Amosando publicacións coa etiqueta Toribio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toribio. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de outubro de 2012

446

reconstrución de Asturica Augusta
www.asturica.com

xaneiro,1: Aetius e Symmachus, cónsules. Merobaudes le un panexírico adicado a Aetius e os seus logros en Gallia.

Vitus, nomeado magister utriusque militiae, está en Carthaginiensis e Baetica á cabeza dun continxente romano e godo para, ao parecer, restablecer a autoridade imperial e castigar as forzas locais que cooperan cos suevos. Cando chega Rechila e derrota as forzas auxiliares godas, Vitus foxe. Debido a este estrepitoso fracaso os suevos exercen a súa influencia sobre amplísimas zonas de Hispania sen ningún tipo de oposición.

Xermanus de Auxerre volve de Britannia e unha delegación procedente do tractus armoricanus solicita que interveña ante un xefe militar alano. Constantius de Lugdunum (Vita Germani) describe o confronto: o alano recibira o encargo de reprimir a bacauda pero Xermanus persuádeo para que pospuxese a acción (securitas fidelissima pacis) mentres obtiña confirmación de Ravenna.

cando Xermanus chega a Ravenna, Gala Placidia envíalle un presente consistente nunha bandexa de prata chea de delicias gastronómicas en consonancia coa estrita dieta vexetariana do bispo, quen apela tamén á benevolencia do Senado.

a estabilidade rómpese cando a propia bacauda reinicia hostilidades.

destacar que o mediador é un bispo con influencia tanto ante alanos coma Ravenna: goza por tanto de auctoritas.

Constantius identifica o xefe alano coma Eochar, pero moitos historiadores din que é Goar (que aparece nalgunhas fontes coma “Gochar”) de xeito que a carreira activa deste persoeiro duraría 40 anos, feito improbable. Outro grupo alano na zona é o de Sambida, foederati, e participará na campaña contra os hunos en 451.

(ata 448) Maioriano, un novo oficial ás ordes de Aetius, defende Tours contra a bacauda.

xullo, 12: morre Proclus e é sucedido por Flavianus coma bispo de Constantinopla.

xullo, 27: reposta de León I a Toribio de Asturica, que constitúe un tratado dogmático contra os priscilianistas; nela tamén se recomenda a organización dun sínodo para frear a influencia do priscilianismo e a restauración da ortodoxia, reclamando incluso ao poder civil que sexan executados. No entanto, Antoninus captura a Pascentius, un dos maniqueos fuxidos, e xúlgao en Emerita, para posteriormente expulsalo de Lusitania. Isto demostra a estreita relación entre Callaecia e Lusitania, e destas co resto de provincias hispanas: a correspondencia de León e Toribio demóstrao así como que o diácono de Callaecia Pervincus sexa quen trae a carta dende Roma ad Hispanienses episcopos no seu conxunto.

piratas irlandeses destrúen (queiman) o Cor Tewdws (Colexio de Teodosio) en Llantwit Major (Gales). Os britanos e mercenarios saxóns baixo Vortigern solicitan axuda militar a Aetius contra pictos e irlandeses. Última vez que consta; en adiante, Britannia tentara resolver os problemas por si mesma.

China envía unha expedición que termina os ataques do reino de Shampa.

un edicto de Tuoba Tao (dinastía Wei, norte de China) e do seu ministro Cui Hao decreta reprimir o budismo (anteriormente promovido) ao descubrir armas no mosteiro Chang’an logo dunha revolta. Hai outros motivos: a escaseza de man de obra e impostos que agora flúen cara os mosteiros ameaza a administración secular e a reacción é feroz xa que monxes e monxas son asasinadas, e os templos e iconas destruídos. Todos os homes menores de 50 anos teñen prohibido profesar. Esta situación prolóngase ata 450, contribuíndo así a que o confucianismo da dinastía Han adquira preeminencia sobre o budismo.

venres, 5 de outubro de 2012

445

representación de Leon I, bispo de Roma

Valentiniano III e Nonus, cónsules.

Petronio Máximo nomeado patricius. Vai adquirindo poder e convértese en rival de Aetius.

León I busca estender a súa autoridade a Hispania e Gallia. Emite escritos contradicindo a autoridade de Hilario de Arelate, que semella controlar a igrexa gala.

Hydacio e Toribio tratan de erradicar os maniqueos en Asturica, xulgándoos e informando a Antoninus de Emerita. Toribio escribe a León I pedindo consello.

Hydacio nunca menciona o bispo de Bracara, sé metropolitana de Callaecia. Debe haber unha causa política: ou interferencia e colaboración sueva co bispo ou hostilidade de Hydacio cara el.

Chlodio amplía o seu territorio dende Toxandria ata o Somme. É derrotado por Aetius, que acorda un tratado con el.

Bleda morre nun accidente de caza, quizás instigado por Atila, que se converte no único rei dos hunos. Bleda, ao parecer exercía unha influencia moderadora sobre Atila. Verdade ou mentira, Atila inicia movementos máis agresivos.

edicto de Valentiniano III confirmando o primado de Roma sobre occidente (Italia, sur de Gallia, Hispania, norte de Africa, Britannia). Os bispos de Roma, en canto sucesores do apóstolo Pedro, son vicarius christi, quedándolles reservada a máis alta xurisdición, a administración suprema e o sumo maxisterio.

en Narendrasena (India) o rei Vakatak inicia o seu mandato. Sepárase do imperio Gupta e logra expulsar os invasores Nala, matando a Arthapati, o seu rei, e apoderándose do seu territorio (Mekala). Ocupa a Malwa.

Flavio Orestes, un aristócrata de Savia ofrece os seus servizos a Atila e instálase na corte coa súa dona, filla do dux de Noricum, Romulus. Faise o máis influínte dos catro secretarios romanos que ten Atila.

xuño, 19: outro edicto de Valentiniano III condena os maniqueos.

Domnus II, patriarca de Antioquía, convoca un sínodo de bispos sirios para confirmar a deposición de Athanasius de Perrha.

aumento da actividade da bacauda no tractus armoricanus.