domingo, 6 de xullo de 2014

537

murallas de Roma no s. VI
es.wikipedia.org
segundo ano logo do consulado de Belisarius.

xaneiro: Witixis asedia Roma (45000 unidades) e hai combates especialmente cruentos na porta Pinciana, próxima ao posto de mando de Belisarius, que tenta unha manobra de distracción saíndo pola porta Flaminia pero el e os seus bucellarii case son atrapados no medio dos godos.

Witixis instala sete campamentos, un por cada unha das portas e rutas de acceso principais á cidade coa finalidade de rendela por fame. Bloquea as conducións de auga, necesaria tanto para beber como para que funcionen os muíños.

marzo, 21: Witixis intenta asaltar as murallas no norte e no leste con catro torres de asedio pero é rexeitado na porta Praenestina (chamada Vivarium) por tropas dirixidas polos xenerais orientais Bessas e Peranius.

abril: os godos capturan o portus claudii en Ostia. Belisarius está agora obrigado a descargar as súas mercadorías en Antium e pide reforzos urxentes a Constantinopla.

abril, 9: Belisarius recibe reforzos (1600 unidades de cabalería, a maioría hunos ou eslavos e arqueiros expertos). Comeza, a pesar das restricións, a asaltar os campos godos e alcánzase un punto morto.

primavera: batalla de Scalas Veteres, onde Xermanus derrota a Stotzes, que ten que retirarse ás montañas cunha poutada de fieis.

xuño: a fame comeza a progresar en Roma e a poboación desespera. Belisarius envía a Procopio a Neapolis a por máis reforzos e subministracións. Witixis acorda un armisticio de tres meses para que enviados godos viaxen a Constantinopla.

a dinastía Yamato asimilara a cultura chinesa a través de Corea: a elaboración da seda, a escrita, o papel, a arquitectura, e algúns elementos da cultura confucianista e taoísta. Nun momento dado o soberano muda o título autóctono (miyatsuko) polo chinés de emperador (tenno) e lexitima a súa autoridade subvencionando a redacción de obras históricas: o imperio xaponés foi creado por Jimmu, neto de Amaterasu, deusa do Sol; así, Xapón sería o imperio máis antigo do mundo, cunha liña imperial ininterrompida que se remontaría aos primeiros pais, Izanagi e Izanami, por medio de Amaterasu, que creou o imperio por decreto divino e concedeu superioridade ao emperador por riba do resto dos homes.

novembro, 11: conflito entre Silverio e Vixilius I, un católico e o outro monofisita. Teodora quere que Silverius desautorice Calcedonia pero como se nega Xustiniano aprésao, destitúeo por alta traizón e exíliao a Patera (Asia Menor). Pouco despois autorízao a volver a Italia pero Vixilius confínao nunha illa próxima a Roma (Capri ou Ponza), onde morre (decembro, 2).

novembro: Belisarius obtén máis reforzos (3000 isauros e 1800 unidades de cabalería desembarcan en Ostia) xunto con subministracións. Os godos teñen que abandonar portus claudii.

publícanse as Variae de Casiodoro. Poderían ter varios sentidos: un sería a guerra en Italia na que os orientais levan as de gañar e serían, polo tanto, un balón de osíxeno aos godos; semella que inda era PPO cando as publicou: unha publicación literaria desempeñando un cargo oficial era signo de distinción. Pero quizás o contexto axeitado para ver o significado desta obra non é a guerra senón o alto medio administrativo que caracteriza o seu contexto familiar e a súa carreira pública.

decembro: Belisarius envía a Xoán o sanguinario con 2000 unidades cara Picenum para arrasar e saquear a costa leste de Italia. Este chega a Ariminum, onde é ben acollido pola poboación romana.

decembro, 27: en Constantinopla consagración de Hagia Sophia (sabedoría divina), construída sobre as ruínas da anterior pero sobre un perímetro maior. Os muros son de mármore pulido de varias cores, e as columnas talladas en pedras diversas (entre elas pórfido e serpentino). No aspecto decorativo destaca o uso do mosaico. O máis espectacular é a enorme cúpula, produto de corenta anos de experimentación; é hemisférica e apoiada sobre un soporte cadrado, de modo que a parte inferior da cúpula podía perforarse con moitas ventas sen perder estabilidade. É tan grande e ten tantas ventas que todo o interior da igrexa recibe a luz do sol e os mosaicos brillan nun sorprendente xogo de luces. Seica, ao vela, Xustiniano dixo: ‘Salomón, supereite!’.

batalla de Camlann: Arturo loita por última vez, esta vez contra o seu fillo (ou sobriño) Mordred, e é mortalmente ferido (Annales Cambriae, s. X).

o Wei oriental envía tres columnas a través do paso Tong para atacar o Wei occidental. O exército occidental comandado por Yu-Wen derrota unha das columnas mentres as outras retroceden. Yu-Wen segue avanzando pero atopa o exército oriental principal (200000 homes). Os occidentais son feitos atravesar o paso e invaden territorio inimigo. Pero, de súpeto, sofren a carga de 10000 unidades de cabalería occidentais sobre un flanco e morren 6000 e son capturados 70000.

Xoán Cottistis comeza unha rebelión contra Xustiniano, sendo declarado emperador en Dara, pero é asasinado catro días despois polos seus propios homes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario