domingo, 8 de outubro de 2023

Roma, 400 aD

fonte: 'Quora' - Roma no 400 aD?
cando a inicios de ano Honorio e Estilicón chegan a Roma, ninguén lembraba xa que os emperadores tiveran residido a cotío na capital. ao longo máis dun século, pasaran os seus días en cidades situadas máis próximas á fronteira norte, onde as lexións defendían a liña que, a xuízo dos romanos, separaba civilización e barbarie.

Roma, inda así, seguía sendo un símbolo poderoso do imperio. residían na cidade unhas 700.000 persoas, que gozaban das comodidades dunha urbe clásica deseñada a escala imperial. un inventario afirmaba que contaba con 28 bibliotecas, 19 acuedutos, 2 circos, 37 portas, 423 barrios, 46602 bloques de vivendas, 1790 casas grandes, 290 hórreos, 856 baños públicos, 1352 cisternas, 254 panadarías, 46 bordeis e 144 latrinas públicas. se mire por onde se mire, Roma era un lugar extraordinario.

a visita de Honorio puxo en marcha unha secuencia de rituais civís organizados con esmero e concibidos para asegurar á cidade un lugar preeminente dentro do imperio e, ao mesmo tempo, garantir a dito imperio o seu lugar entre os principados do mundo. o pobo, na súa condición de orgulloso representante da tradición imperial, gozaba xulgando esta clase de cerimonia.

unha gran procesión imperial abriuse paso ata o foro. era alí onde Catón, Graco, Cicerón ou César cimentaran a súa fortuna política. os fantasmas da historia eran compañeiros ben recibidos cando a multitude se amasou aquel día para oír un discurso de eloxio ao cónsul Estilicón, no cumio do seu poder. a súa impoñente presenza era unha afirmación de que a paz e a orden tiñan regresado ao imperio. a confianza da que facía gala resultaba tranquilizadora. tan só unha xeración antes, en 378 aD, as lexións sufriran en Adrianópole unha terrible derrota. desde entón, o mundo semellaba cambalearse. os godos irromperon en masa no imperio formando unha mestura inescrutábel de aliados e inimigos. a morte de Teodosio I en 395 aD revelou que as metades occidental e oriental do imperio se distanciaran tan silenciosa e consecuentemente como a deriva dos continentes. as loitas internas puxeran en perigo as provincias africanas e a subministración de alimentos. pero, polo momento, o cónsul calmara as augas e restaurara "o equilibro do mundo".

o poeta que falaba en honra do cónsul chamábase Claudiano. nado en Exipto e gregofalante, tíñase convertido nun dos últimos xigantes auténticos do verso latino clásico. as súas verbas denotan o sincero asombro que inspiraba a capital nun visitante. Roma era a cidade que "aflorou de orixes humildes, estendeuse ata ambos polos e desde un pequeno lugar ampliou o seu poder ata lindar coa luz do sol", era a "nai das armas e a lei", tiña "librado mil batallas" e "acrecentado a súa influencia na Terra". só Roma "acollía aos conquistados no seu seo e, igual que unha nai, e nom unha emperatriz, protexía a raza humana cun nome común e convidaba a quen antes derrotara a compartir a súa cidadanía".

nom se trataba de sofisticación poética. en tempo de Claudiano podían atoparse romanos orgullosos en Sirya e Hispania, nas areas do alto Exipto ou nas fronteiras xeadas do norte de Britannia. poucos imperios na historia teñen conseguido a envergadura xeográfica ou as capacidades integradoras do territorio autónomo romano. ningún ten combinado dimensións e unidade como os romanos, por nom falar da súa lonxevidade. ningún imperio ten podido rememorar tantos séculos de grandeza ininterrompida, presente en calquera lugar do foro onde un pousara os ollos.

durante case un milenio, os romanos tiñan marcado os seus anos co nome dos cónsules; de aí que o de Estilicón "se inscribira nos anais do ceo". en agradecemento a esta honra inmortal, esperábase que o cónsul entretivera a xente cun estilo romano tradicional, é dicir, con xogos caros e sanguinarios.

grazas ao discurso de Claudiano sabemos que ao pobo se lle ofrecía unha colección de animais exóticos digna dun imperio con pretensións globáis. traíanse porcos bravos e osos do norte e leopardos e leóns de Africa. de India chegaban caninos de elefantes mais nom os propios elefantes. Claudiano imaxina os barcos navegando mares e ríos co seu cargamento salvaxe, tan salvaxe que ata os mariñeiros estaban aterrados coa idea de compartir embarcación cun león africano.

chegado o momento, a "gloria dos bosques" e "as marabillas do sur" serían xustamente masacradas. a matanza das bestas máis feroces da natureza nos confíns do circo era unha incisiva manifestación do dominio de Roma sobre a Terra e todas as súas criaturas. tales espectáculos sanguentos eran dunha familiariadade reconfortante e vinculaban os habitantes actuais de Roma coas innumerábeis xeracións que construíran e mantiveran o Imperio.

o discurso de Claudiano compraceu os seus oíntes. o Senado votou a favor de honralo cunha estatua.

REFERENCIAS:

HARPER, Kyle The Fate of Rome. Climate, Disease, and the End of an Empire (Princeton UP, 2017); pp. 15-17.

para a cerimonia que rodeou esta visita e outras semellantes: McCormick 1986, pp 123-124

sobre a poboación de Roma na Antigüidade tardía: Van Dam, 2010; ensaios de Harris, 1999b; Sirks, 1991; Durliat, 1990.

o inventario consérvase en curiosum & notitia (editados en Nordh, 1949), documento máis próximos a un panfleto dunha cámara de comercio que dun censo rigoroso: Arce, 1999; Reynolds, 1996, pp. 209-250; Hermansen, 1978.

sobre Claudiano: Ware, 2012; Cameron, 1970; Mulligan, 2007.

tradución e deturpación por @xindiriz

Ningún comentario:

Publicar un comentario