Amosando publicacións coa etiqueta Priscus de Panio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Priscus de Panio. Amosar todas as publicacións

mércores, 31 de xullo de 2013

atila e os hunos (getica de xordanes)

DESCRICIÓN DOS HUNOS

hunos na batalla de
campus Mauriacus
Alphonse de Neuville
127. pois aos que en moitos casos non conseguían vencer polas armas, facíanos fuxir aterrorizándoos coas súas espantosas caras, porque tiñan un aspecto dunha negrura arrepiante e o seu rostro non era tal, senón, por así dicilo, unha masa informe con dous buracos en lugar de ollos. Esta aparencia sinistra manifesta a crueldade do carácter destes homes que cortan as meixelas dos seus fillos varóns coa espada o mesmo día no que nacen para que antes de recibir o alimento da leite se vexan obrigados a acostumarse a resistir as feridas.

128. por este motivo chegan a vellos sendo imberbes e son xoves sen beleza porque o seu rostro, marcado polas cicatrices das espadas, vese privado do pelo que senta tan ben a esa idade. Son baixos de estatura, pero áxiles e desenvoltos nos seus movementos e moi aptos para a equitación; teñen costas anchas e son hábiles no manexo do arco e as frechas, co pescozo firme e sempre dereitos e orgullosos. Pero, a pesar desta aparencia humana, o certo é que viven coma bestas salvaxes.

Ammianus Marcellinus fai un retrato dos hunos semellante a Xordanes (cf. Hist., 31, 2, 21) e é probable que sexa a súa fonte directa

BATALLA DE CAMPUS MAURIACUS

197. os dous bandos atopáronse, como tiñamos dito, en Campus Mauriacus. O terreo do campo de batalla tiña unha lixeira pendente que medraba ata formar unha pequena cuíña. Ambos exércitos desexaban apoderarse dela porque a boa situación do lugar confería unha vantaxe nada desprezable. Os hunos ocuparon o flanco dereito cos seus, mentres os romanos e visigodos ocupaban o esquerdo coas súas tropas auxiliares, e así comezaron o combate sen terse apoderado inda da cima do monte.

198. Teodoredo e os visigodos estaban colocado na ala dereita do exército, Aetius e os romanos na esquerda, e deixaran no medio a Sanxibano, que como quedou dito era o xefe dos alanos, encerrado entre tropas leais con gran precaución militar ao que inspiraban menor confianza: pois está claro que o que ten difícil o camiño para fuxir asume de xeito máis doado a necesidade de loitar. As tropas dos hunos, pola súa banda, estaban organizadas de xeito diferente; Atila estaba no centro cos seus homes máis afoutados. Con esta disposición preocupábase este rei, ante todo, da súa propia seguridade, pois ao estar situado entre o máis escollido das súas tropas, quedaba libre do perigo máis inminente.

disposición inicial das tropas
timecommandersdwwilkin.regencyassemblypress.com
199. as alas do seu exército formábaas unha multitude de pobos procedentes de razas distintas que tiña sometidas á súa autoridade. Entre eles destacaba o exército dos ostrogodos, comandado polos irmáns Valamiro, Teodomiro e Vidimiro, máis nobres que o mesmo rei ao que daquela obedecían, pois pertencían á ilustre e poderosa liñaxe dos Amalos. Estaba tamén alí cunha innumerable tropa de xépidos o moi afamado e valente rei Ardarico, que pola súa gran lealdade a Atila tiña o privilexio de ser un dos seus conselleiros, pois Atila, que era moi sagaz nas súas decisións, apreciaba a este e ao rei ostrogodo Valamiro por riba dos outros xefes. O certo é que Valamiro sabía gardar ben os segredos, era de linguaxe convincente e incapaz de cometer traizón. Ardarico, pola súa banda, era famoso pola súa lealdade e bo xuízo, como xa levamos dito; non lle deberon de faltar razóns a Atila para pensar que ambos ían a loitar contra os seus parentes visigodos.

200. o amplo resto de reis e xefes de diversos pobos, se é que se lles pode chamar así, estaban atentos ás ordes de Atila como se foran a súa propia escolta, e tan pronto como facía un xesto cos ollos, sen murmurar apenas unha palabra, acudían todos ante el mortos de medo ou terror, dispostos a levar a cabo calquera cousa que mandara.

201. so Atila, rei de todos os reis, se preocupaba de todo e por todos. Así que se traba combate coa fin de conquistar este lugar privilexiado xa mencionado. Atila manda aos seus que ocupen o cumio do monte, pero Turismundo e Aetius toman a dianteira, e conseguiron gañar o cumio con grande esforzo e dende alí rexeitan os atacantes de xeito doado, grazas á privilexiada situación da que gozan no alto da cuíña.

202. entón Atila, ao ver a confusión do seu exército como resultado da acción anterior, pensou que debía subirlles a moral e improvisou a seguinte arenga: “Se estades de pé logo de ter vencido a tantos, despois de conquistar o mundo enteiro, considero inútil animarvos con palabras como se forades soldados sen experiencia. Iso que o faga un caudillo novato ou un exército sen experiencia. Nin é xusto que eu vos diga palabras manidas nin convén que vós as escoitedes.

203. a que outra cousa estades acostumados máis que a loitar? Hai algo máis agradable para un home valente que tomar vinganza coas súas propias mans? É un gran don da natureza o poder saciar as nosas ánimas coa vinganza.

204. ataquemos, pois, o inimigo con carraxe. Os que deciden lanzarse á loita son sempre os máis audaces. Desprezade os pobos dispares que se xuntan para loitar xuntos; aliarse para defenderse é síntoma de medo. Vedes como están xa mortos de terror incluso antes do voso ataque e por iso se soben ás alturas. Tarde se arrepinten, no campo de batalla, e buscan desesperados lugares altos e fortificados para protexerse. Xa sabedes ben o pouco resistentes que son as armas romanas. Aguantan con dificultade, non digo xa a primeira ferida, senón incluso a primeira poeira que se levanta cando se poñen en orde de batalla ou preparan a súa formación en tartaruga.

205. vós pelexade coa carraxe acostumada e, desprezando os seus exércitos, lanzádevos contra os alanos e arremetede contra os visigodos. Teremos que conseguir unha rápida vitoria alí onde se resolve a guerra: os membros do corpo debilítanse con rapidez cando se curtan os nervios e un corpo ao que se lle quitan os osos non é capaz de manterse en pé. Levantade os ánimos e que rexurda a vosa furia habitual. Hunos, servídevos agora da vosa intelixencia e das vosas armas; que o ferido en combate reclame a morte ao adversario e que o que está ileso se sacie degolando inimigos. Aos que están de vivir non vos alcanza frecha algunha, aos que está de morrer os fados fanlles perecer incluso en tempos de paz.

206. para rematar: por que ía ter a fortuna convertido os hunos en triunfadores sobre tantos pobos se non lles tivese reservado tamén a ledicia de vencer neste combate? E quen abriu finalmente aos nosos devanceiros o camiño da lagoa Meótida que tiña permanecido pechado e segredo tantos séculos? Quen facía incluso que homes armados foran derrotados por outros inermes? Un grupo de pobos unidos artificialmente non podía resistir a presenza dos hunos. Non me trabuco sobre o desenlace dos acontecementos. Este campo de batalla é o que nos teñen vaticinado éxitos anteriores. Serei o primeiro en lanzar as miñas frechas contra o inimigo. Se hai alguén que se quede quieto mentres Atila loita, que se dea por soterrado”. Acendidos con estas palabras, lanzáronse todos ao combate.

207. inda que a situación xeraba un gran temor, sen embargo, a presenza do rei facía desaparecer a vacilación dos seus homes. Trábase combate corpo a corpo. A batalle é atroz, confusa, cruel e encarnizada, totalmente diferente a calquera outra das que se libraron na Antigüidade. Cóntase que se viron alí tales fazañas que o que se privara de contemplar este espectáculo xamais na súa vida podería ter visto nada máis extraordinario.

208. pois, se damos creto aos máis anciáns, un regatiño que corre por unha pequena ribeira do citado campo viu moi aumentado o seu caudal co sangue das feridas dos que tiñan caído en combate. Non medrou pola chuvia, como adoita suceder, senón que mudou en torrente repleto do insólito líquido en cruenta chea. E aqueles que acudiron a el aguilloados pola sede que lles provocaban as feridas recibidas víronse arrastrados polas súas augas sementadas de morte. Así, impelidos pola súa miserable fortuna, beberon o sangue que derramaran os feridos.

209. entón, o rei Teodoredo, mentres pasaba revisa ao seu exército para infundirlle valor, caeu do seu cabalo e foi pisado polos seus, morrendo a unha idade xa bastante avanzada. Pero hai quen di que o matou unha frecha lanzada por Andaxis, que pertencía ao bando dos ostrogodos que estaban ás ordes de Atila. Este foi o primeiro vaticino que fixeron os arúspices a Atila, inda que el pensou que se trataba de Aetius.

210. entón os visigodos, separándose dos alanos, lánzanse contra as masas dos hunos e están a punto de matar a Atila, pero este decátase e actúa con rapidez, logrando escapar cos seus e ocultarse no recinto do seu campamento que tiñan cercado con carros. Inda que esta defensa non era moi sólida, sen embargo, atoparon alí refuxio para as súas vidas aqueles aos que pouco antes non podían conter nin as murallas máis fortificadas.

211. polo que respecta a Turismundo, o fillo do rei Teodoredo, que se adiantara xunto con Aetius a ocupar a posición elevado e rexeitara desde alí os inimigos, cando cría que volvía ás súas propias ringleiras en medio da escuridade da noite, chega sen sabelo ata os carros dos inimigos. Alí viuse forzado a loitar con valentía, pero alguén o feriu na cabeza e fíxoo caer do cabalo. O seus homes rescatárono con grande previsión e tivo que abandonar a loita. Tamén Aetius, que, separado dos seus pola confusión da noite, andaba errante en medio dos inimigos temendo que tivera acontecido algunha desgraza aos godos, chegou finalmente ao campamento dos seus compañeiros e pasou o resto da noite protexido polos seus escudos.

212. ao amencer do seguinte día, cando viron que o campo de batalla estaba cheo de cadáveres e que os hunos non se atrevían a saír do seu campamento, pensaron que a vitoria era súa, porque sabían que Atila non abandonaría o combate se non sufría unha gran derrota. Este, sen embargo, parecía non facer ningún movemento, coma se estivera afundido na derrota, pero facía sonar as armas, tocar as trompetas e ameazar cun novo ataque (coma un león acosado polos dardos que se move ante a boca da súa cova e non se atreve a saír, pero non deixa de atemorizar as inmediacións cos seus ruxidos, así este rei tan combativo, inda asediado, seguía inquietando os seus vencedores). Nesta situación os godos e os romanos reúnense para decidir que van facer con Atila agora que o venceron.

213. deciden esgotalo por asedio porque non lle quedan moitos víveres e porque os arqueiros situados detrás da cerca do seu campamento impedía o acceso a el cunha chuvia de frechas. Cóntase que, nesta situación desesperada, o citado rei, dando proba da súa resolución ata o momento de morrer, mandou que construíran unha pira con cadeiras de montar, e que quería botarse ás lapas se os adversarios lograban entrar, para que ninguén puidera aledarse de telo ferido nin puidera caer en mans dos inimigos o que era señor de tan poderosos pobos.

214. pero durante esta tregua do asedio, os visigodos dedicáronse a buscar o seu rei e os fillos de Teodoredo a seu pai, conmocionados pola súa desaparición nun momento tan venturoso. Despois de buscalo durante tanto tempo, como adoitan facelo os homes valentes, atopárono entre o amasillo de cadáveres e honrárono cos seus cantos antes de quitalo de alí ante a mirada atenta dos inimigos. Podíanse ver grupos de rudos godos coas súas voces discordantes que se ocupaban das súas honras fúnebres entre os fragores dunha guerra que inda continuaba. Derramaban bágoas, pero como adoitan facelo os homes valentes. Tratábase dunha morte, si, pero dunha morte gloriosa, como podían testemuñar os hunos, e podíase pensar que con ela quedaba aplacada a soberbia dos inimigos, que se limitaban a contemplar como se trasladaba o cadáver dun rei tan poderoso coas súas propias insignias.

215. pero inda estaban os godos celebrando os funerais de Teodoredo, cando, facendo resoar as súas armas, outorgaron a dignidade real ao moi valente príncipe Turismundo, para que proseguira as exequias dos gloriosos manes do seu moi querido pai, como correspondía a un fillo. Cando estas se deron por concluídas, movido pola dor da súa orfandade e polo impetuoso valor que o caracterizaba, decidiu vingar a morte de seu pai atacando os hunos que inda resistían, e para iso pediu consello ao patricio Aetius, dada a súa maior idade e a súa experiencia en tales lides, sobre o que debía facer naquelas circunstancias.

216. pero aquel, temendo que se os hunos eran totalmente aniquilados o Imperio Romano caera en mans dos godos, convénceo aconsellándolle que volvera ás súas terras e tomara posesión do trono que lle deixara seu pai, non fora que seus irmáns se apoderaran do reino visigodo e das riquezas de su pai e tivera que loitar duramente cos seus, e o que era peor, co risco de ser derrotado. Turismundo recibiu esta resposta sen decatarse das segundas intencións que encubría, senón como se fora só polo seu propio interese e, deixando aos hunos, volveu ás Galias. Así é a fraxilidade humana, que se deixa levar polas sospeitas e deixa escapar a oportunidade de levar a cabo grandes proxectos.

217. cóntase, pois, que nesta moi famosa batalla na que participaron os pobos máis valorosos houbo cento sesenta e cinco mil baixas entre os dous bandos, sen contar os quince mil xépidos e francos que antes do combate principal se enfrontaron durante a noite e pereceron coma consecuencia das feridas que se infrinxiron mutuamente, xa que os francos loitaban no bando romano e os xépidos no dos hunos.

218. así pois, cando Atila soubo que marchaban os godos pensou que se trataba dunha trampa dos inimigos, como é lóxico pensar nestes casos inesperados, e atrincheirouse durante algún tempo no seu campamento. Pero ao comprobar que á retirada dos inimigos seguía un gran silencio, a súa mente pensa de novo na vitoria, imaxínase novos triunfos e o seu carácter de rei poderoso faille pensar outra vez no seu antigo destino. Pola súa banda, Turismundo, logo da morte de seu pai e a súa proclamación real no Campus Mauriacus onde tamén loitara, entra en Tolosa. Inda que alí os seus numerosos irmáns e os homes poderosos do reino estaban en pleno alborozo, sen embargo, foi tan moderado nos inicios do seu reinado, que non tivo que enfrontarse a ningún deles pola sucesión do trono.

MORTE DE ATILA

morte de Atila
J. Villeclére
254. no momento da súa morte, Atila, segundo Prisco, acababa de casar cunha moza moi fermosa chamada Ildico, despois de ter tido xa innumerables esposas, como é costume nos da súa raza. Durante o banquete de vodas púxose contente en exceso e, abafado pola somnolencia que lle producía o viño, foise á cama e quedou durmido boca arriba. Entón o sangue que adoitaba abrollarlle do nariz en abundancia non puido saír polo seu conduto habitual e, tomando unha dirección fatal, introduciuse pola gorxa e afogouno. Así foi como este rei, que conseguira a vitoria en tantas batallas, tivo un final vergoñento e pereceu vítima da súa propia borracheira. Ao día seguinte, como xa transcorrera unha gran parte da xornada, os serventes reais, sospeitando que lle tiña acontecido algunha desgraza, forzan as portas da súa estancia e descobren a Atila morto a causa do brote de sangue sen ningunha outra ferida, a súa nova esposa chorando ao seu lado cuberta por un veo.

255. entón, segundo o costume daquel pobo, arrancáronse parte dos seus cabelos e desfiguraron os seus horrendos rostros con feridas fondas, para que este eximio guerreiro non fora chorado con lamentos e lágrimas de muller, senón co sangue dos seus homes. En relación con esta morte sucedeu tamén un feito prodixioso: a Marciano, emperador de Oriente, que estaba preocupado por un inimigo tan desapiadado, aparecéuselle en soños a divindade e mostroulle o arco de Atila roto, precisamente a arma da que estaban tan orgullosos os hunos. O historiador Prisco asegura que pode probalo con testemuñas verídicas. E é que Atila se tiña feito tan temible para os grandes imperios que ata as divindades parecían querer anunciar a súa mortes aos reis como se fose un agasallo.

256. non queremos pasar por alto algunhas das cousas que poderían contarse sobre o xeito en que os seus manes foron honrados polo seu pobo. Despois de colocar o seu cadáver no medio do campo, no interior dunha tenda de seda, exhíbeno solemnemente para que sexa contemplado coma un espectáculo, pois os xinetes máis selectos do pobo huno corrían arredor do lugar no que estaba colocado o cadáver coma nas carreiras circenses e narraban as súas fazañas co seguinte canto fúnebre: “Este é Atila, que tivo por pai a Mundiuco, o máis grande dos reis dos hunos, señor dos pobos máis valorosos, que foi o único que gobernou os reinos de Escitia e Xermania cun poderío ata el nunca coñecido. El foi quen aterrorizou os imperios do orbe romano, o que conquistou parte das súas cidades e para non saquear as demais aceptou que lle pagaran un tributo anual, conmovido polas súas súplicas. E despois de ter realizado todas estas fazañas baixo o signo da fortuna, morreu non polas feridas dos inimigos, nin por traizón dos seus, senón alegre e sen sufrimento, en medio da felicidade do seu pobo; quen pode entón crer que esta sexa unha morte se ninguén pensa que hai que vingala?

258. despois de choralo con tales lamentos celebran sobre a súa tumba un fastoso banquete que denominan “estrava”, no que se mesturan alternativamente sentimentos contrarios e se unen a alegría co do dos funerais. Pola noite soterraron en segredo o cadáver en tres ataúdes, o primeiro de ouro, o segundo de prata e o terceiro de ferro, dando a entender que estes tres metais eran apropiados para un rei tan poderoso; o ferro porque tiña sometido a tantos pobos polas armas, e o ouro e a prata porque os tiña recibido como tributo de ambos Imperios. Engaden tamén as armas tomadas aos inimigos que derrotou e os moi valiosos arreos e coirazas nas que brillaban distintas pedras preciosas, así como varios tipos de adornos que adoitan decorar os pazos reais. Ademais, para protexer tan inmensas riquezas da curiosidade humana, degolaron os encargados de realizar este traballo – execrable paga polos seus servizos – e así unha morte fulminante uniu enterradores e enterrado.

no texto xógase co dobre sentido do termo ferrum, (“ferro” e o figurado de “ánima” ou “espada”). A interpretación simbólica que da Xordanes aos tres ataúdes de Atila non é aceptada por algúns autores, que prefiren pensar que era un rito ancestral con connotacións relixiosas referidas ás divindades dos hunos: ouro e prata simbolizarían sol e lúa, e o ferro da espada de Marte, que o deus da guerra ofrecera a Atila.


sobre o costume de matar os enterradores lémbrese que se di que sucedeu o mesmo cos de Alarico.

FRAGMENTOS DE Xordanes. Getica, s. VI

martes, 25 de xuño de 2013

476

Odoacro e Romulus Augustulus
na película "La Última Legión"
www.historiasdelahistoria.com
Basiliscus e Armatus, cónsules.

Odoacro cruza os Alpes marítimos cun exército de mercenarios xermánicos e invade Provenza. Conquista as cidades de Arelate e Massiliensis despois dunha batalla vitoriosa contra os burgundos.

agosto: Basiliscus perde axiña apoio popular, tamén o de Verina e de Illus e Armatus (sobriño de Basiliscus), que agora se alían con Zenón. Este marcha cara Constantinopla cun exército isauro. O exército tamén se pasa ao bando de Zenón. Basiliscus é deposto e exiliado a Phrygia, onde Zenón o deixa morrer de fame. O fillo de Armatus, León, é nomeado caesar.

Teodorico Estrabón continúa a súa rebelión, agora aliado con Teodorico o Amalo.

agosto, 23: as tropas xermánicas elixen xefe a Odoacro. Seguen a reclamar un terzo das terras de Italia como pago aos seus servizos. Odoacro visita Ravenna para tratar de chegar a un acordo pero non é posible.

agosto, 28: Orestes articula a súa resistencia fronte a Odoacro en torno ás cidades fortificadas de Ticinum e Ravenna, defendidas por el mesmo e seu irmán Paulo, e tendo en conta o tradicional descoñecemento bárbaro das tácticas de asedio pero Odoacro emprega zapadores e conquista ambas cidades no prazo de dúas semanas. Orestes é capturado en Placentia e executado.

setembro, 4: Ravenna tamén cae e Paulo é inmediatamente executado. O último emperador romano, Romulus Augustulus, é deposto. Odoacro decide respectar a súa vida: non lle parece perigoso, desexa ter boas relacións coa aristocracia italiana e desexa aparecer clemente ante Constantinopla (clementia caesaris). Concédelle a el e os seus descendentes 6000 pezas de outro e un extenso latifundio en Campania, entre Neapolis e Puzzuoli, (castellum luculi en memoria do seu primeiro propietario e patrimonio imperial). Romulus inda vive en 511.

Odoacro envías as vestis regia a Constantinopla aceptando a reunificación do imperio baixo Zenón, quen nunca recoñecera a lexitimidade de Romulus Augustulus; para el, o emperador lexítimo é Xulio Nepos. Odoacro aceptar recoñecer nominalmente tamén a Nepos, que seguirá en Dalmacia.

no contexto de disolución do poder imperial os bispos de Roma consolidan pouco a pouco a súa crecente influencia.

o senado romano pide a Zenón que recoñeza a Nepos como deposto e exerza individualmente a púrpura imperial e recoñeza tamén a autoridade de Odoacro en Italia. Zenón declina a súa primeira petición pero nomea patricius a Odoaco, investindo a súa autoridade coa lexitimidade imperial.

os godos de Eurico tamén penetran en Italia pero son derrotados por Odoacro. Zenón conclúe un tratado de paz polo que se lle ceden a Eurico os territorios galos recén conquistados. Eurico comprométese a non emprender máis hostilidades. Roma xa non controla ningún territorio en Gallia.

unha inscrición demostra que o bereber Masties, xefe de tribos no Aurès, proclámase imperator e exercerá tal autoridade durante moitos anos.

Priscus de Panio publica historia byzantina (8 volumes dos que conservamos fragmentos).

inicio dunha guerra entre burgundos e godos. O rei Chilperico, que busca acceso ao mar, ataca os godos, pero é vencido. Podería ser que se establecera un tributo a pagar a Eurico.

inverno: Zenón recoñece o reino vándalo. Gaiserico cede Sicilia, coa excepción de Lilybaeum, a Odoacro a cambio dun tributo.

o nacemento de Aryabhata é tradicionalmente recoñecido como o comezo do período clásico das matemáticas e astronomía hindús.

Xian Wen Di, emperador retirado de Wei, é asasinado pola emperatriz Feng. Ela asume a rexencia sobre Xiao Wen Di.

mércores, 2 de xaneiro de 2013

450

vista das ruínas das murallas de Tesalónica

Valentiniano III e Avienus, cónsules.

febreiro, 22: León I persuade a Valentiniano III, Gala Placidia e Licinia Eudoxia para pedirlle a Teodosio II (en vano) unha reconsideración no asunto de Flavianus.

sen a presenza dos exércitos romanos, Britannia afúndese na confusión: os britanos enfróntanse a pictos e escotos no norte, piratas irlandeses no oeste e incursións cada vez máis frecuentes de xermanos no leste.

Teotihuacán é atacada e son destruídos os centros de culto: iníciase a súa decadencia cultural. En cambio, a cultura zapoteca está en auxe: xorden novas cidades con grandes centros cerimoniais con prazas, altares, etc. Tamén se atopan grandes cámaras funerarias con antecámaras e numerosos nichos, decoradas con figuras de sacerdotes ricamente vestidos e figuras de deuses, como Xipe-Totec, Xochipilli, Cocejo, o deus morcego, a deusa serpe, etc.

construción das murallas de Tesalónica, como defensa contra os hunos, igual de impresionantes que as de Nicópolis (Epiro) e outras situadas en torno ao mar Exeo; todas reproducen as da capital a menor escala.

xullo, 28: morre Teodosio II no val do Lycus, fóra da capital, durante unha cacería; o cabalo tírao e sofre unha grave lesión medular que lle ocasiona a morte. Ten 49 anos.

O candidato máis adecuado para suceder a Teodosio é o magister peditum Aspar, o mellor xeral do imperio, pero era ariano, e iso nunca o permitiría a súa aceptación pola poboación. Pulcheria e Aspar declaran que era vontade imperial ser sucedido por Marciano, un destacado oficial de orixe tracia ou ilira de 58 anos. Pulcheria acepta un casamento nominal con Marciano.

un fragmento de Priscus comenta a actitude romana en relación a Atila: “os romanos atenderon todas as súas instrucións e consideráronas ordes do seu señor. Pois non só tomaban precaucións en non iniciar unha guerra contra el senón que tamén temían que os persas prepararan accións militares, e que os vándalos perturbaran a paz marítima e de que os isaurios non se dedicaran acometer tropeis, e os sarracenos fixeran incursións no Imperio, e que as tribos etíopes se rebelaran. Por todo iso tragaron o seu orgullo e obedeceron a Atila pero intentaron preparar accións militares contra os outros pobos, reunindo as súas forzas e nomeando comandantes.” A estratexia defensiva durante Teodosio II suxire unha avaliación efectiva das posibilidades reais que tiña e precaución, pero non inercia ou inactividade. A maior ameaza proviña dos grupos bárbaros en Illyricum e en Thracia, especialmente Atila.

xullo, 31: morre Pedro Chrysologus, bispo de Ravenna.

agosto, 25: Pulcheria coroa a Marciano no pazo do Hebdomon, nunha explanada a sete millas de Constantinopla, diante dunha asemblea cerimonial.

Marciano rexeita seguir pagando a Atila pero envíalle agasallos. Está disposto ao conflito armado. Atila coñece a impenetrabilidade de Constantinopla e quizás pensa que xa a espremera abondo, mentres que a metade occidental era máis débil.

outra historia conta que Honoria envía a Hyacinthus cun anel á corte de Atila para ofrecerlle a súa man e evitar así un casamento non desexado co senador Flavius Bassus Herculanus. É detida e vai a prisión. Atila pide a súa man e ao ser rexeitado planea a invasión de occidente.

Atila marcha cara o Rhin encabezando un exército de hunos e outros pobos vasalos, principalmente ostrogodos.

morre Chlodion e os seus fillos loitan pola xefatura. Un pide axuda a Atila e outro a Aetius desplazándose a Ravenna.

en Constantinopla detención e execución de Chrysapius, acabando co desgoberno.

un tal Florus é nomeado gobernador civil/militar no Alto Exipto para acabar coas incursións procedentes do deserto.

novembro, 25: morre Gala Placidia, ten sobre 62 anos.

Valentiniano III ten plans de comprometer a súa filla Placidia con Maioriano. Esta elección causa fortes diferenzas con Aetius, que planearía o mesmo para o seu fillo Gaudencio. Aetius obriga a Maioriano a abandonar o servizo e retirarse á súa patria. O conflito entre o emperador e o xefe militar non ten volta atrás.

antiguas insualae inteiras da cidade de Neapolis son agora utilizadas para almacenar desperdicios e refugallo.

en Afrodisias derrúbanse todos os templos e quéimanse as súas bibliotecas. A cidade renoméase como Stavroupolis (Ciudad de la Cruz).

en de vocatione omnium gentium (Calling of All Nations) Próspero de Aquitania traballa o concepto de graza de Agostiño: Deus desexa que todos os homes se salven; inda que non todos os homes reciben a graza que salva, reciben a graza xeral de Deus. Foi a contribución máis orixinal de Próspero á teoloxía.

en Ravenna: comeza a remodelación do baptisterio de Neon.

Yazdegerd II convoca a todos os nobres armenios en Ctesiphonte e obrígaos a romper todos os vínculos que os unen á igrexa occidental.

fundación da Universidade de Nalanda, en India.

os cabalos ferrados empézanse a utilizar en Oriente Próximo e Europa co conseguinte aumento da eficiencia na agricultura e nos transportes.

morre Hermias: fora a Atenas e estudara filosofía con Syrianus. Casou con Aedesia, parente deste e inicialmente comprometida con Proclus, pero este rompera o compromiso por causa dun aviso divino. Hermias levou as ensinanzas de Syrianus de volta a Alexandría, onde ensinou na escola de Horapollo, recibindo ingresos do estado. Os seus fillos Ammonius e Heliodorus son novos. Aedesia segue recibindo o estipendio estatal para criar os nenos, e que se convertan en filósofos. De Hermias temos o Comentario sobre o Phaedrus, unhas anotacións baseadas nas aulas de Syrianus en relación ao libro de Platón.

tamén morren Kalidasa (escritor clásico en sánscrito), Quodvultdeus (bispo de Carthago), Socrates Scholasticus e Sozomenos (historiadores eclesiásticos), e Zu Geng (matemático chinés).

comézanse os frescos do rochedo de Sigiriya en Ceilán, os templos de Aihole.

Hawaii Loa, un xefe polinesio descubre as illas que recibirán o seu nome. Navega 2400 millas de océano aberto dende a illa de Raiatea, próxima a Tahiti.

domingo, 23 de decembro de 2012

449

ruínas da biblioteca de Celso en Éfeso

Astyrius e Romanus, cónsules.

febreiro, 18: León I ten noticia do asunto de Eutiques e escribe a Flavianus esixindo unha explicación. Envíalle a súa doutrina sobre as dúas naturezas de Cristo (tome).

maio, 5: morre Hilario de Arelate; os xudeus participan nos funerais con bágoas e xemidos, xunto aos fieis do prelado, e incluso cantaron salmos na súa propia lingua litúrxica hebrea.

maio: confirmación do pacto entre suevos e visigodos en Tolosa durante unha nova visita de Reckiario.

xuño, 13: Teodosio II convoca un concilio en Éfeso para volver a xulgar a Eutiques, presidido por Dioscorus de Alexandría; León envía legados co seu tome esperando a súa aprobación.

Valentiniano III envía unha embaixada a Atila. A finalidade da reunión é unha antiga disputa sobre botín de guerra obtido durante a ofensiva no Danubio (441-442). Atila reclama certas propiedades pero Valentiniano e Aetius rexeitan a petición.

Flavio Orestes, aristócrata romano, acompaña a embaixada e convértese en secretario de algo rango (notarius) na corte huna.

xullo: Reckiario, de regreso a Callaecia, promove ou coopera nun novo brote da bacauda. Xuntos depredan o territorio de Caesaraugusta. Entran en Ilerda e parte da poboación é feita refén pouco despois; non se sabe se obra de Basilius (o líder bacaudo), Reckiario ou unha operación conxunta.

en varios anos estas son as últimas novas de accións militares suevas, que teñen unha forte presenza en Callaecia e Lusitania. A crecente ameaza huna impedirá que Ravenna tome medidas contra eles.

probablemente Carthaginiensis, Baetica e Tarraconensis seguen a ser gobernadas polos romanos (a campaña de Vitus fora satisfactoria), inda que partes do interior desta última provincia seguen a sufrir ataques da bacauda.

o comes Censurius goberna en Hispalis é asasinado por razóns descoñecidas por outro comandante quizás identificable co Axiulfo, que logo acompañará a Teoderico II en Hispania.

agosto, 8: o concilio de Éfeso, “cheo” de monofisitas, rexeita o tome ou os argumentos dos legados de León e Dioscorus dirixe a “absolución” de Eutiques.

morre Durst mac Erp, xefe picto.

agosto, 22: Flavianus e Eusebius de Dorylaeum son depostos e Flavianus morre de camiño ao exilio.

Maximus II sucede a Domnus coma patriarca de Antioquía.

Honoria, irmá de Valentiniano III, é enviada a Constantinopla en desgraza, logo de ser atopada en flagrante adulterio co oficial Eugenius, que é executado.

un edicto de Teodosio II sanciona e ordena a aplicación dos acordos conciliares e condena o nestorianismo, proscribindo da igrexa e a sociedade os seus partidarios; tamén prohibe posuír, ler, transcribir ou difundir textos con esta doutrina; manda queimar, ante os ollos de todos, os libros “nocivos,” xunto cos de Porfirio e os do filonestoriano Teodoreto de Cirro, nunha simbólica execución das súas ideas e a súa damnatio memoriae.

por outra banda, confisca bens e decreta o aloxamento forzoso de quen teña textos coa doutrina de Nestorio e de Teodoreto, interpretacións, discursos divulgativos ou traducións, incluso no caso de que os textos aparecesen disimulados baixo o nome doutros. A casuística pretende cubrir todas as posibilidades de entrar en contacto coa cristoloxía nestoriana por medios escritos, e proporciona tamén a medida da súa circulación en traducións – seguramente ao siriaco e outras linguas, logo da queima dos escritos en grego e latín – pondo á descuberta o recurso á estrataxema de ocultar a súa autoría baixo nomes supostos.

o edicto de Teodosio II demostra que había copias en circulación a pesar de ter sido ordenada a súa destrución con anterioridade, pero as medidas foron tan eficaces que os textos acabaron por perderse definitivamente.

o nome de Porfirio asociouse cunha falsificación (filosofía de Oracles), que lle atribuía moitas opinións e sentimentos contraditorios ás expresadas nos fragmentos dos seus auténticos escritos, perdidos a non ser nos fragmentos dos Pais que lle responderon. A obra fraudulenta foi aceptada por Eusebius e referíronse a ela apoloxetas coma Teodoreto; pero foi descreditada por Agostiño, e inda que non foi posta en entredito durante séculos, Lardner destapou a realidade. Tentouse roubarlle as súas opinións e atribuírlle xusto o contrario do que pensaba, no interese dun credo que desprezaba.

moitas, a maioría, obras cristiáns son, sen ambaxes, partidistas: nin sequera recoñecen a existencia dos pagáns e a súa posición no mundo, facendo caso omiso das súas crenzas. Conservamos poucos escritos pagáns porque os cristiáns non tiñan interese en copiar traballos en xéneros fora da súa tradición. Os cristiáns propagaron os seus escritos pero preocupáronse por suprimir os produtos da cultura pagá.

a bacauda logra entrar en Tarazo­na e executa os visigodos federados e o bispo da cidade, León; accións que mostran a clara oposición da bacauda á orde social representada pola aristocracia hispanorromana e os visigodos.

Zeno, magister militum en Isauria, ameaza con rebelarse contra o desgoberno de Chrysapius.

Beda fixa neste ano o establecemento do primeiro reino xermánico en Kent, liderado polo xefe “Hengest,” chegado como mercenario.

Priscus de Panio (excerpta de legionibus romanorum) conta o caso do comerciante grego que atopa na corte de Atila, establecido en Viminacium, Moesia, na ribeira do Danubio: faille un diagnóstico da situación económica e social do imperio, onde a presión fiscal recae nos humildes, arruinándoos. E tamén se reflicte a corrupción no aparato de xustiza.

Priscus dedica un fragmento desproporcionadamente grande a narrar o que viu entre os hunos. A súa audiencia era a elite administrativa e de clase alta e estaba tan preocupado polo efecto literario a causar coma pola veracidade da narración. Débese unha impagable descrición do palacio de madeira de Atila, da etiqueta real e unha conta incriblemente detallada do seus viaxes polos territorios controlados polos hunos onde a curiosidade se mestura ás veces coa admiración.

outubro: un sínodo romano dirixido por León I non acepta o veredicto do “concilio dos ladróns” (latrocinium) en Éfeso. León encabeza a resistencia contra as teses imperiais.

novembro/decembro: Anatolius, monofisita, chegou a patriarca de Constantinopla á instigación de Chrysapius.