Amosando publicacións coa etiqueta Mauricio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mauricio. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de outubro de 2015

xoán biclarense

plano de Scallabis
550-556 nace na actual Scallabis, Lusitania, nunha familia de aristócratas godos, pero cristiáns.

570/571 viaxa a Constantinopla, para realizar estudos.

577/8 regresa a Hispania.

579-584, revolta de Hermenexildo contra seu pai Leovixildo en Hispalis. Leovixildo tenta gañarse os eclesiásticos católicos de orixe goda, entre os que está Xoán. Probablemente, a negativa do Biclarense de converterse ao arianismo explica o seu desterro a Barcino.

587/588, final do desterro de Xoán Biclarense en Barcino, logo da morte de Leovixildo e o perdón de Recaredo, froito do novo rumbo político. Unha vez perdoado, permaneceu en Tarraconensis, en Biclaro (probablemente Vallclara, Tarragona; inda que tamén podería ser Béjar, Salamanca), onde funda un mosteiro que se rexe por unha regra escrita por el mesmo (hoxe perdida, CPL 1866).

589; é probable que estea presente no III concilio de Toletum, polas novas que del aporta, inda que non asina as actas do mesmo, seguramente por ser inda abade (estes non subscribían daquela actas conciliares).

590 remata a súa estadía no seu mosteiro como abade.

591 bispo de Xirona.

592 subscribe o II concilio de Caesaraugusta.

597 subscribe o concilio de Toledo.

599 subscribe o II concilio de Barcelona.

610 subscribe o decreto de Gundemaro; de ser auténtico este documento, tería coincidido con Isidoro na reunión que o aprobou.

614 concilio de Egara.

de Xoán chegounos unha única obra: Chronicom. Polos acontecementos descritos, a obra ten como terminus post quem o ano 589, o último do que se recollen novas. Sen embargo, nela tamén se lle atribúen a Mauricio 20 anos de reinado, calculando a súa ascensión ao poder en 582; e igualmente se lle atribúen a Gregorio Magno 15 anos de pontificado, situando o se nomeamento en 586, o que apunta máis ben a que se puido redactar en torno a 601/602.

a obra foi transmitida con dous prólogos, dos cales só o primeiro ten algunha posibilidade de ser auténtico. Nela tamén se distinguen un prefacio, o corpo da obra e un epílogo.

no prefacio, como ocorre no caso da Crónica Universal de Isidoro, Xoán da novas dos seus predecesores e do xénero no que se enmarca a obra: Eusebio de Cesarea, Xerome, Próspero de Aquitania e Vitor de Tununa.

o corpo da obra abrangue de 566 a 589, como continuación expresa de Vitor, finalizando coa conversión dos godos no III concilio de Toletum.

polo que se refire ao epílogo, ten sido dividido en dúas partes por algúns autores, que consideran auténtica só a primeira, pois a segunda é claramente un engadido, como proba o feito de estar datado en 742. A primeira é unha recapitulación final do sucedido dende Adán ata o nacemento de Xesús, e dende entón ata o final da Crónica. Os críticos divídense entre os que a consideran unha recapitulación do propio Xoán e os que non.

a obra do Biclarense abrangue 24 anos, e ordena os sucesos narrados ano tras ano, tomando como referencia os anos dos emperadores romanos de Oriente ('no ano un do reinado de ...', 'no ano dous do reinado de ...', ...). Sen embargo, sobre este sistema de ideoloxía imperial, introduce un segundo sistema nacionalista e godo, a partir do momento no que o rei Leovixildo é asociado ao trono por seu irmán Liuva (568): ao ano de reinado dos emperadores, Xoán engade o dos reis godos. E mantén este sistema ata o final da obra, poñendo nun plano de igualdade ao emperador e o rei godo, sen que este estea subordinado ao primeiro. Isto responde á ideoloxía do autor, para quen existirían dous grandes reinos: o romano, en Oriente e o godo, en Occidente. O pobo godo estaría elixido polo deus cristián para substituír ao desaparecido Imperio de Occidente. Mais, a diferenza de Isidoro, Xoán non é hostil cara Bizancio, e o seu nacionalismo é, por isto, menos radical que o do hispalense.

a esta dobre cronoloxía súmase unha terceira, inda que de menor relevo: a dos papas de Roma, coa duración dos seus 'pontificados', proba tamén da importancia dos asuntos relixiosos na obra.

semella que o III Concilio de Toledo foi o que empurrou a Xoán a escribir para mostrar e exaltar a entrada do pobo godo dentro da historia da 'Salvación' no seno da Igrexa Católica. Isto sería confirmado pola minuciosidade coa que Xoán introduce na súa obra un gran número de novas relativas ás conversións de pobos pagáns ou cristiáns, mais herexes, á fe católica.

o segundo elemento desta obra é a admiración do autor por Leovixildo, unificador da península. Isto demóstrao o feito de que Xoán omite as persecucións do último rei ariano contra os católicos, tanto máis significativo, canto que o propio Xoán fora vítima delas; ou no feito de que o Biclarense tome partido por Leovixildo fronte ao fillo católico deste, Hermenexildo, cando este se rebela en Hispalis, porque isto ameaza a unidade política peninsular.

así, os dous puntos esenciais da obra do Biclarense son, por unha banda, a unificación política lograda por Leovixildo e, por outra, a relixiosa, lograda por Recaredo.

o ton da obra é frío, obxectivo, incluso distante a respecto dos acontecementos narrados, fuxindo do comentario persoal. Como consecuencia, sempre se ten considerado esta obra como digna de todo creto. Niso interveñen tamén a declaración programática de Xoán no prefacio da obra, onde di que non se servirá de ningunha outra fonte máis que do seu coñecemento persoal dos feitos e dos relatos de aqueles que os viviron. De aí, por exemplo, que os anos que abranguen o tempo que Xoán pasou en Constantinopla abondan en novas sobre o imperio, ao contrario do que acontece na parte da súa Crónica que abrangue os anos do seu retorno a Hispania, onde predominan as novas sobre o reino godo.

algo semellante ocorre nas crónicas que se presentan como continuación de obras anteriores, principalmente a de Eusebio - Xerome. O universalismo desta experimenta unha gran redución non só no espazo, mais tamén no tempo. É dicir, estamos, por unha banda, ante crónicas breves, que tratan un período non moi extenso, ou incluso, claramente reducido; e, por outra, ante autores que viven moitas veces en zonas periféricas, que son de orixe bárbara e que se interesan, por iso, en dar conta da historia do seu propio pobo e, quizás, da historia paralela do Imperio de Oriente, o único que se percibía inda como herdeiro de Roma (Hidacio, Xoán mesmo e Isidoro).

outro factor decisivo é o feito de que o autor se centra no seu propio tempo e no seu propio pobo debido á falta de fontes escritas, e ata de novas sobre o que acontece alén de Hispania, debido, claro está á desintegración cada vez máis acentuada do Imperio de Oriente. As viaxes son difíciles e arriscadas, e as persoas non viaxan, tampouco poden facelo os manuscritos.

a isto tamén contribúe a precariedade de medios culturais: a un autor éralle moito máis doado escribir un breve relato sobre a súa propia época (e moito máis se se trata de acumular pequenas novas independentes entre si) que escribir unha historia continuada. Os cronistas optaban así por limitarse a continuar coas súas obras o inmenso labor de Eusebio e Xerome, antes que retomar o curso da historia dende o inicio da mesma. Isto último indicaba, en primeiro lugar, unha sólida formación cultural; en segundo lugar, dispor dunha boa biblioteca na que o autor contase con fontes abondo; e, en terceiro lugar, ter a capacidade intelectual necesaria para extraer notas de diferentes fontes e elaborar con elas un relato ou unha exposición coherente. Non se debe esquecer, en fin, o peso que tiña Xerome dentro da Igrexa Católica (como podían telo Ambrosio ou Agostiño). Escribir unha crónica orixinal supuña aspirar a substituír con ela a Xerome. Isto podía verse como soberbia por parte do autor, algo doado de aceptar. A orixinalidade non consistía en escribir unha nova crónica universal sen copiar a Xerome, mais no feito de decidir que se tiña algo novo que dicir e que esa novidade era importante abondo como para redactar unha obra que competise coa de aquel como fonte para os contemporáneos e para a posteridade. Só un interese político de primeiro orde podía xustificar algo así.

dende o punto de vista do estilo, como ocorre nalgunhas outras obras do xénero, ao acercarse o autor ao final da súa obra; é dicir, ao tempo máis próximo a el, e, con frecuencia, ao acontecemento que ten determinado a redacción da Crónica, neste caso o III concilio de Toledo, o estilo seco e sucinto esperable é substituído por outro máis coidado, máis vivo, máis rico en matices, máis próximo, en definitiva, ao da historia. Así, a brevidade desaparece para deixar paso a un auténtico desenvolvemento narrativo, no que non só se conta un feito en concreto, mais tamén os seus antecedentes e a súa historia en conxunto, todo iso mediante un relato coherente, e perfectamente estruturado e organizado.

para finalizar, segundo Cardelle de Hartmann, os chronicorum caesaraugustanorum reliquiae, fragmentos conservados como anotacións marxinais nalgúns manuscritos das Crónicas de Vítor de Tunnuna e Xoán de Biclaro, e atribuídos a Máximo de Zaragoza, poden ser atribuídos tamén a Xoán. Polo seu contido, ao incluír novas sobre Tarraconensis, o seu autor debe ser situado nesta rexión de Hispania. Ao mesmo tempo, pola relación temática de varias de entre elas coa Crónica de Xoán, coa que partillan o interese polas rebelións contra o poder central e a supresión das mesmas, semella probable que deban atribuírse ao propio Xoán. Puido ocorrer que despois de ter concluído a súa Crónica, Xoán se decidise a revisar o texto da mesma, e especialmente o da obra homónima de Vítor de Tunnuna. Esta revisión teríao levado a completar algunhas novas da Crónica do seu antecesor, e a incluír mesmo unha nova ao inicio da súa propia crónica, sempre baixo a forma de anotacións á marxe no seu códice, que desta mesma forma, a través de copias sucesivas, terían chegado aos nosos días.

BIBLIOGRAFÍA

1. BIOGRAFÍA

CAMPOS, J., Juan de Bíclaro, obispo de Gerona. Su vida y su obra. Introducción, texto crítico y comentarios, Madrid, CSIC, 1960, pp. 15-29.
CARDELLE DE HARTMANN, C.- COLLINS, R., Victoris Tunnunensis Chronicon cum reliquiis ex Consularibus Caesaraugustanis et Iohannis Biclarensis Chronicon, Turnhout, Brepols, 2001 (CC SL 173A), pp. 124-128.

2. EDICIÓNS (CPL 2261)

CARDELLE DE HARTMANN, C.- COLLINS, R., Victoris Tunnunensis Chronicon cum reliquiis ex Consularibus Caesaraugustanis et Iohannis Biclarensis Chronicon, Turnhout, Brepols, 2001 (CC SL 173A), pp. 57-83. (*)
CAMPOS, J., Juan de Bíclaro, obispo de Gerona. Su vida y su obra. Introducción, texto crítico y comentarios, Madrid, CSIC, 1960, pp. 75-100.

3. TRADUCIÓNS

ARIAS, I. A., “Crónica Biclarense”, Cuadernos de Historia de España 10, 1948, pp. 129-141.
ÁLVAREZ RUBIANO, P., “La crónica de Juan Biclarense. Versión castellana y notas para su estudio”, Analecta Sacra Tarraconensia 16, 1943, pp. 7-44.

4. OUTROS ESTUDOS

ÁLAMO, M., “La Règle de Saint Bénoit éclairée par sa source, la Règle du Maître”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 740-755.
ÁLVAREZ GARCÍA, F., “Tiempo, religión y política en el Chronicon de Ioannis Biclarensis”, En la España Medieval 20, 1997, pp. 9-30.
ALVES DE SOUSA, P. G., Patrologia Galaico-Lusitana, Lisboa, Universidade Católica Editora, 2001, pp. 137-140.
CAMPOS, J., “Sobre la regla de San Juan de Bíclaro”, Salmanticensis 3, 1956, pp. 240-248.
CARDELLE DE HARTMANN, C., Joâo de Santarém (Biclarense). Crónica. Ediçâo crítica e introduçâo (Comentário histórico de Roger Collins), Lisboa, Ediçôes Colibri, 2002.
DÍAZ Y DÍAZ, M. C., “La transmisión textual del Biclarense”, De Isidoro al siglo XI. Ocho estudios sobre la vida literaria peninsular, Barcelona, El Albir, 1976, pp. 117-140.
DOMÍNGUEZ DEL VAL, U., Historia de la antigua literatura latina hispano-cristiana, vol. 2, Madrid, Fundación Universitaria Española, 1997, pp. 371-375.
GALÁN SÁNCHEZ, P. J., El género historiográfico de la Chronica. Las crónicas hispanas de época visigoda, Cáceres, Universidad de Extremadura, 1994, pp. 81-172.
PEREZ DE URBEL, J., “La Règle du Maître”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 707-739.
—, “Le Maître et Saint Bénoit”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 756-764.
—, “El maestro, San Benito y Juan Biclarense”, Hispania 1,1 1940-1941, pp. 7-42, e Hispania 1,2 1940-1941, pp. 3-52.
TEILLET, S., Des Goths à la nation gothique. Les origines de l’idée de nation en Occident du Ve au VIIe siècle, Paris, Les Belles Lettres, 1984, pp. 421-455.
VEGA, A. C., “De Patrología española. En torno a la herencia literaria de Juan de Bíclaro”, Boletín de la Real Academia de la Historia 164, 1969, pp. 13-74.
VOGÜE, A. DE, “Trithème, la Règle de Macaire et l’héritage littéraire de Jean de Biclar”, Sacris Erudiri 23, 1978-79, pp. 217-224 (reimp. id., Regards sur le monachisme des premiers siècles. Recueil d’articles, Roma, Pontificio Ateneo S. Anselmo, 2000, pp. 683-690).
WOLF, K. B., Conquerors and Chroniclers of Early Medieval Spain, Liverpool, Liverpool University Press, 1992, pp. 1-10 y 57-77.

domingo, 7 de setembro de 2014

600

maqueta da cidade de Teotihuacan
es.wikipedia.org
a poboación mundíal quizás supera os 200 millóns de habitantes.

Carthago, logo de diversos problemas (ataques mauros, epidemia de peste, debilidade demográfica, falta de recursos na tesouraría imperial, inestabilidade política, etc.) están en decadencia: murallas sen mantemento, foxos cegos e reconstrucións monumentais na zona dos portos abandonadas; a desorde urbanística semella a tónica xeral nunha cidade moito menos poboada e con menor extensión.

Theodore de Sykeon augura grandes desgrazas: Mauricio morrerá cedo pero logo del ‘haberá calamidades peores, que esta xeración nin imaxina’.

Gregorio I consegue que a maioría dos lombardos acepte o catolicismo, o latín e as leis romanas; polo tanto, o arianismo é cada vez menos influínte.

a política de Gregorio ten unha dobre intención: contrarresta a ameaza lombarda e faise máis independente do imperio; trata de persuadir aos lombardos de que os bispos son tan independentes do poder secular como o propio ‘papa’ e así as cidades máis importantes pasan a ser gobernadas polos seus bispos, de xeito que os lombardos só controlan realmente o rural.

a autoridade de Gregorio tamén é determinante para finalizar co ‘cisma de Aquileia’.

os turcos atacan China e aproxímanse á capital pero non poden tomala.

Teotihuacán está no seu punto álxido; sen embargo, sufre invasións chichimecas (termo que quere dicir ‘bárbaro’): a cidade é incendiada e abandonada; a súa poboación refúxiase noutras cidades veciñas.

a cultura ‘Hopewell’ en América do Norte comeza o seu declinar.

na cidade totonaca de el Taxín constrúese a pirámide dos nichos, constituídas por sete plataformas en esqueiras.

no S de India morre Simbhavisnú, sucedido por Mahendravarman I: somete os Pandya e os Chalukya e estende as fronteiras do seu reino. Foi tamén dramaturgo e poeta: consérvase a súa peza teatral  mattavilasa–prahasana (o xogo do borracho) na que se burla dos budistas e dos devotos da Siva.

Teodeberto II de Austrasia casa con Bilichildis.

a vila de en-Gedi, na ribeira occidental do mar Morto é destruída nun lume devastador (quizás nómades árabes que atacaron con violencia) e abandonada.

Isidoro escribe Etimoloxías, un estudio académico sobre a lingua latina.

desenvólvese o arado de veso en Europa oriental, que permite usar cabalos e bois como forza motriz.

a varicela chega a Europa por primeira vez.

Benin (SO de África) aparece como reino independente (abarcaría tamén parte de Nixeria).

extínguese a cultura nazca en Perú.

en Tiahuanaco (Bolivia) aparece unha ‘alta cultura’.

Sabinianus (futuro bispo de Roma) introduce o toque de campás para indicar o paso das horas.

inda se usan as runas en Centroeuropa e a escritura ‘ogam’ en Hibernia.

os chineses son capaces de construír barcos con cinco cubertas.

primeiros muíños de vento en Persia.

o budismo toma posicións en Indonesia.

os francos establecen a base comercial de Dorestad.

Axilulfo e Teodelinda constrúen un complexo en Monza, NE de Mediolanum.

os moravos logran certa autonomía ao rexeitar ataques tanto avaros como francos.

Ingvar de Suecia invade Estonia pero é derrotado e morto.

o príncipe e bardo galés Aneirin dos Penines (NO de Britannia) escribe o poema, ‘y gododdin’, que recolle os acontecementos da batalla de Catraeth.

bolsas de britanos quedan incomunicadas entre si en Strathclyde, Gales e Cornualles, separados polos anglo-saxóns.

o ‘chaturanga’ como xogo xa ten a súa configuración definitiva.

Namri Songtsen é o novo rei de Tibet.

erupción de Loma Caldera (O Salvador), soterrando vila maia de Joya de Cerén.

nos Andes decae a cultura moche.

o rexente Shotoku Taishi envía unha embaixada a China.

inicio dunha gran fame en Syria e Palestina.

599

ruínas do castelo do forte de Challeau
en Dormelles
commons.wikipedia.org
Teodeberto II e Theuderico II derrotan a Clotario II en Dormelles. O reino de Clotario redúcese agora á rexión entre o Oise, o Sena e o océano.

moitas granxas na zona de Dor mostran un abandono masivo de estruturas. Tamén no norte de Syria é evidente un abandono xeneralizado de aldeas.

Callinicus, exarca de Ravenna, rexeita os ataques dos eslavos do sur en Istria, que é saqueada, pero os bizantinos expúlsanos.

maio: Gregorio I felicita a Callinicus pola súa vitoria sobre os eslavos.

Mauricio rexeita pagar o rescate que liberaría 12000 soldados bizantinos prisioneiros dos avaros. Bayan ordena que sexan executados e este feito acaba coa popularidade do emperador entre as tropas dos Balcáns.

verán: Priscus e Comentiolus xuntan forzas en Singidunum e móvense cara Viminacium, río abaixo. Cruzan o Danubio e invaden a Moesia superior, onde derrotan os avaros nunha batalla campal.

Priscus persegue os avaros que se retiran e invaden as súas bases en Pannonia. Devasta as terras ao leste do Tisza, decidindo a guerra para o bando bizantino e finalizando as incursións avaras e eslavas a través do Danubio.

outono: Comentiouls reabre a ‘porta de Traxano’, cerca de Ihtiman (Bulgaria). Este paso estratéxico, cuxa fortaleza Stipon defende a fronteira entre as provincias Thracia e Macedonia, non se usara durante décadas.

Callinicus rompe a tregua ao raptar a filla de Axilulfo, que comeza hostilidades contra o exarcado.

Raewaldo, bretwalda de East Anglia, baixo a soberanía de Aethelberht de Kent.

Cosroes II envía unha expedición ao sur de Arabia e conquista Iemen; establece unha base militar para controlar o comercio marítimo co este.

Tardu declárase khagan do khaganato turco unificado (este e oeste). A súa nova condición non é totalmente recoñecida no imperio.

Palenque é saqueada polo rei ‘Serpe enrolada’ de Calakmul.

Venancio Fortunato, bispo de Poitiers.

peste en Gallia, que se estende desde Marsella.

598

antiga división territorial
da península de Korea
www.wingsunfurled-web.com
Brunequilda fai asasinar a Wintrio, duque de Champaña, o que provoca a rebelión dos nobres, que a obrigan a refuxiarse en Burgundia.

marzo, 30: os avaros rompen o asedio de Tomis. Comentiolus dirixe un exército a través dos Balcáns e segue polo Danubio ata Zikidiba.

os avaros derrotan as forzas de Comentiolus, ao sur do monte Haemus, e capturan Drizipera (Thracia); gran parte das súas tropas morre debido á praga que provoca a súa propia devastación nos Balcáns.

Mauricio paga tributo aos avaros e conclúe un tratado con Bayan I, permitindo expedicións bizantinas a Wallachia. Reorganiza o exército e fortalece os ‚muros longos‘, ao oeste de Constantinopla.

os britanos derrotan a Bernicia cerca de Catterick.

batalla de Catraeth: os britanos de Hen Ogledd (‚o vello norte‘) baixo Mynyddog Mwynfawr derrotan os anglos de Bernicia e Deira no N de Britannia.

agosto, 4: Wendi ordena que o seu fillo máis novo, Yang Liang (axudado de Gao Joing, un ministro importante) conquiste Goguryeo durante a época de chuvias cun exército de 300000 homes.

a flota chinesa planta batalla á de Goguryeo (50000 homes) baixo o almirante Giang Ti-sik, sendo destruída no mar Bohai. Durante a invasión os chineses son derrotados e Yang Liang debe retirarse. Os chineses perden case un 90% do exército e da flota.

Yeongyang envía unha embaixada a Daxing, Wendi acepta un tratado de paz con Goguryeo.

outubro: Mauricio fai a paz con Axilulfo coa mediación de Gregorio I, que planea converter os lombardos. O imperio recoñece a perda do norte de Italia. O exarcado recupera algún territorio e asegúranse as comunicación entre Ravenna e Roma. Axilulfo aumenta o reino lombardo ocupando Sutri e Perugia.

sábado, 6 de setembro de 2014

596

illa de Thanet
www.littlestourbooks.com
marzo: Teodeberto II, rei de Austrasia, e Theuderico II, rei de Borgoña, baixo a rexencia de Brunequilda.

Fredegunda e Clotario II ocupan Lutecia (París).

xullo a decembro: Fredegunda insta a Clotario II a declarar a guerra a Teodeberto II e Theuderico II, que son derrotados en Latofao (Laffaux, entre Soissons e Laon); pero a guerra continúa a pesar diso.

Brunequilda evita un ataque avaro a Turinxia mediante un tributo.

Kyriakos, patriarca de Constantinopla.

Mauricio usa Marcianopolis como base militar para operar no baixo Danubio contra eslavos e avaros.

batalla de Raith: anglos toman terra cerca de Raith, costa do Fife, e derrotan unha alianza de escotos, britanos e pictos baixo Áedán mac Gabráin de Dál Riata.

Wendi establece relacións diplomáticas con Goguryeo e demanda a cancelación da alianza militar co khanato turco oriental.

Agostiño de Canterbury chega á illa de Thanet e é saudado por Aethelberht de Kent, quen acepta o bautismo co resto da súa corte por petición de Bertha, súa dona franca. O rei proporciónalles unha residencia en Canterbury, onde fundan un mosteiro beneditino.

mércores, 3 de setembro de 2014

594

gran muralla chinesa
www.disfrutapekin.com
Evagrios Scholastikos, na súa crónica, gábase de que no imperio, desde tempos de Constantino I, ningún usurpador ten subido ao trono.

marzo: Axilulfo levanta o asedio de Roma logo de que Gregorio I acorde pagar un tributo de 500 libras.

os eslavos invaden Moesia e Macedonia e destrúen as cidades de Aquis, Scupi e Zalpada en Dobruja.

outono: Mauricio releva a Priscus por terlle desobedecido e nomea a seu irmán Pedro, sen experiencia militar, como comandante dos exércitos nos Balcáns.

Wendi repara e amplía unha sección da ‘gran muralla’ no NO por medio de traballadores forzados, que morren a miles durante as obras.

por indicación do rexente Shotoku Taishi a emperatriz Suiko publica o ‘edito dos tres tesouros floridos’, recoñecendo oficialmente o budismo en Xapón. Inicia contactos diplomáticos coa dinastía Sui en China.

Amos sucede a Xoán IV como patriarca ortodoxo de Xerusalem.

Xisulfo II sucede a Arichis coma duque de Friuli.

os samaritanos rebélanse contra o goberno imperial.

Muhammad dirixe a Syria unha caravana en representación de Khadija, unha rica comerciante de a Meca.

593

ruínas e restos de Eboracum
Aethelfrith de Bernicia sucede a Hussa, e o cambio implica rivalidades e o exilio dos parentes de Hussa.

morre Elli de Deira e Aethelfrith de Bernicia invade Deira e conforma o que se denominará Northumbria (reino ao N do Humber), con capital en Eboracum (York). Pero Elli ten un fillo, Eduino, que salva a vida indo a Anglia oriental, onde reina Redvaldo, quen ten que decidir entre apoiar a Eduino, que quere que lle axude a recuperar o reino de seu pai e Aethelfrith, que o suborna e ameaza para que lle entregue a Eduino. Ethelberto de Kent inflúe para que a situación non empeore.

primavera: Priscus derrota os eslavos e xépidos en territorio imperial ao sur do Danubio e cruza o río para loitar contra eles no seu propio territorio.

Pybba sucede a seu pai Creoda como rei de Mercia.

o usurpador persa Hormizdas V é derrotado por Cosroes II.

Suiko obtén recoñecemento de China como soberana. Nomea ao seu sobriño Shotoku como rexente e Umako Soga, como home forte. Umako crea a primeira constitución de Xapón (‘Constitución dos 17 artigos’). Con Suiko o budismo gaña terreo na cultura do país.

outono: Mauricio ordena a Priscus pasar o inverno ao norte do río pero este desobedece e retrocede a Odessus (Varna), na costa do mar Negro.

as relacións entre Mauricio e Gregorio I empeoran a causa da publicación do edicto episcopal que prohibe ocupar cargos eclesiásticos a funcionarios imperiais.

Gregorio escribe: “o segredo significado da súa predición (Bieito de Nursia) é máis clara para nós agora que vemos os muros que se caen, as casas e igrexas destruídas polos remuíños de vento. Cada vez con máis frecuencia vemos edificios, cansados de vellos, que se converten en ruínas.”

morre Garibaldo I e sucédeo Tassilo I como duque de Baviera.

decembro: Axilulfo asedia Roma, defendida por Gregorio, illado. As cartas do bispo describen unha cidade desesperada, afamada, esperando que chegue o gran de Sicilia e procurando aloxar as persoas que foxen dos lombardos.

os exércitos de Fredegunda e Clotario II derrotan a Brunequila e Childeberto II en Truccia (ou Trucciacum), cerca de Noviodunum (Soissons).

martes, 2 de setembro de 2014

592

 Grégoire de Tours, Historia Francorumfol. 79v. Initiale ornée "A"
biblioteca nacional de Francia
latín 17655.
commons.wikipedia.org
marzo, 28: Gontran (59 anos) morre e sucédelle Childeberto II en cumprimento do pacto de Andelot. Gontran é soterrado na igrexa de Marcelo en Chalon-sur-Saone.

Ariulfo, que estivera ao servizo dos bizantinos na fronte persa, é o novo duque de Spoleto.

os bávaros atacan rexión controladas por eslavos na actual Austria.

marzo – abril: Mauricio marcha contra os avaros asentados en Anchialus á cabeza do exército bizantino (o día da súa partida hai un eclipse de sol). Tamén recupera Singidunum (Belgrado). As tropas bizantinas ‘obteñen’ ingresos extra ao saquear terras e posesións dos avaros.

Mauricio, de volta en Constantinopla, recibe embaixadas de Persia, os francos e os avaros.

xuño, 29: Ariulfo asedia Roma e corta as comunicacións con Ravenna. Mentres, Arixis de Benevento ameaza Neapolis. Gregorio I considera que o exarca non fai o necesario para protexer Roma e inicia conversas co rei Axilulfo.

Ceawlin, logo da derrota ante os britanos é deposto como rei de Wessex e o seu fillo Cuthwine é feito prisioneiro e condenado ao exilio. Ceol sucede a seu tío.

verán: o emperador Wendi reduce os impostos debido ao ‘exceso’ das existencias de alimento e seda nos almacéns do estado. Envía mensaxeiros a China central para redistribuír a terra e que os pobres obteñan o que precisan para subsistir.

novembro, 13: Sushun é asasinando en Xapón polos axentes do seu rival Umako Soga, que recea do poder do emperador. Sucédelle Suiko, viúva do anterior emperador Bidatsu.

Suiko traslada a capital xaponesa a Asuka-Toyura (prefectura Nara) inaugurando o período Asuka.

outono: Priscus recibe o mando das tropas en Thracia; súmanse unidades que estaban destinadas na fronte persa.

Gregorio I asina un tratado de paz cos lombardos en contra dos plans de Mauricio.

Gregorio de Tours finaliza a súa historia francorum.

luns, 1 de setembro de 2014

591

Axilulfo
es.wikipedia.org
crónicas de Nüremberg, 1493
Mauricio envía un exército (35000 homes) baixo Narsés, magister militum per Orientem en substitución de Comentiolus, a Mesopotamia; avanza sobre Mardes, cerca de Dara, onde están Cosroes II e o bispo Domiciano de Melitene. Os árabes da zona toman partido por Cosroes II, quen lle envía as chaves da cidade a Mauricio, quen á súa vez confirma a adopción de Cosroes II como fillo.

Narsés avanza ata 150 kms de Mosul, onde recibe reforzos desde Armenia. O xeneral persa Mabad faise con Ctesiphonte e proclama rei a Cosroes, masacrando os partidarios de Bahram VI.

unha forza expedicionaria bizantina pasa desde Iberia (Cáucaso) a Media (Azerbaijan).

febreiro, 9: Zadesprate, oficial ao servizo de Bahram VI, é asasinado e a súa cabeza enviada a Cosroes II, que prepara unha contraofensiva en Constantinia.

maio: Axilulfo, chamado ‘o turinxio’, rei lombardo logo de ser alzado no escudo cerimonial por guerreiros lombardos en Mediolanum. Casa con Teodelinda, viúva de Authario e bautízase católico.

Gregorio I usa o seu exército como arma de presión contra Axilulfo en combinación cuns donativos adecuados para gañar a confianza do lombardo.

maio, 21: unha pista de xogo de pelota é dedicada aos deuses na cidade maia de Chinkultic.

xuño, 9: carta de Gregorio I a Virxilio de Arelate e Theodoro de Marsella, no que os critica por permitir o bautizo forzoso de xudeus. Culpa o bispo de Terracina por expulsar os xudeus da sinagoga. Desexa que se convertan pola convicción. Cúlpaos de posuír escravos cristiáns.

xuño: batalla de Blarathon: o exército de Bahram VI (40000 homes) é derrotado cerca de Ganzak coa axuda do exército bizantino. Cosroes II recupera o trono persa e Bahram VI ten que fuxir a territorio turco, asentándose en Fergana. Meses máis tarde é asasinado por un mercenario a soldo de Cosroes.

verán: Mauricio inicia unha serie de campañas para defender os Balcáns dos avaros e eslavos. Estabiliza a fronteira do Danubio (limes moesiae) desde o delta ata Singidunum e permite restablecer a súa autoridade no interior.

Arechis I, segundo duque de Benevento, en sucesión de seu tío Zotto.

as langostas destrúen as colleitas en Italia.

xullo: primeira mención nas fontes escritas do exarcado de Carthago nunha carta de Gregorio I ao exarca Gennadius.

Jnanagupta, monxe budista afgano, traduce os Vimalakirti Sutra ao chinés.

outono: Mauricio e Cosroes II selan unha paz pola que Mauricio recibe Armenia e Xeorxia. O recoñecemento das fronteiras tradicionais e o final dos subsidios para as fortalezas do Cáucaso deixa aos bizantinos nunha posición dominante con respecto a Persia.

Ceawlin de Wessex é vencido polos britanos na batalla de Wanborough, onde se produce unha gran carnicería.

venres, 29 de agosto de 2014

590

Gregorio I, por Pedro Berruguete
arte-paisaje.blogspot.com
Mauricio derrota as forzas persas baixo Bahram Subin en Nisibis e fai que se retiren a Armenia.

febreiro: Hormizdas IV desexa ser tolerante cos cristiáns como Cosroes I; iso aumenta o malestar dos sacerdotes mazdeístas, que tampouco consideran que estea á altura de seu pai e conxuran contra el. Gañan para a súa causa a Bahram Subin, quen organiza o asasinato de Hormizdas IV co consentimento do fillo deste (Cosroes) e marcha cara Ctesiphonte.

febreiro, 7: Pelaxio II morre vítima da peste que devasta Roma. Gregorio I, bispo de Roma. Di que non quere o cargo, chegando a pedir a Constantinopla que non ratifique a elección, pero o mensaxeiro é interceptado e ‘obríganlle’ a aceptar

febreiro, 15: Hormizdas é deposto e asasinado por nobres persas en Ctesiphonte. O seu fillo coróase como Cosroes II; sen embargo, Bahram Subin decide ser el mesmo shah de Persia e rebélase.

marzo, 9: Bahram Subin derrota as forzas de Cosroes II cerca de Ctesiphonte e proclámase rei co nome de Bahram VI.

Mauricio decide axudar a Cosroes II a recuperar o seu trono como maneira de ter máis control e diminuír os problemas na fronteira oriental.

Comentiolus, magister militum per Orientem, recibe o rei lexítimo Cosroes II como refuxiado na súa base en Hierapolis.

marzo, 26: Teodosio, primoxénito de Mauricio, é proclamado coemperador e herdeiro de seu pai

Estevo I sucede a Guaram I como rei de Iberia (Xeorxia).

Francos e burgundos baixo Gontran invaden Italia e conquistan Mediolanum e Verona, pero declárase a peste no val do Po e teñen que retirarse. Sen embargo, volven e capturan Modena e Mantua. Varios duques lombardos desertan. Xisulfo I, duque de Friuli, é derrotado polo seu fillo Xisulfo II.

Aethelberht sucede a seu pai Eormenric como bretwalda de Kent.

asedio de Lindisfarne: unha coalición de britanos asedia o rei Hussa de Bernicia.

Owain mab Urien sucede a seu pai Urien como rei britano de Rheged no N de Britannia.

Aegidius, bispo de Reims é sometido a xuízo en Metz por un concilio de bispos por conspiración contra Childeberto II e é condenado ao exilio en Estrasburgo.

Columba obtén de Gontran o castelo de Luxovium, futura abadía de Luxeuil.

Waroch II invade de novo Rennes e Nantes. Gontran envía os duques Beppoleno e Ebrachairo. O primeiro é derrotado e morto. O segundo entra en Vannes e obtén a submisión do xefe bretón. Ao retorno o exército franco é derrotado nunha emboscada.

setembro 5; morre Authario (envelenado ou vítima da peste, que volve arrasar Italia). A súa viúva, Teodelinda, conserva o poder, pero os condes ínstana a volver casar.

Gregorio I tamén establece contactos con Childeberto II, por se necesitase a súa intervención.

o kaghan turco recibe como esposas varias princesas chinesas.

Liciniano de Cartaxena (554-602, Constantinopla), de orixe goda, bispo de Carthago Spartaria, onde nacera. Leovixildo condenárao ao desterro. Consérvanse tres epístolas súas: ad epiphanium diaconumes (582) é a máis interesante e versa sobre a natureza da ánima. Isidoro (descriptoribus ecclesiasticis, cap. XLIII) di que perfecciona as doutrinas dos seus predecesores, inda que a súa visión da espiritualidade no queda completamente nítida.

Xoán de Bíclaro, novo bispo de Girona, acaba a súa Chronica á luz da recente conversión do monarca godo, que sería o seu apoxeo final. Iníciase en 565 coa morte de Xustiniano. Nesa data Xoán estaba en Constantinopla e por tanto os asuntos imperiais teñen un lugar central na primeira metade da súa obra. O seu punto de vista é moi favorable ao imperio. A política relixiosa dos últimos anos de Xustiniano tivera sido moi mal vista en occidente, pero Xoán, ao principio da súa obra, disipa as dúbidas sobre a ortodoxia dos bizantinos; para el o imperio é un estado esencialmente cristián que tenta levar a verdadeira fe a todo o mundo. Retrata aos pobos bárbaros converténdose e aliándose ao imperio. Xustifica a guerra contra Persia pola agresión desta contra os Iberia e Armenia, glorifica as vitorias romanas e minimiza as derrotas, coma a sufrida fronte aos lombardos en Italia.

trata ben a Leovixildo, ariano convencido e militante, quen o exiliara; sen embargo, o seu obxectivo é loar a Recaredo. A obra pode verse como un panexírico, xa que Recaredo é un novo Constantino, que rescata aos godos da súa persistencia milenaria na herexía; resaltando as súas vitorias sobre inimigos internos (rebelións arianas) e inimigos externos (vitoria do seu xeral Claudius, con 300 godos, contra 40000 francos).

Kagudon, rei de Pandyan, no sur de India.