Amosando publicacións coa etiqueta Meroveo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Meroveo. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de outubro de 2012

447

imaxe onde Vortigern selaría un pacto con Hengest e Horsa
www.ict.griffith.edu.au
Calepius e Ardaburius, cónsules.

a ampliación das murallas terrestres en Constantinopla para duplicar a súa consistencia está finalizada. Antemius, prefecto do pretorio, tomara unha decisión que resultou ser crucial. Primeiro hai un foxo de case vinte metros de anchura e sete de fondo; logo un primeiro muro, non moi alto, preparado para protexer arqueiros; a continuación unha segunda muralla de oito metros de altura e unha terceira inda máis elevada cun cento de torres de vinte metros de alto sobresaíndo da muralla, cadradas ou poligonais; finalmente hai sete portas principais de acceso. Esta terceira muralla nunca será atravesada durante unha acción militar nos mil anos seguintes. En total o murus novus ten 7 kilómetros de lonxitude e 60 metros de ancho.

o muro principal erixiuse en pouco máis dun ano con técnicas tamén usadas para o Hipódromo: formigón revestido de diminutos manpostos de caliza, reforzados a diversas alturas por medio de verdugadas de ladrillo –duns 15/30 cms de altura cada unha–, con leitos de morteiro do mesmo espesor. As torres, excepto a que flanquea a Porta Dourada, xunto ao castelo das Sete Torres, e as que daban ao mar de Mármara, están adornadas con enormes bloques de mármore. Os pasadizos e esqueiras do interior das mesmas están cubertos con bóvedas de canón, feitas de ladrillos de canto; as cúpulas das cámaras están feitas con aneis concéntricos de ladrillos.

xaneiro, 27: tremor de terra en Constantinopla e os territorios circundantes. O pánico xeneralizado fai que moita xente abandone a cidade. Deterioro importante das murallas da cidade: 57 torres son case destruídas. A ameaza de pragas e fames esténdese pola cidade e Teodosio II ordena a Constantino, prefecto do pretorio do leste, que supervise as reparacións e, empregando as faccións do circo (demoi), o traballo faise en 60 días. Hai novas de grandes desperfectos noutras zonas próximas á cidade.

León I tamén toma partido polos inimigos de Agrestius de Lucus. A oportunidade que representara, para a igrexa occidental, de presentar un frente unido coa visita de Agrestius a Gallia en 441, queda en nada.

en Toletum un sínodo tamén condena as doutrinas priscilianistas. Tenta engadir a cuestión do filioque ao credo de Nicea pero a igrexa oriental rexeita tal proposta.

Atila invade territorio romano e derrota as tropas orientais na batalla do río Utus. Os ataques hunos alcanzan as Termópilas e saquean Serdica, obrigando ao praefectus praetorio a repregarse dende Sirmium ata Tesalónica. As tropas romanas fan o que poden para hostigar a retagarda huna e así dar tempo a reparar as quebradas defensas de Constantinopla.

Valamiro, fillo de Vandalarius, xefe dos ostrogodos en Pannonia e os xépidos de Ardarico, entre outros, actúan baixo as directrices de Atila.

morre Chlodius e accede o seu fillo Meroveo á xefatura dos francos salios. Probablemente a maioría da información sobre este xefe é pura lenda para glorificar a posteriori aos reis “merovinxios”. Asenta o seu continxente nas proximidades do río Merwede, parte do delta Rhin-Meuse-Scheldt.

Maioriano segue defendendo Tours contra a bacauda. Participa baixo as ordes de Aetius en ataques aos francos na proximidade de vicus Helena (na rexión do Artois). Ao servizo de Aetius tamén se atopan xa o suevo Ricimer e o galo Aegidius.

Ricimero é ariano, fillo dun príncipe da casa real sueva (quizás Hermengario) e dunha filla de Walia. Pasara a xuventude na corte Valentiniano III, onde foi adquirindo rango ao servizo de Aetius.

procedentes de Xutlandia e norte da actual Alemaña os xutos, anglos e saxóns atacan Britannia en proporcións cada vez maiores. As lendas envolven os feitos: un caudillo britano chamado Vortigern, incapaz de resistir por si os inimigos do norte pide axuda aos xutos, gobernados por dous irmáns, Hengest e Horsa (dise que estes nomes significan "semental" e "cabalo", polo que non sería raro que toda a historia sexa ficticia).

pero cedo xorden disensións na alianza entre os britanos dirixidos por Vortigern e os mercenarios (Vortigern concedéralles a illa de Thanet, Kent): estes fundan os seus propios dominios e rexeitan a autoridade britana que os trouxera á illa para facer frente aos pictos e irlandeses.


unha versión dos feitos conta que Vortigern casa con Rowena, a filla de Hengest, pero durante a festa posterior á voda emborrachan os britanos, matan a Vortigern e fanse co mando. É posible que os xutos foran realmente chamados polos britanos, pero tamén poderían ter inventado a historia para lexitimar a invasión. Logo do primeiro asentamento xuto, os anglos non tardan en asentarse ao norte do Támesis, mentres que os saxóns ocupan a parte sur da illa, rodeando os xutos. Grupos de britanos foxen e aséntanse en Gallia.

outra versión dos feito conta que Vortimer se rebela contra seu pai Vortigern e “usurpa” o seu título e autoridade provisionalmente; quizás en desacordo coas alianzas paternas.

os hunos parecen imparables en todas partes: penetran no imperio persa por Sogdiana, chegan a India e fan incursións no imperio gupta. as fontes indias falan dun rei huno chamado Toramana


Xermanus volve a Britannia con Severus de Treves co propósito de combater o pelaxianismo e apoiar os britanos contra pictos e saxóns na batalla de “Alleluia”. Expulsa os irlandeses de Powys (Gales).

inverno: Teodosio II decide cambiar de estratexia en relación á cuestión huna (pasa da agresividade ao esforzos por pacificar a situación) e destitúe a Aspar e Aerobindus.

morre Aerobindus (magister militum).

decembro, 23: eclipse total de sol (constancia escrita en fontes hispanas e galas).

os annales cambriae comezan cunha referencia a este ano. Narran os acontecementos en Gales ata o ano 954.