venres, 20 de xullo de 2012

424

ruínas de Salona
consulado de Castinus e Vitor.

xaneiro, 16: inicio do réxime Taiwudi, no norte de China. Ataques contra os avaros (Ruanruan ou Jouan-Jouan) do Gobi e contra o imperio de Nankin. Progresiva imposición da súa autoridade sobre todo o norte de China.

primavera: sínodo en Ctesifonte, outórgase ao representante do patriarca de Antioquía a potestade de resolver problemas teolóxicos, co que se inicia a independencia da igrexa en Persia, baixo a dirección dun khatolikos.

Xoán primacerius trasládase a Ravenna. Unha delegación oficial busca recoñecemento en Constantinopla. É rexeitada.

Bonifacio, comes africae, apoia a Gala Placidia, bloqueando o aprovisionamento de Roma. Ravenna tenta sometelo pero fracasa.

Gallia tamén se ve afectada polos acontecementos: o prefecto do pretorio Exuperantius morre en Arelate nunha revolta da soldadesca.

outubro, 23: en Thessalonika Gala Placidia negocia con Teodosio II (ou con Pulqueria) e Helio, representante de Constantinopla, nomea caesar a Valentiniano III (5 anos), é dicir, herdeiro, pero non augustus. Tamén se dispón o futuro casamento de Valentiniano III on Licinia Eudoxia (2 anos), filla de Teodosio II. Viaxan cara occidente con Candidianus, Ardaburius, magister militum, e Aspar, que dirixen un exército terrestre e unha flota cara Italia. Toman Salona e logo Aquileia, base final da operación contra Ravenna.

Aetius (cura palatii) diríxese a Pannonia co encargo de Ravenna de obter axuda de mercenarios hunos. Regresa cun número de efectivos moi considerable.

Ardaburius é detido logo de ter que desembarcar por causa dun naufraxio debido ás pésimas condicións de navegación. En Ravenna é quen de subornar tropas de Xoán primacerius para que deserten.

Petrus Chrysologus, bispo de Ravenna.

Ruga, rei huno, trasládase á rexión do Tisza. Asinará con Constantinopla un tratado que lle concede 350 libras de ouro anuais a cambio de paz.

os hunos someten os xépidos: os nobres e dirixentes que non se someten sen condicións son exterminados. Aparecerán tesouros soterrados (Szilágysomlyó, Ormod/Brestov, Gelénes) .

Shao Di (18 anos) deposto por un grupo de altos funcionarios. Sucédeo seu irmán menor Wen Di coma emperador da dinastía Liu Song. Shao é exiliado a Suzhou, onde o asasinarán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario