sábado, 28 de xaneiro de 2012

404

ano do consulado de Honorio (VI) e Aristaenetus.

morre probablemente a emperatriz María, filla de Serena e Estilicón.

tamén fina Claudius Claudiano; nacera na comunidade gregofalante de Alexandría. Entre as súas obras figuran hexámetros conmemorando e louvando as actividades da corte imperial occidental e lanzando invectivas contra Rufinus e Eutropius, ministros orientais.

In Rufinum (c. 397) describe o exército de Arcadio ás portas de Constantinopla, dotado de xinetes nos que se unían corpo humán e metal: unha descrición detallada dos clibanarii.
A súa última composición (este ano) puido ser un panexírico en honor do sexto consulado de Honorio. Volve aparecer o topos da estatua de metal, aquí dotada de orixe divina e poñendo nos labres dunha rapaza o asombro e terror que xeraba a visión do clibanario: Cando ela ve os xinetes vestidos con malla e os cabalos con armaduras soldadas, decátase de onde provén esa raza de homes de ferro e que terra é a que da vida a corceis de bronce. 'Como o deus de Lemnos, preguntaría ela, deu ao metal o poder de relinchar e forxou estatuas vivintes para a loita?' Gozo e temor enchen a súa mente. Ela sinala co dedo como o paxaro de Xuno adorna os alegres penachos sobre os seus cascos, ou como baixo a armadura dourada, nos lomos dos cabalos, a seda vermella ondea e se riza sobre os poderosos hombreiros. Elementos como os penachos ou que a armadura fora dourada teñen un valor psicolóxico engadido ao aspecto de estatua vivinte; tamén o uso do dragón coma símbolo do clibanario: “... spirisque remissis mansuescunt varii vento cesante dracones ...”.
A introdución e desenvolvemento dos corpos de cabalería pesada nos exércitos foi progresivo, ata alcanzar a súa plena inserción, sen ser nunca maioritarios. Estas unidades tiveron, á marxe da súa capacidade militar real, gran prestixio debido á súa apariencia, que afectou tanto aos seus enemigos no campo de batalla coma aos escritores que trataron o caso, ata o punto de xerar un topos na literatura tardoantigua consistente na descripción detallada do seu armamento defensivo, en especial referencia aos elementos metálicos, que os facía comparables con estatuas e homes de bronce, alexándoos do concepto de humanidade e situándoos nunha posición superior a esta.

no marco dos festexos polo consulado do emperador, último espectáculo de gladiadores en Roma do que se teñen referencias. Consta que Telemachus, un monxe cristián, foi despedazado pola multitude ao pretender deter o espectáculo.

ao parecer toda a poboación de Ravenna coopera na construción da catedral da cidade.

o 26 de xuño celébrase en Cartago un concilio no que os donatistas, invitados o ano anterior a unha conferencia, son condenados.

logo do seu enfrontamento con Xoán Crisóstomo, morre a emperatriz Eudoxia: estaba embarazada por sétima vez e sufriu un aborto; finouo 6 de outubro a consecuencia da hemorraxia e infeccións subseguintes; este feito marca o inicio da influencia de Antemius sobre o emperador.

Crisóstomo fora exilado definitivamente o 20 de xuño e foi sucedido por Arsacius de Tarso. Prodúcense disturbios causados polos partidarios de Crisóstomo, que chegan a destruír parcialmente a construción situada onde logo se erixiu Hagia Sophia.

morre Paula, viúva romana, en Belén; a súa filla Eustochium, agora a cargo do mosteiro, ten que afrontar enórmes débedas coma consecuencia do voto de pobreza absoluta feito por súa nai. Melania a Nova, que chegara a Xerusalén xa con poucos recursos, doa os seus últimos 50 solidi ao bispo; o seu patrimonio chegara a producir 120000 solidi anuais (arredor de 1700 libras de ouro). Fortunas máis modestas, coma as 1400 pezas de ouro que Porfirio, que se viu na obriga de facerse zapateiro para poder vivir, distribuiu en Palestina, tamén foron liquidadas.
Ademais dos desenvolvementos comerciais asociados coas peregrinacións a Palestina houbo outros condicionantes ecónomicos na zona. A atención fixada polos cristiáns nos lugares sacros foi causa dun fluxo enorme de capitais cara a zona xa que a doazón de fondos para fins píos fíxose hábito entre a xente con recursos; a renuncia á vida mundana era un sinal de identidade en certos sectores aristocráticos. Os emperadores tamén promoveron esa dinámica. Xunto coas doazóns espectaculares tamén había outras máis modestas: monxes, persoas humildes; constituíndo un sostén duradeiro ás institucións da igrexa. Polo tanto, Palestina recibiu enormes doazóns á igrexa e a institucións de caridade financiadas por ela.

no verán, os isaurios arrasan os arredores do Monte Taurus.

probablemente tamén morre Balamir, rei dos hunos.

Gwanggaeto o Grande de Goguryeo (Korea) ataca Liaodong e apoderáse de toda a península.

o monxe budista chinés Huiyuan, fundador da secta budista da Terra Pura e o mosteiro no monte Lushan, escribe On Why Monks Do Not Bow Down Before Kings. Argumenta que inda que o clero debía ser independente e alonxarse da política, os leigos debían someterse aos monarcas debido ao medo á retribución do karma e o desexo de renacer no paraíso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario