Amosando publicacións coa etiqueta Heraclio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Heraclio. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de novembro de 2014

640

Pedro de Montes, fachada
mosteiro fundado por Frutuoso
es.wikipedia.org
xaneiro: ‘Amr ibn al-‘Ās captura Pelusium, no delta do Nilo, logo dun asedio de dous meses; tamén Memphis, que os bizantinos abandonan precipitadamente para retirarse a Alexandría. Chegan reforzos baixo Zubayr ibn al-Awam desde Madinat, e tamén son recrutados beduínos do Sinaí, tribos de Rashida e Lakhm, que nutren os continxentes musulmáns.

Frutuoso de Braga escribe regula monachorum, para os monxes de Compludo.

febreiro, 21: morre Pipino de Landen. Otto, é o sucesor como mordomo de palacio en Austrasia.

Taizong toma como concubina a Wu Zhao, filla dun xeneral leal. Desde entón rivalidade aberta entre ela a emperatriz Wang, estéril.

maio, 28: Severinus é finalmente consagrado, pero condena o monotelismo; en represalia, o gobernador de Roma, Mauricio, saquea Letrán, e dise que o bispo ‘morre’ da pena.

maio: asedio da fortaleza de Babylon polos musulmáns, pero os bizantinos logran rexeitar todos os ataques.

xullo, 6: na batalla de Heliopolis o exército musulmán (15000 homes) baixo ‘Amr ibn al-‘As derrotan as forzas bizantinas logo de dividir as súas tropas en tres partes, que rodean os bizantinos.

outubro, 6: os musulmáns ocupan Dvin en Armenia.

Xonás de Bobbio, en cumprimento dunha promesa aos monxes Bobbio durante unha visita o ano anterior, comeza a escribir vida de Columba.

Penda de Mercia ataca East Anglia, e Ecgric, o rei, morre na loita, sendo sucedido polo rei Anna.

outubro: Cyrus de Alexandría inicia negociacións co xeneral árabe Amr, sendo chamado a Constantinopla e defenestrado por Heraclio.

Earconberht I e Eormenred, reis conxuntos de Kent, como sucesores de Eadbald.

Caesarea Maritima cae en mans musulmáns, último punto de apoio bizantino en Palestina.

morre Armah, rei de Aksum, último testemuñado nas moedas.

Disibod comeza a súa misión en territorio franco, nos Vosgos e nas Ardenas.

durante o reinado de Tulga, os bispos cobran grande autoridade e defínense zonas no territorio godo: Callaecia, Hispania e Septimania.

Heraclio envía misioneiros cristiáns a Croacia, seguindo o chamado do knez de Dalmacia Porga de Croacia.

Liderico funda Lille, e mata a Phinaert nun duelo para vingar as mortes de seus pais.

decembro, 21: os musulmáns capturan Babylon logo de sete meses de asedio grazas a que unha noite abren as portas da cidade. A Thebaida cae en mans do califato.

decembro, 24: inicio do bispado de Xoán IV, aceptado polo exarca de Ravenna.

Taizong comeza unha campaña contra os estados Xivu, na conca do Tarim. O xeneral Hou Junji captura Gaochang para consolidar o dominio chinés no centro de Asia.

misioneiros nestorianos constrúen a pagoda Daqin (que significa ‘imperio romano’ en chinés) en Chang’an.

moitos monofisitas de Exipto refúxianse en Nubia.

luns, 10 de novembro de 2014

638

tumba de Khalid ibn al-Walid
en Homs, Syria
en.wikipedia.org
febreiro: o califa Umar ibn al-Chattab entra en Xerusalem. O patriarcado queda como ‘sé vacante’. O único enclave bizantino sirio que aguanta o asedio musulmán é Caesarea Maritima, sede da flota de Syria.

Oswald asedia e entra en Edinburgh. O seu medio-irmán Oswiu de Bernicia, casa coa princesa Rhiainfelt, herdeira de North Rheged (‘o vello norte’). Ambos ámbitos pasan a ser un só reino, con Oswiu como mandatario secundario.

xuño, 4: Heraclio asocia ao trono o seu fillo Heraclonas (12 anos) por influencia da nai deste, Martina, emperatriz, co que se inicia un rivalidade aberta co outro fillo do emperador Constantino III Heraclio. Moitos consideran incestuosa a relación do emperador coa súa sobriña e, polo tanto, a Heraclonas como ilexítimo e indigno do trono. Pero a autoridade de Heraclio impide que se fagan públicas as críticas.

xuño, 9: inicio das sesións do VI concilio de Toletum, que confirma as políticas aprobadas en 636.

en Emaus, ao oeste de Xerusalem prodúcese un episodio de praga tan grave que causa 25000 vítimas no exército árabe e a cidade é abandonada.

Heraclio crea unha zona de protección fronteiriza no corazón de Anatolia e usa a ‘guerra de guerrillas’ para evitar enfrontamentos con grandes continxentes e optando por atacar pequenos continxentes musulmáns cando estes regresan cargados con botín logo de incursións en territorio bizantino.

Khalid ibn al-Walid entra en Anatolia conquistando varias cidades: Kahramanmaras, Caesarea Cappadociae, Sebastia e Malatya (ao oeste do Taurus).

os musulmáns penetran en Armenia e conquistan Edessa e Amida, ata as chairas de Ararat.

setembro – outubro: Serxio I, concordando con Heraclio, está disposto a modificar os supostos ideolóxicos imperiais para acercarse a Syria e Exipto e promúlgase o ekthesis, que queda colgado nas portas de Hagia Sophia e que expón unha nova doutrina, agora a oficial, chamada ‘monotelismo’ (unha soa vontade): os católicos afirman que Cristo tiña dúas naturezas, unha divina e outra humana, mentres que os monofisitas consideran que so había unha natureza divina. O ‘monotelismo’ afirma que Cristo tiña dúas naturezas animadas por unha única vontade, polo que na práctica actuaba como se tivese unha única natureza, tal e como crían os monofisitas.

entre os maiores contrarios ao monotelismo está Máximo Confesor.

Heraclio esperaba que o monotelismo eliminara receos en Syria e Exipto cara Constantinopla e permitira que a poboación puidese acoller un futuro exército como liberador e non conquistador. Sen embargo, o monotelismo resultou un fracaso. Os teólogos de Syria e Exipto tampouco o aceptaron, do mesmo xeito que Roma e Africa.

outubro, 12: morre Honorio I, sucedido por Severinus, pero ao opoñerse ao monotelismo, o gobernador bizantino, Mauricio, por orden de Heraclio, pospón a súa consagración.

outono: Abu Ubaidah ibn al-Jarrah ataca Caesarea Maritima e captura Ascalon. Umar I detén as operacións e nomea a Abu Ubaidah gobernador de Syria. Retira a Khalid debido á súa gran fama e influencia. ‘Desexa’ que os musulmáns saiban que as vitorias proceden de Alah, non dun home, por moi importante que sexa.

Bactria, o Cáucaso, e Makran, antes persas, pasan a ser parte do califato.

Abu Musa al-Asha’rai, sahabah (compañeiro) de Muhammad, funda Hafar al-Batin, no NE da península Arábiga. Ordena facer novos pozos ao longo da ruta do deserto que leva os musulmáns desde Irak a Meca para o hajj (peregrinación anual).

Umar I implanta o cálculo de data islámico, convencido por Abu Musa, comezando coa héxira de Muhammad (622).

a campaña de Taizong contra Tufan ocasiona a alianza matrimonial entre Tíbet e China ao casar a princesa chinesa Wencheng co soberano tibetano Songtsän Gampo.

decembro, 20: morre Serxio I; sucédeo Pyrrhos, amigo próximo ao emperador e partidario do monotelismo.

Umar acorda cos xudeus certas vantaxes, pero negociadas con Sophronios; poden construír unha sinagoga e unha academia próximas ao templo.

637

reconstrución do palacio real sasánida en Ctesiphonte
www.bloganavazquez.com
marzo: asedio de Ctesiphonte.

os musulmáns (15000 homes) baixo Sa’ad ibn Abi Waggas toman Ctesiphonte logo de dous meses de asedio. Yazdegerd III foxe co tesouro imperial cara o leste e os persas reorganízanse arredor de Nehavend, cerca de Ecbatana, antiga capital meda. Os musulmáns chegan ata Khuzestan.

abril: un exército musulmán baixo ‘Amr ibn al-‘As ocupa Xerusalem logo dun asedio de seis meses. Pérdese o rastro á ‘vera cruz’.

Heraclio non reacciona logo da batalla Yarmuk porque chega á convicción de que estes territorios non queren formar parte do imperio bizantino. Syria e tamén Exipto son monofisitas e están tan lonxe dos bizantinos como dos musulmáns. Nin son leais nin o van ser nunca.

maio, 1: inicio das sesións do concilio de Clichy.

batalla de Hazir: forzas musulmás (17000 homes) baixo Khalid ibn al-Walid derrotan os bizantinos cerca de Qinnasrin (N de Syria). Beritus e Tiro caen en mans de Yazid ibn Abi Sufyan logo de curtos asedios.

outubro: Khalid conquista Aleppo logo dun asedio de catro meses. Unha columna baixo Malik al-Ashtar é enviada a tomar Azaz.

outubro: batalla da ponte de ferro, na que Khalid derrota os bizantinos e cristiáns árabes no río Orontes, onde Antioquía. Supón a case completa anexión de Syria ao califato musulmán.

derrota do reino de Dalriada baixo Domnal contra os irlandeses de Uí Néill na batalla de Mag Rath.

logo da rebelión dos xefes vascóns de Aquitania contra Dagoberto I este consigue sometelos novamente, obrigándoos a prestarlle xuramento de fidelidade en Clichy.

tamén se aproveita para reverter a situación provocada polo duque de Bretaña Judicael, quen tamén lle presta xuramento de fidelidade en Clichy, converténdose Dumnonia en protectorado franco.

batalla de Jalula: os musulmáns derrotan as forzas persas baixo Farrukhzad onde o río Diyala. Capturan Tikrit e Mosul, completando a conquista de Persia. A rexión ao oeste dos montes Zagros é anexada ao califato Rashidun.

Chang’an é probablemente a cidade máis poboada do mundo.

Seondeok de Silla constrúe un observatorio astronómico cerca de Gyeongju, un dos máis antigos dos que se ten constancia en Asia oriental.

Songstsän Gampo constrúe o primeiro palacio de Potala, en Lhasa.

os musulmáns substitúen o zoroastrismo polo islam en Mesopotamia. Non obrigan a mudar a fe aos seus súbditos pero si que acepten o Corán como a doutrina divina e obrigaranos a aprender a lingua árabe.

un exército musulmán tenta conquistar Thana (próxima á actual Bombay).

domingo, 9 de novembro de 2014

636

rei Chintila
www.datuopinion.com
primavera: os musulmáns evacúan Damasco e Emesa e retíranse ata Jabiya.

morren Sisenando e Isidoro. Chintila, rei godo por elección de bispos e nobres en cumprimento do canon 75 do IV concilio de Toletum.

morre Ariwaldo, rei lombardo, sucedido por Rothario, anterior duque de Brescia, que casa coa súa viúva, Gondeberga.

o duque alamano Gunzo reside en Überlingen e a súa filla Fridiburga é prometida a Sixeberto III. Gunzo convida os cregos a un sínodo e procura que o diácono Johannes sexa elixido bispo de Constanza.

maio: un exército bizantino parte de Antioquía e marcha contra posicións musulmás.

xuño, 30: inicio das sesións do V concilio de Toletum na igrexa de Leocadia, no que Chintila ver reforzada a súa autoridade. Os bispos aceptan que só un nobre godo, un militar, poderá ser rei.

Heraclio reúne un enorme exército (100000 homes) formado por bizantinos, eslavos, francos, xeorxianos, armenios e árabes cristiáns. Establece unha base en Yaqusah, cerca dos Altos do Golán, protexendo a principal vía de Exipto a Damasco. A base é protexida por vales profundos e ben abastecida de auga e pastos.

verán: Heraclio convoca unha asemblea da igrexa en Antioquía e diagnostica a situación. Acepta o feito de que a ‘desobediencia bizantina’ a Deus ten a culpa do desastre cristián en Syria. Heraclio marcha a Constantinopla dicindo: ‘a paz sexa contigo Syria, que fermosa terra serás para o teu inimigo’.

agosto, 15-20: batalla de Yarmuk, na que a cabalería pesada bizantina é derrotada pola cabalería lixeira musulmá. Por tres veces os bizantinos rompen as liñas árabes pero estes dispérsanse e vólvense xuntar ata esgotar o inimigo. O exército bizantino é totalmente aniquilado ao acabar as operacións. Khalid ibn al-Walid faise con toda Syria e Palestina. As operacións militares teñen lugar ao longo do río e os musulmáns utilizan 25000.

Honorio I escribe a Braulio de Zaragoza, que lle contesta.

novembro, 16-19: batalla de al-Qadisiyya, no sur de Mesopotamia, na que o imperio persa sasánida sofre unha derrota decisiva. Inicialmente os dous exércitos teñen aproximadamente o mesmo número de efectivos pero os musulmáns reciben un substancial reforzo de Syria. Unha tormenta de area favoréceos, pois o vento sopra cara o fronte persa, facendo que as tropas retrocedan e finalmente teñan que fuxir desorganizados ao ser atacados. O xeneral Rostam Farrokhzad é derrotado por Saad ibn Abi Waqqas e morre na loita. Os persas deben evacuar Mesopotamia e Ctesiphonte mesma está seriamente ameazada.

novembro: os musulmáns de Khalid comezan o asedio de Xerusalem.

o califa Umar funda Basra, no Shatt al-Arab, na cabeza do Golfo Pérsico. O porto será un lugar para apoiar e desenvolver rutas comerciais e tamén unha base militar.

Yuknoom Ch’een II, chamado o Grande, é soberano de Calakmul.

constrúese a pagode Xumi de Zhending (China).

os textos históricos libro do Qi norte, libro de Chen, libro de Sui son compilados.

Birinus, bispo de Dorchester, bautiza tamén a Cwichelm, fillo do rei Cynegils de Wessex. Morre ao pouco.

decembro: os musulmáns recuperan Damasco.

635

Pella, restos dunha mezquita
erixida en lembranza da batalla de Fahel
www.pictures.traveladventures.org
Heraclio decátase do perigo da ameaza musulmá, forma un exército e envíao a Syria baixo o mando de Theodoro.

xaneiro: batalla de Fahel, na que Khalid (30000 homes) derrota a Theodoro en Pella, no val do Xordán.

‘Amr ibn al-‘As conquista Gaza, que se converte na primeira cidade onde se desenvolve un código legal islámico.

marzo: inicio do asedio de Damasco.

maio, 23: Dagoberto I reúne unha asemblea xeral en Bigargium, onde le o seu testamento.

setembro, 4: os musulmáns entran en Damasco.

outubro, 9: feira de Saint-Dennis, onde Dagoberto I renuncia aos impostos e beneficios que xera a favor da abadía.

novembro: conquista de Emesa polos musulmáns.

Dagoberto I ten un segundo fillo, Clodoveo II, que se converte en rei de Neustria.

sínodo en Constanza.

o nestoriano Alopen entra en China.

Heraclio forma unha alianza con Kubrat para quebrar o poder dos avaros nos Balcáns.

Judicael, rei de Domnonée (Bretaña) visita a Dagoberto I en Clichy para prometer fidelidade aos francos pero insulta ao rei ao rexeitar comer na mesa rexia.

Meurig de Glywysing e Gwent invade Ergyng e unifica os reinos gaélicos.

Gartnait III morre e sucédeo seu irmán Bridei II como soberano dos pictos.

Yao Silian, historiador chinés completa o seu libro de Liang, que contén a historia da dinastía Liang.

Birinus, misioneiro franco, bautiza o rei Cynegils de Wessex e convértese en bispo de Dorchester.

634

Lindisfarne
www.flickr.com
xaneiro, 21: batalla de Firaz na que os árabes Rashidun (15000 homes) baixo Khalid ibn al-Walid derrotan unha combinación de bizantinos, persas e árabes cristiáns en Mesopotamia, moi superiores en número.

febreiro, 4: batalla de Dathin, na que forzas Rashidun baixo Yazid ibn Abi Sufyan derrotan os árabes cristiáns nas proximidades de Gaza. Os xudeus locais celebran a vitoria musulmá ao ter sido perseguidos polos bizantinos.

febreiro, 15: Khalid asiste de xeito clandestino en a Meca á peregrinación anual, antes de trasladarse a al-Hira.

abril: catro exércitos musulmáns comandados respectivamente por Amr, Yazid, Shurahbil ibn Hassana e Abu Ubaidah ibn al-Jarrah xúntanse nas ribeiras do Yarmouk, na fronteira bizantina.

Abu Ubaidah ibn al-Jarrah invade Palestina e Khalid diríxese cara Syria desde al-Hirah coa metade do seu exército, uns 8000 homes.

batalla de Qarteen: Khalid derrota os ghassánidas, capturan al-Qaryatayn e outras cidades da zona.

abril, 24: batalla de Marj Rahit, na que Khalid derrota os bizantinos e os seus aliados ghassánidas (15000 homes) e envía unha columna de cabalería a saquear os arredores de Damasco.

os musulmáns toman a cidade de Bosrah, ao leste do Xordán, que tiña un continxente de 12000 homes. Khalid impón o pagamento dun tributo.

Dagoberto I destitúe a Pipino de Landen do seu cargo de mordomo de palacio e reteno en Neustria. O seu posto ocúpao Ansexisel, fillo de Arnulfo de Metz, que casa con Begga, filla de Pipino. Ansexisel colabora nas súas funcións con Cuniberto de Colonia.

para consolidar a sucesión, e para contentar a nobreza de Austrasia, Dagoberto I nomea rei a Sixeberto III (3 anos), fillo seu con Ragnetruda.

Dagoberto I tamén estende a súa autoridade sobre os bretóns.

Eanfrith de Bernicia e a súa escolta persoal son asasinados por Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd durante unhas negociacións de paz. Oswald, irmán seu e un dos fillos de Ethelfrith de Northumbria, cristián céltico, exiliado en Iona (Dál Riata) e regresa do exilio logo de 18 anos.

Oswald, apoiado por escotos e pictos mata a Cadwallon na batalla de Heavenfield e unifica Deira con Bernicia e convértese no novo rei de Northumbria, aliándose con Wessex, mediante o seu casamento coa herdeira do rei.

morre Suintila no ostracismo.

Heraclio, enfermo e feble, con escasa popularidade en Oriente, é incapaz de dirixir o exército na súa resistencia fronte a nova ameaza árabe. Envía a Theodoro, irmán seu, para reunir forzas e recuperar territorios perdidos pero os monofisitas e os xudeus apoian a intervención árabe.

xullo, 30: os musulmáns derrotan en Ajnadayn, ao SO de Xerusalem, aos bizantinos (9000 homes) dirixidos por Theodoro. Heraclio, en Emesa, retírase a Antioquía. A rexión dos ghassánidas e Palmira caen en mans musulmáns.

agosto, 23: morre Abu Bakr, que é sucedido por Umar ibn al-Chattab, un dos colaboradores máis próximos a Muhammad, como 2º califa do islam.

setembro, 19: Khalid ibn al-Walid ocupa Damasco, a primeira cidade de certa entidade. A quen o desexe permíteselle retirarse a Antioquía, sen ser atacados.

batalla de Maraj-al-Debaj: sen embargo, unha columna bizantina con refuxiados de Damasco (10000 homes) é aniquilada cerca de Antioquía.

outono: os persas baixo Bahman Jadhuyih (10000 homes) derrotan un exército musulmán que se internara en Persia na ‘batalla da ponte’, no Eufrates, cerca de Kufa. Os elefantes persas desbandan os musulmáns pero o xeneral persa non os persigue nin aniquila.

inicio de hostilidades entre o Tíbet e o imperio chinés.

escríbese en Madinat o ‘diwan’, que regula a distribución dos despoxos da guerra contra os bizantinos e que logo servirá de norma para o financiamento dos estados musulmáns.

Taizong ordena construír o palacio Daming, residencia imperial de verán, como agasallo persoal a seu pai.

Sophronios, patriarca de Xerusalem, monofisita e vehemente opositor a Heraclio. Envía cartas a Honorio I e o resto de patriarcas de oriente explicando as súas posturas teolóxicas.

Heraclio decreta a conversión obrigatoria de todos os xudeus do imperio.

o reino Tuyuhun é invadido por tropas chinesas baixo Li Jing, xeneral da dinastía Tang.

Aidan de Lindisfarne, misioneiro irlandés, é chamado por Oswald para fundar un bispado na sagrada illa de Lindisfarne e restablecer o cristianismo en Northumbria.

Birinus, misioneiro franco, desembarca no porto de ‘Hamwic’ (cerca do actual Southampton) na súa misión para reintegrar volver Wessex no cristianismo.

xoves, 6 de novembro de 2014

632

Abu Bakr, sucesor de Muhammad
nunha miniatura persa
es.wikipedia.org
xaneiro, 27: eclipse de sol.

Seondeok, raíña de Silla, en Korea.

marzo, 9: último sermón de Muhammad no val do Uranah, no monte Arafat.

abril, 8: Cariberto II é asasinado en Blaye (Gironde), posiblemente por orde de Dagoberto I, xunto co seu fillo, inda un cativo. Dagoberto I é novamente o rei de todos os territorios francos.

xuño, 8: Muhammad morre en Madinat, probablemente dunha infección. A nova produce grandes disturbios.

Abdallah Abu Bakr, sogro de Muhammad, é o primeiro califa dos musulmáns. Algúns consideran esta sucesión unha usurpación e sepáranse (xiítas ou xiís), considerando a Ali ibn Abi Talib o sucesor lexítimo.

Abu Bakr encarga ao xeneral Khalid ibn al-Walid acabar coas disidencias; as accións militares que emprende son as chamadas ‘guerras de Ridda’.

xuño, 16: logo de novos disturbios sube ao trono persa Yazdegerd III (8 anos).

Martianus, bispo de Constanza.

setembro: na batalla de Buzakha, unha columna islámica (6000) baixo Khalid ibn al-Walid derrotan os rebeldes ‘apóstatas’ baixo Tulayha, nas proximidades de Ha’il, Arabia Saudita).

decembro: batalla de Aqraba, onde Abu Bakr derrota máis rebeldes (40000 homes) baixo Musaylimah, nas chairas de Aqraba.

Kubrat establece a confederación da ‘gran Bulgaria’, collendo as rendas da súa tribo, os búlgaros utigures, e expulsando os avaros das súas terras. Domina desde o delta do Danubio ata o Volga.

Xuanzang, escribe sobre dúas grandes estatuas de Buda no val de Bamiyán.

primeira incursión musulmá en Chipre.

os reis de Karachahr, Kashgar e Khotan, en Tarim, aceptan a soberanía chinesa.

case toda Arabia está baixo Abu Bakr, que envía mensaxes a Heraclio e Yazdegerd III convidándoos a someterse ao islam.

Dagoberto I ten que afianzar as súas fronteiras orientais contra Samo, confiando a tarefa aos saxóns, os austrasianos e a Radulfo, duque de Turinxia.

domingo, 2 de novembro de 2014

630

evolución de Northumbria
en.wikipedia.org
xaneiro: na batalla de Hunayn, Muhammad derrota a tribo beduína de Hawazin (12000) nun val nunha das vías que van a Ta’if (O de Arabia).

febreiro, 5: Muhammad asedia Ta’if con catapultas e arietes pero é incapaz de entrar na cidade.

o reino de Gwent pode repeler o ataque de Wessex.

marzo, 21: Heraclio entra triunfal en Xerusalem coa ‘vera cruz’, que volve situar no lugar de onde a roubaran os persas en 614. Promove o monotelismo pero isto é rexeitado polos cristiáns.

Heraclio decreta que todos os xudeus deben bautizarse; acontece unha masacre cerca de Xerusalem e en Galilea; algúns sobreviven e poden fuxir á zona de Daraa.

abril, 8: Didier, tesoureiro de Dagoberto, sucede como bispo de Cahors a seu irmán Rusticus, asasinado por unha facción rival. Didier edifica numerosas igrexas e un mosteiro.

o reino de Harscha (N de India) expándese cara o sur pero é detida polo reino de Chalukya, sendo o río Narmada a fronteira entre ambos territorios.

o khagan dos turcos orientais, tras grandes problemas internos, é vencido e capturado polos xenerais Li Jing e Li Shiji; acaba nunha prisión chinesa. As tribos dependentes del prestan obediencia a China.

tamén se esfarela o reino dos turcos occidentais logo da caída e asasinato de Tong Yabghu.

escríbese en Bizancio o chronicon paschale, unha obra histórica.

Olof Trätälja funda unha colonia en Värmland e é expulsado da súa terra natal de Västergötland (segundo o Ynglingatal).

Ricberht de East Anglia morre e é sucedido por Sigeberht, que retorna de Gallia, e goberna xunto co seu parente Ecgric, restablecendo a fe cristiá.

Penda de Mercia asedia Exeter no SO de Britannia. O rei Cadwallon ap Cadfan , rei de Gwynedd, aterra cunha forza na proximidade e negocia unha alianza con Penda. Xuntos desaloxan as tropas de Northumbria, na batalla de Long Mountain.

Eanswith, filla de Eadbald de Kent, funda o priorado beneditino de Folkestone, a primeiro mosteiro de Inglaterra.

Xuanzang, monxe budista chinés (bhikkhu), viaxa polo deserto de Gobi a Kumul, seguindo a cordillera de Tian Shan en dirección leste e chega a Turpan.

decembro, 11: un exército de 10000 homes marcha sobre a Meca, que se rende. Muhammad expulsa os Quraysh e fai da cidade o centro espiritual do islam.

embaixada de Xapón aos Tang.

morre o rei etíope Ashama ibn Abjar e Muhammad réndelle homenaxe por telos acollido nos momentos difíciles.

Muhammad recibe unha embaixada do bispo da comunidade monofisita de Nadjrân, no sur de Arabia. O profeta comprométese a respectar a liberdade de culto a cambio do pago dun imposto e apoio militar.

Dagoberto incauta terras monásticas para cederllas aos seus soldados.

sínodo de Mag Léna en Offaly, cerca de Durrow, no que os monxes do sur de Hibernia deciden adherirse ao cálculo romano da data da pascua.

sábado, 1 de novembro de 2014

629

Heraclio recibindo embaixadores
www.elapasionado.com
febreiro, 2: Jomei, 34º emperador de Xapón, en sucesión de Suiko, tía avoa súa.

febreiro: umra (peregrinación) dos musulmáns á Meca, logo do ‘pacto de al-Hodaibijah’. Muhammad toca a ‘pedra negra’ e fai o tawaf, as sete voltas arredor de rigor.

Heraclio pacta con Sharhbaraz apoio para conseguir o trono persa.

marzo, 21: Heraclio autotitúlase ‘basileus’ e non ‘augustus’ nunha novella publicada en Constantinopla.

tratado de paz entre Bizancio e Persia, que debe devolver todos os territorios conquistados.

abril, 27: Ardashir III (nove anos) é asasinado. Shahrbaraz usurpa o trono.

Chorpan Tarkhan, xeneral dos jázaros, invade e devasta Armenia, derrotando unha forza de cabalería de 10000 homes enviados por Shahrbaraz para repeler a invasión.

verán: Muhammand consegue unificar as tribos nómades da península Arábiga, convérteos ao islam e prepara expedicións contra os xudeus.

xuño: acordos de Arabissos entre Heraclio e Shahrbaraz. Bizancio recupera os seus territorios. Logo de vinte anos de guerra Persia está totalmente desorganizada e o seu poder político quebrado. A guerra civil ábrese paso.

xuño, 9: Shahrbaraz é asasinado por unha conxura nobiliaria. Sucédeo a raíña Borandukht, irmá de Cosroes II. En parte do reino tamén exerce a súa autoridade o sasánida Cosroes III, e tras el Hormizdas V.

agosto: Xuanzang, monxe budista e cronista chinés, parte cara India desde a capital Tang, Chang’an, como peregrino. Atravesa Pamir en busca dos textos sagrados budistas. A súa historia é testemuña de que os reinos da conca do Tarim está plenamente influenciados polo budismo.

inicio do reinado de Songtsen Gampo, unificador de Tibet.

desbórdanse o Éufrates e o Tigris e os diques resultan afectados. Sumer resulta inundado.

batalla de Khaybar: Muhammad e os seus seguidores derrotan os xudeus no oasis fortificado de Khaybar, a 150 kms de distancia de Madinat.

batalla de Mu’tah: Muhammad fracasa no intento de apropiarse de terras ao este do Xordán, cerca de Mu’tah (mar Morto), é derrotado polos ghassánidas.

setembro: os bizantinos ocupan Xerusalem logo de quince anos ocupada polos persas. Iníciase unha ‘idade de ouro’ para Bizancio

setembro, 15: Heraclio entra triunfalmente en Constantinopla levando en persoa a ‘vera cruz’ e recíbeo o seu fillo Constantino III Heraclio.

outubro, 18: morre Clotario II. O seu fillo Cariberto II, presente en París, intenta apoderarse do trono co apoio de seu tío paterno Rodulfo. Dagoberto I reúne un exército en Austrasia e faise recoñecer rei en Soissons polos nobres e bispos de Borgoña e pola maioría de Neustria. Cariberto II recibe finalmente o título de rei de Aquitania.

Dagoberto establece capital en París aconsellado por Arnulfo de Metz e Pipino de Landen, mordomo de palacio. Cariberto II establécese en Tolosa.

os períodos de rexencia e o deterioro das comunicacións causan unha maior autonomía dos señores francos, que imparten xustiza baixo os seus criterios e incluso non pagan impostos. Gran parte da poboación prefire esta descentralización xa que os señores locais tenden a protexer os seus servos e procúralles un relativo benestar para mellorar as súas propias rendas, mentres un señor débil ao servizo do rei acostuma a esquilmar os súbditos obedecendo as esixencias dun monarca que non está no lugar para saber se esixe o debido ou non. O fenómeno é máis agudo en Austrasia, onde nunca tiveran peso o xeito de goberno romano e a igrexa e por ende a estrutura social está máis xermanizada.

Dagoberto I proponse frear o proceso de descentralización. Viaxa a Neustria e Borgoña (Langres, Dijon, Losne, Chalon, Autun, Auxerre e Sens), os seus novos dominios, para impartir xustiza, recuperar bens anexados por predecesores e trata de reavivar o extinto comercio mediante unha feira anual en Saint Dennis. Tenta restablecer a orde e asegurar as fronteiras e ordena que os xudeus se bauticen ou se exilien.

Heraclio ordena a construción de Nikopolis en Moesia, na ribeira do Danubio para tentar recuperar o control dos Balcáns contra os eslavos.

Eochaid I morre e sucédeo Connad Cerr en Dál Riata, que morre tres meses despois na batalla de Fid Eoin, derrotado por Dál nAraidi, soberano de Cruthin (Hibernia), sendo sucedido por seu irmán Domnall Brecc.

Tical funda a cidade ‘Dos Pilas’ baixo Balaj Chan K’awill (4 anos), irmán do rei. A intención é controlar os fluxos comerciais na zona.

Dido, bispo de Poitiers.

Arnulfo de Metz retírase ao mosteiro de Remiremont.

Taizong lanza unha campaña contra o khaganato turco oriental.

Muhammad coñece a al-Khansa, poetisa árabe, e convértea ao islam.

venres, 31 de outubro de 2014

628

heptarquía anglo-saxona
en.wikipedia.org
a aristocracia persa quere asinar a paz con Heraclio o antes posible, pero Cosroes II trata de continuar a guerra.

xaneiro, 4: os bizantinos toman Dastgird, residencia de verán de Cosroes II, e obteñen un enorme botín (tamén recuperan ata 300 estandartes de unidades bizantinas capturadas e aniquiladas). Ctesiphone, ben defendida, aguanta o asedio.

ultimátum de Heraclio a Cosroes II, ofrecendo termos de paz moi xenerosos, que o persa rexeita.

febreiro, 24: Khavad II, fillo do segundo matrimonio de Cosroes II, depón a seu pai e pono baixo custodia.

febreiro, 25: pouco despois fai que o executen xunto cos fillos do seu primeiro matrimonio. Khavad II inicia negociacións de paz con Bizancio.

marzo: Muhammad conclúe cos mecanos a ‘paz de al-Hodaibijah’, que inclúe unha tregua por 10 anos e a autorización da peregrinación a Meca por parte dos musulmáns ao ano seguinte.

Muhammad establece relacións diplomáticas con Ctesiphonte, Constantinopla, o negus de Etiopía e o gobernador de Exipto.

abril, 3: Heraclio recibe unha embaixada de paz dos persas, antes de dirixirse a Armenia.

maio, 15: as novas da vitoria de Heraclio chegan a Constantinopla.

maio/xuño: os musulmáns atacan os oasis fortificados de Chaibar e Fadar, ao norte de Madinat, en mans de tribos xudías.

setembro: Khavad é obrigado a retornar todos os territorios conquistados durante a guerra. Os persas deben devolver todos os trofeos capturados, incluíndo a reliquia da ‘vera cruz’. Tamén se inclúen unha forte indemnización financeira. Unha vez concluído o tratado de paz, Heraclio regresa a Constantinopla.

setembro, 6: Ardashir III (seis anos) é o novo rei ao morrer seu pai Khavad II de peste.

Iemen pasa á órbita musulmá cando o sátrapa persa se converte ao islam.

batalla de Cirencester: Penda de Mercia derrota de Cynegils de Wessex e seu fillo Cwichelm e logra o control do val do Severn e o pequeno reino de Hwicce.

Penda logra independizar Mercia de Northumbria. Isto termina por configurar a denominada ‘heptarquía’ (división de Britannia en sete reinos: Kent, Sussex, Essex, Wessex, East Anglia, Northumbria e Mercia). Os galeses (britanos) conservan algúns reinos pequenos que nunca formarán parte dos reinos dos anglo-saxóns.

Penda é un excelente guerreiro pero mal político. Despreza o credo cristián pero tampouco frea o seu avance por Mercia. Emprende preparativos militares contra Edwin e toma como escusa a conversión deste. Alíase con Cadwallan (britano pero cristián).

Xonás de Bobbio acompaña a Bertulfo a Roma con motivo da disputa xurisdicional do abade contra o bispo Probus de Tortona. Bertulfo apela a Ariwaldo, rei lombardo e ariano, quen insiste que a cuestión ten que ser decidida pola igrexa e fai provisión para unha apelación ao papa. Ariwaldo causara problemas anteriormente ao mosteiro de Bobbio e o seu apoio a Bertulfo contrasta co acoso dun bispo católico coma Probus.

a apelación ao papa Honorio I resulta un suceso para o mosteiro, que é posto baixo a xurisdición de directa de Roma e pola ningún bispo pode ter autoridade nel a non ser que sexa convocado polo prior, nin sequera para oficiar misa alí. O prior debe ser responsable dos seus monxes aos que debe dirixir con amor paternal. Bertulfo case morre na viaxe de regreso de Roma a Bobbio.

o matemático hindú Brahmagupta publica Brahmasphutasiddhanta, que entre outras cousas trata do ‘cero’ e o cálculo con números negativos.

os turcos occidentais baixo Tong Yabghu arrasan Tbilisi. Os defensores persas son executados ou mutilados e o khan envíalle a Heraclio o cranio de Stephanos de Iberia, que dirixía a defensa da cidade. Yabghu nomea gobernadores (tuduns) para manexar as diversas tribos baixo a súa autoridade.

a shariah require tanto de homes como mulleres obter formación leiga e relixiosa. Prohibe comer porco, burro domesticado e outras carnes negadas aos xudeus pola ‘lei mosaica’.