Amosando publicacións coa etiqueta Antemius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antemius. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de maio de 2013

470

representación das 'lupercalia'
ivandromagno.wordpress.com
Severus e Iordanes, cónsules.

Antemius adquire mala fama entre os arianos e nicenos de Italia por volver a permitir a celebración das lupercalia e o nomeamento como cónsul do filósofo pagán Severus.

Odoacro faise coa xefatura das tropas auxiliares occidentais.

en Gallia os godos comezan a ocupación de Auvernia: Arvernis (Clermont) é asediada por godos e tropas galas e defendida por outros galos e burgundos.

Eurico derrota o exército britano en vicus Dolensis; Riothamus e os homes que lle quedan busca refuxio onde os burgundos, aliados imperiais.

continxentes de alamanos invaden Germania I e Belgica I: son derrotados por unha coalición de forzas romanas (Syagrius) e francos liderados por Childerico, e tropas saxonas lideradas por Odoacro.

morre Claudius Mamertus, presbítero de Vienne, que compuxera un compendio de lecturas anual, mentres que en Massilia, case de xeito simultáneo o presbítero Musaeus compuxera outro que casaba cos fitos do ano litúrxico.

o que fora magister officiorum Romanus conspira contra Antemius (quizás apoiado por Ricimer), pero é executado, abrindo máis as diferenzas entre os dous homes fortes de Occidente.

Logo do fracaso de Basiliscus o magister utriusque militiae Aspar recobra influencia e o seu fillo Patricius é nomeado caesar por León I. En Thraciae, o magister militum Anastasius rebélase, apoiado por Ardabur (outro fillo de Aspar).

os ostrogodos, conducidos por Teodomiro, entran en Moesia e nos Balcáns, causando o caos durante años.

Sidonio describe ao seu amigo Domicius a entrada de Sixismero en Lugdunum para casar cunha princesa burgunda.

chega a Constantinopla o manto da Virxe María, e dende entón as igrexas e  mosteiros comezan a encherse con reliquias marianas.

Lugdunum é a residencia real burgunda, antiga capital de Lugdunensis II, en Xenebra estaba o legado rexio e os reis residían ocasionalmente en Vienne. Lugdunum fora mías importante que Xenebra e incluso Tolosa, sede rexia goda. Ambas cidades se beneficiaron pola súa situación central dentro dunha zona de asentamento étnico. en Lugdunum inda residen membros da aristocracia galo-romana, como a familia de Gregorio de Tours, varios dos cales foron bispos. Sen embargo, a cidade vive un lixeiro retroceso.

martes, 30 de abril de 2013

469

planta da Caesaraugusta romana
wikipedia.es
Marcianus e Zenón, cónsules.

Antemius cede Lugdunensis I aos burgundos a cambio do seu apoio.

marzo, 8: unha novella imperial (conxunta de Antemius e León I) publicada en Constantinopla establece medidas contra a práctica da simonía na igrexa e entre os bispos.

Antemius tamén pacta cos britanos e un exército de 12000 homes cruza a Gallia. Riothamus ocupa Betoregas (Bourges). A intención era defender Aquitanica I.

os godos capturan Betoregas e desaloxan os romanos e os seus aliados britanos.

os vándalos saquean o Epiro.

Zenón é nomeado magister militum per Orientem.

Teodorico (15 anos) abandona Constantinopla, onde estivera dende 459 retido como refén. Volve onde a súa xente en Pannonia.

o comes Paulus more na batalla de Angers loitando contra invasores saxón ao mando de Adovacrius; sen embargo, Childerico I vence os saxóns decisivamente.

Syagrius, pese á súa mocidade, queda como comandante único das tropas romanas do norte de Gallia.

tropas de Eurico fanse co control de cidades hispanas coma Emerita, Pampilona e Caesaraugusta.

Severino logra en Passau a liberación de prisioneiros de guerra romanos en poder do xefe alamano Gibuldo.

Hunimundo e os suevos fan parte dunha coalición formada por herulos, sarmatas, esciros, xépidos e rugos que se enfrontan nunha batalla onde o Bolia aos godos, pero estes son quen de refacerse e Teodemiro busca vinganza pasando o Danubio e devastando o territorio suevo.

Hunimundo pode fuxir e muda no señor da guerra cunha ducia de seguidores que é mencionado na Vita Severini.

na batalla do Bolia morre o líder esciro Edika e o seu fillo Odoacro diríxese a Italia buscando refuxio; é seguido por restos de esciros, herulos e rugos.

a consecuencia do affair de Arvandus Sidonio regresa a Avitacum, o seu fogar galo, onde residirá, con visitas a Lugdunum e Arverni (capital de Auvernia). Alí frecuenta a Patieno de Lugdunum, o bispo, e outros cregos..

xorde un enfrontamento entre Ricimer e Antemius que se salda cunha reconciliación aparente.

última mención da construción dunha calzada romana (entre Tolosa e Javols, Gallia).

decembro, 13: un edicto imperial proscribe a celebración de espectáculos o domingo.

xoves, 18 de outubro de 2012

447

imaxe onde Vortigern selaría un pacto con Hengest e Horsa
www.ict.griffith.edu.au
Calepius e Ardaburius, cónsules.

a ampliación das murallas terrestres en Constantinopla para duplicar a súa consistencia está finalizada. Antemius, prefecto do pretorio, tomara unha decisión que resultou ser crucial. Primeiro hai un foxo de case vinte metros de anchura e sete de fondo; logo un primeiro muro, non moi alto, preparado para protexer arqueiros; a continuación unha segunda muralla de oito metros de altura e unha terceira inda máis elevada cun cento de torres de vinte metros de alto sobresaíndo da muralla, cadradas ou poligonais; finalmente hai sete portas principais de acceso. Esta terceira muralla nunca será atravesada durante unha acción militar nos mil anos seguintes. En total o murus novus ten 7 kilómetros de lonxitude e 60 metros de ancho.

o muro principal erixiuse en pouco máis dun ano con técnicas tamén usadas para o Hipódromo: formigón revestido de diminutos manpostos de caliza, reforzados a diversas alturas por medio de verdugadas de ladrillo –duns 15/30 cms de altura cada unha–, con leitos de morteiro do mesmo espesor. As torres, excepto a que flanquea a Porta Dourada, xunto ao castelo das Sete Torres, e as que daban ao mar de Mármara, están adornadas con enormes bloques de mármore. Os pasadizos e esqueiras do interior das mesmas están cubertos con bóvedas de canón, feitas de ladrillos de canto; as cúpulas das cámaras están feitas con aneis concéntricos de ladrillos.

xaneiro, 27: tremor de terra en Constantinopla e os territorios circundantes. O pánico xeneralizado fai que moita xente abandone a cidade. Deterioro importante das murallas da cidade: 57 torres son case destruídas. A ameaza de pragas e fames esténdese pola cidade e Teodosio II ordena a Constantino, prefecto do pretorio do leste, que supervise as reparacións e, empregando as faccións do circo (demoi), o traballo faise en 60 días. Hai novas de grandes desperfectos noutras zonas próximas á cidade.

León I tamén toma partido polos inimigos de Agrestius de Lucus. A oportunidade que representara, para a igrexa occidental, de presentar un frente unido coa visita de Agrestius a Gallia en 441, queda en nada.

en Toletum un sínodo tamén condena as doutrinas priscilianistas. Tenta engadir a cuestión do filioque ao credo de Nicea pero a igrexa oriental rexeita tal proposta.

Atila invade territorio romano e derrota as tropas orientais na batalla do río Utus. Os ataques hunos alcanzan as Termópilas e saquean Serdica, obrigando ao praefectus praetorio a repregarse dende Sirmium ata Tesalónica. As tropas romanas fan o que poden para hostigar a retagarda huna e así dar tempo a reparar as quebradas defensas de Constantinopla.

Valamiro, fillo de Vandalarius, xefe dos ostrogodos en Pannonia e os xépidos de Ardarico, entre outros, actúan baixo as directrices de Atila.

morre Chlodius e accede o seu fillo Meroveo á xefatura dos francos salios. Probablemente a maioría da información sobre este xefe é pura lenda para glorificar a posteriori aos reis “merovinxios”. Asenta o seu continxente nas proximidades do río Merwede, parte do delta Rhin-Meuse-Scheldt.

Maioriano segue defendendo Tours contra a bacauda. Participa baixo as ordes de Aetius en ataques aos francos na proximidade de vicus Helena (na rexión do Artois). Ao servizo de Aetius tamén se atopan xa o suevo Ricimer e o galo Aegidius.

Ricimero é ariano, fillo dun príncipe da casa real sueva (quizás Hermengario) e dunha filla de Walia. Pasara a xuventude na corte Valentiniano III, onde foi adquirindo rango ao servizo de Aetius.

procedentes de Xutlandia e norte da actual Alemaña os xutos, anglos e saxóns atacan Britannia en proporcións cada vez maiores. As lendas envolven os feitos: un caudillo britano chamado Vortigern, incapaz de resistir por si os inimigos do norte pide axuda aos xutos, gobernados por dous irmáns, Hengest e Horsa (dise que estes nomes significan "semental" e "cabalo", polo que non sería raro que toda a historia sexa ficticia).

pero cedo xorden disensións na alianza entre os britanos dirixidos por Vortigern e os mercenarios (Vortigern concedéralles a illa de Thanet, Kent): estes fundan os seus propios dominios e rexeitan a autoridade britana que os trouxera á illa para facer frente aos pictos e irlandeses.


unha versión dos feitos conta que Vortigern casa con Rowena, a filla de Hengest, pero durante a festa posterior á voda emborrachan os britanos, matan a Vortigern e fanse co mando. É posible que os xutos foran realmente chamados polos britanos, pero tamén poderían ter inventado a historia para lexitimar a invasión. Logo do primeiro asentamento xuto, os anglos non tardan en asentarse ao norte do Támesis, mentres que os saxóns ocupan a parte sur da illa, rodeando os xutos. Grupos de britanos foxen e aséntanse en Gallia.

outra versión dos feito conta que Vortimer se rebela contra seu pai Vortigern e “usurpa” o seu título e autoridade provisionalmente; quizás en desacordo coas alianzas paternas.

os hunos parecen imparables en todas partes: penetran no imperio persa por Sogdiana, chegan a India e fan incursións no imperio gupta. as fontes indias falan dun rei huno chamado Toramana. 


Xermanus volve a Britannia con Severus de Treves co propósito de combater o pelaxianismo e apoiar os britanos contra pictos e saxóns na batalla de “Alleluia”. Expulsa os irlandeses de Powys (Gales).

inverno: Teodosio II decide cambiar de estratexia en relación á cuestión huna (pasa da agresividade ao esforzos por pacificar a situación) e destitúe a Aspar e Aerobindus.

morre Aerobindus (magister militum).

decembro, 23: eclipse total de sol (constancia escrita en fontes hispanas e galas).

os annales cambriae comezan cunha referencia a este ano. Narran os acontecementos en Gales ata o ano 954.

mércores, 6 de xuño de 2012

413

muros teodosianos
consulado de Heracliano e Lucius.

primaveira: Heracliano desembarca en Italia cunha enorme flota. Ravenna reacciona e envía o comes Marinus, que pon en fuga o contixente de Heracliano en Otriculum e o persegue ata Carthago. Heracliano é apresado e executado; rescripto de Honorio de xullo, 5). Os seus partidarios son duramente castigados: Marcelino e o seu irmán Apringius, delatados quizás polos donatistas, son executados polo novo comes africae.

a rebelión de Heracliano sorprende, pasaba por ser fiel a Honorio: é un dos cónsules designados para o ano. Quizás unha actitude defensiva ante posibles perdas de influencia en Ravenna a consecuencia do ascenso de Constancio, que recibe a súa fortuna cando é axusticiado. Pode que estivera en connivencia co magister officiorum Olympius, que tamén morre asasinado no verán.

maio, 8: Honorio asina un edicto onde libera de taxas as provincias de Tuscia, Campania, Picenum, Samnium, Apulia, Lucania e Calabria, que foran arrasadas polos godos de Alarico.

verán: Ataúlfo derrota e mata a Sebastianus, e a outro irmán máis, Sallustius. Jovinus foxe cara Valentia, onde é asediado e capturado polo godo. Jovinus é enviado a Narbo, onde o praefectus Dardanus o executa como usurpador. As cabezas dos irmáns serán exhibidas en Ravenna a finais de agosto. Acabar co réxime de Jovinus supuxo a execución de moitos aristócratas e a imposición de extraordinarias cargas tributarias en Auvernia.

mentres que a usurpación de Constantino III tiña aspiracións imperiais, a de Jovinus, con apoios na aristocracia gala, quizás tiña simplemente unha aspiración rexional circunscrita a Gallia. Unha manifestación máis das forzas centrípetas que operan no imperio.

Augusta Treverorum é arrasada polos francos.

xuño, 27: Agostiño predica en Carthago sobre o bautismo e a pexa orixinal. A súa idea central ao escribir de civitate dei é que o cristianismo non é responsable do declive do imperio.

os burgundios baixo Gundohar aséntanse en torno a Worms.

os godos rompen o pacto con Honorio e atacan e conquistan Tolosa, e Burdigalia, inda que non Massilia, defendida por Bonifacio. A revolta de Heracliano impedira que Constancio aportara os subministros prometidos no pacto contra Jovinus. Attalus é novamente elevado á púrpura. Isto desencadea que Constancio se propoña firmemente acabar con Ataúlfo.

pequenos contixentes saxóns empezan a asentarse na costa norte de Gallia.

Teodosio II ordena iniciar a construción das novas murallas terrestres de Constantinopla. A obra é impulsada e supervisada por Antemius. Este murus novus (sete kms de lonxitude) agrandou a capital nun terzo.

Kumaragupta I sucede ao seu pai Chandragupta II coma soberano do imperio Gupta.

Changsu Wang, fillo de Kwanggaet’o o grande, é o soberano de Koguryo (Korea).

tensións en Alexandría entre Cirilo e os xudeos, e entre Cirilo e o prefecto Orestes (pagán), cando este detén aos cristiáns que hostigan os xudeos. Hai enfrontamentos abertos e confiscacións de bens como represalia da administración.

martes, 3 de abril de 2012

408

Eucherius, Serena e Estilicón
wikipedia
consulado de Bassus e Philippus

Estilicón xa non é dono da situación. O antixermanismo gaña cada vez máis adeptos e as faccións católicas son cada vez máis poderosas. A política de Estilicón é debilitada polas ameazas militares e a consecuente insatisfacción. Neste contexto se explicaría a súa exasperación, que o leva a cometer erros como foi a destrución dos libros das sibilas, feito que tamén lle restou apoios no senado, maioritariamente pagán. Os seus inimigos organízanse e difunden acusacións: planeara o asasinato de Rufinus, intrigaba en connivencia con Alarico, invitara os bárbaros a invadir Gallia en 406 e planeaba facer a Euquerius, fillo seu, augustus.

maio 1, Arcadio morre por causas descoñecidas en Constantinopla. Teodosio II (7 anos) reina sobre a pars orientis baixo a influencia de Pulqueria (irmá) e o praefectus praetorium Antemius, co apoio do sasánida Yazdegird I (mantén boas relacións co imperio, ata o punto de ser un dos garantes do testamento de Arcadio, comprometéndose ao coidado do seu sucesor ata a súa maioría de idade).

logo da morte de Arcadio, Honorio desexa intervir para asegurar o trono para Teodosio pero Estilicón convénceo de manterse á marxe e trata de que envíe a Alarico contra Constantino III en Gallia.

maio 4, morre Venerius, bispo de Mediolanum.

maio – xuño, hunos e esciros ao mando de Uldino cruzan o baixo Danubio e atacan a pars orientis, incendiando os postos fronteirizos armados e tomando o control dos castra martis (actual Bulgaria). Os romanos negocian a paz pero Uldino esixe un tributo en ouro exorbitado a cambio da súa retirada. Antemius consegue que se retiren alén do Danubio.

primaveira, Constantino III despraza a súa capital dende Lugdunum ata Arelate. Envía ao seu fillo Constante a Hispania, onde vence a Dydimus e Verinianus, parentes de Honorio, que o acompañan no seu regreso a Gallia no outono, logo de confiar a garda dos Pirineos ao xeral Gerontius. Os hispanos son executados en Arelate.

agosto 13, amotínanse as tropas regulares en Ticinum que ían iniciar a campaña contra Constantino III en presenza de Honorio, que viña pasar revista antes da súa marcha. Detrás de revolta está Olympius ; son apresados os partidarios de Estilicón, entre eles, Limenius prefecto do pretorio de Gallia e o magister equitum per Gallias Chariobaudes, que son executados. O magister officiorum Naemorius e o prefecto do pretorio de Italia Longinianus son masacrados no curso doutro motín. Estilicón está en Bononia cando recibe as novas do golpe e decide non intervir contra os amotinados. Sarus, xeral godo, fai masacrar a garda persoal de Estilicón mentres durmen.

agosto 22, Estilicón refúxiase nunha igrexa de Ravenna e entrégase aos soldados comandados polo comes Heracliano que o veñen deter coa condición de salvar a vida pero é finalmente executado (decapitación), acusado de traizón. Executan tamén a Euquerius en Roma e Honorio divórciase de Thermantia, filla súa. O gran chambelán Deuterius e o primicerius notariorum Pedro son torturados antes de ser tamén executados. Os partidarios que escapan á morte sufren a confiscación dos seus bens. O poder pasa por mans de sucesivos favoritos imperiais Olympius, Jovius, Eusebius e Allobichus, que van caendo tamén en desgraza.

nos disturbios que seguen á caída e execución de Estilicón as familias dos bárbaros foederati son asasinadas. Estes homes [estímase que quizás ata 30000 e outros 40000 escravos (probablemente xermanos prisioneiros logo da derrota de Radagaiso)] unense a Alarico.

constrúese o muro Hexamilion e fortificacións no istmo de Corinto para protexer a única vía de acceso terrestre ao Peloponeso.

a carestía en Constantinopla, provocada polo retraso na chegada do gran de Exipto orixina protestas. Queiman a casa do prefecto da cidade Monaxius. Antemius e o senado xestionan o envío de grao dende outras provincias para calmar os ánimos e organizan unha comisión permanente para unha mellor organización dos aprivisionamentos exipcios.

setembro, Alarico volvera a ser unha ameaza. Logo de recibir cartas imperiais onde se manifesta que xa non está ao servizo da corte occidental, declárase novamente en rebelión aberta. Cruza os Alpes xulianos encabezando unha forza de 30000 homes e avanza cara o corazón do territorio romano. No camiño arrasa Aquileia, Concordia, Altino e Cremona. Finalmente sitia Roma.
durante o bloqueo de Roma a poboación sofre carestía. A viúva de Graciano, Laeta, contribúe a socorrer os famentos. Serena, acusada de conivencia cos bárbaros, é estrangulada. Claudiano, poeta e partidario tamén de Estilicón, pode ter morto neste ano.

outono-inverno, Constantino foi providencialmente salvo dun ataque imperial dende Italia a causa da execución de Estilicón e os acontecementos posteriores. Esperou tranquilamente en Arelate a que a posición de Honorio se seguira deteriorando e puidera ver ratificada a súa lexitimidade. Logo do pacto imperial con Alarico enviou unha embaixada. Dydimus e Verinianus xa estaban mortos (mediados de ano) inda que Honorio quizás non o sabía. Ocupado coa situación de Italia, e en ausencia dun xeral competente a quen recorrer, Honorio recoñeceu como lexítimo a Constantino III, enviándolle as vestimentas púrpuras imperiais.

seguen as persecucións aos non católicos na lexislación e praxe imperial : Honorio e Arcadio ordenan que todas as esculturas dos templos pagáns sexan destruídas ou retiradas. Tamén se prohibe a propiedade individual de calquera escultura pagá. Os bispos dirixen novas e duras persecucións contras os pagáns e prodúcense novas queimas de libros. Tamén se persegue aos xuíces que son piadosos cos pagáns. Agostiño, por exemplo, masacra a centos de pagáns que protestan en Calama pola nova situación.
novembro 11, proscripción dos donatistas, comprometidos coa revolta de Gildon.
novembro 14, os non católicos son excluídos dos empregos públicos no imperio.
novembro 24, pena de morte para os que interfiran as cerimonias relixiosas en igrexas católicas, notablemente en Africa.
novembro 27, prohibición de toda reunións de heréticos baixo pena de confiscacións de bens.

domingo, 5 de febreiro de 2012

405


miscuentinos.blogspot.com
consulado de Estilicón e Antemius. O segundo, sucesor de Aureliano, manterá a súa influencia sobre o emperador ata 414. Faría pouco para reverter a progresiva secesión entre as dúas pars do imperio. Nembargantes, Estilicón desexaría todo o contrario pero os problemas amontóanselle.

Estilicón ordena a destrución dos libri sibyllini alegando que as profecías que contiñan se estaban a empregar para minar o seu goberno.

durante o inverno unha mestura de tribus e pobos xermánicos (moitos ostrogodos), procedente de Rhaetia, invade o norte de Italia baixo o mando de Radagaiso. Estilicón lanza unha campaña contra eles. A gravidade da situación manterao ocupado, o que provoca a desatención fronte a outras ameazas.

Alarico retoma o mando en Illyricum, a instancias de Ravenna. En principio semella que existe entendemento con Estilicón. Sería continuación dos plans de incorporar esta zona á pars occidentis. Esta planificación fracasou, houbo rumores da morte de Alarico, xurdiron problemas en Gallia e usurpacións en Britannia. Todo isto fixo que o contixente godo reiniciara os sacos na zona.

dende o exilio Xoán Crisóstomo envía hordas de monxes vestsidos de gris e armados con mazas e barras de ferro a destruír os "ídolos" de todas as cidades de Palestina.

Melania a Vella volvera a Roma para evitar que a súa familia caera "nas malas ensinanzas, a herexía e o mal-vivir"; quere ocuparse de que a súa neta (Melania a Nova), que está a considerar seguir o seu exemplo, non sexa vítima das influencias do amigos de Xerome en Roma.

o apoio concedido por Palladius a Crisóstomo lévao a Italia en busca de axuda. En Roma frecuenta o círculo de Melania.
Coñece a Turcius Apronianus, que fora patrón de Rufinus e pagara e patrocinara as súas traducións de Oríxenes, Basilio e Gregorio Nacianceno; é significativo, en vista das tensións en Palestina, que Apoloxía contra Xerome tamén fora adicado a Apronianus, quen sabe da correspondencia entre Xerome e Pammachius.
A muller de Apronianus, Avita, sobriña de Melania, tamén recibía as obras de Rufinus. As estreitas relacións entre estes personaxes confírmaas unha subscrición que nos chega en dous manuscritos da tradución de Gregorio que Rufinus fixo para Apronianus: testemuña que a copia transcribiuse a partir do texto que a propia Melania tiña en Roma.
Palladius tamén frecuenta a Melania a Nova e o seu marido Pinianus na villa que teñen na vía Apia, alonxados da cidade, onde practicaban unha "vida virtuosa".
Rufinus, que volvera do monte dos Olivos en 397, ocupábase de traducir obras eclesiásticas do grego ao latín: o corpus pseudo-Clementino, coleccións de lendas (de especial interese no oeste) en relación a Pedro e Clemente de Roma. Entre outras, as Recognitiones, que traduciu para Gaudentius, bispo de Brescia. Prometera este traballo a Silvia, que morrera antes de poder el completar o traballo. O bispo "herdaría" a petición. Esta Silvia podería ser cuñada do prefecto do pretorio.

a diócese de Hispania non tiña apenas presenza militar significativa. A reorganización administrativa de Diocleciano na zona tiña sentido para previr ameazas dende o sur, non dende o norte.

31 de decembro; a crónica de Próspero reza: "Arcadio VI et Probo. Wandali et Halani Gallias traiecto Rheno ingressi II k. lan". Gregorio de Tours describe en liber historiae francorum a penetración de continxentes bárbaros aproveitando que o Rhin está xeado e que as defensas de Moguntiacum son case inexistentes.
A razón da acumulación dos contixentes bárbaros é obxecto de controversia. Estarían á espera dunha oportunidade que finalmente chegou: as defensas do limes foran debilitadas para reforzar as campañas contra Alarico dos anos precedentes e a máis recente ameaza de Radagaiso sería unha axuda adicional para os novos invasores.
participarían na incursión grupos alanos, o dirixido por Goar e o de Respendial, os vándalos asdingos dirixidos por Godixisel, os vándalos silingos e varios grupos de suevos. A procedencia é difusa inda que se identifica os alanos cos que establecera Teodosio I na Pannonia en torno a 380.
Os francos (quizás foederati) establecidos na beira occidental do río tentaron facer fronte á ameaza e conseguiron matar a Godixisel. Á defensa do limes tamén contribuíron outros grupos alanos.
Gregorio conta que cando Godexisel caiu en batalla contra os francos o seu grupo estivo a punto de ser exterminado se non fora pola resposta do grupo alano de Respendial, que derrotou os francos, "inda que o grupo de Goar cambiara de bando e se aliara aos romanos." Non queda claro se Goar alcanzou un acordo para non loitar ou o fixo activamente en apoio dos francos. Pero a realidade é que a coalición de forzas de vándalos, alanos e suevos superou os francos e cruzou o limes e pasou a Gallia.

sábado, 28 de xaneiro de 2012

404

ano do consulado de Honorio (VI) e Aristaenetus.

morre probablemente a emperatriz María, filla de Serena e Estilicón.

tamén fina Claudius Claudiano; nacera na comunidade gregofalante de Alexandría. Entre as súas obras figuran hexámetros conmemorando e louvando as actividades da corte imperial occidental e lanzando invectivas contra Rufinus e Eutropius, ministros orientais.

In Rufinum (c. 397) describe o exército de Arcadio ás portas de Constantinopla, dotado de xinetes nos que se unían corpo humán e metal: unha descrición detallada dos clibanarii.
A súa última composición (este ano) puido ser un panexírico en honor do sexto consulado de Honorio. Volve aparecer o topos da estatua de metal, aquí dotada de orixe divina e poñendo nos labres dunha rapaza o asombro e terror que xeraba a visión do clibanario: Cando ela ve os xinetes vestidos con malla e os cabalos con armaduras soldadas, decátase de onde provén esa raza de homes de ferro e que terra é a que da vida a corceis de bronce. 'Como o deus de Lemnos, preguntaría ela, deu ao metal o poder de relinchar e forxou estatuas vivintes para a loita?' Gozo e temor enchen a súa mente. Ela sinala co dedo como o paxaro de Xuno adorna os alegres penachos sobre os seus cascos, ou como baixo a armadura dourada, nos lomos dos cabalos, a seda vermella ondea e se riza sobre os poderosos hombreiros. Elementos como os penachos ou que a armadura fora dourada teñen un valor psicolóxico engadido ao aspecto de estatua vivinte; tamén o uso do dragón coma símbolo do clibanario: “... spirisque remissis mansuescunt varii vento cesante dracones ...”.
A introdución e desenvolvemento dos corpos de cabalería pesada nos exércitos foi progresivo, ata alcanzar a súa plena inserción, sen ser nunca maioritarios. Estas unidades tiveron, á marxe da súa capacidade militar real, gran prestixio debido á súa apariencia, que afectou tanto aos seus enemigos no campo de batalla coma aos escritores que trataron o caso, ata o punto de xerar un topos na literatura tardoantigua consistente na descripción detallada do seu armamento defensivo, en especial referencia aos elementos metálicos, que os facía comparables con estatuas e homes de bronce, alexándoos do concepto de humanidade e situándoos nunha posición superior a esta.

no marco dos festexos polo consulado do emperador, último espectáculo de gladiadores en Roma do que se teñen referencias. Consta que Telemachus, un monxe cristián, foi despedazado pola multitude ao pretender deter o espectáculo.

ao parecer toda a poboación de Ravenna coopera na construción da catedral da cidade.

o 26 de xuño celébrase en Cartago un concilio no que os donatistas, invitados o ano anterior a unha conferencia, son condenados.

logo do seu enfrontamento con Xoán Crisóstomo, morre a emperatriz Eudoxia: estaba embarazada por sétima vez e sufriu un aborto; finouo 6 de outubro a consecuencia da hemorraxia e infeccións subseguintes; este feito marca o inicio da influencia de Antemius sobre o emperador.

Crisóstomo fora exilado definitivamente o 20 de xuño e foi sucedido por Arsacius de Tarso. Prodúcense disturbios causados polos partidarios de Crisóstomo, que chegan a destruír parcialmente a construción situada onde logo se erixiu Hagia Sophia.

morre Paula, viúva romana, en Belén; a súa filla Eustochium, agora a cargo do mosteiro, ten que afrontar enórmes débedas coma consecuencia do voto de pobreza absoluta feito por súa nai. Melania a Nova, que chegara a Xerusalén xa con poucos recursos, doa os seus últimos 50 solidi ao bispo; o seu patrimonio chegara a producir 120000 solidi anuais (arredor de 1700 libras de ouro). Fortunas máis modestas, coma as 1400 pezas de ouro que Porfirio, que se viu na obriga de facerse zapateiro para poder vivir, distribuiu en Palestina, tamén foron liquidadas.
Ademais dos desenvolvementos comerciais asociados coas peregrinacións a Palestina houbo outros condicionantes ecónomicos na zona. A atención fixada polos cristiáns nos lugares sacros foi causa dun fluxo enorme de capitais cara a zona xa que a doazón de fondos para fins píos fíxose hábito entre a xente con recursos; a renuncia á vida mundana era un sinal de identidade en certos sectores aristocráticos. Os emperadores tamén promoveron esa dinámica. Xunto coas doazóns espectaculares tamén había outras máis modestas: monxes, persoas humildes; constituíndo un sostén duradeiro ás institucións da igrexa. Polo tanto, Palestina recibiu enormes doazóns á igrexa e a institucións de caridade financiadas por ela.

no verán, os isaurios arrasan os arredores do Monte Taurus.

probablemente tamén morre Balamir, rei dos hunos.

Gwanggaeto o Grande de Goguryeo (Korea) ataca Liaodong e apoderáse de toda a península.

o monxe budista chinés Huiyuan, fundador da secta budista da Terra Pura e o mosteiro no monte Lushan, escribe On Why Monks Do Not Bow Down Before Kings. Argumenta que inda que o clero debía ser independente e alonxarse da política, os leigos debían someterse aos monarcas debido ao medo á retribución do karma e o desexo de renacer no paraíso.

venres, 18 de febreiro de 2011

ricimer, patricio romano

suposto monograma de Ricimer aparecido no anverso de moedas da época
Ricimer, fillo dun membro da familia real sueva, con dominio en Callaecia, e neto de Wallia, por parte de súa nai, xogou un papel eminente na política da pars occidentis dende 456, cando encabezou unha revolta xunto con Maioriano contra Avitus, ata a súa morte en 472, poucos meses despois de gañar outro enfrontamento contra outro emperador non italiano, Antemius.

a súa é unha figura controvertida e non hai concordo á hora de xulgar se a súa influencia foi positiva ou negativa en relación aos acontecementos que finalmente desembocaron na ausencia de emperador en occidente e a conseguinte desaparación do estado romano como tal. A historiografía tradicional asígnalle un papel netamente negativo, pero é probable que as súas actuacións foran máis ben producto de tendencias poderosas difíciles de contrarestar máis que de decisións puramente personais.

sexa como fora o que parece certo é que os seus intereses centráronse na defensa de Italia fronte á constante ameaza dos vándalos asentados nas ricas terras de Africa. Probablemente, para este fin, contaba co apoio incondicional do que quedaba das unidades militares imperiais, barbarizadas na súa maioría, en Italia e o apoio económico da aristocracia senatorial da península, que temía perder as súas propiedades italianas, como moitos perderan as africanas. As incursións e saqueos debían ser recurrentes por todo o Mediterráneo e os italianos tenderon a centrar os seus esforzos en defenderse de Xenserico máis que de recuperar o dominio sobre Gallia ou Hispania, territorios perdidos xa para Roma.

durante o seu periodo de influencia detentou os cargos de patricius e magister militum, con poder efectivo, e non foi demasiado amigo de cargos honorarios como o de consul. Durante este periodo ocuparon o trono Maioriano (457-461), Libius Severus (461-464), Antemius (466-472) e Olybrius (472), todos eles chamados "emperadores marionetas" e que morreron, segundo algúns, pola participación directa de Ricimer.

Maioriano e Antemius non foron precisamente marionetas, máis ben tiñan as súas propias follas de ruta, que chocaron cos intereses que defendía Ricimer, centrados exclusivamente en defender a península e non embarcarse en aventuras de restauración imperial que probablemente xa eran consideradas imposibles ou alleas entre os aristócratas italianos; unha situación que Ricimer debeu entender moi ben.

en todo caso Ricimer é un eslabón na cadea de figuras fortes en Occidente, xunto con homes coma Estilicón, Constancio, Aetius, e logo Odovacar. Na caída de todos estivo presente a sospeita de pretender tamén o poder simbólico para eles ou a súa familia directa, posto que o real xa o tiñan; excepto no caso de Constancio, que acadou ambas cousas, quizás por ser romano e non bárbaro, e que morreu vestindo a púrpura. Ricimer desdeñou os honores e limitouse a exercer o seu papel real. Tamén é certo que non consta que tivera fillos varóns, só unha filla.

a situación do poder central era cada vez máis precaria e quizás Ricimer non tivo máis remedio que ser realista e restrinxir as súas actuacións á península italiana e territorios lindantes, como máis tarde fixo Odovacar. E no tocante á súa posible perfidia el carga con esa sona pero sería convinte facer unha comparativa con outros persoeiros da época para decatarse de que o mundo estaba cheo de lobos e para sobrevivir nel quizás tivera que ser o lobo máis feroz. Pasa moitas veces na historia que se perde a perspectiva cando hai que estar constantemente loitando contra todo o mundo.

BIBLIOGRAFÍA: FLOMEN, Max. "The Original Godfather: Ricimer and the Fall of Rome," Hirundo, the McGill Journal of Classical Studies, Vol.8 (2009-10)