luns, 10 de novembro de 2014

638

tumba de Khalid ibn al-Walid
en Homs, Syria
en.wikipedia.org
febreiro: o califa Umar ibn al-Chattab entra en Xerusalem. O patriarcado queda como ‘sé vacante’. O único enclave bizantino sirio que aguanta o asedio musulmán é Caesarea Maritima, sede da flota de Syria.

Oswald asedia e entra en Edinburgh. O seu medio-irmán Oswiu de Bernicia, casa coa princesa Rhiainfelt, herdeira de North Rheged (‘o vello norte’). Ambos ámbitos pasan a ser un só reino, con Oswiu como mandatario secundario.

xuño, 4: Heraclio asocia ao trono o seu fillo Heraclonas (12 anos) por influencia da nai deste, Martina, emperatriz, co que se inicia un rivalidade aberta co outro fillo do emperador Constantino III Heraclio. Moitos consideran incestuosa a relación do emperador coa súa sobriña e, polo tanto, a Heraclonas como ilexítimo e indigno do trono. Pero a autoridade de Heraclio impide que se fagan públicas as críticas.

xuño, 9: inicio das sesións do VI concilio de Toletum, que confirma as políticas aprobadas en 636.

en Emaus, ao oeste de Xerusalem prodúcese un episodio de praga tan grave que causa 25000 vítimas no exército árabe e a cidade é abandonada.

Heraclio crea unha zona de protección fronteiriza no corazón de Anatolia e usa a ‘guerra de guerrillas’ para evitar enfrontamentos con grandes continxentes e optando por atacar pequenos continxentes musulmáns cando estes regresan cargados con botín logo de incursións en territorio bizantino.

Khalid ibn al-Walid entra en Anatolia conquistando varias cidades: Kahramanmaras, Caesarea Cappadociae, Sebastia e Malatya (ao oeste do Taurus).

os musulmáns penetran en Armenia e conquistan Edessa e Amida, ata as chairas de Ararat.

setembro – outubro: Serxio I, concordando con Heraclio, está disposto a modificar os supostos ideolóxicos imperiais para acercarse a Syria e Exipto e promúlgase o ekthesis, que queda colgado nas portas de Hagia Sophia e que expón unha nova doutrina, agora a oficial, chamada ‘monotelismo’ (unha soa vontade): os católicos afirman que Cristo tiña dúas naturezas, unha divina e outra humana, mentres que os monofisitas consideran que so había unha natureza divina. O ‘monotelismo’ afirma que Cristo tiña dúas naturezas animadas por unha única vontade, polo que na práctica actuaba como se tivese unha única natureza, tal e como crían os monofisitas.

entre os maiores contrarios ao monotelismo está Máximo Confesor.

Heraclio esperaba que o monotelismo eliminara receos en Syria e Exipto cara Constantinopla e permitira que a poboación puidese acoller un futuro exército como liberador e non conquistador. Sen embargo, o monotelismo resultou un fracaso. Os teólogos de Syria e Exipto tampouco o aceptaron, do mesmo xeito que Roma e Africa.

outubro, 12: morre Honorio I, sucedido por Severinus, pero ao opoñerse ao monotelismo, o gobernador bizantino, Mauricio, por orden de Heraclio, pospón a súa consagración.

outono: Abu Ubaidah ibn al-Jarrah ataca Caesarea Maritima e captura Ascalon. Umar I detén as operacións e nomea a Abu Ubaidah gobernador de Syria. Retira a Khalid debido á súa gran fama e influencia. ‘Desexa’ que os musulmáns saiban que as vitorias proceden de Alah, non dun home, por moi importante que sexa.

Bactria, o Cáucaso, e Makran, antes persas, pasan a ser parte do califato.

Abu Musa al-Asha’rai, sahabah (compañeiro) de Muhammad, funda Hafar al-Batin, no NE da península Arábiga. Ordena facer novos pozos ao longo da ruta do deserto que leva os musulmáns desde Irak a Meca para o hajj (peregrinación anual).

Umar I implanta o cálculo de data islámico, convencido por Abu Musa, comezando coa héxira de Muhammad (622).

a campaña de Taizong contra Tufan ocasiona a alianza matrimonial entre Tíbet e China ao casar a princesa chinesa Wencheng co soberano tibetano Songtsän Gampo.

decembro, 20: morre Serxio I; sucédeo Pyrrhos, amigo próximo ao emperador e partidario do monotelismo.

Umar acorda cos xudeus certas vantaxes, pero negociadas con Sophronios; poden construír unha sinagoga e unha academia próximas ao templo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario