Amosando publicacións coa etiqueta Ruga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ruga. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de agosto de 2012

434

solidus coa efixie de
Justa Gratia Honoria, augusta pola man de Deus

Aspar e Aerobindus, cónsules.

xaneiro: Máximo convértese en bispo de Riez. Fausto sucédeo na abadía de Lerins.

Ruga mobiliza tropas para atacar Thracia, pero morre durante a expedición por causa dun lóstrego; sucédeno conxuntamente os seus sobriños Bleda e Atila. Constantinopla prepárase para o asedio.

abril, 12: Maximiano morre; sucédeo Proclus coma patriarca de Constantinopla.

Xusta Grata Honoria, irmá maior de Valentiniano III, queda embarazada dun oficial ao seu servizo. A relación convulsiona a corte, onde certos círculos asumen que Honoria quere elevar ao seu amante ao rango imperial e apartar a seu irmán. Valentiniano III ordena a execución inmediata do militar.

Gaiserico derrota a flota de Aspar, que se retira a Constantinopla con grandes perdas.

nace Xulio Nepos (futuro augustus) en Dalmacia, fillo de Nepociano.

outubro, 23: data dun contorniato coa efixie de Valentiniano e a lenda d(ominus) n(oster) Pla(cidus) Valentinianus p(erpetuus) f(elix) Aug(ustus) no anverso; no reverso o interior do Circo Máximo (onde transcorren unha venatio e un munus) e a lenda vota xx; é dicir, o medallón emitiuse para celebrar os decennalia de Valentiniano. Esta é a última proba concluínte da celebración de munera. Estes xogos celébranse no Circo Máximo porque o Coliseo está sendo reparado coma consecuencia do tremor de 429.

martes, 7 de agosto de 2012

430

aparato de destilación de Zósimo de Panopolis
en Marcelin BERTHELOT Collection des anciens alchimistes grecs
(1887-1888)

Teodosio II (quen celebra os seus tricennalia) e Valentiniano III, cónsules novamente.

construción dunha igrexa consagrada a Lourenzo en Mediolanum.

un continxente huno dirixido por Octar ataca os burgundios establecidos en torno a civitas vangionum (Worms), pero son rexeitados. Octar morre o día anterior ao combate, quizás por causa dunha enchente, e os seus homes resultan aniquilados. Ruga, quen ocupara unha xefatura dual co seu irmán Octar, convértese en señor único dos hunos. Atila, sobriño seu, levaba coma refén en Ravenna dende 410.

Teo­dorico I tenta estender a influencia visigoda á costa provenzal e ameaza Arelate, sendo rexeitado por Aetius, quen tamén en Gallia emprende operacións contra a bacauda.

Zósimo de Panopolis usa por primeira vez o termo ‘química’. Mellora a destilación e varios procesos metalúrxicos.

maio: Flavius Felix (partidario de Gala Placidia), a súa dona e un diácono son arrestados pola milicia durante un motín, instigado (ou non?) por Aetius, en Ravenna. Son executados e Aetius nomeado magister peditum.

Aetius semella ter conseguido os seus obxectivos; porén, en Ravenna non ten apoios sólidos e debía responder pola morte de Felix; tamén se lembraba a súa asociación con Xoán primacerius e Castinus. Só a delicadísima situación en Africa favorece temporalmente os seus intereses.

xuño: Gaiserico inicia o asedio de Hippo Regius, defendida por Bonifacio. A cidade resistirá de momento grazas ás subministracións por mar e a colaboración de Constantinopla. Carthago e Citra tamén resisten.

Cirilo de Alexandría escribe contra as “blasfemias” de Nestorio e envía cartas a Teodosio II, Pulcheria e as outras irmás do emperador. Tamén a Celestino I.

agosto, 10: Celestino I lidera un sínodo en Roma que rexeita as doutrinas de Nestorio como heréticas: ínstaselle a rectificar en dez días baixo pena de excomuñón e autorízase a Cirilo a comunicarllo por escrito.

agosto, 18: Agostiño (76 anos) morre en Hippo Regius, durante o sitio vándalo.

Feng Ba abdica coma emperador de Yan, un estado que compite polo poder en China. Sucédeo seu irmán Feng Hong.

novembro, 19: Cirilo convoca un sínodo en Alexandría e condena 12 ‘doutrinas’ nestorianas e comunícallo por escrito ao propio Nestorio; tamén, á cabeza dun forte movemento popular, forza a convocatoria dun concilio en Éfeso.

Pedro o Ibero funda un mosteiro próximo a Belem.

Capreolus, bispo de Carthago. Deixou un epistolario fundamentalmente doutrinario, froito das controversias orixinadas polas correntes teolóxicas situadas á marxe da doutrina proposta polas xerarquías. Hai unha epístola remitida a el por Vital e Constancio, monxes hispanos, consultándolles sobre o nestorianismo, profesado por algunhas xentes en Hispania. Na contestación Capreolus rexeita os principios desta corrente, á vez que informa da celebración dun synodum sacerdotum en Oriente (Éfeso) e ordénalles que corrixan aos que incorran neste erro.

o arianismo ten presenza en Hispania pola entrada dos continxentes xermánicos, pero non se estende demasiado entre a poboación hispanorromana. Só se teñen noticias de movementos priscilianistas ou algún maniqueo en Callaecia.

dende Oriente parten moitas expedicións comerciais cara Occidente, onde se establecen colonias orientais. isto é o vehículo de transmisión das máis diversas influencias, materiais e espirituais, tamén principios relixiosos. A área peninsular onde se estableceron os contactos con teorías nestorianas serían Levante ou Baetica.

Vital e Constancio serían monxes: a cita de pasaxes da Biblia evidencia a súa cultura teolóxica adquirida nun dos mosteiros hispanos nunha época con escaso nivel cultural entre a maioría de leigos e cregos, incluso estes últimos en materia doutrinal.

a campaña da xerarquía africana contra os heréticos estaba agora nunha nova etapa: a loita contra maniqueismo e donatismo de Agostiño deixaba paso á establecida contra pelaxianismo e nestorianismo –en conxunción con Roma–, loita apoiada por Capreolus na súa carta efesina aos bispos convocados: apréciase a pouca preocupación polo nestorianismo e a gran preocupación polo pelaxianismo, moito máis estendido en occidente.

Capreolo está preocupado por defender a doutrina tradicional e non por intrigas e intereses persoais, formado a carón de Agostiño, quen segue a ser referente en materia eclesiástica ou doutrinal.

en Hispania, logo da marcha dos vándalos, só están os suevos como forza bélica de certa entidade, sen que se poida en­contrar más resistencia a estes que a ofrecida localmente polos pro­pios provinciais hispanorromanos.

ata mediados dos corenta, Ravenna ten gravísimos problemas que lle impiden intervir novamente en Hispania. Os suevos tentan estender a súa influencia levando a cabo sacos e pillaxes noutras provincias fóra de Callaecia. O éxito fai que os distintos grupos e clientelas se unan baixo o liderado dos reis. Porén, os suevos non conseguen dominio territorial propiamente dito. Este só se acadou en certas zonas de Callaecia, sobre todo en torno a Bracara (principal zona de asentamento suevo) e nalgúns centros urbanos de certa importancia, onde habería guarnicións militares. Por iso subsistiron numerosos illotes e amplas zonas practicamente independentes de todo control e dominadas pola aristocracia local.

un factor a ter en conta é a desfavorable relación numérica dos suevos a respecto da poboación; todo é hipotético pero E. A. Thomson fala dunhas 20000 persoas de orixe sueva, non máis do 3% do total da Callaecia, que no s. ii superaba as 700000 persoas. Por outra banda, a orografía facilita a defensa local da poboación e fai difícil unha boa centralización. Por último, o continxente suevo tampouco era heteroxéneo dende o punto de vista étnico.

os francos, dirigidos por Chlodion, levaban anos pasando o Renus, ata que se asentan definitivamente no norte de Gallia.

nace en Lugdunum Sidonius Apollinaris, que vivirá e escribirá acontecementos chave no desmembramento da pars occidentis. Tanto pai coma avó foran praefectus praetorio Galliarum, a máis alta maxistratura en Gallia. Educouse no propio Lugdunum e en Arelate: gramática e retórica, poesía e mitoloxía, baixo o sistema fixado por Quintiliano. É discutible se posuía coñecementos de grego.

Turonium (Callaecia) sofre o ataque vándalo: “Vandali navibus Turonio in litore Gallaeciae repente aduecti familias capiunt plurimorum”, segundo Hydacio.

Próspero escribe un poema dunhas 1000 liñas adversus ingratos no que ataca aos pelaxianos: dogma quod … pestifero vomuit coluber sermone britannus. Despois da morte de Agostiño escribiu tres series de obras na súa defensa, especialmente en contra de Vicente de Leríns (pro augustino responsiones).

morre Nilo de Ancira, discípulo de Xoán Crisóstomo en Constantinopla e autor de tratados ascéticos para os seus monxes e máis de 1000 cartas a superiores, amigos e fregueses. Nunha carta describe as características ideais da decoración das igrexas da época: o bispo Olimpiodoro pediralle consello sobre a decoración dunha igrexa con imaxes de santos, escenas de caza, paxaros e animais; Nilo condenou as escenas de caza e da fauna por “frívola e impropia dunha viril anima cristiá” e suxestionou escenas do Testamento pintadas pola man dun artista de talento para que “serviran a xeito de libros para os ignorantes, ensinándolles a historia bíblica e gravando na súa memoria o relato das mercés divinas”.

Budagosa introduce en Ceilán, dende India, o budismo theravada (aprox.).

sábado, 21 de xullo de 2012

425

efixie de Aelia Eudocia nunha peza
no Museo Arqueolóxico de Estambul

consulado de Teodosio II e Valentiniano III.

febreiro, 27: Aelia Eudocia promove o ateneo (universidade) de Constantinopla, fundado por Teodosio II: un centro público de ensino católico que competirá coa academia pagán (fundada por Platón sete séculos antes). Hai dez gramáticos e tres rhetors en latín e dez gramáticos e cinco rhetors en grego, unha cátedra de filosofía e dúas de dereito. Tamén se reforza a biblioteca (120000 volumes). En Roma e Berytus (famoso polos seu xuristas) tamén se fundan ateneos.

os vándalos, baixo Gunderico, envían expedicións a Baleares e Mauretania Tingitana. Entran e saquean Carthago Espartharia en Carthaginiensis, e Hispalis en Baetica.

febreiro, 28: morre Atticus, sucedido por Sisinnius coma patriarca de Constantinopla.

maio/xuño: Aspar, fóra, e Ardaburius, dentro, logran que caia Ravenna. Xoán primacerius é capturado e trasladado a Aquileia, onde é mutilado, exposto en escarnio público enriba dun burro e executado no anfiteatro.

tres días máis tarde chega Aetius co exército de mercenarios hunos (60000?). Hai negociacións e págaselles o que se lles prometera a cambio de que se retiren.

os hunos de Ruga atravesan a pannonia valeria, e ocupan as instalacións romanas abandonadas da valeria ripuaria, cuxa poboación e goberno son desprazados; isto semella indicar unha entrega oficial en virtude dun tratado, que tería que ver ou coa axuda solicitada por Aetius ou en pago á súa evacuación de Italia por parte do novo goberno de Valentiniano III.

Castinus non é executado pero debe pasar ao retiro, inda que morre pouco despois. Teodosio impón a un xeral de confianza, Felix, quen é nomeado patricius e comulga co antixudaísmo da corte oriental. Helio desempeñará as funcións civís.

xullo, 9: os actos lexislativos de Xoán primacerius son anulados por unha lei promulgada en Aquileia, dirixida ao prefecto do pretorio de Galia Amacius. Rehabilítanse os privilexios da igrexa católica e renóvanse as diversas sancións contra os heréticos, notablemente o pelaxianismo. Dúas leis semellantes son enviadas ao prefecto de Roma (17 xullo) e a Africa (4 agosto).

Bonifacio e Aetius, os dous ambiciosos, constitúense como ameazas para Felix. Ambos son mantidos na periferia, lonxe da corte. O contexto político do que sae Bonifacio é confuso. A súa dona podería ser doméstica de Gala Placidia, o que explicaría a axuda prestada a ela nestes anos. Bonifacio é agora comes domesticorum. Aetius é nomeado magister militum per Gallias.

outubro, 23: Valentiniano III proclamado augustus en Roma.

novella, antixudaica, de Valentiniano III que prohibe o exercicio da avogacía aos non católicos; ratifica a prohibición de exercer coma militares e posuír escravos cristiáns.

en Britannia xorde Vortigern.

data dun contorniano que no anverso ten o busto da deusa Roma con casco e a lenda invicta Roma, felix Senatus e o reverso mostra o fin dunha loita, cun reciario abatendo a un secutor e a lenda reparatio muneris feliciter.

en Roma finalízase santa Sabina, con tres naves e sen cruceiro.

en Ravenna edifícase un novo circuíto de murallas (uns 4.5 kms de lonxitude cunhas 160 hectáreas interiores): moito menor que Roma ou Constantinopla ou Carthago pero comparativamente maior que as residencias medievais dos futuros regna “xermánicos”. Tamén se inicia o futuro mausoleo de Gala Placidia.

os hephtalitas (hunos brancos) cruzan o río Syrdarjia e atacan e arrasan a cidade de Bactriana.

Xoán Casianus, teórico monástico latino, remata de institutionis coenobiorum.

morre Galamiel IV e o sanedrín é desarticulado polas autoridades romanas.

data do último documento coñecido que utiliza a escritura demótica en Exipto.

o budismo continúa a súa extensión polo sur-este de Asia.

en China, o rei To-pa Tao inicia unha campaña contra os reinos Jeu-Han e Hia.

en India, Kakusthavarman, da dinastía Kadamba, reina sobre Kamataka (dende Kaveri ata Godavin).

venres, 20 de xullo de 2012

424

ruínas de Salona
consulado de Castinus e Vitor.

xaneiro, 16: inicio do réxime Taiwudi, no norte de China. Ataques contra os avaros (Ruanruan ou Jouan-Jouan) do Gobi e contra o imperio de Nankin. Progresiva imposición da súa autoridade sobre todo o norte de China.

primavera: sínodo en Ctesifonte, outórgase ao representante do patriarca de Antioquía a potestade de resolver problemas teolóxicos, co que se inicia a independencia da igrexa en Persia, baixo a dirección dun khatolikos.

Xoán primacerius trasládase a Ravenna. Unha delegación oficial busca recoñecemento en Constantinopla. É rexeitada.

Bonifacio, comes africae, apoia a Gala Placidia, bloqueando o aprovisionamento de Roma. Ravenna tenta sometelo pero fracasa.

Gallia tamén se ve afectada polos acontecementos: o prefecto do pretorio Exuperantius morre en Arelate nunha revolta da soldadesca.

outubro, 23: en Thessalonika Gala Placidia negocia con Teodosio II (ou con Pulqueria) e Helio, representante de Constantinopla, nomea caesar a Valentiniano III (5 anos), é dicir, herdeiro, pero non augustus. Tamén se dispón o futuro casamento de Valentiniano III on Licinia Eudoxia (2 anos), filla de Teodosio II. Viaxan cara occidente con Candidianus, Ardaburius, magister militum, e Aspar, que dirixen un exército terrestre e unha flota cara Italia. Toman Salona e logo Aquileia, base final da operación contra Ravenna.

Aetius (cura palatii) diríxese a Pannonia co encargo de Ravenna de obter axuda de mercenarios hunos. Regresa cun número de efectivos moi considerable.

Ardaburius é detido logo de ter que desembarcar por causa dun naufraxio debido ás pésimas condicións de navegación. En Ravenna é quen de subornar tropas de Xoán primacerius para que deserten.

Petrus Chrysologus, bispo de Ravenna.

Ruga, rei huno, trasládase á rexión do Tisza. Asinará con Constantinopla un tratado que lle concede 350 libras de ouro anuais a cambio de paz.

os hunos someten os xépidos: os nobres e dirixentes que non se someten sen condicións son exterminados. Aparecerán tesouros soterrados (Szilágysomlyó, Ormod/Brestov, Gelénes) .

Shao Di (18 anos) deposto por un grupo de altos funcionarios. Sucédeo seu irmán menor Wen Di coma emperador da dinastía Liu Song. Shao é exiliado a Suzhou, onde o asasinarán.