Amosando publicacións coa etiqueta Ervixio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ervixio. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de decembro de 2014

687

Egica Rex
codex emilianensis
es.wikipedia.org
abril: a rebelión xiíta de al-Mukhtar en Kufa é reprimida por Musab inb Zobair, irmán de Abd Allah ibn Zobair.

xuño: batalla de Tertry na que Pipino de Heristal vence de xeito decisivo, coa alianza dalgúns nobres de Neustria a Berthario, mordomo de Neustria e Burgundia, que morre pouco despois. Theuderico III e o seu tesouro son postos baixo vixianza e Pipino reunifica o goberno de todos os territorios francos. Nomea a Nordeberto, conde de París, mordomo de Neustria, e intenta que a súa autoridade sexa efectiva en todo o reino pero esta é nula ao sur do Loira e en Burgundia.

Kent rebélase contra a soberanía de Wessex e o rei imposto Mul é queimado vivo. Caedwalla víngase arrasando o reino e Aethelred de Mercia aproveita a situación para estender os seus dominios.

Xustiniano II sela un novo tratado cos musulmáns, polo que estes pagan tributo e el acolle a 12000 maronitas de Líbano, que resistían duramente o asedio árabe; son trasladados a Thracia, Cilicia e Pamphilia. Acorda tamén repartirse os impostos de Armenia, Chipre e Iberia

Xustiniano reforza a flota bizantina en Chipre e transfire tropas de cabalería de Anatolia a Thracia.

Paulos III, novo patriarca en Constantinopla.

inicio das obras da mesquita de Umar en Xerusalem.

morre Ervixio, que apunta ao seu xenro Exica como posible sucesor.

novembro, 24: inicio oficial do reinado de Exica, que tamén era sobriño de Wamba. Declarara a intención de reconciliar ambas familias pero o novo rei, coa autorización do XV concilio de Toledo, deslígase do xuramento prestado a súa muller e repúdiaa.

decembro, 15: Serxio I é elixido como sucesor de Conon. Aparece en escena outro candidato, Pascual I.

Xustiniano II rompe o tratados cos búlgaros e ataca os eslavos pero é atrapado nunha emboscada e debe negociar un novo tratado.

Adomnan, abade de Iona, vista Northumbria para tentar liberar prisioneiros irlandeses capturados nunha incursión en Hibernia.

Cuthbert, bispo de Lindisfarne, abandona o bispado e retírase como eremita en Inner Fame, onde morre logo dunha grave e penosa enfermidade.

morre Romualdo, duque de Benevento, sucedido por Xisulfo.

o iussio de Xustiniano II confirma que Septem e Cerdeña posúen bases militares bizantinas importantes. Tamén quizás nas Baleares, segundo Nicolás Oikonomides, que aparece recollido na ‘listaxe árabe de al-Djarmi’ (s. IX).

mércores, 10 de decembro de 2014

681

ruínas en Jarrow
(pertencentes ao mosteiro do s. XI)
www.docbrown.info
xaneiro, 9 (ata o 25): Wamba está recluído nun mosteiro (Pampliega, Burgos) e Ervixio convoca o XII concilio de Toledo para lexitimar a súa situación; o novo rei insiste en lexislar contra os xudeus (moitos conversos estaban volvendo á súa antiga fe ante a debilidade da monarquía goda) e suprime leis que buscaban limitar a violencia contra os escravos; suaviza as sancións contra os que non cumpren coas súas obrigas militares e restitúe os bens dos nobres que apoiaran a Paulus; formúlanse anatemas contra os adoradores de ídolos.

xaneiro, 10: Agathon morre dunha peste declarada en Roma.

marzo, 28: no concilio de Constantinopla dítase unha condena contra o Honorio I pola súa actitude equívoca ante o monotelismo.

setembro, 16: final das sesións do concilio ecuménico. Roma e Constantinopla volven a estar unidas. O patriarca da capital alcanza o cumio do seu poder en contraposición á debilidade dos bispos de Roma, controlados polo exarca.

setembro: Constantino IV recoñece o estado búlgaro independente en Moesia e paga tributo para evitar ataques a Thracia, onde se crea un thema como medida defensiva.

Constantino IV ordena mutilar (o nariz) a Heraclio e Tiberio, irmáns seus, debido ás súas supostas intrigas para que non poidan reinar. Ordena que non volvan aparecer nas moedas e que os seus nomes desaparezan da documentación oficial. Eleva a seu fillo Xustiniano II ao rango de basileus.

estala unha revolta militar no thema de Anatolia e o exército marcha cara Chrysopolis e envía unha delegación a Constantinopla demandando que os dous irmáns sexan restablecidos nas súas funcións. Constantino IV chega a un compromiso e convence o exército a que volva ás súas bases. Convida os líderes á capital e consulta co senado a situación. Sen embargo, cando os líderes chegan á capital son arrestados e colgados en Sycae.

Aethelwalh de Sussex proporciona a Wilfrid terras en Selxey para fundar unha catedral, chamada ‘abadía de Selsey’.

Ecgfrith de Northumbria pide que os monxes de Monkwearmouth funden un mosteiro en Jarrow.

armenios, albaneses e iberos rebélanse contra o califato.

Kutluk Khan restablece o khaganato turco.

Kusakabe, segundo fillo de Tenmu, é feito príncipe herdeiro.

Eudes, duque de Aquitania.

680

triente de Ervixio
ceca de Emerita
Pertarito instala a Cuniperto, fillo seu, como corexente; e asina un tratado de paz con Constantino IV, no que este recoñece oficialmente o status quo en Italia.

marzo, 27: concilio de Roma, para preparar o ecuménico de Constantinopla.

Pipino de Heristal chega a mordomo de palacio en Austrasia.

Caedwalla de Wessex excédese nas súas ambicións contra seu rival Centwine, que o condena a vivir illado nos bosques de Chiltern e Andred.

abril, 18: morre Mu’awiyya, sucedido polo seu fillo Yazid I, segundo califa umayyad e sexto do islam. Os shiitas rebélanse en Kufa e convidan a Hussein ibn Ali a dirixilos.

batalla de Lafotao, na que tropas de Neustria baixo Ebroino derrotan a Pipino de Heristal.

unha lenda di que Martiño, irmán ou colaborador próximo a Pipino, se refuxiou nun santuario, de onde non se podía quitalo sen cometer sacrilexio. Ebroino envía dous bispos que lle xuran sobre unha caixa con reliquias que non se lle faría dano. Martiño accede a saír do seu refuxio pero Ebroino non tarda nada en executalo. Os bispos non dixeran que a caixa non tiña reliquia algunha.

maio, 15: Ebroino é asasinado por Ermenfroi e substituído por Waratton.

outubro, 10: batalla de Karbala, na que Yazid mata a Hussein ibn Ali (decapitado por Shimr ibn Dhi ‘l-Jawshan), a súa familia e os seus principais colaboradores. Isto marca o punto irreconciliable entre sunitas e shiitas, que escollen como líder ao imán Ali Zain al-Abidin.

outubro, 14: Wamba asiste a un banquete organizado polo seu sobriño, o conde Ervixio; sufre un ataque cataléptico (ou é narcotizado) e, pensando que morrera, os seus servos tonsúrano e vísteno de monxe para ‘facilitar a súa entrada nos ceos’; sen embargo, esperta e cando o fai é forzado a abdicar (os tonsurados non poden reinar) e profesar nun mosteiro.

outubro, 15: Ervixio, elixido rei godo; insiste en medidas contra os xudeus.

Theodoro, arcebispo de Canterbury convoca un sínodo en Hatfield que confirma o rexeitamento ao monotelismo.

Wilfrid retorna a Northumbria co apoio de Roma pero Ecgfrith exíliao novamente e ten que viaxar a Sussex, onde evanxeliza o pobo.

novembro, 12: inicio das sesións do sexto concilio ecuménico en Constantinopla. O obxectivo é rematar co monotelismo.

Constantino IV reforza a sona do imperio logo da derrota dos musulmáns; sen embargo, decátase de que Syria e Éxito son irrecuperables e que o monotelismo era fonte inútil de discordia con occidente.

Theodo II, duque bávaro.

Bonitus, nomeado prefecto de Massilia por Theuderico III.

martes, 25 de setembro de 2012

esperando os árabes

Recaredo no III Concilio de Toledo
conversión oficial ao catolicismo

a época visigoda en Hispania ten sido vista por moitos historiadores coma un período esplendoroso que ten o seu punto cumio no III Concilio de Toledo en 589 e a renuncia de Recaredo e o seu pobo ao arianismo e consecuente conversión ao catolicismo, que supuña unha unidade de fe baixo a éxida da Igrexa. E se a iso engadimos a “unidade” de Hispania, pretendida e falsamente atribuída a Recaredo tamén, o período ten sido considerado modélico, único e paradigmático para moitos. Engadamos a iso que tamén moitos historiadores teñen considerado que quen levou a cabo esta unidade –de fe e territorial– foron uns reis xermánicos que, polo tanto, daban ao regnum gothorum un carácter especial, porque, por unha banda, proporcionaba unha orixe xermánica á realeza hispana e porque, por outra, por fin, Hispania era católica (inda que fora por decreto). Por iso, na historiografía (en certa historiografía) o ano 711, a chegada dos árabes, significou unha catástrofe total, “a perda de Hispania”, o fin dunha época gloriosa dirixida baixo a influencia e omnipresencia da Igrexa.

os historiadores téñense preguntado ante esta “catástrofe”: como foi posible?, que aconteceu? E téñense buscado as causas en multitude de condicionamentos históricos: desafección da sociedade cara o seu reis (así se teñen interpretado as leis de Wamba e Ervixio sobre o exército), o mal endémico de loitas e ambicións de poder dos nobres na contorna do rei, ruína económica xeneralizada, man de obra desinteresada e pouco hábil, decadencia moral e dos costumes (concubinatos, desenfreo, corrupción) … Téñense escrito volumes enteiros sobre este tema.

todas estas interpretacións son contestadas, dun ou doutro xeito, no presente libro. Recaredo e os seus sucesores no tiñan xa nada ou case nada de “xermánicos”, o reino visigodo de Hispania non é un regnum xermánico; a unión do territorio non foi tal, cando menos ata 632, reinando Suitinla –como sinala convenientemente o propio Isidoro–;  a conversión proclamada e en certo modo imposta por Recaredo puido afectar a unha parte do seu pobo, pero os residuos do paganismo constátanse ata finais do s. VII, e as causas do fin do regnum non foron as enunciadas antes. O regnum en 711 era forte, con inmensos recursos no seu thesaurus (thesaurus e regnum nesta época son a mesma cousa), e a batalla na que morreu Roderico foi unha circunstancia puntual convenientemente magnificada por unha historiografía particular.

O regnum deixou de existir cando a Igrexa abandonou a súa función: o bispo de Toledo fuxiu a Roma en 712, e o instrumento de goberno –o concilio– deixou de funcionar como tal órgano supremo, e nese momento deixou tamén de existir a estrutura esencial de cohesión que mantiña o reino visigodo. Sen Igrexa non hai regnum. Que os exércitos de Roderico eran inoperantes é evidente, porque non existía un exército visigodo profesional, e o impulso do mundo árabe era incontido, inda que nun principio a súa chegada a Hispania non fora máis que unha expedición puntual. Unha sociedade máis dinámica viña a substituír a unha sociedade ancorada na crenza de ser invencible pola súa fe.

o período visigodo non foi unha época esplendorosa nin brillante. Quizás o foi só para a Igrexa que alcanzou cotas de poder totais. Non foi capaz de crear nada, ao contrario, foi un período amargo, escuro, triste, freado nos seus impulsos e creatividade eventual. Do mundo romano herdou leis, organización, títulos, pasado, pero, ao mesturarse coas institucións eclesiásticas dominantes, afogou as súas posibilidades. Conservou as súas fronteiras, certamente, pero durante setenta anos foi incapaz de desembarazarse dun puñado de tropas imperiais enviadas por Xustiniano dende Constantinopla. Ao imperio romano bizantino pasoulle algo semellante: perdeuse entre o incenso e o cerimonial, as disputas teolóxicas e a incapacidade de gobernar en medio das reviravoltas da diplomacia e o milenarismo.

tradución e adaptación ao galego dun extracto de
ARCE, Javier Esperando a los árabes. Los visigodos en Hispania (507-711) (2011), pp. 19-20.
xindiriz