Amosando publicacións coa etiqueta Bonifacio II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bonifacio II. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2014

532

en.wikipedia.org
primeira mención da expresión ‘anno domini’ na numeración dos anos. Consecuencia dos cálculos de Dionisio Exiguo, que determina (aproximadamente) o ano do nacemento de Xesús.

segundo el, Xesús nace o 25 de decembro, e conclúe que a ‘Inmaculada Concepción’ é o 25 de marzo, así que propón considerar este día como o primeiro do ano. A data de inicio de ano xa é algo polémico, pois hai quen segue tradición de considerar como tal o 21 de marzo, mentres que outros seguen a proposta de Xulio César e toman como primeiro de ano o 1 de xaneiro. Agora hai unha terceira data en discordia.

xaneiro, 11-18: revolta Niké en Constantinopla: durante un festival no hipódromo os ‘verdes’ berran as súas queixas ao emperador, que permanece en silencio. Finalmente Xustiniano fai que un pregoeiro lles mande calar. Como non fan caso, manda que os insulten. Estes enfurécense inda máis e prodúcese un diálogo entre emperador e verdes que non queda moi digno para o emperador. Os verdes toman as rúas e comezan a incendiar a cidade ao berro de nika! (vitoria). Xustiniano refúxiase en palacio, unha fortaleza.

os verdes son monofisitas e o goberno católico. Ademais, algunhas personalidades da capital financian os seus alborotos por diversos fines. Por exemplo, dous sobriños de Anastasius están resentidos contra a usurpación de Xustino e agora tratan de derrocar a Xustiniano. Parece ser que tamén o xurista Triboniano ten intereses para apoiar as revoltas.

nas rúas, algúns cidadáns fan emperador a Hypatius, sobriño de Anastasius. O palacio ten unha saída ao Bósforo e o emperador decide embarcar todo o que pode para fuxir da cidade, pero seica Teodora di: “aí están as túas naves. Pola miña banda, adhírome á máxima dos tempos antigos de que o trono é un glorioso sepulcro”. Xustiniano, entón, decide quedar, consulta a Belisarius e este considera que pode facerse cargo da situación.

o magister militum per Orientem Belisarius e o magister militum per Illyrium Mundus introducen 3000 soldados no hipódromo, onde os verdes celebran a vitoria, matan entre 30000 e 40000 persoas; os sobriños de Anastasius (Flavius Hypatius e Flavius Pompeius) son executados e Triboniano deposto dos seus cargos.

Childeberto I e Clotario I reinician hostilidades contra o burgundo Gundemaro, a quen asedian en Augustodunum. Gundemaro é derrotado e morre en Zulpiacum, onde é trasladado.

Theuderico I rexeita aliarse con seus irmáns contra os burgundos e as súas tropas ameazan con abandonalo. Como contrapartida inicia unha campaña contra Auvernia, que ameazaban con independizarse; esta rexión resulta arrasada.

Clotario I fai asasinar os seus sobriños Teodebaldo e Guntaro (dez e sete anos), fillos de Clodomiro.

Isidoro de Mileto e Antemio de Tralles foron os encargados das tarefas de reconstrución da capital. A obra máis importante é a construción de ‘Hagia Sophia’. Tamén se comeza a construción do ‘pazo subterráneo’, unha enorme cisterna subterránea para subministrar auga ao pazo imperial.

outra obra destacada é a ‘porta Chalki’, entrada principal ao pazo imperial, coma o pórtico do Senado (entre Hagia Sophia e Magnaura). Ambas desenvólvense sobre o patrón da cruz da cúpula. Na Chalki a única bóveda descansaba sobre os arcos de catro bóvedas de canón. A leste e oeste, estes arcos arrancan de piares saíntes cara dentro; ao norte e sur da parte posterior doutras bóvedas de canón máis baixas e estreitas que ligaban os lados dos piares ao muros exteriores. No pórtico do Senado, que nos lembra a edificación de fondo do ‘Disco de Teodosio’, unha bóveda carga a esquerda e dereita sobre fondas bóvedas de canón; por diante, e polo lado da fachada propiamente dito, parecendo apoiarse só sobre os arcos. A diferenza dos sólidos muros que circundaban a Chalki, as bóvedas de canón e os pórticos do edificio do Senado, están sostidos no exterior por enormes columnas, hoxe desaparecidas.

nas obras imperiais chegan a traballar máis de 10000 persoas.

en Constantinopla hai hospitais gratuítos, beneficencia para pobres, brigadas contra incendios, alumeado público, subministro de auga, cisternas para reservas de auga e hórreas para grao, en caso de asedio.

outubro: asínase a ‘paz eterna’ con Persia que da por finalizada a guerra en Iberia. Ambos bandos acordan devolver os territorios ocupados e Xustiniano consente pagar 110 centenaria (11000 libras de ouro) como contribución para a defensa dos pasos do Cáucaso

Cosroes I planea un reorganización imperial e tamén lle convén a paz. Realiza un censo e establece un novo sistema de impostos. Cosroes ten sona de monarca culto, xusto e tolerante (é coñecido como ‘o Xusto’): a súa sona chega a oídos dos filósofos atenienses (Damaskios, Simplikios e outros), que se quedaran sen saber que facer logo de pechada a Academia e deciden emigrar a Persia, onde son ben recibidos.

liberado do frente persa, Xustiniano planea atacar Africa, onde Xelimer lle dera un bo pretexto ao derrocar a Hilderico, aliado imperial. Xustiniano esixe a entrega de Hilderico pero este é executado.

Septem e Baleares son puntos estratéxicos para Constantinopla na súa ‘reconquista’ da pars occidentis. Procopio narra (bellum vandalicum IV, v, 1-8) que Apolinar, un italiano criado en Africa e home de confianza de Belisarius, conquistou Ibiza, Mallorca e Menorca; podemos deducir que isto formaría parte dun plan de Belisarius –e de Xustiniano– xa que logo dunha serie de vitorias fronte os vándalos e antes de realizar o asalto de Cartago, ordena a conquista de territorios que lle facilitaran auxilio ao acosado rei vándalo, ou que, por rebelións indíxenas, puideran poñer en perigo ao corpo expedicionario oriental.

Xoán Asiacus, monxe fanático, dirixe unha cruzada contra os pagáns en Asia Menor.

outubro, 17: morre Bonifacio II. Celébrase un cónclave para elixir sucesor pero non se chega a ningunha decisión.

An Ding Wang suicídase e sucédeo Xiao Wu Di, como emperador Wei.

Silla conquista a cidade – estado de Geumgwa Gaya en Korea durante o período dos tres reinos.

531

ordorenascendi.blogspot.com
abril, 19: batalla de Callinicum: Belisarius (ao mando de 20000 homes) é derrotado polos persas sasánidas baixo Spahbod Azarethes, Éufrates, nas proximidades da actual ar-Raqqa. Xustiniano inicia negociacións de paz.

febreiro, 20 – abril, 30: Xoán de Capadocia é nomeado prefecto do pretorio de Oriente. Xunto con Triboniano promove medidas impopulares que buscan aumentar os ingresos imperiais.

setembro, 13: morre Khavad I morre e sucédeo Khosrau I Anushrivan ‘o Xusto’ (Cosroes I). Sabíase que o fillo maior era partidario de Mazdak polo que foi relegado a favor de Cosroes, que fixo executar ao propio Mazdak, para que no se dubidara da súa relixiosidade.

a herexía, de carácter comunitario e colectivista, sen embargo, non desaparece de inmediato, pero xa nunca volve ser relevante. Tamén hai matanza na familia real para evitar unha guerra civil, case unha tradición ineludible.

batalla de onde o río Unstrut: a familia dirixente turinxia é prácticamente destruída polos francos; só sobreviven Radegunda e seu irmán, que son capturados. Amalberga, tía deles, e Amalfredo, curmán, escapan cara Constantinopla. É posible que tamén participaran saxóns.

os turinxios eran unha confederación de tribos na zona das actuais Hesse, Thuringia e Sachsen. Semella que falaban un dialecto común.

Radegunda e seu irmán son levados a corte de Clotario I, na proximidade de Soissons. Semella que foron separados: Radegunda a unha propiedade real próxima a Athies, onde estivo ata que tivo idade de casar. Aprendeu a ler e escribir en latín e recibiu instrución na fe católica. Co tempo ensinou e coidou dos nenos e nenas da propiedade.

en Constantinopla, por causa de certos disturbios, algúns ‘azuis’ e ‘verdes’ son apresados.

Amalarico destitúe ao prefecto de Hispania, Estevo, e non nomea substituto.

Amalarico casara con Clotilde, filla de Clodoveo I, para mellorar as relacións cos francos, pero é católica e obrígaa a adoptar o arianismo. Clotilde queixouse ante Clotario I e Childeberto I, que derrotan a Amalarico nas proximidades de Narbo. Os exércitos francos penetran en Hispania perseguindo a Amalarico, que se refuxia en Barcino, onde morre asasinado.

primeiras incursión dos antos nos Balcáns. Xustiniano constrúe liñas fortificadas para protexer o Danubio.

carta do bispo de Toletum, Montanus ao magnate Turribius.

a sección norte de Septimania, en torno a Albi, pasa a control franco.

os visigodos elixen a Teudis, rexente de Amalarico. Os francos saquean o NE de Hispania e Teudis tenta expulsalos.

Bonifacio II busca regular a sucesión no bispado de Roma a favor de Vixilius pero ten que ceder nas súas pretensións ante as presións do clero romano.

remata o tempo de Chang Guang Wang en Wei (norte de China). O xeneral Gao Huan inicia unha rebelión e declara emperador a outro membro do clan imperial, An Ding Wang.

Ankan (66) sucede a seu pai Keitai, como emperador de Xapón.

o xefe iemení Esymphaios sufre un golpe do clan Habachan que o substitúen por Abraham, un cristián orixinario de Adoulis, que entón Kaleb de Axum pasa a recoñecer como vicerrei, logo de fracasar no intento de derrotalo.

530

denario de Xelimer
commons.wikimedia.org
Lampadius e Orestes, cónsules.

primavera: na batalla de Dara (norte de Mesopotamia) Belisarius (26 anos) e Hermóxenes (magister officiorum), cun continxente moito menor, derrotan un exército de persas e árabes (50000 homes) dirixidos por Firouz tras dirixir varios ataques sorpresa en Armenia.

en Constantinopla unha seca causa restricións severas no abastecemento de auga.

verán: batalla de Satala: unha forza de cabalería bizantina (30000) ao mando de Sittas rexeita unha gran invasión persa na Armenia romana.

Hilderico tratara ben a comunidade católica, feito que non gustara en sectores arianos. Xelimer, curmán do rei, encabeza unha rebelión dos mauros, derroca a Hilderico e encérrao en prisión e noméase rei. Restaura o arianismo como credo oficial. Xustiniano non recoñece a autoridade de Xelimer pero envía unha embaixada a negociar; a resposta vándala é: ‘nada é máis desexable que un monarca se ocupe do seu’.

conclúese anthologia latina  en Africa; posiblemente unha compilación do poeta Luxorius.

o emperador Xiao Zhuang Di é arrestado e encerrado nun templo budista en Jinyang (Shanxi). Sucédeo Chang Guang no imperio Wei do norte.

setembro, 22: morre Fiz IV; condenara o semipelaxianismo. Bonifacio II, archidiácono e de orixe goda, sucédeo como bispo de Roma.

setembro, 27: vese o cometa Halley.

outrubro, 14: Dioscorus disputa o nomeamento de Bonifacio II e é elixido no pazo Laterano. Acúsanse mutuamente de simonía, pero Dioscorus morre ao mes. Bonifacio excomunga o seu competidor, unha vez morto e cando non se pode defender.

no tempo de Bonifacio comeza a circular a primeira parte do Liber Pontificalis, unha compilación anónima de biografías dos bispos de Roma desde Pedro ata Fiz III. Son biografías noveladas e cheas de anacronismos. Sobre os primeiros bispos as novas incluídas son escasamente fiables. A propia presenza de Pedro en Roma é dubidosa. En calquera caso, o certo é que o Liber Pontificalis determina a numeración oficial dos bispos de Roma.

Brendan, bispo irlandés, supostamente sube ao cumio do monte Brandon para albiscar as Américas.

Paulo, bispo de Emerita.

unha nova dinastía no reino de Shampa recoñece a soberanía chinesa pero isto non é tolerado pola poboación. O reino Fu-nan está no seu apoxeo, unha talasocracia que une poderes locais unificados pola cultura budista e que mediaba no comercio entre China e India.

Godomaro II, rei burgundo establece unha alianza con Amalasunta, para protexerse mutuamente dos francos.

Xustiniano encarga a Narsés a clausura do templo de Isis en Philaé (Exipto).

no Illyricum fúndase Iustiniana Prima.

Theuderico I, rei de Austrasia, ataca Turinxia.

os reis francos seguen expulsando a miles de godos que deben cruzar os Pirineos e asentarse en Hispania.

Constantinopla conta con aproximadamente 500000 habitantes; Roma con aproximadamente 100000.

continxentes saxóns alcanzan o Rhin.

c., peri strategikes, de autor anónimo, trata no capítulo 17 do xeito de empregar a ‘falanxe de cabalería’, indicando que todos os xinetes deben ir protexidos por armadura de metal, e que, no caso de non ser posible, si deben portala as primeiras liñas do frente, de retagarda e nos flancos, podendo o corazón da falanxe ir provisto só de proteccións de coiro ou pano; e isto porque no centro so se temería a caída de proxectís mentres as liñas exteriores tería que sufrir ademais o corpo a corpo. Non se debe esquecer, sen embargo, o valor psicolóxico desta disposición, pois ao inimigo en batalla lle parecería que toda a falanxe estaría protexida con ferro e presentaba liñas máis sólidas do que en realidade era certo.

decembro, 15: Xustiniano selecciona unha comisión para seleccionar os textos xurídicos esenciais. Esta obra denominarase Digestus (Pandecto). Triboniano é nomeado quaestor sacri palatii e editor xefe da compilación de textos xurídicos romanos.