezada por Ono no Imoko: o inicio dunha longa tradición de intercambios políticos, culturais e relixiosas entre os dous estados. Ono leva o encargo de pagar tributo a Yangdi e leva unha carta do rexente que comeza “O Fillo do Ceo onde nace o sol, ao Fillo do Ceo onde se pon.” Isto irrita o emperador chinés que non ve recoñecida a súa superioridade na carta.

Suiko e Shōtoku contemplan terminado o templo ‘Hōryū-ji’ en Ikaruga, o máis antigo dos construídos con madeira conservado. Tamén doan unha estatua de Buda, co que cumpren o desexo do emperador Yōmei, pai de Shōtoku.

os godos, Austrasia, Neustria, e os lombardos forman unha alianza contra Theuderico II de Burgundia, cuxa avoa e irmán asasinaran a súa muller, Ermenberga, filla de Witerico, rei godo. Prodúcense combates no entorno de Narbonna.

o xeneral chinés Gao Jiong ofende o emperador Yangdi con comentarios críticos sobre certas políticas imperiais; é executado e os seus fillos exiliados a provincias de fronteira no norte.

Phocas concede o título de ‘bispo universal’ a Bonifacio III, nun intento de mellorar relacións con Roma.

outubro, 11: Tomas I, patriarca de Constantinopla.

un exército persa baixo Shahin Vahmanzadegan invade a Armenia bizantina, captura Teodiosopolis. Outro baixo Schahrbaraz somete Mesopotamia.

novembro, 12: morre Bonifacio III.

luns, 15 de setembro de 2014

605

ponte Zhaozhou
www.futuropasado.com
xaneiro, 1: Ajen Yohl Mat, sucesor de Yohl Ik’nal (morto dous meses antes), no trono de Palenque.

o mordomo de Burgundia Protadius e Brunequilda inflúen para que Theuderico II declare a guerra a seu irmán Teodeberto II. Os exércitos de Theuderico II congréganse en Quierzy, pero os nobres dirixidos polo duque alamano Uncelenus néganse a combater, asasinan o mordomo e forzan unha paz entre os irmáns.

Phocas recoñece a Axilulfo e asina un tratado de paz: paga un tributo e cede varias cidades, entre elas Orvieto.

xuño, 7: Phocas arresta a Constantina, viúva de Mauricio, e as tres fillas; acusadas de conspiración e executadas en Chalcedonia. A conxura quería colocar no trono a Germanus, tamén depurado, xunto con moitos altos funcionarios implicados.

un conflito entre os lahkmidas e Cosroes II fai que a fronteira persa con Arabia quede desmantelada e desprotexida.

os iugures volven independizarse dos turcos co liderado de Shigan-Sygin.

Yangdi ordena trasladar a capital desde Chang’an a Luoyang. Comeza a construción do ‘gran canal’ que unirá as vías fluviais existentes coa nova capital; empregará un millón de traballadores.

Yangdi introduce o sistema de ‘oposicións’ para elixir os mellores funcionarios estatais.

remátase a ponte Zhaozhou, (tamén Anji), aponte de pedra construída con arco segmentario máis antiga de China; sobre o río Xiao (provincia de Hopei) e coa traza de Li Chun. Quizás a ‘ponte de Traxano’ incluía este sistema construtivo.

Amshuvarma, rei de Licchavi, en Nepal. Atribúeselle a apertura de rutas comerciais cara Tibet. O seu período é coñecido como o ‘período dourado’.

604

Shōtoku Taisi
flanqueado por Eguri (irmán)
e Yamashiro (primoxénito)
en.wikipedia.org
marzo: morre Gregorio I, o primeiro bispo de Roma enérxico desde Xelasio I. Os  beneditinos aumentan o seu poder fronte os bispos. Non é un gran teólogo pero inflúe na doutrina en anos posteriores: anxos e demos, purgatorio, penitencia, milagres, reliquias, …; regula o canto nos mosteiros (‘canto gregoriano’, inda que non se refire ao desta época, chamado realmente ‘romano antigo’, que caeu en desuso no s. XIV mentres o ‘canto gregoriano’ aparece realmente un século despois de Gregorio I.

Gregorio I reorganiza a administración eclesiástica partindo de que a Igrexa é a maior forza económica de Italia: pode recrutar tropas, restaurar os acuedutos da cidade e repartir comida entre a poboación de Roma, co que se converte no verdadeiro xefe da cidade, inda recoñecendo a autoridade teórica do exarca.

os xuízos sobre el son diversos – Jortin: ‘destacable por moitas cousas – por exaltar a súa autoridade, desprezar a cultura humanística e a literatura, queimar obras clásicas, protexer a ignorancia e a estupidez, perseguir herexes, bailarlle a auga a príncipes execrables, relatar unha manchea de mentiras absurdas, monstruosas e ridículas (os milagres); un prelado ambicioso e insolente baixo a máscara da humildade’; Draper: non só prohibe o estudo dos clásicos, mutila estatuas e destrúe templos, senón que ‘queimou a biblioteca Palatina, fundada por Augustus’; Gibbon: ‘mestura de simplicidade e astucia, de orgullo e humildade, sentido común e superstición’, dubida que fora responsable deste feito.

Gregorio non parece ter sido afeccionado ao viño e as mulleres, como outros papas pero era moi orgulloso e ambicioso. Exemplo son as felicitacións a Phocas, logo de que este masacrara a familia de Mauricio, simplemente porque o usurpador beneficiaba a súa política. Isto demostra a súa falta de escrúpulos.

abril, 7: o príncipe Shōtoku Taisi, rexente, promulga a "constitución dos dezasete artigos", que vincula o budismo coa ética confucianista, e demanda harmonía nas relacións humanas; tamén manda construír numerosos templos budistas e favorece a chegada de numerosos libros e ideas de China. O rexente tamén constrúe vías de comunicación postais e fai que se escriban importantes crónicas.

Xapón inicia un proceso de transformación nunha monarquía de vasalaxe: creación do título de tennō.

maio, 26: morre Agostiño de Canterbury e Laurencio sucédeo como arcebispo de Canterbury.

os avaros reagrúpanse logo de ser case destruídos e a guerra persa fai que Phocas poida destinar poucas tropas a conter o problema nos Balcáns.

agosto, 13: Sui Yangdi asasina e sucede a Sui Wendi, seu pai, (63 anos) como emperador.

Cosroes II logra tomar posicións bizantinas ao leste do Éufrates e destruír, entre outras, a fortaleza de Dara.

Aethelfirth de Northumbria invade Deira e mata a Aethelric. O príncipe, fillo do rei Aella de Deira, quizás sobriño de Aethelric, foxe á corte do rei Iago de Gwynedd (NO de Gales).

Saeberht, sucesor de Sledda, pai seu, como rei de Essex. Aethelberht de Kent, tío seu, logra que se bautice. Fúndanse os bispados de Londres (o primeiro bispo é Mellitus) e Rochester (Justus, primeiro bispo).

setembro, 13: Sabinianus, novo bispo de Roma, recoñecido por Phocas. Caracterízao a avaricia e a crueldade cos pobres, tanto que ten problemas nas súas aparicións públicas. Chega a subir os presos do gran durante unha fame. Acusa a Gregorio I, logo de morto, de simonía.

novembro, 11: o ‘mordomo’ de Neustria Landerico vence as tropas do ‘mordomo’ de Burgundia Bertoaldo en Aurelianum (Orleáns). Austrasia, baixo Theuderico II mantense á marxe do conflito, o que constitúe a primeira disensión con seu irmán Teodeberto II.

Theuderico II asina unha paz con Clotario II en Compiegne.

decembro, 24: na batalla de Stampae (cerca de París) o exército de Theuderico II, coa axuda de Bertoaldo, vence ao de Neustria baixo Clotario II e logra entrar en París.


decembro, 25: Brunequilda argalla a morte do mordomo Bertoaldo para o que convence a Theuderico de que o mande a inspeccionar as villae reais ao longo do Sena. Logo fai que tamén arresten e maten ao encargado de matar o mordomo.

603

triente de ouro de Witerico
ceca ELIBERRI
www.maravedis.net
marzo: o embaixador bizantino Lilius, enviado onde Cosroes II, chega a Dara, onde lle comunican que será declarada a guerra contra Phocas.

Phocas ordena a Germanus, gobernador de Dara, que tome Edessa, onde Narsés se ten rebelado contra el, e este pide axuda a Cosroes II.

primavera: Liuva II enfróntase no propio pazo real de Toletum a unha rebelión ariana encabezada novamente por Witerico, que conta co apoio de gran parte da aristocracia. Nun combate o rei perde a man dereita, é capturado e executado polos rebeldes. Witerico, novo rei, fíxase como obxectivos expulsar os bizantinos e restaurar o arianismo.

xullo/agosto: Axilulfo sae de Mediolanum e asedia, coa axuda de auxiliares avaros, Cremona.

batalla de Degsastan: Aethelfrith, rei de Bernicia, vence as forzas combinadas de Strathclyde baixo Áedán mac Gabráin de Dalriada, establecendo a supremacía definitiva dos anglos na parte norte de Britannia.

Bonifacio (futuro bispo de Roma), nomeado apocrisiarius por Gregorio I.

a dinastía Sui mina o poder do turco Tardu instigando disensións entre turcos occidentais e orientais. Tardu, khagan occidental, é asasinado e sucedido por Heshana Khan, fillo seu, que impón fortes tributos ao pobo tiele.

abril, 7: Axilulfo, influído por Teodelinda, abandona o arianismo polo catolicismo e é bautizado, xunto co seu fillo Adaloaldo, na catedral de Monza, onde se instala a ‘coroa de ferro dos lombardos’.

a nova estabilidade en China baixo Wendi fai aumentar as zonas de cultivo e tamén progresa a tecnoloxía naval.

decembro: Shōtoku impón un novo sistema xerárquico na administración en Xapón que lle permite manexa con habilidade os clans máis poderosos e inserilos nun código de honor e obediencia ao poder central.

o monxe de Hibernia Offo funda a abadía de Schuttern en Alemaña.

agosto, 21: Cremona tomada polos lombardos. Axilulfo tamén toma Padua e Mantua, sendo repartidos os territorios destas cidades entre os ducados de Brescia e Bergamo.

setembro, 13: Mantua tomada polos lombardos; a fortaleza de Vulturnia réndese sen combate.

setembro: alcánzase unha tregua entre o exarca de Ravenna e os lombardos.

Gostun, soberano búlgaro.

agosto, problemas entre Comentiolus (magister militum Spaniae) e representantes eclesiásticos hispanos (Ianuarius, bispo de Malaga, un crego dependente deste e Stephanos, bispo de Illiberris), depostos e exiliados, causan o envío do defensor Xoan desde Roma. Había unha petitio por parte de Ianuarius, seguindo os procedementos do Corpus Iuris Civilis: Spania forma parte do exarcado de Africa, Mauretania II, e por tanto aplícanse as leis imperiais.

a causa do problema poden ser disensións dos bispos fronte á política imperial, unha posible conivencia co poder visigodo nas zonas limítrofes ou a morte de Liciniano, bispo de Carthago-Nova en Constantinopla, envelenado ab aemulis, segundo Isidoro de Sevilla.

Gregorio I escribe ao seu defensor Xoán, camiño de Hispania, para que poña orde nas condutas duns monxes da illa Cabreira, ao igual que sucede en Cerdeña: “alí onde a gravidade da culpa pide a aplicación da lei canónica, non podemos apartar a un lado o que é necesario corrixir, non sexa que, facendo ollos cegos, demos forza ás accións depravadas que, así como as encontramos, debemos de segar coa disciplina. Pois téñennos chegado novas de que os monxes do mosteiro na illa Cabrera, a carón de Mallorca, tamén unha illa (Capria insula, quae iuxta Maioricam idem insulam est ...),  obran de xeito tan perverso e teñen sometido as súas vidas a diversos crimes, que manifestan que, máis que servir a Deus, loitan, e dígoo chorando, a favor do antigo inimigo. Ti, coa autoridade que che confiren estas cartas, diríxete ao mosteiro, para informarte da vida e costumes dos que alí viven, procedendo a unha ampla investigación. Deste xeito, todo o que atopes que debe ser eliminado, tal como pide a norma canónica, terás que corrixilo impoñendo as penas correspondentes, e terás que preocuparte de informar os monxes de todo o que teñen que respectar. A túa forma de corrixir ten que servir para facer retornar os monxes ao camiño da boa vida monacal, de tal xeito que ti non sexas culpable de nada ante nós”

os datos arqueolóxicos falan dun complexo central común e unha serie de celas individuais arredor (o que permite cultos comúns e unha dedicación espiritual individual), unha zona de produción e unha necrópole, masculina e sen xoias, entre os ss. V-VII. Tamén hai restos en Conejera.

cando menos hai unha factoría de salgado de peixe e un taller de fabricación de púrpura. A comunidade debe ser bastante grande e probablemente non funcionará máis alá de 750 debido á inestabilidade política da época, con gran número de bandas de piratas.

Agostiño de Canterbury consegue que Aethelbert de Kent se bautice, o cal tamén lle permite entrar en Essex e Anglia oriental, territorios nos que o rei de Kent ten gran influencia.

Phocas trata de conter os avaros co pago dun forte tributo, o que lle vale o desprezo do exército. Ante o avance persa trata de obter apoios en occidente, recoñecendo a supremacía de Roma sobre Constantinopla, o que causa escándalo nesta cidade. Adopta medidas severas contra o monofisismo, que lle valen reaccións contrarias en Exipto e Asia Menor.

a pesar dos problemas e da gran diminución da poboación, as grandes avenidas de Roma seguen abertas. Moitos edificios públicos monumentais son dedicados a novos usos: cemiterios, vertedoiros, …

as importacións de produtos (envasados en ánforas) de Africa e o leste, inda que diminúen, seguen a chegar á capital.

neste ano prodúcese a última mención do Senado (aclamando as estatuas de Phocas e a súa dona Leontia) como tal pero a administración pública civil segue a funcionar, dirixida polo exarca de Ravenna. De todas maneiras, o gran poder romano é xa o bispo de Roma.

domingo, 14 de agosto de 2011

602

Focas coa toga consular
primavera: Witerico é nomeado xefe do exército e recibe órdes de Liuva II de atacar Spania (territorios bizantinos na península).

os avaros ofrecen a Mauricio a liberación de 12000 prisioneiros a cambio de 6000 moedas de ouro. Mauricio non acepta, e aos soldados non lles gusta nada que o emperador valore as vidas cada compañeiro en menos de media moeda de ouro.

para colmo ordena as tropas pasar o inverno alén do limes do Danubio, cun clima moi duro.

prodúcese unha rebelión baixo a dirección dun centurión chamado Phocas, que marcha sobre Constantinopla. A cidade pode resistir perfectamente, pero Mauricio tampouco era moi popular debido á súa avareza. Prodúcese outra insurrección intra muros e Mauricio tenta fuxir por mar a Persia cos seus cinco fillos

novembro, 27: os rebeldes abre as portas das murallas e Phocas entra en Constantinopla aclamado polo pobo. Inmediatamente atopan o emperador e decapítano, non antes de que presencie a execución dos seus cinco fillos varóns.

Phocas é o novo emperador.

Cosroes II recibe novas destes feitos e decide atacar o Imperio Romano, xurando que non cesará ata que non vengue a morte do seu 'amigo e pai' e mentres Phocas non sexa axusticiado polo seu crime. A modo de preparación arrasa o reino árabe de Hira, e manda executar a Nu'man III.

Narsés, gobernador da zona norte de Mesopotamia rebélase contra Phocas en Edessa e solicita axuda aos persas. Cosroes envía unha forza expedicionaria a Armenia e cruza o Éufrates.

Gregorio I, satisfeito co derrocamento dun emperador que apoiaba as pretensións de primacía de Constantinopla, pasea as estatuas de Phocas e a súa dona por Roma en sinal de triunfo, e escríbelle para felicitalo polo seu éxito. O novo emperador destaca polos seus vicios: lascivo, bebedor e sanguinario. Milman afirma: "Sorprende que incluso a máis elemental prudencia non atemperara a linguaxe do pontífice triunfante, que se lanza a un panexírico loubando a piedade e bondade do usurpador, chama ceo e terra para que se aleden da súa entronación, augura paz e prosperidade ao imperio procedente dos seus actos piadosos e incluso semella anticipar o retorno da antigua liberdade republicana baixo o goberno do devoto e xentil Phocas."

Heraclio o Vello xa era exarca de Africa, con capital en Carthago; fora nomeado por Mauricio.

finalizan as obras da catedral de Monza.

Agostiño de Canterbury reúnese cos bispos britanos de Gales en Aust, próxima a Chepstow; repréndeos por non seguir a ortodoxia en varios asuntos; entre eles, a datación da pascua e os usos litúrxicos.

Teodeberto II e Theuderico II instalan un duque na fronteira cos vascóns.