Amosando publicacións coa etiqueta Chrysapius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chrysapius. Amosar todas as publicacións

domingo, 23 de decembro de 2012

449

ruínas da biblioteca de Celso en Éfeso

Astyrius e Romanus, cónsules.

febreiro, 18: León I ten noticia do asunto de Eutiques e escribe a Flavianus esixindo unha explicación. Envíalle a súa doutrina sobre as dúas naturezas de Cristo (tome).

maio, 5: morre Hilario de Arelate; os xudeus participan nos funerais con bágoas e xemidos, xunto aos fieis do prelado, e incluso cantaron salmos na súa propia lingua litúrxica hebrea.

maio: confirmación do pacto entre suevos e visigodos en Tolosa durante unha nova visita de Reckiario.

xuño, 13: Teodosio II convoca un concilio en Éfeso para volver a xulgar a Eutiques, presidido por Dioscorus de Alexandría; León envía legados co seu tome esperando a súa aprobación.

Valentiniano III envía unha embaixada a Atila. A finalidade da reunión é unha antiga disputa sobre botín de guerra obtido durante a ofensiva no Danubio (441-442). Atila reclama certas propiedades pero Valentiniano e Aetius rexeitan a petición.

Flavio Orestes, aristócrata romano, acompaña a embaixada e convértese en secretario de algo rango (notarius) na corte huna.

xullo: Reckiario, de regreso a Callaecia, promove ou coopera nun novo brote da bacauda. Xuntos depredan o territorio de Caesaraugusta. Entran en Ilerda e parte da poboación é feita refén pouco despois; non se sabe se obra de Basilius (o líder bacaudo), Reckiario ou unha operación conxunta.

en varios anos estas son as últimas novas de accións militares suevas, que teñen unha forte presenza en Callaecia e Lusitania. A crecente ameaza huna impedirá que Ravenna tome medidas contra eles.

probablemente Carthaginiensis, Baetica e Tarraconensis seguen a ser gobernadas polos romanos (a campaña de Vitus fora satisfactoria), inda que partes do interior desta última provincia seguen a sufrir ataques da bacauda.

o comes Censurius goberna en Hispalis é asasinado por razóns descoñecidas por outro comandante quizás identificable co Axiulfo, que logo acompañará a Teoderico II en Hispania.

agosto, 8: o concilio de Éfeso, “cheo” de monofisitas, rexeita o tome ou os argumentos dos legados de León e Dioscorus dirixe a “absolución” de Eutiques.

morre Durst mac Erp, xefe picto.

agosto, 22: Flavianus e Eusebius de Dorylaeum son depostos e Flavianus morre de camiño ao exilio.

Maximus II sucede a Domnus coma patriarca de Antioquía.

Honoria, irmá de Valentiniano III, é enviada a Constantinopla en desgraza, logo de ser atopada en flagrante adulterio co oficial Eugenius, que é executado.

un edicto de Teodosio II sanciona e ordena a aplicación dos acordos conciliares e condena o nestorianismo, proscribindo da igrexa e a sociedade os seus partidarios; tamén prohibe posuír, ler, transcribir ou difundir textos con esta doutrina; manda queimar, ante os ollos de todos, os libros “nocivos,” xunto cos de Porfirio e os do filonestoriano Teodoreto de Cirro, nunha simbólica execución das súas ideas e a súa damnatio memoriae.

por outra banda, confisca bens e decreta o aloxamento forzoso de quen teña textos coa doutrina de Nestorio e de Teodoreto, interpretacións, discursos divulgativos ou traducións, incluso no caso de que os textos aparecesen disimulados baixo o nome doutros. A casuística pretende cubrir todas as posibilidades de entrar en contacto coa cristoloxía nestoriana por medios escritos, e proporciona tamén a medida da súa circulación en traducións – seguramente ao siriaco e outras linguas, logo da queima dos escritos en grego e latín – pondo á descuberta o recurso á estrataxema de ocultar a súa autoría baixo nomes supostos.

o edicto de Teodosio II demostra que había copias en circulación a pesar de ter sido ordenada a súa destrución con anterioridade, pero as medidas foron tan eficaces que os textos acabaron por perderse definitivamente.

o nome de Porfirio asociouse cunha falsificación (filosofía de Oracles), que lle atribuía moitas opinións e sentimentos contraditorios ás expresadas nos fragmentos dos seus auténticos escritos, perdidos a non ser nos fragmentos dos Pais que lle responderon. A obra fraudulenta foi aceptada por Eusebius e referíronse a ela apoloxetas coma Teodoreto; pero foi descreditada por Agostiño, e inda que non foi posta en entredito durante séculos, Lardner destapou a realidade. Tentouse roubarlle as súas opinións e atribuírlle xusto o contrario do que pensaba, no interese dun credo que desprezaba.

moitas, a maioría, obras cristiáns son, sen ambaxes, partidistas: nin sequera recoñecen a existencia dos pagáns e a súa posición no mundo, facendo caso omiso das súas crenzas. Conservamos poucos escritos pagáns porque os cristiáns non tiñan interese en copiar traballos en xéneros fora da súa tradición. Os cristiáns propagaron os seus escritos pero preocupáronse por suprimir os produtos da cultura pagá.

a bacauda logra entrar en Tarazo­na e executa os visigodos federados e o bispo da cidade, León; accións que mostran a clara oposición da bacauda á orde social representada pola aristocracia hispanorromana e os visigodos.

Zeno, magister militum en Isauria, ameaza con rebelarse contra o desgoberno de Chrysapius.

Beda fixa neste ano o establecemento do primeiro reino xermánico en Kent, liderado polo xefe “Hengest,” chegado como mercenario.

Priscus de Panio (excerpta de legionibus romanorum) conta o caso do comerciante grego que atopa na corte de Atila, establecido en Viminacium, Moesia, na ribeira do Danubio: faille un diagnóstico da situación económica e social do imperio, onde a presión fiscal recae nos humildes, arruinándoos. E tamén se reflicte a corrupción no aparato de xustiza.

Priscus dedica un fragmento desproporcionadamente grande a narrar o que viu entre os hunos. A súa audiencia era a elite administrativa e de clase alta e estaba tan preocupado polo efecto literario a causar coma pola veracidade da narración. Débese unha impagable descrición do palacio de madeira de Atila, da etiqueta real e unha conta incriblemente detallada do seus viaxes polos territorios controlados polos hunos onde a curiosidade se mestura ás veces coa admiración.

outubro: un sínodo romano dirixido por León I non acepta o veredicto do “concilio dos ladróns” (latrocinium) en Éfeso. León encabeza a resistencia contra as teses imperiais.

novembro/decembro: Anatolius, monofisita, chegou a patriarca de Constantinopla á instigación de Chrysapius.

venres, 21 de setembro de 2012

441

perímetro da Hispalis romana, sobre o rueiro da
actual Sevilla,
http://geografiadesevilla.wordpress.com/evolucion/ 

Cyrus de Panópolis e Seleucus, cónsules.

morre Hermerico, e Rechila goberna xa en nome propio. Colle caro o norte dende o sur de Lusitania e toma Hispalis (Baetica), posiblemente en conivencia cun sector da aristo­cracia local. Sabinus, bispo de Hispalis, é expulsado e substituído por Epifanius, cuxa ordenación é rexeitada por Hydacio por “fraudulenta”. Epifanius cooperaría cos suevos, en interese mutuo. Isto confírmase en 458 coa volta de Sabinus a Hispalis dende Gallia (sé do poder godo), logo de que Teodorico II, en nome de Avitus, reconquiste Hispania para o imperio.

Rechila conseguirá exercer a súa potestas tamén sobre Baetica e Carthaginiensis inda que é complexo saber ata onde chega esta autoridade. Non conquista as provincias de maneira sistemática. En realidade, semella que a maioría do continxente suevo ten base en Emerita e a conquista é puramente nominal.

a administración imperial nestas provincias cesa co beneplácito, ou incluso colaboración, de potentes intereses provinciais. Os líderes relixiosos e militares pugnan, apoiándose e enfrotándose uns noutros, por lograr os seus propios fines nun contexto onde o poder imperial é cada vez máis feble.

os apoios suevos son variados: a poboación explotada económica e socialmente polo sistema, os priscilianistas (arraigados en Callaecia) e a bacauda. O clero está fortemente dividido, cun gran continxente próximo ao priscilianismo. Algúns bispos (como Ortyginus) son depostos e outros apoian os suevos (Symphosius).

Symphosius actúa como embaixador en representación de intereses suevos. Isto non é unha interferencia planificada polos suevos (Hydacio mencionaría a perfidia sueva); máis ben reflectiría que non todos os provinciais ou honestiores tiñan friccións cos suevos ou estaban interesados en expulsalos. En efecto, en 446 Vitus será enviado para represaliar os provinciais que colaboraran cos bárbaros.

Tarraconensis está baixo a órbita imperial, quizás co apoio de foederati godos, dependentes ou non de Tolosa. A situación é sutil: a autoridade imperial sobrevive pero ten que competir con outros centros de poder; un cambio que se vai estender a toda pars occidentalis. Porén, Aetius xa consolidara a súa posición en Ravenna e estabilizara Gallia e, por tanto, está en disposición de volver prestar atención a Hispania.

a primeira prioridade é a bacauda, que tamén xorde en Tarraconensis (ameazadas Araceli e Tarazona) en coincidencia coa gala (conducida por Tibatón entre o Loira e o Sena).esta localización fai pensar en conexións coas poboacións vascas, que se atopan en periodo de migración e expansión nos territorios da actual Euskadi e na Novempopulania; un proceso que acabará a finais do s. vi.

conexións aparte, as poboacións vascas e a bacauda coincidirían en oporse ao mundo tardorromano. Así, non é raro que o goberno imperial, agora algo máis libre en Gallia, trate de eliminar estas revoltas de xeito enérxico. Esta é unha ameaza máis grave que os suevos porque destrúe a base do control imperial. Asturio, magister utriusque militiae, é enviado á península comandando un poderoso continxente militar.

os saxóns asentados na boca do Támesis rebélanse e parte de Britannia sofre as consecuencias. Vortimer (fillo de Vortigern) derrótaos en catro batallas en Kent. Os enfrontamentos xeneralízanse por toda a illa (crónica Anglo-saxona).

primavera: Teodosio II organiza unha expedición contra os vándalos: as tropas proceden da fronteira do Danubio, mandadas por Areobindus, Ansilas, Inobindos, Arintheo e Xermano e transportadas por 1100 navíos. Gaiserico reacciona e pretende negociar cando as tropas están xa en Sicilia. Finalmente o ataque persa no leste desbarata os plans e as tropas deben retirarse para reforzar o Danubio e a fronteira leste.

Domnus sucede a seu tío Xoán coma patriarca en Antioquía.

primavera – inicio de verán: Bleda e Atila rompen negociacións con Senator, embaixador oriental e coordinan un ataque contra o imperio de Oriente, cruzando o Danubio. Bleda ocupa Sirmium, fai prisioneiros aos seus moradores e progresa cara o norte: a Pannonia secunda é agora huna. Atila saquea e ocupa Ratiaria.

o bispo de Sirmium consegue que o tesouro da catedral atravese as liñas hunas durante o asedio coa complicidade de Constancio, secretario de Bleda e orixinario de Galia. Con ocasión dunha visita oficial a Roma son deixados a cargo de Silvanus, banqueiro. Bleda empala o bispo por traizón e Atila reclamará estes bens durante as negociacións de 450.

Hunixis, ministro de orixe greco–latina de Bleda, fai construír unhas termas en Sirmium, próximas ao seu palacio, logo do asedio e toma da cidade.

Yazdgerd II rompe a tregua de seu pai con Teodosio II e ataca Teodosiopolis e Satala. Porén, Anatole, magister militum per orientem resiste e acorda un novo tratado de paz.

outono – inverno: o apartamento de Pulcheria senta un precedente. Téndose desfeito da interferencia dunha augusta, Chrysaphius pretende facelo coa otra. Eudocia está a punto de abandonar a corte. Evidencia disto sería unha pasaxe da Suda, que se apoiaría na testemuña do historiador Priscus, contemporáneo aos feitos; e todo en relación á figura de Cyrus de Panopolis, prefecto do pretorio do leste e praefectus urbi en Constantinopla.

en agosto Cyrus inda obstenta os seus cargos pero é rapidamente relegado a un escuro e distante bispado frixio. Chrysaphius debeu convencer a Teodosio II que Cyrus se podía constituír nun rival poderoso a ollos do pobo e argallou o affair con Eudocia para relegalo. Eudocia tamén sae defenestrada cara Palestina a finais de ano.

terras desertas en torno a Valentia son concedidas a un continxente de alanos comandado por Sambida. A pretensión é seguir a estabilizar a zona e liberar recursos para solucionar as revoltas da bacauda.

concilio de Orange: asiste un tal Agrestius, quizás bispo de Lucus, autor da obra de fide. Busca apoio en Gallia contra o priscilianismo, endémico en Callaecia: ao pretender apoio tería que dar testemuña da súa ortodoxia e é neste contexto onde a composición referida cobra o seu sentido.

tamén se tratan cuestións de autoridade en Callaecia: dous dos seus rivais, Syagrius e Pastor, ían ser ordenados de xeito inadecuado por outras faccións cristiás; as diferenzas tamén poden estar en relación con asuntos de xurisdición (uso do distrito xudicial ou conventus) en Hispania.

a apelación de Agrestius ao concilio é benvida por Hilario de Arelate e os seus partidarios, que poden alegar que a súa autoridade é respectada tamén en Hispania; tamén os leigos, Eparchius Avitus á cabeza, saen reforzados ao amparar a ortodoxia de Agrestius.

luns, 17 de setembro de 2012

440

representación de dúas persoas xogando shatranj

Valentiniano III e Anatolius, cónsules.

xaneiro: arresto e deportación a Caesarea de Paulinus, magister officiorum e amigo de Teodosio II, por un suposto affair coa emperatriz Eudocia (na Epifanía esta envíalle un agasallo e Teodosio II monta en cólera); Chrysaphius estaría detrás da instigación. Paulinus será finalmente executado por orde imperial.

consagración de María a Maior en Roma (mosaico da ‘separación de Lot e Abraham’) e construción do baptisterio Laterano.

Aetius, magister militum, regresa (triumphator) a Roma logo de anos loitando en Gallia. O Senado, por orde imperial, eríxelle unha estatua. A súa posición é agora máis sólida: por unha banda, traballa coa familia aristocrática máis destacada, os Anicii e, por outra, favorece a familias de Gallia (encárgalles importantes postos administrativos e incluso lles da acceso ao consulado, a praefectura urbi Romae, ou a praefectura praetorio Italiae). Co seu apoio conseguirá controlar as finanzas públicas. Porén, todo isto cáusalle problemas coa aristocracia italiana, que ve perigar o seu predominio.

agosto, 19: morre Sixto, bispo de Roma.

os vándalos (xunto con alanos, mouros, e algúns godos) atacan Sicilia, agora o principal subministrador de cereal para Italia, e asedian Palermo. Saquean as cidades costeiras e regresan cargados de botín.

Aetius trata de facer fronte en Italia a ameaza vándala.

os francos saquean Treverorum.

(ata 450) nova vaga de demolición de monumentos, altares e tempos en Atenas, Olimpia e outras cidades gregas.

os hunos (Atila) reaparecen nas fronteiras occidentais. Atacan mercadores na beira norte do Danubio e cidades do Illyricum, incluída Viminacium, en Moesia.

os hephtlitas móvense cara o sur dende o Altai e entran en Transoxiana, Bactria, Khorasan e o leste de Persia.

inaugúrase un centro de estudos budista en Nalanda (Bihar) nas chairas do Ganxes.

o chaturanga (un xogo indio de guerra e predecesor do xadrez) vai evolucionando por medio do xogo persa do shatranj no val do Indo.

setembro, 29: entronización de León I como bispo de Roma.

Próspero de Aquitania está en Roma e actúa en calidade de secretario ou notario de León I. Procede de Massilia, onde pode que ambos se coñeceran, xa que sendo diácono o bispo realizara viaxes a Gallia, algúns en misións imperiais.

León I condena a Eutychius, quen propón unha forma de monofisismo polo que a natureza humana de Cristo é absorbida pola divina. Segundo Gennadius de Massilia (de viris illustribus, lxxxiv, 89) Próspero é quen dita as cartas do bispo de Roma.

Valentiniano III ameaza con penas severas aos comerciantes que non se axusten aos prezos oficiais, sinal dunha inflación desbocada.