Amosando publicacións coa etiqueta Teudiselo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teudiselo. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de xullo de 2014

549

representación de Axila
en.wikipedia.org
os filósofos gregos que marcharan a Persia logo da clausura da ‘Academia’ de Atenas non están a gusto e moitos desexan volver a Grecia. Cosroes I negocia a súa volta con Xustiniano para que este llelo permita. Volven a casa pero o emperador mantén a prohibición de que ensinen; con eles morrerá gran parte do legado pagán grego.

a comunidade xudía participa no funeral de Cesarius de Arelate.

marzo: importantes reparacións na presa de Ma’rib (Iemen), testemuñadas por inscricións do reinado de Abraha.

abril, 24: o xeneral chinés Hou Jing devasta Nankin, capital Liang do sur.

maio, 9: Maximianus de Ravenna consagra Apolinar-en-Classe.

verán: Totila asedia Roma por terceira vez e ofrece un tratado de paz a Xustiniano, que o rexeita.

Totila conquista Peruggia e deixa nela un destacamento godo. Fai prisioneiro ao bispo, Herculanus, e ordena que lle arrinquen ata o último anaco da pel. O soldado que o fai apiádase del e decapítao.

celébranse as últimas carreiras de carros no circus maximus en Roma.

Bessas, comandante bizantino, combina forzas con Gubazes II e derrotan os persas en Lazica nun ataque sorpresa.

Jianwen Di sucede a seu pai Wu Di, como emperador da dinastía Liang.

outubro, 28: concilio de Orleáns: nove arcebispos e corenta e un bispos, presididos por Sacerdos de Lugdunum, pronuncian un anatema contra os ‘erros’ de Nestorio e Eutychius.

fúndase a diócese de Ossory en Hibernia.

decembro: Teudiselo morre asasinado nun banquete en Hispalis. Sucédeo Axila.

continxentes eslavos penetran en Thracia e vencen forzas bizantinas na proximidade de Adrianopolis.

domingo, 20 de xullo de 2014

548

Teudiselo
es.wikipedia.org
primavera: batalla dos campos de Calo: Xoán Troglita consegue controlar a situación en Byzacena.

xuño, 28: morre Teodora (48), quizás vítima dun cancro de peito (Vítor de Tununna).

Vixilius ratifica a condena de Xustiniano. Pero pouco despois un concilio en Carthago excomúngao. Asustado, Vixilius retráctase pero non evita que os bispos de Aquileia e Mediolanum se aparten da disciplina papal. A morte de Teodora detén momentaneamente o conflito.

Belisarius, falto de recursos, solicita volver a Constantinopla, onde se fai cargo da Garda Imperial.

tremor de terra en Constantinopla.

Teudis morre asasinado por man de Teudiselo, que se fai co trono godo en Hispania.

Guzabes II rebélase contra os persas e solicita axuda a Xustiniano, que envía 8000 homes a Lazica. Guzabes asedia Petra pero os persas baixo Mermeroes derrotan un pequeno continxente bizantino e liberan Petra. Mermeroes deixa 3000 homes na cidade e marcha cara Armenia.

abril, 13: o emperador Ly Nam De (Vietnam) é morto por tribos laosianas mentres se retira polas terras chas onde o río Hong. Sucédeo seu irmán maior, Ly Thien Bao.

Cosmas Indicopleustes, comerciante alexandrino, escribe ‘topografía cristián’: describe a importancia do comercio das especias (cravo e áloes) en Ceilán e a colleita da pementa en India.

os eslavos entran en Illyricum ata Dyrrachium.

fúndase o mosteiro de Catalina en Sinaí.

xoves, 10 de xullo de 2014

541

Totila
italia-ostrogota.ilcannocchiale.i
Anicius Faustus Albinus Basilius, último cónsul.

xaneiro, 2: Laodicea é destruída por un tremor de terra.

maio: Xoán de Capadocia perde o seu cargo de prefecto do pretorio por unha conxura urdida por Teodora, confíscanlle as súas propiedades e é exiliado a Cyzicus.

maio: Hildebaldo é asasinado por un xépido durante un banquete e algúns elixen a Erarico, un rugo, que non é recoñecido por gran parte da nobreza goda. Xustiniano ofrécelle o título de patricius a cambio da súa rendición.

primavera: traslado de Belisarius ao fronte persa.

xuño, 21: Cosroes I intervén en Lazica en apoio de Gubazes II contra unha rebelión dos seus súbditos. Envía unha forza expedicionaria baixo Mermeroes, que captura Petra, na costa do mar Negro, proporcionando aos persas un porto estratéxico.

xullo: Belisarius marcha cara Nisibis, cidade que asedia.

setembro: asasinan o novo rei godo nun banquete; sucédeo Totila, que aproveita a ausencia de Belisarius para reagrupar as súas forzas: logra o apoio das clases populares ao liberar os escravos e repartir terras entre eles, ordena construír unha flota e diríxese cara o sur.

Xustiniano emprende reformas administrativas, unha delas a eliminación definitiva do consulado, que xa era algo simplemente honorífico, sen funcións reais.

o duque visigodo Teudiselo expulsa os francos que entraran en Hispania.

outubro: dous dos maiores éxitos do imperio (aumento de poboación e desenvolvemento de rutas comerciais) son dúas das condicións que facilitan a extensión da peste bubónica, da que aparecen os primeiros casos en Exipto, no porto de Pelusium, de onde progresa ata Alexandría.

inverno: Totila defende Verona fronte a un exército imperial numericamente superior. Obtén o control do val do Po e prepara unha ofensiva goda no centro de Italia.

o sistema cronolóxico elaborado por Victorius de Aquitania (ano 457), o cursus paschalis é adoptado como oficial.

Xustiniano asina un foedus cos lombardos de Audouino e instálaos en Pannonia para usalos como mercenarios na reconquista de Italia.

martes, 14 de agosto de 2012

Hispania antes de Leovixildo

Hispania á morte de Leovixildo

ao presentar tantas lagoas, as fontes para os anos entre a morte de Teudis e de Atanaxildo teñen sido obxecto de todo tipo de interpretacións especulativas. Para os que cren nun reino hispano-gótico que se remonta ao s. v, este período representa unha fase de desintegración e rebelión contra a autoridade do estado godo. Incluso aqueles que teñen menos certezas sobre a dimensión do poder godo tenden a acercarse ao período en termos de actitudes locais fronte á autoridade goda. Polo tanto, existe un número sorprendente de hipóteses contraditorias, atribuíndo motivacións políticas, étnicas e/ou relixiosas a godos, bizantinos, cidades ou aristocracias hispanas e trazando presuntas relacións entre eles. A cuestión é que sabemos demasiado pouco para atrevernos a facer algo semellante con algún grado de seguridade e, por iso, débese tentar facer recaer nas fontes tan pouca forza probatoria como sexa posible.

cara ao final do período de Teudis podemos estar seguros da presenza militar goda ao longo das rutas entre a Meseta e o estreito de Xibraltar porque sen tal o ataque a Ceuta non tería sido factible. Esta presenza probablemente non era benvida nunha rexión cuxas elites tiñan sido independentes na práctica dende os 460s ou os 470s. En efecto, un podería especular que a inestabilidade súbita e severa que aflixiu á elite gobernante goda logo de finais dos 540s foi provocada en parte polos retos que supuña dominar unha rexión que previamente se situara fora da órbita goda. Máis certo é o feito de que a oposición das cidades do sur, como Córdoba, exacerbou as tensións dentro da propia nobreza goda. Teudis, Teudiselo e Axila irromperon nun sur hispano onde non foron benvidos e onde resultaron totalmente incapaces de imporse coma unha autoridade superior recoñecida. Isto supuxo que, independentemente das súas intencións, convertéronse en un poder local máis entre os que xa había no lugar, o mesmo destino que corresponderá aos socios bizantinos de Atanaxildo. A presenza imperial resultou non ser máis aceptable para certas familias nobres de Carthaginensis que a de Axila resultou aos cidadáns de Córdoba – foi, despois de todo, a chegada dos bizantinos que empurrou ao pai de Isidoro a trasladar a familia á Baetica, onde naceu.

o período de Atanaxildo é particularmente revelador das dificultades que todos estes grupos tiñan para imporse no mapa político hispano. Non hai indicio de que Atanaxildo algunha vez exercera o seu poder fóra do corredor entre Baetica e Toledo e quizás Zaragoza; e incluso alí, as cidades de Sevilla e Córdoba obxectaron con puxanza a presenza real. O tipo de colaboración urbana local precisa para que funcionara a monarquía goda non existía en absoluto. Podemos estar certos disto porque Sevilla, onde se localizará o inicio da revolta de Atanaxildo contra Axila, deixou moi pronto de gardarlle lealdade. Non hai razón para crer que os cidadáns de Sevilla e Córdoba traballaran concertadamente para oporse a Atanaxildo. Ben ao contrario, semella que presenciamos a continuación de actividades bélicas incoherentes entre cidades basicamente autónomas e sen tradición arraigada de subordinación ao rei godo; e con escasa inclinación a “experimentar” o poder godo. En efecto, é bastante posible que a hemorraxia de poder real godo baixo Atanaxildo foi máis estendida do que evidencian as testemuñas de conflito no sur peninsular. É dicir, o tipo de independencia que a maioría da Hispania sur e occidental gozara baixo Teodorico, Amalarico e Teudis pode ter sido agora a norma en Tarraconensis e Carthaginiensis, onde previamente a autoridade real tiña sido forte.

esa posibilidade é, sendo prudentes, suxestionada polo acontecido ao morrer Atanaxildo, cando, para exercer algún tipo de control sobre Hispania, o nobre narbonense Liuva tivo que nomear como correxente ao seu irmán Leovixildo. Atanaxildo morreu en Toledo, probablmente en 568, e as consecuencias do seu pasamento falan da debilidade da súa autoridade. Durante cinco meses, segundo Isidoro, ninguén reclamou o trono, un feito que ten provocado frecuentes expresións de perplexidade por parte dos eruditos. Non é preciso, porque a obediencia ao título real godo cadra ben coa mínima testemuña das fontes. Atanaxildo subiu ao trono como rebelde e foi aceptado a medias e faute de mieux. Durante o seu período, a autoridade da monarquía goda escoouse. Máis que iso: Atanaxildo era tan feble que a monarquía goda fíxose irrelevante para a propia nobreza goda, ata o punto que ninguén se molestou en asasinalo. Cando finalmente morreu de seu, ningún nobre godo se preocupou de reclamar o seu título real.

finalmente alguén o fixo, inda que ningún godo hispano. No seu lugar, un home chamado Liuva foi proclamado rei en Narbona, alén dos Pirineos, en Gallia. Ninguén semella ter obxectado, pero tampouco semella que os godos en Hispania cispirenaica lle tiveran prestado moita atención. Noutras palabras, sentíronse cómodos co xa habitual esquema político hispano, tan satisfeitos cunha existencia local autónoma como os cidadáns de Sevilla e Córdoba, contra os que loitara Atanaxildo en van. Ninguén cuestionou a pretensión de Liuva ao título real, pero para que este título tivera substancia, era necesaria a forza. A data da aclamación de Liuva non está clara, pero debeu ser en 567 ou 568. Ao primeiro, non houbo indicios de que o novo rei tomara moito interese por Hispania e non hai probas de que a súa autoridade fose aceptada alí excepto no sentido pasivo de que non foi cuestionada. Moi ben puidera ser isto o que inspirara a grande novidade do período de Liuva: a nomeamento dun co-rexente. Entre os visigodos só sabemos dunha caso anterior de tal co-xefatura, o goberno conxunto de Teodorico II e o seu irmán máis novo Frederico nos 450s. Nese caso, porén, Frederico era sen dúbida o subordinado do seu irmán maior, mentres tanto Isidoro como Xoán de Biclaro deixan claro que Liuva asociou a Leovixildo coma un igual. Que a Leovixildo se lle asignaran de inmediato as provincias hispanas – regnum citerioris Hispaniae, en palabras de Xoán – suxestiona que a principal preocupación de Liuva era facer realidade os dereitos da súa familia a un trono valeiro de todo contido durante o período de Atanaxildo.

as consecuencias da proclamación de Leovixildo teñen sido tratadas a miúdo. Inda que a cronoloxía completa do seu período non sempre é clara, a secuencia de acontecementos é facilmente discernible e non é preciso debullala aquí en exceso. Leovixildo casou coa viúva de Atanaxildo, Goiswintha, herdando por tanto calquera lealdade residual que quedara cara o rei morto. Logo pasou a década dos 570s conquistando a península ibérica cidade por cidade, ou ben fronte a autoridades locais ou, no extremo sur, dos soldados bizantinos. En 569 ou 570 atacou e saqueou os territorios de Basti e Málaga. O ano seguinte, conquistou a cidade de Asidona á guarnición bizantina que a ocupaba. O ano despois, atendeu a Córdoba. Cando a morte de Liuva deixou a Leovixildo coma rei único, rapidamente asociou aos fillos Hermenexildo e Recaredo ao trono, pero continuou coas súas conquistas ao tomar a rexión de Sabaria. En 573 ou 574 invadiu Cantabria e ocupou a súa cidade principal, Amaia. Cara o oeste dende alí, en 575 ou 576, estivo preparado para invadir Callaecia e atacar ao rei suevo Miro, a quen reduciu á condición de tributario. Quizás ao ano seguinte Leovixildo tomou Orospeda. Evidentemente para conmemorar estes éxitos senlleiros, Leovixildo construíu unha nova cidade e chamouna Recopolis en honor ao seu fillo máis novo. O seu fillo maior Hermenexildo, casado cunha princesa franca e enviado a Sevilla para vixiar o sur, recentemente conquistado, rebelouse contra o pai nun dos episodios máis discutidos da historia visigoda.

durante os anos seguintes Leovixildo non só emprendeu campañas exitosas contra o fillo maior, senón que inda atopou tempo para moito máis: ocupou parte de Euskadi e fundou alí outra cidade; enviou tropas á rexión en torno a Sagunto, onde foi saqueado o mosteiro de Martiño; e desfíxose da monarquía sueva de Miro e os seus efémeros sucesores Eborico e Audeca. Cando Leovixildo morreu en 585 ou 586 foi pacificamente sucedido polo seu fillo máis novo Recaredo. Baixo este a estabilidade da monarquía foi eficazmente consolidada coa conversión do reino á ortodoxia no III Concilio de Toledo. Con este acto dramático de teatro político, o bispado hispano-romano acordou, en efecto, subscribir a autoridade do monarca. Alborecía unha nova era na historia política de tanto a monarquía goda como da historia da propia Hispania, un novo comezo posible só grazas á vigorosa violencia de Leovixildo e as súas conquistas.

pódese, de querer, interpretar as súas campañas coma a supresión de actos de rebelión xeneralizada dentro dun reino godo lexítimo. Esa é, despois de todo, a posición adoptada por Xoán de Biclaro: “Leouegildus ... provin­ciam Gothorum, quae iam pro rebellione diuersorum fuerat diminuta, mirabiliter ad pristinos reuocat términos”. Xoán escribiu nun tempo no que o fillo de Leovixildo, Recaredo, reinaba co consentimento da nobreza goda e dos bispos peninsulares. Cando Isidoro escribiu Historia Gothorum, as bases ideolóxicas da monarquía goda xa estaban inda máis elaboradas, e o propio Isidoro foi o máximo expoñente desa ideoloxía. É natural que tanto el coma Xoán concibiran as décadas anteriores a Leovixildo coma un período de desviación dunha norma de hexemonía real goda. Pero os acontecementos que Xoán e Isidoro rexistran non casan coas interpretacións que lles queren impor.

as propias palabras de Xoán deixan clara a ampla diversidade da oposición a Leovixildo, que custou máis dunha década suprimir e esixiu a conquista sistemática de máis de dous terzos da península. Leovixildo non foi un rei atribulado que suprimía rebelións por todas partes. Máis ben, foi un guerreiro astuto que se labrou un novo reino a partir dunha serie de cidades desunidas e rexións que non tiñan grande costume de aceptar autoridade algunha fóra do local. É a novidade da autoridade de Leovixildo o que explica as dificultades que temos ao trazar unha continuidade institucional entre a monarquía goda dos ss. v e vi e as institucións monárquicas que se describen na lex Visigothorum do s. vii. Por moito que Leovixildo se retratara coma restaurador dunha monarquía goda venerable, e por moito que Xoán e Isidoro o debuxaran neses termos, os seus esforzos crearon algo novo porque introduciron a monarquía goda como novidade na maior parte da península. Deste xeito, o seu período pechou a fase inmediatamente posterior á romana na historia de Hispania.

KULIKOWSKI, Michael Late Roman Spain and its Cities (2011), pp. 280-286.

tradución de xindiriz; non se inclúen notas.