martes, 25 de setembro de 2012

esperando os árabes

Recaredo no III Concilio de Toledo
conversión oficial ao catolicismo

a época visigoda en Hispania ten sido vista por moitos historiadores coma un período esplendoroso que ten o seu punto cumio no III Concilio de Toledo en 589 e a renuncia de Recaredo e o seu pobo ao arianismo e consecuente conversión ao catolicismo, que supuña unha unidade de fe baixo a éxida da Igrexa. E se a iso engadimos a “unidade” de Hispania, pretendida e falsamente atribuída a Recaredo tamén, o período ten sido considerado modélico, único e paradigmático para moitos. Engadamos a iso que tamén moitos historiadores teñen considerado que quen levou a cabo esta unidade –de fe e territorial– foron uns reis xermánicos que, polo tanto, daban ao regnum gothorum un carácter especial, porque, por unha banda, proporcionaba unha orixe xermánica á realeza hispana e porque, por outra, por fin, Hispania era católica (inda que fora por decreto). Por iso, na historiografía (en certa historiografía) o ano 711, a chegada dos árabes, significou unha catástrofe total, “a perda de Hispania”, o fin dunha época gloriosa dirixida baixo a influencia e omnipresencia da Igrexa.

os historiadores téñense preguntado ante esta “catástrofe”: como foi posible?, que aconteceu? E téñense buscado as causas en multitude de condicionamentos históricos: desafección da sociedade cara o seu reis (así se teñen interpretado as leis de Wamba e Ervixio sobre o exército), o mal endémico de loitas e ambicións de poder dos nobres na contorna do rei, ruína económica xeneralizada, man de obra desinteresada e pouco hábil, decadencia moral e dos costumes (concubinatos, desenfreo, corrupción) … Téñense escrito volumes enteiros sobre este tema.

todas estas interpretacións son contestadas, dun ou doutro xeito, no presente libro. Recaredo e os seus sucesores no tiñan xa nada ou case nada de “xermánicos”, o reino visigodo de Hispania non é un regnum xermánico; a unión do territorio non foi tal, cando menos ata 632, reinando Suitinla –como sinala convenientemente o propio Isidoro–;  a conversión proclamada e en certo modo imposta por Recaredo puido afectar a unha parte do seu pobo, pero os residuos do paganismo constátanse ata finais do s. VII, e as causas do fin do regnum non foron as enunciadas antes. O regnum en 711 era forte, con inmensos recursos no seu thesaurus (thesaurus e regnum nesta época son a mesma cousa), e a batalla na que morreu Roderico foi unha circunstancia puntual convenientemente magnificada por unha historiografía particular.

O regnum deixou de existir cando a Igrexa abandonou a súa función: o bispo de Toledo fuxiu a Roma en 712, e o instrumento de goberno –o concilio– deixou de funcionar como tal órgano supremo, e nese momento deixou tamén de existir a estrutura esencial de cohesión que mantiña o reino visigodo. Sen Igrexa non hai regnum. Que os exércitos de Roderico eran inoperantes é evidente, porque non existía un exército visigodo profesional, e o impulso do mundo árabe era incontido, inda que nun principio a súa chegada a Hispania non fora máis que unha expedición puntual. Unha sociedade máis dinámica viña a substituír a unha sociedade ancorada na crenza de ser invencible pola súa fe.

o período visigodo non foi unha época esplendorosa nin brillante. Quizás o foi só para a Igrexa que alcanzou cotas de poder totais. Non foi capaz de crear nada, ao contrario, foi un período amargo, escuro, triste, freado nos seus impulsos e creatividade eventual. Do mundo romano herdou leis, organización, títulos, pasado, pero, ao mesturarse coas institucións eclesiásticas dominantes, afogou as súas posibilidades. Conservou as súas fronteiras, certamente, pero durante setenta anos foi incapaz de desembarazarse dun puñado de tropas imperiais enviadas por Xustiniano dende Constantinopla. Ao imperio romano bizantino pasoulle algo semellante: perdeuse entre o incenso e o cerimonial, as disputas teolóxicas e a incapacidade de gobernar en medio das reviravoltas da diplomacia e o milenarismo.

tradución e adaptación ao galego dun extracto de
ARCE, Javier Esperando a los árabes. Los visigodos en Hispania (507-711) (2011), pp. 19-20.
xindiriz

Ningún comentario:

Publicar un comentario