sábado, 5 de xullo de 2014

536

moeda de Witixis
usna.edu
coñecido como ano despois do consulado de Belisarius.

marzo, 13: durante a súa estancia en Constantinopla, Agapito I logra que Anthimus I, monofisita, sexa deposto e substituído por Mennas.

continúan as catástrofes relacionadas co cambio climático: segundo os anais gaélicos de Hibernia prodúcese unha perditio panis (escaseza de pan); en China neva en xullo e agosto; en Eurasia rexístrase unha ‘néboa densa e seca’ (probablemente a nube de po nos estratos superiores da atmosfera); en Perú comeza unha seca que durará varios anos e afectará fondamente a ‘cultura moche’; en Persia sofren unha seca moi severa.

Theohadad cede Provenza e as zonas alamanas baixo control godo aos francos para que o apoien contra os imperiais. Estas zonas intégranse en Neustria. Teodeberto I é agora soberano de todas as tribos alamanas e nomea condes para elas: Butilin e Leuthario I.

Theohadad envía un gran exército a Dalmacia, que derrota os imperiais. Incluso cae Mundus en Salona e os imperiais retíranse.

marzo: Belisarius zarpa desde Sicilia cara Carthago con 1000 homes para atallar un motín dirixido por Stotzas, que dispón de 9000 homes e numerosos vándalos. Solomon deféndese ata que Belisarius derrota os sublevados, que se retiran, e volve a Sicilia. Xustiniano nomea ao seu curmán Xermanus como magister militum para resolver esta crise. Envía un continxente de comitatenses e gardas de elite. Solomon regresa provisionalmente a Constantinopla.

abril, 22: morre Agapito I en Constantinopla.

maio, 2 – xuño, 4: nun sínodo convocado por Mennas e reunido en Constantinopla os monofisitas son novamente condenados e como consecuencia prodúcese unha forte represión dos monofisitas en Exipto. Os bispos reunidos certifican a supremacía imperial en cuestións eclesiásticas.

verán: Constantianus, magister militum per Illyricum, reconquista Dalmacia, os godos abandonan Salona e retíranse ao norte.

Witixes depón a Theohadad en Ravenna e casa con Mataswintha (filla de Amalasunta). Convoca un exército para loitar contra Belisarius, que atravesa o estreito de Mesina e desembarca no sur de Italia, conquista Rhegium e marcha cara o norte.

xuño, 8: Teodora propón a Vixilius, monofisita, como bispo de Roma. Este viaxa á cidade para facerse cargo da sé episcopal pero alí o clero romano elixira a Silverio, fillo de Hormisdas, quen contaba co apoio de Theohadad.

agosto, 6: rescriptus de Xustiniano confirmando a deposición de Anthimus I.

outubro: Belisarius conquista Neapolis, a pesar da defensa da cidade por parte da poboación xudía. Logo dun mes de asedio as tropas entran por un acueduto abandonado.

Witixis non pode frear o avance de Belisarius, que segue cara o norte e entra en Roma (decembro, 9) pola porta Asinaria sen oposición xa que o continxente godo (4000 homes) foxe.

a primeira medida que toma Belisarius é solicitar reforzos ao emperador mentres prepara a cidade para un asedio recollendo e almacenando grandes cantidades de comida e outras subministracións. Instala o seu posto de mando na cuíña Pincia e repara as murallas. O seu continxente conta 5000 homes, dos que a metade son bucellarii. Recruta 20000 mozos romanos para defender as murallas.

Silverio é acusado de entregar a cidade aos godos e tamén é expulsado.

Radegunda casa con Clotario I.

Senka, 28 emperador de Xapón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario