Amosando publicacións coa etiqueta Peter Brown. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Peter Brown. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de marzo de 2019

pobres e cidadáns a finais do IV no occidente romano

Ambroio
mosaico na 'basílica ambrosiana'
wikipedia
cando os bispos predicaban aos ricos para que realizasen doazóns aos pobres, nom se enfrontaban a un auditorio neutral que simplemente precisaba que o rescataran da súa inercia para servir unha causa nobre e respectábel. pola contra, os defensores da caridade cristiá viñan precedidos dun tradicional e moi prezado hábito de doazón, o cal, segundo se afirmaba, abrollaba dun amor fondamente enraizado. moitos dos cristiáns ricos que se aproximaban a escoitar os seus bispos estaban case xeneticamente predispostos a ser doantes, debido a unha tradición familiar transmitida ao longo de xeracións. pero, mesmamente, estaban predispostos a doar unicamente dunha maneira determinada. bispos como Ambrosio e Agostiño predicaban con insistencia para dominar e canalizar o desexo daquelas persoas nas que inda palpitaba a adrenalina do amor cívico. os seus esforzos foron a miúdo en balde.

para comprender as dificultades ás que se enfrontaban os bispos debemos realizar un considerábel esforzo de inmersión no imaxinario social. temos que entrar nun mundo no que os pobres carecían do marcado perfil social co que chegaron a contar en épocas posteriores. a división social fundamental nom era entre ricos e pobres, mais entre cidadáns e nom-cidadáns. os benfeitores das cidades doaban aos seus 'concidadáns', pero nunca aos pobres. algúns destes cidadáns quizás fosen pobres, pero a pobreza en si mesma nom lles daba dereito a nada. recibían diversións, gozaban de comodidades públicas (como as grandes termas) e, en moitas cidades, obtiñan cantidades considerábeis de comida. pero nom recibían todo aquilo porque fosen necesitados, senón porque eran membros dun grupo privilexiado: conformaban o populus ou a plebs da cidade. é de supor que constituían o vigoroso centro da comunidade urbana. amar a cidade implicaba, mesmamente, amar os seus cidadáns (e a ninguén máis) con 'un afecto sen par'.

permanecía o significado do dereito que asistía a un núcleo privilexiado de cidadáns. era unha herdanza decisiva que o pasado clásico legaba ás cidades do Baixo Imperio. nom perdera nada da súa importancia. nom se baseaba nun laxo sentimento de pertenza, senón que implicaba un dereito legal, celosamente preservado, dos cidadáns residentes.  sempre que a cidade recibía un beneficio importante (como unha partida de gran), os habitantes tiñan que presentarse para demostrar que había moito tempo que residían alí e que eran descendentes de cidadáns residentes, se querían tirar proveito do obsequio.

en épocas de cambio, ese núcleo de cidadáns loitaba por manter os dereitos que acompañaban a súa identidade civil. nom lles abondaba con ser cidadáns do Imperio romano; tamén querían que se lles recoñecese como cidadáns desa Roma en miniatura que era a súa cidade natal. alentados por ese privilexio, negábanse a ser confundidos coa masa anónima dos simples pobres. desexaban destacar, inda que só fose un pouco, por riba da gris pobreza dos indixentes das cidades, así como sobre o inmenso e anónimo mundo das zonas rurais que os rodeaban. recibir alimentos e diversión nom só era unha comodidade; tamén facía que se sentiran diferentes do resto. un amante da cidade tíñalles afecto, só a eles.

incluso nunha cidade pequena o grupo dos cidadáns nom coincidía con todos os seus habitantes.  sempre había forasteiros e pobres que nom eran cidadáns (a miúdo inmigrantes procedentes das zonas rurais) e que se mantiñan á marxe. visitar un teatro nalgunha cidade africana ou en calquera outra parte implicaba comprender cal era o lugar que lle correspondía a cada un nunha orde civil tradicional que nom cambiara ao longo dos séculos. os cidadáns sentábase xuntos. nalgunhas cidades estaban divididos en asociacións profesionais; cada asociación sentábase na súa propia ringleira de bancos marcados. se ben os pobres sen dereitos e os forasteiros nom quedaban excluídos, víanse obrigados a amorearse nas últimas filas, mentres que o populus se sentaba máis abaixo, próximo ao espectáculo e xunto aos bancos do concello e ao asento do benefactor de turno.

podemos apreciar máis claramente o funcionamento da severa lóxica do dereito cidadán na xigantesca cidade de Roma. alí, o populus (ou a plebs) tal vez supuxese menos da metade da poboación total, probabelmente uns douscentos mil habitantes nunha cidade de medio millón de persoas. a súa posición privilexiada debía ser moi patente. pois o que estaba en xogo en Roma era o acceso privilexiado á comida subministrada pola célebre annona civica, é dicir, a doazón de gran e demais produtos alimenticios reservados aos cidadáns de Roma.

nun mundo caracterizado polas flutuacións nas colleitas e o pavor ás fames, os privilexios cidadáns ou a súa ausencia eran cuestión de vida ou morte. gran parte da poboación de Roma era sumamente pobre. as escavacións de soterramentos masivos revelan os estragos causados entre eles polas enfermidades e a deficiente nutrición que padecían.  pero só os membros do populus Romanus tiñan dereito a acceder gratuitamente ao gran, así como a adquirir outros produtos alimenticios a prezos reducidos. en Roma, as racións dispoñíbeis grazas á annona nom abondaban para manter a unha familia enteira ao longo de todo un ano, pero si podían protexela da fame.

por moi pobres que fosen, incluso os máis necesitados entre o populus Romanus nom recibían a súa por ser mendigos, senón pola súa condición de cidadáns. como era de esperar, o pobo de Roma estaba moi aferrado aos seus privilexios. en épocas de fames, a plebs nom aforraba esforzos para colaborar co Senado na expulsión dos forasteiros da cidade, pois dese xeito aseguraban ter comida abondo para todos.

un emperador repartindo 'alimenta'
arco de Benevento
wikipedia
Roma era a súa cidade, e de ninguén máis. cando ían aos sitios nos que se distribuía a comida levaban consigo unha tésera de chumbo ou bronce (o equivalente a un documento de identidade ou a un pasaporte) para demostrar que eran membros da plebs frumentaria, é dicir, cidadáns con dereito a gran. estar inscrito no rexistro como destinatario da annona era un título que podía mencionarse con orgullo na propia lápida. pois en Roma e en moitas outras cidades do Baixo Imperio (inda que a unha escala menor), recibir unha doazón de alimento nom o convertía a un en mendigo, senón en cidadán.

en suma, o populus nom era pobre, nim desexaba que o trataran como tal. para un benefactor civil, pasar por alto ao populus e mostrarse xeneroso cos moitos miles de mendigos e inmigrantes que sobrevivían á marxe da cidade nom era un acto de caridade; era un desaire aos cidadáns. só os máis arrogantes podían ameazar con facer algo así. Amiano Marcelino escribiu sobre o senador Lampadio (prefecto urbano en 365) ao que describe como o típico aristócrata romano:

'un home que nom soportaba que nom se lle louvase por facer as cousas mellor que o resto, incluso cando se trataba de cuspir (...) cando Lampadio ofreceu uns xogos magníficos e mostrou gran xenerosidade, nom puido soportar as protestas groseiras da plebe que, con frecuencia, o apremaba para que fixera máis doazóns. entón, para demostrar que era dadivoso e desprezaba os plebeios, fixo vir desde o Vaticano a algúns necesitados e outorgoulles grandes riquezas'.

daquela o Vaticano inda nom se asociaba ao gran santuario cristián de Pedro. era un páramo, un cemiterio no que vivían os mendigos. o xesto caprichoso de Lampadio demostraba, sen indicio algún de sentido cristián, que en Roma a plebs e os pobres eran considerados grupos completamente diferentes.

debemos lembrar que durante o IV, e incluso posteriormente, esta antiga visión da comunidade estaba inda moi presente en numerosas rexións. continuara sen variacións xunto ás igrexas cristiás. retrospectivamente, a poboación cristiá a favor de estender a axuda en beneficio dos pobres tal vez dea a impresión de representar un arrebato de compaixón, que era novidade. pero tiña un lado escuro: borraba os límites tradicionais. presentar a pobreza como o único requisito para a xenerosidade dos ricos devalaba o estatus de miles de persoas que se consideraban, en primeiro lugar, cidadáns e só despois pobres. implicaba tratalos como parte do mesmo ambiente malsán de miseria ao que pertencían os mendigos, os vagabundos e os inmigrantes que atestaban as cidades. unha visión tan ampla e indiscriminada minaba o delicado equilibrio dos grupos institucionalizados (benfeitores, concelleiros e populus), dos que durante séculos dependera a vida das cidades do Imperio romano. o mundo tiña que cambiar considerabelmente -tal como fixo precisamente nestes séculos- para que a visión gris e universal dunha única división entre ricos e pobres substituíra, en toda Europa, á visión clásica da sociedade coma un panal de grupos civís.

cara 370, para moitas persoas (e nom só para os ricos), esta perspectiva producía arrepío. pasar dun modelo de sociedade a outro implicaba pasar da época da cidade clásica ao que recentemente se ten denominado 'Antigüidade postardorromana', na que a cidade perdía finalmente as rendas do imaxinario social. á preparación desta gran transición contribuíron as prédicas cristiás sobre os pobres, o novo papel que estes desempeñaban nas comunidades cristiás e a énfase cristiá na eficacia mística das doazóns piadosas ofrecidas tanto aos pobres como á Igrexa.


extracto de
Peter Brown, Through the Eye of a Needle (2012)
tradución e adaptación por xindiriz

martes, 22 de xaneiro de 2013

o romanismo local

representación dunha villa romana
http://xmnicol.blogaliza.org
mentres o romanismo central resultaba aniquilado, o provincial coñeceu destinos diferentes. A peor situación –dende o punto de vista romano– produciuse no norte, en Britannia. Neste caso resulta imposible ofrecer un relato coherente, pero ao volver a aflorar o fío histórico cara 600 os terratenentes cristiáns e romanizados, que en 400 falaban latín e inda conservaban unha posición dominante no centro e sur de Britannia, desapareceran. Tamén as villae, características do seu estilo de vida, e o alcance da produción económica diminuíra e evolucionara cara pautas máis simples. A poboación descendera notablemente, non se empregaba moeda nos intercambios, as cidades non actuaban coma asentamentos de orde superior, e a maioría das mercadorías producíanse in situ, en vez de obterse de redes comerciais. A cerámica tardorromana era elaborada por oleiros que distribuían os seus produtos nun radio aproximado de 40 kms a respecto dunha serie de centros produtores como Oxford e Ipswich. Pouco despois de 400 a produción cinguíase exclusivamente ao consumo inmediato. De xeito semellante, as antigas provincias imperiais quedaron divididas en pequenos reinos; inicialmente arredor de vinte e con límites que maioritariamente non gardaban relación algunha coa xeografía política da Britannia romana. O xeito en que todo isto tivo lugar é obxecto de debate. Os victorianos imaxinaron que os invasores anglosaxóns empurraron a poboación celta non totalmente asimilada á cultura romano-britana cara ao oeste (Gales e Cornualles) e ao outro lado do mar (Bretaña). Os relatos máis recentes postulan que un gran número de britanos indíxenas mudaron en anglosaxóns do mesmo xeito que antes mudaran en romanos. Sexa cal sexa o punto de vista elixido, os costumes e estilo de vida caracteristicamente romanos desapareceron rapidamente do sur de Britannia logo de que os seus vínculos co resto do mundo romano quedaran seccionados.

sen embargo, o cataclismo britano non constitúe a norma. Obviando algunhas zonas nororientais de Gallia, onde a imaxe arqueolóxica presenta un aspecto semellante ao sur de Britannia, as formas asentadas de vida provincial non desapareceron con tanta rapidez nin de xeito tan completo. Ao sur do Loira, a pesar dos reparos iniciais, os terratenentes locais chegaron a distintos tipos de acordos cos seus novos gobernantes. Foi preciso pagar un prezo. En función dunha diversidade de factores, entre os que destaca a dispoñibilidade de activos existente no interior dos novos reinos aos que pertencían, os terratenentes tiveron que renunciar a unha cantidade maior ou menor de terra. O reino burgundio, máis ben pequeno, parece ter imposto unha confiscación de maior envergadura que a producida no dominio godo, de maior tamaño, inda que tal vez fixera máis doce a píldora mediante a redución de impostos. Sen embargo, os terratenentes tiñan moito que ofrecer aos novos gobernantes bárbaros e, en consecuencia, os seus réximes mostráronse polo xeral dispostos a manter a desigual distribución da propiedade que tiña feito xurdir a clase terratenente no seu momento. Por iso, o número de casos de axitación social que vemos ao sur do Loira é notablemente baixo. Sidonio e os seus amigos coñeceron tempos difíciles, pero superáronos e puideron preservar intactas as suficientes propiedades como para conservar a súa posición social. Tamén en Hispania e Italia a clase terratenente romana logrou sobrevivir en xeral á primeira conmoción que provocou a fin do Imperio. En Africa, a toma de Carthago por Gaiserico viuse seguida dunha confiscación a gran escala das propiedades en Proconsularis, pero os terratenentes das outras dúas provincias que caeron en 439 –Bizacena e Numidia– non tiveron problemas, e ao irse engadindo novos territorios ao territorio vándalo, as confiscacións non volveron a repetirse.

en moitos lugares, polo tanto, o romanismo local sobreviviu bastante ben. O cristianismo católico, o laicismo de lecto-escritura latina, as villae, as cidades e as formas complexas de produción e intercambio económico lograron perdurar ata certo punto –salvo en Britannia– sostidos pola clase terratenente. Por conseguinte, a destrución das formas e das estruturas do estado coexistiu coa supervivencia da vida romana de provincias na maioría do antigo Occidente romano.

non obstante, non pode dicirse que a vida local de Occidente despois do Imperio seguira a ser, sen máis, “romana”; nin sequera o foron as condicións que caracterizaron a evolución en Gallia meridional. Para ter unha perspectiva completa da caída do Imperio é importante deixar sentado un argumento chave. Unha das numerosas discusións que teñen rodeado a súa fin xirou en torno ao significado que debe atribuírse aos cambios políticos que tiveron lugar ao longo do s. V. Foi o final do estado romano un acontecemento capital na historia da Eurasia occidental, ou unha mera perturbación superficial, moito menos importante que outros fenómenos de maior calado, como o xurdimento do cristianismo, que lograron abrirse paso sen que, en esencia, se viran afectados polos procesos de afundimento do Imperio? A historiografía tradicional non tiña dúbidas de que 476 representaba a liña divisoria entre a historia antiga e a medieval. En época máis recente, a certeza, cargada de xuízos de valor, de que o final do Imperio Romano sinalou o comezo dunha pronunciada decadencia ten dado paso a puntos de vista máis matizados e máis próximos á realidade histórica. Como levamos visto, non houbo ningún cambio súbito e total, e este feito ten dado un novo impulso á noción de continuidade, unha noción baseada na idea de que o mellor xeito de entender o desenvolvemento histórico das épocas tardorromana e post-romana pasa máis por entendelas en termos de evolución orgánica que de cataclismo.

non teño a menor dúbida de que este novo acento nos enfoques historiográficos é unha reacción enteiramente necesaria ás vellas ortodoxias históricas, e non comparto en absoluto a idea (orixinada entre os propios romanos, por suposto) de que o Imperio Romano constituíse unha orde social superior e que logo da súa desaparición non existira máis posibilidade que a da decadencia. Sen embargo, a adopción dun punto de vista minimalista na valoración da importancia histórica da desaparición do estado occidental romano é tamén, ao meu xuízo, equivocada. Non hai dúbida de que se trataba dun edificio estartelado. Dificilmente podería ter sido doutro xeito, dado que debía gobernar unha extensión sumamente vasta co apoio dunhas comunicacións e unha burocracia primitivas. A corrupción era un mal endémico, a lei só se cumpría esporadicamente e as entidade locais posuían moito poder. Non obstante, como era un estado de partido único que levaba xa moito tempo establecido, atopou a maneira de modificar de xeito moi profundo as normas polas que se rexía a vida local. Isto queda patente sobre todo nos diferentes procesos ao que se ten adxudicado –de xeito lixeiramente enganoso– a etiqueta de “romanización”. Para poder participar dos beneficios do Imperio, as elites provinciais debían obter a cidadanía romana. O xeito máis sinxelo de logralo era que un instaurase na súa cidade os dereitos do Lacio e ocupara un alto cargo nela. Por conseguinte, logo do establecemento do dominio romano as elites apresurábanse a organizar este tipo de urbanización. De igual xeito, era preciso ser capaz de falar un latín “correcto” –polo tanto, a educación literaria en lingua latina tamén se estendeu– e dar mostra de que un secundaba os valores da civilización clásica. Os edificios públicos nos que debía desenvolverse esa vida en compaña dos iguais (centros de reunións, termas e outros), así como o estilo de arquitectura doméstica das villae eran as manifestacións concretas desa cosmovisión romana. Ao mesmo tempo, a Pax Romana viña acompañada de formidables beneficios, xa que creaba entre as rexións uns vínculos que xeraban un gran número de novas oportunidades económicas.

maioritariamente, o que se ten chamado romanización non era unha actividade impulsada dende arriba polo estado. Era máis ben o resultado das respostas individuais que daban as elites conquistadas ao feito do Imperio, xa que estas elites ían adaptando a súa sociedade ás novas condicións impostas pola dominación romana. Unha parte esencial do trato, sen embargo, estribaba en que, a cambio de transformar os seus estilos de vida para participar no que o estado lles ofrecía, os exércitos do Imperio debían proporcionarlles protección. Deste xeito, o romanismo local era inseparable da existencia do Imperio.

faise claramente patente a natureza simbólica desta relación. Gran parte da carga que supuxo a situación de necesidade en que se viu o estado no s. III, obrigado a elevar o nivel de impostos esixido ás provincias, recaeu en boa medida nos vellos consellos cidadáns. Fundamentalmente, os lugares nos que se desenvolvían as antigas formas de vida política local romana eran eses consellos. Recorríase aos cartos para obter cargos, facer amigos e influír nas persoas cuxo apoio garantiría no seu momento a elevación a unha posición dominante dende a que acceder ao control dos fondos locais. Dun só golpe, a confiscación daqueles ingresos quitou todo sentido ao empeño e as elites de provincias non tardaron en percibilo: de aí que a mediados do s. III desapareceran case inmediatamente as inscricións que deixaban constancia dos custosos actos de xenerosidade cos que ata entón lograra medrar a xente. Cara o s. IV, abandonarase xa a busca dunha carreira nos consellos cidadáns, xa que era preferible facelo no sistema burocrático do Imperio, convertido na nova vía de acceso a posicións de dominio no ámbito local. Se o centro modificaba o seu modus operandi, entón o romanismo local respondía á súa vez introducindo cambios –cambios que adoptaban con frecuencia formas imprevistas, en especial cando debían aplicarse a longo prazo.

a vida nas provincias dependía demasiado da orde política e cultural inducida polo estado como para que dito orde puidese pasar desapercibido. Tomemos a educación, por exemplo. A educación literaria característica das elites do período romano tardío –latina en Occidente, grega en Oriente– tiña un custe alto. Precisaba de case unha década de intensa instrución cun gramático, e só a clase terratenente podía permitirse investir tantos cartos na educación dos seus fillos. Como se ten sinalado, o facían porque o feito de falar latín (ou grego) clásico revelaba ao instante que se pertencía á cultura “civilizada.” Tamén era necesario para moitas formas de avance social. A inmensa maioría dos novos burócratas do estado procedía das vellas clases que ocupaban cargos nos consellos cidadáns, é dicir, as clases curiais, para quen unha educación clásica seguía a ser de rigor.

sen embargo, no Occidente post-romano, as pautas polas que se rexían as carreiras dos membros da elite empezaron a mudar. A nova situación determinaba que a principal vía de promoción para a maioría das elites laicas fose máis o servizo militar prestado ao rei que o ascenso dos chanzos da escala burocrática, incluso en aquelas zonas nas que os terratenentes romanos tiñan logrado sobrevivir o 476 e nas que prevalecía o modelo vixente no sur de Gallia. En consecuencia, a custosa educación literaria deixou de constituír unha necesidade. En realidade, tanto os descendentes das elites romanas como os das elites inmigrantes seguían a venerar as antigas tradicións; algún que outro rei franco ou godo ten pasado aos anais da cultura polos seus poemas en latín. Nunha ocasión, un poeta latino “propiamente dito” chamado Venancio Fortunato, que viña de Italia e se deixara caer pola corte deleitou por igual aos grandes persoeiros alí presentes, tanto aos de ascendencia romana como aos de estirpe franca. Este individuo abrírase camiño por recitar a cambio da cea, e o seu número especial era declamar elegantes pareados para eloxiar a sobremesa. Con todo, non había ningún grande do reino que seguira preocupándose por conseguir unha educación plenamente latina. Si que ensinaban os fillos a ler e a escribir unha lingua clásica, pero os seus obxectivos era máis modestos. En consecuencia, cara 600, a escrita en latín tiña mudado en algo reservado para cregos, mentres que as elites leigas tendían a contentarse simplemente con ser capaces de ler, en especial as súas Biblias: tiñan deixado de considerar que a escrita en latín fose unha parte esencial da súa identidade. Tiña sido o estado romano o que, de xeito non excesivamente deliberado unha vez máis, tiña creado e mantido un contexto definido polo feito de que un dos elementos esenciais para o acceso a unha posición de privilexio fora a ampla difusión dunha cultura literaria leiga, e agora, ao desaparecer ese estado, xorden novos criterios de cultura literaria.

pode argumentarse algo semellante a respecto do cristianismo. Ás veces considérase que a cristianización, que ao longo do primeiro milenio comezou a propagarse polo mundo mediterráneo para alcanzar logo os vastos confíns de Europa central, do leste e do norte, foi unha transformación que non se viu afectada en absoluto pola caída de Roma. Hai algo de certo nesta idea, pero tamén poder resultar enganosa. A relixión cristiá ten evolucionado sempre, como institución, en función dos contextos de cada época. A romanización do cristianismo foi un fenómeno histórico tan importante como o da cristianización do Imperio. A partir de inicio do s. IV, e grazas ao emperador Constantino e os seus sucesores, as autoridades cristiáns, financiadas polo Imperio, definiron nos seus concilios a maioría das doutrinas desta relixión. A Igrexa desenvolveu tamén unha xerarquía moi particular de bispos, arcebispos e patriarcas cuxas localizacións xeográficas reflectían en gran medida a estrutura administrativa do Imperio, dividida en capitais locais e rexionais. Os emperadores romanos cristiáns tampouco mudaron un ápice a reivindicación que tiñan establecido os seus antecesores pagáns e que sostiña que tiñan sido designados pola divindade –simplemente pasaron a identificar esa divindade co deus cristián–. Por conseguinte, dende o seu punto de vista, tiñan pleno dereito a inxerirse en todos os planos operativos da Igrexa. E o fixeron cabalmente, xa que convocaron concilios, ditaron leis e participaron nas designacións importantes.

o curso da evolución do cristianismo dentro das estruturas do Imperio foi por tanto moi distinto do que tiña seguido antes da conversión de Constantino, e a desaparición do estado romano volveulle imprimir un profundo cambio de rumbo. E por unha razón: nalgúns casos os límites dos novos reinos non respectaron as xerarquías da administración romana tardía. Deste xeito, houbo casos nos que os bispos se atopaban nun reino e os seus arcebispos noutro. Os sucesivos arcebispos de Arelate, que formaba parte do reino godo pero cuxa autoridade metropolitana se estendía ao reino burgundio, tiveron encontróns cos seus reis, e estes, escamados polos contactos transfronteirizos dos arcebispos, desposuíronos do seu cargo. Tamén houbo cambios de tipo intelectual. No mundo romano era frecuente que os personaxes leigos máis destacados –cuxa educación era igual, cando non superior, á dos cregos– contribuíran ao debate relixioso. Sen embargo, ao desaparecer a ampla difusión de cultura literaria, os leigos deixaron cedo de poder aportar neste eido, e o mundo intelectual da Igrexa da Alta Idade Media converteuse nun mundo estritamente para cregos. Isto non tería acontecido se os leigos tiveran seguido tendo unha educación equiparable á dos membros da clerecía. E resulta igualmente importante que os reis da época post-romana reivindicaran, como os seus antecesores, o recoñecemento da súa autoridade relixiosa e se reservaran a facultade de designar bispos e convocar concilios. O resultado de dita situación foi que nesta época a cristiandade funcionou coma un “microcosmos cristián” (Peter Brown). Non había unha igrexa única e unificada, antes ao contrario, os límites dos reinos posteriores ao dominio romano determinaron a aparición de subgrupos rexionais operativos, e estas comunidades eclesiásticas localizadas no interior dos distintos reinos tiñan relativamente pouca relación unhas coas outras.

por enriba de todo, sen o derrubamento do Imperio Romano resulta impensable o xurdimento dun papado medieval como autoridade global de toda a cristiandade occidental. Na Idade Media, os papas pasaron a desempeñar no seno da Igrexa moitos dos roles que os emperadores cristiáns romanos se tiñan apropiado –a promulgación de leis, a convocatoria de concilios, a designación ou a orientación de nomeamentos relevantes, …–. De ter seguido existindo emperadores de Occidente como os da antiga Roma tería sido impensable que os papas tiveran logrado facerse cunha posición tan independente. En Oriente, onde os emperadores inda exercían o seu dominio, os sucesivos patriarcas de Constantinopla, cuxa posición legal e administrativa seguía o modelo do papado romano, non puideron actuar máis que coma aduladores do Imperio; designados a vontade polos emperadores, adoitaban ser ex burócratas do Imperio extremadamente receptivos aos mandados imperiais.
tradución do capítulo "Local Romanness"  en HEATHER, Peter The Fall of teh Roman Empire (2005), pp. 437-443