Amosando publicacións coa etiqueta Ardaburius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ardaburius. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de xaneiro de 2013

452

representación do suposto encontro entre Atila e León I
por Rafael nos Museos Vaticanos

Herculanus e Sporacius, cónsules.

xuño: Atila reorganiza o seu exército e invade Italia, onde tamén se estende unha praga. Aquileia é destruída despois dun asedio de 3 meses (os que sobreviven foxen cara as marismas e fundan o núcleo da posterior cidade de Venecia). Tamén caen Padua, Bérgamo, Brescia, Novara, Milán e Pavía.

Atila avanza cara o sur: os sacerdotes estenden a teoría de que é o “azote de Deus” e el di que por onde pasa o seu cabalo non volve medrar a herba.

Valentiniano III refúxiase en Ravenna, protexido polas murallas, mentres Atila avanza cara Roma. Marciano envía forzas militares para apoiar a Ravenna.

xuño, 11: Valentiniano III manda unha legación, na que participa León I, a negociar con Atila no seu campamento onde o río Mincio, próximo a Mantua. Atila da media volta, non ataca Roma e retorna a Pannonia.

a versión “tradicional” conta que a gala e magnificencia de León impresionan a Atila, que non teme os romanos pero si a cólera divina. Outra versión máis prosaica cita un substancioso “donativo”. O probable é que a ameaza conxunta da praga e das tropas orientais fixera que Atila considerara prudente retirarse.

en calquera caso, non hai dúbida da personalidade carismática de León e que, dun xeito ou doutro, iso inflúe nas negociacións. Este acontecemento fai medrar a súa reputación ata facer del case unha lenda viva.

os primeiros cristiáns falaban grego e ao chegar a Italia importaran o costume de chamar papas (pais en grego) aos sacerdotes. Durante o s. III o termo úsase para nomear os bispos pero agora León está deixando se ser “o papa de Roma” para converterse en “o papa” por antonomasia; e non é unha simple cuestión lingüística.

a diferenza de oriente, onde os bispos de Constantinopla e Alexandría se declaran mutuamente herexes á mínima ocasión, en occidente o Papa no ten rival. León carecía da cultura teolóxica de Ambrosio ou Agostiño, a súa doutrina era moral, pero dábanse as circunstancias para aspirar a converterse na cabeza da igrexa, e así o vai facendo. Inda así, o uso de "papa" como sinónimo de "bispo de Roma" ou cabeza da Igrexa en occidente non se consolida ata varios séculos despois.

xuño, 29: lei de Valentiniano III en Roma: o consumo de bacón na cidade é 3.628.000 libras; este alimento procedía de Lucania, cuxos bosques proporcionan alimento á gandería porcina, da que se obtén carne boa e barata. Distribúese á poboación con baixos recursos económicos durante cinco dos meses do ano. Inda que a cantidade consumida impresiona Roma xa se atopa en decadencia en termos económicos e políticos, polo tanto tamén demográficos.

componse a Chronica Gallica (non consta nome do autor): escrita xusto despois da campaña huna en Galia, e contemporánea coa italiana; témese unha repetición sen saber o resultado da situación en Italia; apréciase a gravidade da situación (numerosos grupos bárbaros estranxeiros na pars occidentis e a herexía ariana con moitos adeptos debido á súa profesión polos bárbaros); pese ao seu cristianismo apoia a memoria dos emperadores fortes militarmente, especialmente Teodosio e tamén Magno Máximo (inda sendo usurpador serviu tanto á igrexa coma ao estado).

xullo, 28: Eutychius e unha serie de partidarios son expulsados de Constantinopla.

o patriarca Juvenal retorna a Xerusalem para reinstaurar a ortodoxia pero é expulsado por monxes ‘monofisitas’ instigados pola emperatriz Eudocia; secudan a Teodosio como bispo e desafían ao emperador.

Sidonio casa coa súa curmá Papianilla (filla de Avitus), parte da dote é Avitacum. Terán catro fillos: Apollinaris e tres mulleres: Roscia, Severiana e Alcima.

Ardaburius (fillo de Aspar) combate continxentes árabes que atacan Palestina.

sínodo en Arelate sobre a organización eclesiástica. Son condenados todos os cultos pagáns a forzas da natureza (árbores, fontes, …).

decembro, 11: grávase a derradeira inscrición coñecida da escritura demótica exipcia na illa de Filae.

Nan’an Yinwang sucede a seu pai Tai Wu Di despois de que este fora asasinado polo eunuco Zong Ai. Yingwang tamén é asasinado e Ai é defenestrado e tamén asasinado nun complot organizado por un grupo de altos oficiais e funcionarios. Wen Cheng Di (12 anos) é o novo emperador Wei.

xoves, 18 de outubro de 2012

447

imaxe onde Vortigern selaría un pacto con Hengest e Horsa
www.ict.griffith.edu.au
Calepius e Ardaburius, cónsules.

a ampliación das murallas terrestres en Constantinopla para duplicar a súa consistencia está finalizada. Antemius, prefecto do pretorio, tomara unha decisión que resultou ser crucial. Primeiro hai un foxo de case vinte metros de anchura e sete de fondo; logo un primeiro muro, non moi alto, preparado para protexer arqueiros; a continuación unha segunda muralla de oito metros de altura e unha terceira inda máis elevada cun cento de torres de vinte metros de alto sobresaíndo da muralla, cadradas ou poligonais; finalmente hai sete portas principais de acceso. Esta terceira muralla nunca será atravesada durante unha acción militar nos mil anos seguintes. En total o murus novus ten 7 kilómetros de lonxitude e 60 metros de ancho.

o muro principal erixiuse en pouco máis dun ano con técnicas tamén usadas para o Hipódromo: formigón revestido de diminutos manpostos de caliza, reforzados a diversas alturas por medio de verdugadas de ladrillo –duns 15/30 cms de altura cada unha–, con leitos de morteiro do mesmo espesor. As torres, excepto a que flanquea a Porta Dourada, xunto ao castelo das Sete Torres, e as que daban ao mar de Mármara, están adornadas con enormes bloques de mármore. Os pasadizos e esqueiras do interior das mesmas están cubertos con bóvedas de canón, feitas de ladrillos de canto; as cúpulas das cámaras están feitas con aneis concéntricos de ladrillos.

xaneiro, 27: tremor de terra en Constantinopla e os territorios circundantes. O pánico xeneralizado fai que moita xente abandone a cidade. Deterioro importante das murallas da cidade: 57 torres son case destruídas. A ameaza de pragas e fames esténdese pola cidade e Teodosio II ordena a Constantino, prefecto do pretorio do leste, que supervise as reparacións e, empregando as faccións do circo (demoi), o traballo faise en 60 días. Hai novas de grandes desperfectos noutras zonas próximas á cidade.

León I tamén toma partido polos inimigos de Agrestius de Lucus. A oportunidade que representara, para a igrexa occidental, de presentar un frente unido coa visita de Agrestius a Gallia en 441, queda en nada.

en Toletum un sínodo tamén condena as doutrinas priscilianistas. Tenta engadir a cuestión do filioque ao credo de Nicea pero a igrexa oriental rexeita tal proposta.

Atila invade territorio romano e derrota as tropas orientais na batalla do río Utus. Os ataques hunos alcanzan as Termópilas e saquean Serdica, obrigando ao praefectus praetorio a repregarse dende Sirmium ata Tesalónica. As tropas romanas fan o que poden para hostigar a retagarda huna e así dar tempo a reparar as quebradas defensas de Constantinopla.

Valamiro, fillo de Vandalarius, xefe dos ostrogodos en Pannonia e os xépidos de Ardarico, entre outros, actúan baixo as directrices de Atila.

morre Chlodius e accede o seu fillo Meroveo á xefatura dos francos salios. Probablemente a maioría da información sobre este xefe é pura lenda para glorificar a posteriori aos reis “merovinxios”. Asenta o seu continxente nas proximidades do río Merwede, parte do delta Rhin-Meuse-Scheldt.

Maioriano segue defendendo Tours contra a bacauda. Participa baixo as ordes de Aetius en ataques aos francos na proximidade de vicus Helena (na rexión do Artois). Ao servizo de Aetius tamén se atopan xa o suevo Ricimer e o galo Aegidius.

Ricimero é ariano, fillo dun príncipe da casa real sueva (quizás Hermengario) e dunha filla de Walia. Pasara a xuventude na corte Valentiniano III, onde foi adquirindo rango ao servizo de Aetius.

procedentes de Xutlandia e norte da actual Alemaña os xutos, anglos e saxóns atacan Britannia en proporcións cada vez maiores. As lendas envolven os feitos: un caudillo britano chamado Vortigern, incapaz de resistir por si os inimigos do norte pide axuda aos xutos, gobernados por dous irmáns, Hengest e Horsa (dise que estes nomes significan "semental" e "cabalo", polo que non sería raro que toda a historia sexa ficticia).

pero cedo xorden disensións na alianza entre os britanos dirixidos por Vortigern e os mercenarios (Vortigern concedéralles a illa de Thanet, Kent): estes fundan os seus propios dominios e rexeitan a autoridade britana que os trouxera á illa para facer frente aos pictos e irlandeses.


unha versión dos feitos conta que Vortigern casa con Rowena, a filla de Hengest, pero durante a festa posterior á voda emborrachan os britanos, matan a Vortigern e fanse co mando. É posible que os xutos foran realmente chamados polos britanos, pero tamén poderían ter inventado a historia para lexitimar a invasión. Logo do primeiro asentamento xuto, os anglos non tardan en asentarse ao norte do Támesis, mentres que os saxóns ocupan a parte sur da illa, rodeando os xutos. Grupos de britanos foxen e aséntanse en Gallia.

outra versión dos feito conta que Vortimer se rebela contra seu pai Vortigern e “usurpa” o seu título e autoridade provisionalmente; quizás en desacordo coas alianzas paternas.

os hunos parecen imparables en todas partes: penetran no imperio persa por Sogdiana, chegan a India e fan incursións no imperio gupta. as fontes indias falan dun rei huno chamado Toramana


Xermanus volve a Britannia con Severus de Treves co propósito de combater o pelaxianismo e apoiar os britanos contra pictos e saxóns na batalla de “Alleluia”. Expulsa os irlandeses de Powys (Gales).

inverno: Teodosio II decide cambiar de estratexia en relación á cuestión huna (pasa da agresividade ao esforzos por pacificar a situación) e destitúe a Aspar e Aerobindus.

morre Aerobindus (magister militum).

decembro, 23: eclipse total de sol (constancia escrita en fontes hispanas e galas).

os annales cambriae comezan cunha referencia a este ano. Narran os acontecementos en Gales ata o ano 954.

sábado, 21 de xullo de 2012

425

efixie de Aelia Eudocia nunha peza
no Museo Arqueolóxico de Estambul

consulado de Teodosio II e Valentiniano III.

febreiro, 27: Aelia Eudocia promove o ateneo (universidade) de Constantinopla, fundado por Teodosio II: un centro público de ensino católico que competirá coa academia pagán (fundada por Platón sete séculos antes). Hai dez gramáticos e tres rhetors en latín e dez gramáticos e cinco rhetors en grego, unha cátedra de filosofía e dúas de dereito. Tamén se reforza a biblioteca (120000 volumes). En Roma e Berytus (famoso polos seu xuristas) tamén se fundan ateneos.

os vándalos, baixo Gunderico, envían expedicións a Baleares e Mauretania Tingitana. Entran e saquean Carthago Espartharia en Carthaginiensis, e Hispalis en Baetica.

febreiro, 28: morre Atticus, sucedido por Sisinnius coma patriarca de Constantinopla.

maio/xuño: Aspar, fóra, e Ardaburius, dentro, logran que caia Ravenna. Xoán primacerius é capturado e trasladado a Aquileia, onde é mutilado, exposto en escarnio público enriba dun burro e executado no anfiteatro.

tres días máis tarde chega Aetius co exército de mercenarios hunos (60000?). Hai negociacións e págaselles o que se lles prometera a cambio de que se retiren.

os hunos de Ruga atravesan a pannonia valeria, e ocupan as instalacións romanas abandonadas da valeria ripuaria, cuxa poboación e goberno son desprazados; isto semella indicar unha entrega oficial en virtude dun tratado, que tería que ver ou coa axuda solicitada por Aetius ou en pago á súa evacuación de Italia por parte do novo goberno de Valentiniano III.

Castinus non é executado pero debe pasar ao retiro, inda que morre pouco despois. Teodosio impón a un xeral de confianza, Felix, quen é nomeado patricius e comulga co antixudaísmo da corte oriental. Helio desempeñará as funcións civís.

xullo, 9: os actos lexislativos de Xoán primacerius son anulados por unha lei promulgada en Aquileia, dirixida ao prefecto do pretorio de Galia Amacius. Rehabilítanse os privilexios da igrexa católica e renóvanse as diversas sancións contra os heréticos, notablemente o pelaxianismo. Dúas leis semellantes son enviadas ao prefecto de Roma (17 xullo) e a Africa (4 agosto).

Bonifacio e Aetius, os dous ambiciosos, constitúense como ameazas para Felix. Ambos son mantidos na periferia, lonxe da corte. O contexto político do que sae Bonifacio é confuso. A súa dona podería ser doméstica de Gala Placidia, o que explicaría a axuda prestada a ela nestes anos. Bonifacio é agora comes domesticorum. Aetius é nomeado magister militum per Gallias.

outubro, 23: Valentiniano III proclamado augustus en Roma.

novella, antixudaica, de Valentiniano III que prohibe o exercicio da avogacía aos non católicos; ratifica a prohibición de exercer coma militares e posuír escravos cristiáns.

en Britannia xorde Vortigern.

data dun contorniano que no anverso ten o busto da deusa Roma con casco e a lenda invicta Roma, felix Senatus e o reverso mostra o fin dunha loita, cun reciario abatendo a un secutor e a lenda reparatio muneris feliciter.

en Roma finalízase santa Sabina, con tres naves e sen cruceiro.

en Ravenna edifícase un novo circuíto de murallas (uns 4.5 kms de lonxitude cunhas 160 hectáreas interiores): moito menor que Roma ou Constantinopla ou Carthago pero comparativamente maior que as residencias medievais dos futuros regna “xermánicos”. Tamén se inicia o futuro mausoleo de Gala Placidia.

os hephtalitas (hunos brancos) cruzan o río Syrdarjia e atacan e arrasan a cidade de Bactriana.

Xoán Casianus, teórico monástico latino, remata de institutionis coenobiorum.

morre Galamiel IV e o sanedrín é desarticulado polas autoridades romanas.

data do último documento coñecido que utiliza a escritura demótica en Exipto.

o budismo continúa a súa extensión polo sur-este de Asia.

en China, o rei To-pa Tao inicia unha campaña contra os reinos Jeu-Han e Hia.

en India, Kakusthavarman, da dinastía Kadamba, reina sobre Kamataka (dende Kaveri ata Godavin).

venres, 20 de xullo de 2012

424

ruínas de Salona
consulado de Castinus e Vitor.

xaneiro, 16: inicio do réxime Taiwudi, no norte de China. Ataques contra os avaros (Ruanruan ou Jouan-Jouan) do Gobi e contra o imperio de Nankin. Progresiva imposición da súa autoridade sobre todo o norte de China.

primavera: sínodo en Ctesifonte, outórgase ao representante do patriarca de Antioquía a potestade de resolver problemas teolóxicos, co que se inicia a independencia da igrexa en Persia, baixo a dirección dun khatolikos.

Xoán primacerius trasládase a Ravenna. Unha delegación oficial busca recoñecemento en Constantinopla. É rexeitada.

Bonifacio, comes africae, apoia a Gala Placidia, bloqueando o aprovisionamento de Roma. Ravenna tenta sometelo pero fracasa.

Gallia tamén se ve afectada polos acontecementos: o prefecto do pretorio Exuperantius morre en Arelate nunha revolta da soldadesca.

outubro, 23: en Thessalonika Gala Placidia negocia con Teodosio II (ou con Pulqueria) e Helio, representante de Constantinopla, nomea caesar a Valentiniano III (5 anos), é dicir, herdeiro, pero non augustus. Tamén se dispón o futuro casamento de Valentiniano III on Licinia Eudoxia (2 anos), filla de Teodosio II. Viaxan cara occidente con Candidianus, Ardaburius, magister militum, e Aspar, que dirixen un exército terrestre e unha flota cara Italia. Toman Salona e logo Aquileia, base final da operación contra Ravenna.

Aetius (cura palatii) diríxese a Pannonia co encargo de Ravenna de obter axuda de mercenarios hunos. Regresa cun número de efectivos moi considerable.

Ardaburius é detido logo de ter que desembarcar por causa dun naufraxio debido ás pésimas condicións de navegación. En Ravenna é quen de subornar tropas de Xoán primacerius para que deserten.

Petrus Chrysologus, bispo de Ravenna.

Ruga, rei huno, trasládase á rexión do Tisza. Asinará con Constantinopla un tratado que lle concede 350 libras de ouro anuais a cambio de paz.

os hunos someten os xépidos: os nobres e dirixentes que non se someten sen condicións son exterminados. Aparecerán tesouros soterrados (Szilágysomlyó, Ormod/Brestov, Gelénes) .

Shao Di (18 anos) deposto por un grupo de altos funcionarios. Sucédeo seu irmán menor Wen Di coma emperador da dinastía Liu Song. Shao é exiliado a Suzhou, onde o asasinarán.

xoves, 19 de xullo de 2012

423

portada dunha recompilación de
Flavius Merobaudes
Marinianus e Asclepiodotus, cónsules.

Ravenna volve controlar, inda que parcialmente, Italia, Gallia, Hispania e Africa.

xaneiro, 2: Aelia Eudocia é proclamada augusta por Teodosio II.

primavera: Honorio obriga a Gala Placidia a exiliarse en oriente cos seus fillos.

xuño, 8: Teodosio II declara que o paganismo é "un culto ao demo" e ordena que todos os que insistan en seguir practicándoo sexan castigados coa cadea e a tortura.

agosto, 15: morre Honorio de hidropisía, quizás edema pulmonar, aos 38 (ou 39) anos. Teodosio quere controlar occidente por medio de Valentiniano e busca apoio en Castinus, magister peditum, coa promesa do consulado para o ano seguinte. Porén,

novembro, 20: en Ravenna, Xoán, primacerius notariorum, é proclamado augustus co apoio de, entre outros, Castinus e Aetius. Africa (Bonifacio) non o recoñece; Teodosio II tampouco e inicia preparativos militares, encomendados a Aspar e Ardaburius.

a sucesión dinástica de Honorio tería sido Flavio Placido Valentiniano, fillo de Gala Placidia e Constancio III, pero as malas relacións desta con seu irmán e o seu exilio a Constantinopla impídenlle estar presentes e optar polo poder. Inda así instiga en Constantinopla. Atopa un aliado en Bonifacio, en rebeldía en Africa, que controla o subministro de cereal de Roma. Bonifacio tiña plans propios: socavar o poder de Castinus e gañar influencia.

a proclamación de Xoán primicerius pode obedecer a movementos aristocráticos para resolver o problema da carencia de alimentos. Tamén, moitos funcionarios occidentais temen a intromisión oriental nos asuntos occidentais.

Flavius Aetius era fillo de Gaudentius, un escita que chegara a magister militum e casara cunha herdeira da aristocracia italiana. Reunía, polo tanto, condicións para facer carreira: contactos militares e contactos coa aristocracia italiana. Criouse na corte de Honorio, sendo refén en virtude de tratados con hunos e godos. Probablemente tería sido tribunus praetorianis partis militaris. Logo da súa estancia en campo huno tería xa autonomía con respecto a seu pai, albergando experiencia política na corte imperial e nas bárbaras.

no caso de Aetius e noutros moitos, non se trata de afinidades políticas ou relixiosas, senón da oportunidade de obter influencia e poder apoiando a cabalo gañador. Quizás xa integraba o partido de Castinus, en oposición a Gala Placidia.

decembro: Xoán primacerius é entronizado oficialmente en Roma.

en occidente realízase unha revisión parcial da notitia dignitatum, sobre asuntos militares, probablemente a última (a composición inicial fora de 395, cunha revisión completa en 408). A parte oriental debeuse facer tamén en 395 e non foi revisada.

Theodoreto (nestoriano), bispo de Khyrros (Siria): converte máis de 1000 marcionitas na súa diocese.

os ostrogodos panonios que foran establecidos en Tracia, ao sur do Danubio, por Teodosio II rexeitan atender os campos e o gando; so con enormes subsidios se impide que avancen cara Roma.

morre Eulalius, antigo opositor de Bonifacio I.

comeza o reinado de To-pa Tao, rei da dinastía Wei, que impón a súa autoridade a toda a China septentrional.

Castinus vese absorto nos asuntos imperiais e a situación de Hispania volve a un segundo plano. Ata a consolidación de Valentiniano III non haberá ningunha acción dende a administración central. O novo goberno de Xoán demostrou ser inestable e non se puideron tomar medidas necesarias sobre as provincias. Os funcionarios hispanos deberon apañarse cos seus recursos. Os vándalos aproveitan a debilidade para expandir os seus dominios. A autoridade romana en Hispania non acaba pero queda novamente moi debilitada.

na pars occidentis quizás se estea a rachar definitivamente o equilibrio civil – militar (a usurpación de Xoán primicerius sería o último estertor do poder civil): cada vez menos gobernadores e prefectos e máis comites e duces.

en Hispania non hai referencia a funcionarios estritamente civís; inda que os houbera, en Hydatius (425-460) atopamos magistri, duces, e comites: magister/dux Asturius, magistri Merobaudes e Vitus, comites Censurius, Mansuetus, e Fronto. Esta preeminencia de militares é especialmente rechamante ao ter en conta que durante Honorio se supón que practicamente non houbo tropas permanentes en Hispania. En Gallia instituíuse o concilium septem provinciarum pero en Hispania non se coñece nada semellante e os vínculos con Ravenna son mantidos por medio da forza militar.

porén, membros das elites provinciais inda podían progresar no servizo imperial: mostra é Merobaudes, aristócrata de Baetica que en Ravenna chega a comes sacri consistorii, logo patricius ou consul, e gran orador. Mais incluso neste caso a preponderancia do militar é evidente. Merobaudes aparece nas fontes por última vez coma magister militum en Hispania, sendo afectado por intrigas de Ravenna. Isto tamén demostra que Hispania segue vinculada ao imperio nesta época.

domingo, 15 de xullo de 2012

421

alfabeto armenio
consulado de Agricola e Eustathius.

Agricola é cabeza dunha familia senatorial de Clermont con amplas propiedades na Auvernia; unha familia tan importante en Gallia como os Anicii en Italia. Un devanceiro importante fora o patricius Philagrius (s. IV). Agrícola mesmo foi prefecto de Gallia polo apoio prestado a Honorio durante as usurpacións de Constantino III e Jovinus. Tiña dous fillos: Nymphidius (emparentado coa gens Magna de Narbo) e Avitus (nado c. 385 e futuro augustus), quen tivo tres fillos: Agrícola, Ecdicius, e Papianilla.

febreiro, 8: Flavio Constancio é proclamado augustus (Constancio III) por Honorio. Teodosio II non acepta a decisión e está a punto de estallar un conflito militar. Tamén disenten as xerarquías eclesiásticas ao por Teodosio II o Illyricum baixo o patriarca de Constantinopla, en contra do parecer de Bonifacio I.

Bahram, un dos fillos de Yazdgard I estudara en Hira (daquela nun dos seus mellores momentos: consérvanse moitas poesías árabes do período, e foi quizás cando xurdiu a escritura árabe, por influencia persa). Bahram conta co apoio do rei de Hira e apodérase do trono persa co nome de Bahram V. O novo rei continúa as persecucións contra os cristiáns e inicia a guerra contra o Imperio Romano porque este acollía cristiáns que fuxían do seu territorio.

Teodosio II encomenda a guerra ao magister militum Ardaburius e ao seu fillo Aspar (de etnia alana), que invaden Mesopotamia e se consolidan coa rápida derrota persa.

marzo, 25: fundación de Venecia (unha lenda?) coa construción dunha igrexa na illa de Rialto.

xuño, 7: Pulqueria teme perder o control sobre seu irmán a medida que este crece. Chamáralle a atención una rapaza grega chamada Athenais, filla do filósofo Leoncias, por quen fora educada con esmero. Pulqueria convértea ao cristianismo e o patriarca Atticus bautízaa co nome de Aelia Eudocia. Non lle custa nada que seu irmán a acepte como esposa. Pensa que así estaría entretido e ela podería seguir gobernando. Entre outros festexos, celébranse carreiras no hipódromo.

Pulqueria era unha virxe consagrada, o centro dunha corte cuxa devoción é encomiada polos historiadores eclesiásticos da época. O seu exemplo fora seguido polas súas irmás máis novas, Arcadia e Marina. Pulqueria aconsella a seu irmán en todo e procura consolidalo no seu papel de emperador cristián.

o padroado imperial estendeuse a gran escala na construción de edificios de uso relixioso: igrexas, mosteiros e hostais, que foron sostidos con financiamento imperial e adornados con tesouros imperiais; por exemplo, Pulqueria edificou un estupendo altar na igrexa maior de Constantinopla como declaración pública da súa devoción, das súas irmás e do papel de seu irmán.

a imaxe oficial da corte é de austeridade, coma se dun mosteiro se tratara: elas vivindo con piadosa simplicidade e practicando a oración na constante compaña de eminentes eclesiásticos e o propio emperador xaxuando regularmente dous días á semana, e mantendo disputas teolóxicas cos bispos a propósito das escrituras (que seica coñecía de memoria), coa axuda dunha enorme biblioteca teolóxica.

o populacho no hipódromo con frecuencia non obtiña o esperado; en cambio, o propio emperador dirixíao  en cantos piadosos, vestido coma un cidadán privado, “a cidade enteira convertida nunha igrexa.”

esta representación da corte débese a historiadores eclesiásticos coma Sozomeno (dedicou a súa obra ao propio emperador) pero a súa obxectividade queda comprometida: téntase representar unha era de paz e felicidade, na que a man de Deus traballaba de xeito explícito protexendo o seu imperio na terra (algo xa prefigurado por Eusebius no retrato de Constantino o Grande). Todo sería unha recompensa pola devoción evidenciada por Teodosio e o seu entorno, que garantía o benestar dos seus súbditos.

setembro, 2: morre Constancio III. Gala Placidia, viúva novamente. O conflito con Constantinopla perde intensidade.

setembro, 6: anúnciase o éxito de Ardaburius en Constantinopla. Devastara Arzanene (Armenia) e forzara os persas a retroceder a Nisibis. A capital dos lakhmidas de Hirah (aliados persas) é arrasada polos ghasanidas (aliados romanos).

inverno: o comes domesticorum Castinus loita contra os francos en Gallia.

a conciencia nacional armenia, aparecida coa conver­sión ao cristianismo, vese reforzada pola invención do alfabeto armenio. Ata entón, o armenio tiña sido unha lingua falada; os servizos relixiosos realizábanse en sirio na Arme­nia persa, e en grego na Armenia bizantina, e os sacer­dotes que coñecían ben esas linguas traducían oralmente escrituras e servizos relixiosos para o pobo. A falta dunha lingua escrita aumentaba as posibilidades de éxi­to da labor de asimilación lentamente emprendida polo Imperio, e na Armenia persa deixaba campo libre para a difusión de textos mazdeístas. O rei da Armenia persa Vramshapuh, e o katholikos Sahak, erudito, advirten o perigo e a necesidade dunha escritura nacional.

confían a tarefa ao sacer­dote Mesrop Mashtots, quen, con varios compañeiros, despois dunha viaxe de con­sulta e estudo por Amida, Edesa e Samosata, regresou cun alfa­beto admirablemente adaptado á lingua armenia, con 36 letras correspondentes ás variacións fonéticas.

iníciase a tarefa de «ensinar, escribir e traducir»: Mesrop viaxa a Xeorxia e Albania, e envía discípulos a Edesa e Nisibis para continua­r estudando a lingua siria e traer manuscritos relixiosos e obras de escritores sirios, como Efraím, para traducilas ao armenio. Créanse escolas monásticas onde se forman es­tudantes e se traduce. As escolas fundábanse de xeito doado na Armenia persa, con katholikos e rei propios, pero na bizantina precísase autorización imperial; por iso, Mesrop diríxese a Melitene (421-422), onde deixa discípulos e continúa cara Cons­tantinopla, onde Teodosio II e o patriarca Atticus o autorizan a establecer escolas na Armenia bizantina; tamén leva consigo manuscritos.

a lingua falada alcanzara un alto grao de desenvolvemento, e as obras do s. V constitúen a idade de oro da literatura armenia. A Biblia, que se traduciu primeiro do sirio, volveu ser traducida do grego polo propio katholikos Sahak, Mesrop e discípulos; tamén traducen os libros necesarios para a liturxia, as obras dos Pais da Igrexa sirios e gregos, así como obras seculares tales como a Leda de Alexan­dro. A importancia desta intensa actividade non se limita a Armenia; hai obras cuxos orixinais só se coñecen a través destas traducións: por exemplo, a crónica de Eusebio. Incluso cando se conservaron manuscritos gregos ou sirios, a antigüidade e exactitude das traducións armenias ten sido útil para establecer a forma primitiva do texto. Finalmente, os xeorxianos empregaron para as súas propias traducións as ver­sións armenias.

a produción de obras orixinais desenvólvese á par coa labor de tradu­ción. As obras históricas remóntanse á an­tigüidade lendaria de Armenia e tamén proporcionan información sobre acontecementos acontecidos en países veciños, mentres que os tratados teolóxicos, como o de deo de Eznik (discípulo de Mesrop) fan fe da cultura teolóxica e filosófica dos sacerdotes armenios durante ese período.

Ruxila e as bandas hunas que controla atacan as dioceses de Dacia e Tracia. Teodosio II autoriza asentamentos en Tracia de ostrogodos panonios para defender a fronteira do Danubio.

os francos progresan en Gallia e saquean Augusta Treverorum, antiga capital da diocese.

en Britannia comeza a preeminencia de Salomon I (ficticio?).

en Roma, Petronio Máximo (futuro augustus) restaura por última vez (que conste) o teatro de Marcello.

Agostiño escribe enchiridion ad laurentium e de fide, spe, caritate.

Dharmarksema traduce o mahāparinirvāṇa sūtra ao chinés.