Amosando publicacións coa etiqueta España. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta España. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de xullo de 2013

xxiii. reinado de felipe ii

Filipe II
188. Feitos máis notábeis do reinado de Filipe II (1556 – 1598). Os feitos máis memorábeis do reinado de Filipe II, foron as batallas de San Quintín e de Lepanto, a conquista e anexión das illas Filipinas, as guerras con Flandes e Inglaterra e a anexión de Portugal.

189. Batalla de San Quintín (1557). Os españois derrotaron completamente os franceses na memorable batalla de San Quintín.

Filipe II herdou de seu pai Carlos I a guerra con Francia, que disputaba a España o reino de Nápoles; Filipe preparou un poderoso exército, que tomou a forte e importantísima praza francesa de San Quintín e gañou a batalla deste nome, unha das máis encarnizadas dos tempos modernos. A guerra continuou e cesou, por fin, co casamento de Filipe II con Sabela de Valois, filla do rei de Francia.
Don Xoán de Austria

190. O mosteiro do Escorial. En memoria da gloriosa batalla de San Quintín, Filipe II fixo edificar o grandioso mosteiro do Escorial, chamado oitava marabilla do mundo.

Este gran monumento é, á vez, palacio e basílica, panteón dos reis e convento, museo e biblioteca, a máis rica en manuscritos arábigos.

191. Batalla de Lepanto (1571). España, Roma e Venecia, alarmadas polo poder dos turcos, formaron unha poderosa escuadra que os derrotou completamente.

Cervantes
A batalla naval de Lepanto é a máis memorable de cantas rexistra a Historia; nela figurou e perdeu a man esquerda o inmortal Cervantes, por cuxa razón se lle chama o Manco de Lepanto. Mandaba a tripe escuadra Don Xoán de Austria, irmán bastardo de Filipe II, e ía de segundo xefe o Marqués de Santa Cruz, o máis ilustre dos mariñeiros españois.

192. Anexión das illas Filipinas (1568). Por este tempo, Filipe II confiou ao prudente Legazpi a exploración e conquista das illas Filipinas, que tiñan sido descubertas por Magallanes, e quedaron anexionadas a España.

193. Causa principal das guerras con Flandes. O desexo real de acabar co protestantismo que se tiña infiltrado en Flandes ou Países Baixos foi a causa principal das guerras que tiveron lugar naqueles países.

Legazpi
Estableceu alá un tribunal semellante ao da Inquisición; os flamencos formaron unha liga, dirixida polos condes de Egmont e Horn e o Príncipe de Orange, de quen Filipe II non escoitou queixas, e a Liga presentouse en aberta rebelión.

194. Independencia dos Países Baixos (1598). Despois dunha longa e sanguenta guerra os Países Baixos separáronse do Imperio.

Filipe II enviou a Flandes a varios xenerais, entre eles ao Duque de Alba; despois cedeu a coroa dos Países Baixos á súa filla Sabela, casada cun Archiduque de Austria; pero os flamencos, acaudillados polo fillo do Príncipe de Orange, Mauricio de Nassau, continuaron a guerra ata obter a independencia absoluta da súa patria.

a "súa" historia de España

xxii. casa de austria. reinado de carlos i. o imperio español

Carlos I
177.  Carlos I (1516 – 1556). Carlos I foi o primeiro rei da casa de Austria: era fillo de Dona Xoana, a Tola, e de Filipe, o Fermoso, e contaba 16 anos de idade cando finou seu avó Don Fernando.

Carlos I nacera en Gante (Bélxica), e cando veu a España descoñecía o idioma, os nosos costumes e as nosas leis; reuniu Cortes para prestar xuramento e non tardou en asimilarse as directrices imperiais que iniciaron seus avós, que debían converter España en centro e eixo do maior imperio da terra.

178. Feitos máis notábeis do reinado de Carlos I. Os feitos máis notábeis do reinado de Carlos I son a sublevación dos Comuneiros, as guerra con Francia, as expedicións a África e as conquistas de América.

Xoán de Padilla
179. O trono de Alemaña. Dous anos pasaran dende que Carlos I era rei de España, cando finou Maximiliano, Emperador de Alemaña, o seu avó paterno, e foi elixido para sucedelo: por esta razón coñéceselle cos nomes de Carlos I de España e V de Alemaña.

Para os gastos da súa coroación pediu recursos ás Cortes, que se reuniron en Santiago e A Coruña, as que concederon, ao cabo, o subsidio e aprobaron o nomeamento do Cardeal Adriano, estranxeiro, para rexer o trono durante a súa ausencia, así como a concesión de varios importantes destinos entre os ambiciosos flamencos que formaban a súa Corte.

180. Os comuneiros (1521). Receando, o pobo español, por ter outorgado o rei os principais cargos da gobernación do país a xente flamenca, e non comprendendo o plan que o monarca emprendía baixo a ruta que impón o Destino Imperial de España, sobreveu a sublevación chama dos Comuneiros de Castela, cuxos principais xefes foron o toledano Xoán de Padilla, o segoviano Xoán Bravo e o salmantino Francisco Maldonado. Os comuneiros foron derrotados nos campos do pobo de Villalar.

Hernán Cortés
181. Guerras con Francia. O rei de Francia Francisco I tiña pretendido a coroa de Alemaña, que posuía Carlos I, e ambos monarcas reclamábanse mutuamente varios estados de Flandes e de Italia; isto acendeu a guerra entre ambos monarcas, cuxos exércitos pelexaron en España e en Italia.

182. Batalla de Pavía (1525). Na memorable batalla de Pavía (Italia) caeu prisioneiro Francisco I que foi traído a Madrid, onde permaneceu un ano prisioneiro.

183. Asalto a Roma (1527). O Papa Clemente VII tiña formado unha liga contra o rei de España e Emperador de Alemaña, liga á que se uniu Francisco I; entón, as tropas españolas e alemás dirixíronse contra Roma, que tomaron por asalto sufrindo a Cidade Eterna un terrible saco; o Papa fíxose forte nun castelo do cal logrou fuxir.

184. Expedición a África (1535). A costa de África era tobo de piratas e estaba baixo o dominio do célebre corsario Barbaroxa, quen, despois de facerse dono de Arxel e Túnez, ameazaba o litoral de España e Italia. Carlos I preparou unha gran flota e apoderouse de Túnez; máis adiante levou a cabo outra expedición contra Arxel, e unha gran tempestade dispersou a escuadra.

185. As conquistas en América. Durante o reinado de Carlos I, os españois continuaron os descubrimentos e conquistas en América; Hernán Cortés, cun puñado de valentes, conquistou Mexico, e Pizarro e Alvarado realizaron a do Perú, quedando ambos imperios suxeitos ao dominio de España.

Francisco Pizarro
186. O gran Imperio Español. A Nosa Patria, despois das conquistas dos seus gloriosos mariñeiros e soldados foi eixo e centro do maior Imperio que teña existido sobre o planeta; España non se lanzou a estas conquistas impelida por egoísmos comerciais nin afáns de dominación; o Emperador e a Nación sentían fondas as directrices que deixaron consignadas os Reis Católicos e o seu nobre afán era cristianizar todos os pobos do mundo e levarlles a florecente cultura de España.

Aos conquistadores lles seguía unha lexión de profesores e relixiosos misioneiros cuxo rudo e ímprobo labor recoñecen e agradecen todos os países que integraron o noso gran Imperio; hoxe, estes países, politicamente independentes hónranse cualificándose de países hispanos e ven en España a nai e autora da súa cultura e florecemento. O Código de Indias que España ditou para rexer as súas colonias considérase como o mellor que se ten estruturado polo seu sentido humano e paternal.

A Nova España reinstaura e fomenta esas relacións espirituais cos países do seu Imperio mediante a magnífica obra do Consello da Hispanidade.

187. Abdicacións de Carlos I (1556). Achacoso, vello e cheo de melancolía, Carlos I abdicou a coroa de España e dos Países Baixos no seu fillo Filipe II, e a de Alemaña no seu irmán Fernando, retirándose el ao mosteiro de Yuste, en Estremadura, onde acabou os seus días.

a "súa" historia de España

xxi. os reis católicos

Reis Católicos
170. Unión de Aragón e Cataluña a Castela (1479). Aragón e Cataluña uníronse a Castela, por casamento de Sabela I de Castela con Fernando V de Aragón. Ambos esposos son chamados os Reis Católicos.

Ao falecer Henrique IV o Impotente, rei de Castela, a coroa deste reino pasou a súa irmá Sabela I, xunto co seu esposo, Fernando V de Aragón. As leis de Aragón excluían do trono as mulleres, e Don Fernando pretendeu gobernar por si só; pero acordaron ambos cónxuxes que todos os documentos levarían as sinaturas, armas e bustos dos dous coa lenda: “Tanto monta, monta tanto – Sabela como Fernando”.

171. Feitos máis notábeis do reinado dos Reis Católicos. Os feitos máis memorábeis do goberno dos Reis Católicos son tres: a toma de Granada, o descubrimento de América e as conquistas de Nápoles e Navarra.

Pero indiscutiblemente, o feito de maior transcendencia política deste glorioso reinado foi a obtención, por primeira vez, da Unidade Española e a plasmación do Destino Imperial da Patria.

Os Reis Católicos deseguido se dedicaron a por orde á administración; crearon a Santa Irmandade para castigar os malfeitores; prohibiron aos nobres a edificación de novos castelos, e estableceron o Tribunal do Santo Oficio para levar a cabo a unidade relixiosa, que empezou a exercer as súas funcións en Sevilla, condenando a gran número de xudeus.

172. Conquista de Granada. O reino de Granada era o último estado que os moros conservaban na Península; os Reis Católicos apoderáronse de todos os seus pobos e cidades e puxeron sitio á capital, que se rendeu ao cabo de oito meses (1492).

Durante o asedio, incendiouse o campamento dos cristiáns, e Fernando e Sabela decidiron levantalo de pedra, xurdindo en poucas semanas, con asombro dos moros, a cidade de Santafé.

173. Descubrimento de América. O ano 1492 foi venturoso para os Reis Católicos: ao mesmo tempo que caía no seu poder o último baluarte da morisma, Cristóbal Colón, navegante italiano, fillo de Xénova, descubría América, coa protección que a nosa patria lle facilitou.

Colón saíu do porto de Palos de Moguer (Huelva) en agosto de 1492, e en outubro do mesmo ano, despois de penosa travesía, descubría a illa de San Salvador. Regresou a España e ofreceu ao Reis algúns indios, paxaros, metais preciosos procedentes de aquelas terras; fixo tres viaxes máis, e descubriu outras illas e o Novo Continente. Tales descubrimentos espertaron non poucas ambicións, que amargaron a vida do ilustre navegante, que morreu pobre e case esquecido, en Valladolid, en 1506.

174. Conquista de Nápoles (1503). O rei de Francia, Carlos VIII, proclamárase rei de Nápoles, e España enviou alá a Gonzalo Fernández de Córdoba, que expulsou os franceses e colocou no trono ao rei lexítimo; renovou o francés as súas pretensións, e Fernández de Córdoba conquistou novamente o reino de Nápoles, que quedou incorporado á coroa de España.

o Gran Capitán
Tan gloriosos feitos de armas valeron a Gonzalo Fernández de Córdoba o título de Gran Capitán.

175. Xoana, a Tola. Á morte de Dona Sabela, foi proclamada reina de Castela a súa filla Dona Xoana, a Tola, casada con Filipe, o Fermoso, Archiduque de Austria. Don Fernando encargouse da rexencia ata a chegada do seu xenro. Morreu este ao cabo de poucos meses, e encargouse da rexencia o Cardeal Cisneros.

Don Fernando volveu facerse cargo da Rexencia e conquistou Orán, Túnez e Trípoli e agregou a Castela o reino de Navarra.

Don Fernando finou en 1516; deixou a coroa ao seu neto Carlos de Austria, e encomendou a rexencia ao Cardeal Cisneros.

176. O Cardeal Cisneros. O cardeal Francisco Ximénez de Cisneros é unha das figuras máis ilustres da nosa Historia, pola súa sabedoría e grandes dotes de gobernante.

a "súa" historia de España

xx. españa, durante a reconquista

igrexa de San Pedro, Girona
156. A sociedade. Na sociedade española que comezou a formarse desde os primeiros momentos da Reconquista, merecen atención preferente as seguintes institucións: a Monarquía, a Igrexa, a Nobreza e o Pobo.

157. A Monarquía. Desde o inicio, a monarquía tendeu a facerse hereditaria, porque a forma electiva que tiña a dos godos, tiña sido continuo criadeiro de ambicións e crimes.

158. A Igrexa. A Igrexa exerceu unha influencia poderosa na obra da Reconquista, porque o sentimento relixioso era, entón, máis grande que o sentimento patrio; a Igrexa, por outra parte, foi a arca santa que salvou toda a cultura antiga: as letras entón atoparon no clero un amoroso protector.

159. A Nobreza. Durante a Reconquista, a Nobreza foi o brazo forte da Monarquía, e non sempre foi dócil a ela: compúñase de Ricos-homes, Duques, Marqueses, Condes, Fidalgos, Cabaleiros e Infanzóns.

españois célebres da Idade Media
160. O Pobo. O pobo, ou estado chan, estaba constituído pola masa xeral de cidadáns, que se chamaban servos ou vilegos: traballaba a terra e debía atoparse constantemente a disposición dos señores.

161. O feudalismo. A terra atopábase dividida en vilas, que viñan a ser o que agora son os municipios, e pertencían ao señores.

Os señores eran donos das vidas e facendas dos vilegos, e o seu poder era tan extraordinario, que moitas veces se rebelaban contra o mesmo rei: esta organización social chamábase feudalismo.

162. A propiedade. Había tres castes de propiedade: de realengo, o do monarca: de abolengo, o da Igrexa, e o de solariego, o dos nobres.

163. As contribucións. A nobreza e o clero non pagaban contribucións: os vilegos ou servos debían pagar todos os impostos e outras contribucións especiais que a miúdo impuñan o clero e a nobreza.

164. Os foros. A fin de interesar a todos na Reconquista, os reis concedían grandes privilexios aos seus súbditos e aos pobos. Estes privilexios chamábanse foros, que limitaban o poder dos señores feudais.

165. As Cortes. As Cortes viñan a ser un consello dos reis: ao principio, só tiñan representación nelas a nobreza e o clero; máis tarde, o pobo tamén estivo representado nelas.

catedral de León
166. Agricultura, industria e comercio. Nos comezos da Reconquista, a guerra foi a única ocupación dos españois. Traballaban as terras en tempo de paz e tomaban as armas para defender ao seus reis e señores. A agricultura, a industria e o comercio foron adquirindo importancia e desenvolvemento a medida que diminuían as esixencias da guerra. No século XIII, o comercio catalán xa era esplendoroso, e Barcelona, un dos primeiros portos mercantís do Mediterráneo.

167. A ilustración. Ata o século XIII, a inmensa maioría das persoas non sabía ler nin escribir. O luxo, as xustas e torneos, a caza e as grandes fesas eran a única ocupación dos reis e da nobreza.

168. As supersticións. A consecuencia da gran ignorancia que reinaba, a xente cría nas máis ridículas supersticións: frecuentes aparicións, mal de ollo, bruxas, trasgos, …

169. A arquitectura. Nos séculos XI, XII e parte do XIII predominou o estilo románico; desde mediados do século XIII a últimos do XVI dominou o oxival e gótico; a mediados do século XVI empezou a desenvolverse o arte mudéxar, combinación da arte árabe e do gótico.

a "súa" historia de España

venres, 26 de xullo de 2013

xix. reis máis notábeis de castela e león

Afonso X o Sabio
147. Principais reis de Castela e León. Os reis máis notábeis da monarquía castelán – leonesa, ademais de Fernando III o Santo, son Afonso X o Sabio, Sancho IV o Bravo, Afonso XI o Xusticeiro, Pedro o Cruel, Henrique II, Xoán I, Xoán II, e Henrique IV o Impotente.

148. Afonso X o Sabio (1252 – 1284). O cetro de San Fernando herdouno o seu fillo Afonso X o Sabio, que conquistou Xerez, Cádiz, Niebla e outra prazas do reino moro de Sevilla, e agregou aos seus estados o reino de Murcia, conquistado coa xenerosa axuda do seu sogro, Xaime I de Aragón. Pola súa ilustración, foi un home superior á súa época.

149. Sancho IV o Bravo (1284 – 1295). Sancho IV o Bravo foi moi valente e ilustrado; herdou a coroa de seu pai Afonso X, e continuou a guerra contra os moros, tomándolles a cidade de Tarifa, cuxa defensa confiou a Afonso Pérez de Guzmán, que recibiu o sobrenome de O Bo, por ter preferido a morte dun fillo seu, antes que entregar a praza aos inimigo do seu rei.

Guzmán o Bo
150. Afonso XI (1312 – 1350). Afonso XI, guerreiro e lexislador insigne, derrotou os moros na memorable batalla do río Salado, despois da que os moros perderon toda esperanza de someter novamente España.

151. Pedro o Cruel (1350 – 1368). Pedro I, por alcume o Cruel, foi home de carácter impetuoso e colérico, que tomou horribles vinganzas contra os seus inimigos; por outra banda, moito chámanlle o Xusticeiro e xúlgano como un modelo de xustiza e rectitude. Seu irmán bastardo Henrique, Conde de Trastamara, disputoulle a coroa sen cesar, e conducido un día Don Pedro, con enganos, á tenda do de Trastamara, foi morto por este a puñaladas.

152. Henrique II (1368 – 1379). Henrique II é chamado o Bastardo e tamén o Fratricida e o das Mercedes, polas moitas que concedeu aos nobres e ao pobo, coa finalidade de atraelos á coroa; deste deito puido conxurar as reclamacións do rei de Portugal e do Duque de Lancaster, casado cunha filla de Don Pedro, que alegaban os seus dereitos ao trono usurpado.
Pedro o Cruel

153. Xoán I (1379 – 1395). O cetro do Fratricida pasou ao seu fillo Xoán I, quen, para obter a amizade do rei de Portugal pediu para o seu herdeiro a man da filla única de aquel, Dona Beatriz; pero tendo enviuvado o rei de Castela, casou coa prometida do seu fillo, e casou este con Dona Catalina, filla do Duque de Lancaster, calando así as pretensións deste. Os esposos foron os primeiros que levaron o título de Príncipes de Asturias.

154. Xoán II (1406 – 1454). Xoán II non foi home de goberno; afeccionado á poesía, fixo da súa corte un verdadeiro Parnaso, e entregou o goberno ao seu favorito Don Álvaro de Luna, a quen, ao final, fixo decapitar por acusación falsas dos nobres e da reina.

155. Henrique IV. Ao morrer Xoán II, subiu ao trono de Castela o seu fillo Henrique IV o Impotente, home de pouco carácter, que se indispuxo cos nobres, quen lle ofreceron a coroa a súa irmá, a infanta Dona Sabela, que se negou a aceptala mentres vivira seu irmán. Dona Sabela casou co infante Don Fernando de Aragón.

a "súa" historia de España

xviii. cataluña

mosteiro de Ripoll
139. A Reconquista de Cataluña. Case ao mesmo tempo que Paio iniciaba a Reconquista en Covadonga, o valente Otger emprendíaa en Cataluña e non tardou en vela realizada co auxilio de Carlomagno e do seu fillo Ludovico Pío, fundador da Marca Hispánica, no ano 822.

140. A Marca Hispánica. O novo estado chamado Marca Hispánica formábano as terras catalás arrebatadas aos moros e outras ultraperinaicas; a súa capital foi Barcelona.

Este estado era gobernado por condes independentes dos reis de Francia; pero, a non tardar, Cataluña conquistou a súa independencia e proclamou a Wifredo o Velloso, en quen principian os Condes – Reis. Este primeiro Conde fundou os grandiosos mosteiros de Ripoll e Montserrat.

Ramón Berenguer I
141. Borrell I, Suniario e Borrell II. Á morte de Wifredo o Velloso sucedeulle seu fillo Borrell I, a quen sucedeu Suniario, e a este, Borrell II, en cuxo tempo Almanzor se apoderou de Barcelona, tendo que refuxiarse Borrell nas vertentes dos Perineos (ano 884).

142. Outros condes moi notábeis. Merecen singular mención os condes Ramón Berenguer I o Vello, Ramón Berenguer III o Grande e Ramón Berenguer IV.

143. Ramón Berenguer I. Ramón Berenguer I, o Vello, arrebatou aos moros as prazas de Lleida e Tortosa; apoderouse de case todo o Rosellón, e, unido ao Conde de Urxel, continuou con gloria a obra de Reconquista.

Ramón Berenguer III
Ao morrer este ilustre Conde, en 1077, gobernaron, simultaneamente, os seus dous fillos Ramón Berenguer II, Cabeza de Estopa, e Berenguer Ramón II, que por ambición matou a seu irmán, polo que se lle chamou Berenguer o Fratricida, quen, abafado polo remordemento, abdicou no seu sobriño Ramón Berenguer III o Grande.

144. Os Usatges. Ramón Berenguer I deu a Cataluña o famoso Código de leis titulado Os Usatges, recompilación dos usos e costumes do pobo catalán, que contribuiu a debilitar o poder dos señores feudais e a exaltar a autoridade dos Condes Reis.
Ramón Berenguer IV

145. Ramón Berenguer III o Grande. En tempo de Ramón Berenguer III o Grande, Cataluña chegou ao cenit da súa grandeza: agregou aos seus dominios a Provenza; guerreou contra os sarracenos, e foi grande protectora das letras. Finou en 1131.

146. Ramón Berenguer IV. A Berenguer o Grande sucedeulle o seu fillo Ramón Berenguer IV, que casou con Dona Petronila, filla e herdeira de Ramiro II o Monxe, rei de Aragón, levándose así, ao cabo, a unión de Aragón e Cataluña.

a "súa" histora de España

xxiv. reinado de filipe ii (e 2)

María Pita
195. Guerra con Inglaterra (1588). Filipe II estaba molesto con Inglaterra, porque a súa reina Dona Sabela tiña favorecido en gran medida a insurrección dos Países Baixos e ao efecto, equipou unha escuadra numerosa e formidable, que recibiu o nome de Armada Invencible; pero foi desfeita polas tempestades.

A maior parte dos buques que se salvaron da tempestade foron esnaquizados polos barcos ingleses, mandados polo célebre mariñeiro e corsario Drake, protexido pola reina. Mandaba a flota española o Duque de Medina-Sidonia, soldado moi valente, pero mariñeiro inexperto. Cando Filipe II tivo novas do desastre, limitouse a dicir friamente: “eu non enviei barcos a loitar cos elementos.”

196. Consecuencias da catástrofe da Invencible (1596). A desgraza da perda da Armada Invencible abateu o poder naval de España; a escuadra inglesa atacou as posesións españolas e puxo sitio a A Coruña, pero tivo que levantalo ante o heroísmo dos seus defensores.

Duque de Alba
Na defensa de A Coruña inmortalizouse a célebre María Pita. Despois, a escuadra inglesa desembarcou en Cádiz, saqueando e arrasando a cidade. Dende entón, Inglaterra ten procurado manter unha supremacía naval en todos os mares.

197. Anexión de Portugal (1580). Tendo finado o rei de Portugal, Filipe II como parente seu, foi designado para herdar a coroa do reino lusitano.

A designación do monarca español fíxoa unha Xunta de letrados, pero os portugueses negáronse a incorporarse a Castela. Entón Filipe II enviou un bo exército, ao mando do Duque de Alba, e despois dunha breve campaña, Portugal e as súas colonias caían en poder do monarca español, realizándose a unidade nacional da Península Ibérica.

198. Antonio Pérez. Antonio Pérez, secretario particular e confidente de Filipe II, foi acusado de asasinato e reducido a prisión; logrou escaparse da prisión e refuxiouse en Aragón, o seu país natal, amparado polos foros aragoneses.

Antonio Pérez
199. Axitación en Aragón. Acusado de herexía Antonio Pérez, Filipe II fixo que se lle sacara do cárcere do Xustiza e fora conducido aos calabozos da Inquisición. Con tal motivo, produciuse un gran motín en Zaragoza e Pérez puido escapar a Francia.

200. Execución de Lanuza. A conduta dos aragoneses, decidiu a Filipe II a mandar un exército para castigalos; as tropas do rei caeron sobre Zaragoza, prenderon a Don Xoán de Lanuza, Xustiza Maior de Aragón, quen pouco despois era condenado á última pena.

202. Xuízo que merece Filipe II. Non foi afortunado como seu pai; as súas armas obtiveron vitorias moi brillantes (San Quintín, Lepanto, …), e soubo soster a causa do catolicismo en Europa, conservando en España a paz das conciencias e logrou manter íntegro o imperio español.

a "súa" historia de España

xxv. filipe iii. filipe iv. carlos ii

Filipe III
203. Filipe III (1598 – 1621). A Filipe II sucedeuno o seu fillo, Filipe III, home bo, si; pero apático e indolente, con escasas condicións para gobernar.

Entregou o goberno ao Duque de Lerma, quen o partillou con Don Rodrigo Calderón, e ambos so pensaron en enriquecerse. Rodrigo Calderón morreu decapitado, e o Duque de Lerma tivo que restituír ao tesouro da nación boa parte do que tiña defraudado.

204. Feitos máis notábeis durante o reinado de Filipe III. Os feitos máis notábeis durante o reinado de Filipe III foron a expulsión dos moriscos e a guerra nos Países Baixos e en Alemaña.

205. Expulsión dos moriscos (1609). Por terse descuberto unha vasta conspiración dos moriscos, foron expulsados e embarcados para África máis dun millón.

Os moriscos eran moros bautizados que se tiñan quedado en España despois da Reconquista; vivían diseminados, ocupando nas cidades barrios separados que se chamaban “morerías”; dedicábanse á agricultura, ao comercio e a varias industrias. A súa expulsión deixouse sentir na orde económica, porque desapareceron non poucas industrias, moitos lugares quedaron despoboados e grandes extensións despoboadas se converteron en desertos.

206. Guerra nos Países Baixos e Alemaña. A pesar da pobreza do país, Filipe II continuou a guerra nos Países Baixos e enviou un exército a Alemaña para auxiliar aos católicos na guerra de relixión chamada dos trinta anos.

españois célebres da Idade Moderna
207. Xuízo acerca do reinado de Filipe III. Durante o reinado de Filipe III, España comezou a declinar na súa grandeza imperial.

208. Filipe IV (1621 – 1665). A Filipe III sucedeuno o seu fillo Filipe IV, tan incapaz para gobernar como tiña sido seu pai.

Todas as súas afeccións foron para as artes e a literatura, a disipación e os praceres. Entregou a dirección do Estado ao Conde Duque de Olivares.

209. Feitos máis notábeis do reinado de Filipe IV. Os feitos máis notábeis do reinado de Filipe IV, foron as guerra de Flandes e Francia e as rebelións de Portugal, Nápoles e Cataluña.

Seu pai tiña concertado cos flamencos unha tregua de doce anos, concluída a cal continuou a guerra ata que se lles dou a independencia (1648); as loitas con Francia concluíron entregando ao francés todos os territorios alén do Perineos (1659); a guerra con Portugal durou 28 anos, alcanzando a absoluta independencia de España (1668), e os disturbios de Nápoles e Sicilia acabáronse a costa de grandes sacrificios.

210. A rebelión en Cataluña (1640). Durante uns 14 anos, Cataluña, apoiada por Francia, viviu en aberta rebelión.

Carlos II
211. Xuízo acerca do reinado de Filipe IV. Filipe IV, igual que seu pai, foi unha desgraza para España, pois continuou a nosa Patria rodando cara a súa ruína.

212. Carlos II (1665 – 1700). A Filipe IV sucedeulle o seu fillo Carlos II, de catro anos de idade, baixo a rexencia de súa nai Dona María de Austria, quen entregou o goberno ao seu confesor o xesuíta Nithard, austríaco.

213. Maioría de Carlos II. Carlos II foi sempre un infeliz, débil de corpo e espírito; viviu enfermizo, e padecendo ataques nerviosos, creu que estaba posuído do demos, polo que se lle alcumou o Enfeitizado. Morreu sen sucesión e, por consello do Papa e de notábeis xurisconsultos, legou a coroa a Filipe de Borbón, Duque de Anjou e neto de Luís XIV de Francia.

214. Xuízo acerca do reinado de Carlos II. O reinado de Carlos II completou a nosa ruína e decadencia; di un historiador que, á súa morte, non había en España case nin un navío, nin un xeneral, nin un sabio, nin un político.

a "súa" historia de España

xxvi. españa durante os reis da casa de austria

Lope de Vega
215. Poderío e decadencia. Grande é o contraste que ofrece España durante os reinados do primeiro e do último dos monarcas da Casa de Austria: Carlos I deixou ao seu sucesor o Estado máis rico e poderoso do mundo, e Carlos II, unha nación pobre e moribunda.

216. Os costumes. En tempos de Carlos I, predominaron a ostentación e a magnificencia; durante o reinado de Filipe II, dominou unha gran austeridade; despois os costumes relaxáronse de tal modo, que o traballo manual era tido coma unha deshonra, e a vagancia, a miseria, a falta de hixiene imperaban en todas as clases sociais.

Velázquez
A linguaxe ordinaria fíxose basta e repugnante; as xentes tratábanse sen respecto e consideración; as principais cidades estaban infestadas de xente de mal vivir, e no propio Madrid, a inmundicia estaba amontoada nas rúas.

Luís Vives
217. A propiedade. A propiedade, efecto do feudalismo e como sucedía en todos os pobos de Europa, era patrimonio de poucos: os nobres e a Igrexa posuían a maior parte; pagaban ínfimos tributos ou gozaban de exención completa, pesando sobre o pobo todos os impostos.

218. O goberno. O goberno era absoluto en toda a súa pureza: as Cortes convocábanse moi de tarde en tarde, diminuíndo cada día a súa importancia.

A favor da casa de Austria, sen embargo, hai que mencionar a conquista e pacífica posesión da América do Sur e as admirábeis leis de Indias a favor de aquelas razas indíxenas.

Herrera
219. A Ilustración. A dominación da Casa de Austria, coincidiu co Século de Ouro das letras e as artes españolas.

Nestas épocas floreceron pedagogos como Xoán Luís Vives e Pedro Ponce de León; físicos como Blasco de Garay; médicos, como Vallés e Miguel Servet; filósofos, como Frei Luís de León; poetas, como Garcilaso de la Vega, Herrera o Divino, Rioja, Ercilla, Valbuena e Quevedo; autores dramáticos como Lope de Vega, Calderón de la Barca, Tirso de Molina, Moreto, Alarcón y Rojas; novelistas como Cervantes; historiadores, como o Pai Mariana; oradores, como Frei Luís de Granada; pintores, como Velázquez, Murillo, Zurbarán e Ribera; escultores, como Berruguete, Montañés e Alonso Cano; arquitectos como Herrera; músicos, como o mestre Victoria, …

a "súa" historia de España

xxvii. casa de borbón. reinado de filipe v. luís i

Filipe V
220. Filipe V (1700 – 1746). Ao finar Carlos II, en virtude do testamento que outorgou, a coroa de España pasou á casa de Borbón, francesa, cuxo primeiro rei foi o Duque de Anjou, proclamado co nome de Filipe V.

221. Guerra de Sucesión. A Filipe V disputoulle a coroa o Archiduque Carlos, de Austria, apoiado por Alemaña, Inglaterra e outras nacións, dando lugar a unha loita que durou 13 anos e que se coñece co nome de Guerra de Sucesión.

Os ingleses desembarcaron nas nosas costas e apoderáronse por sorpresa de Xibraltar –que non nos devolveron inda–. As tropas do Archiduque chegaron a apoderarse de Madrid; pero foron derrotadas nas batallas de Almansa e Villaviciosa.

O Archiduque Carlos herdou a coroa de Alemaña, e entón cesou a guerra, asinándose o tratado de Utretch.

222. O tratado de Utretch (1713). Polo tratado de Utretch, Filipe V foi recoñecido rei de España, inda que renunciando aos seus dereitos á coroa de Francia.

A guerra de sucesión custou a España a perda de Xibraltar, Menorca, Nápoles, Sicilia, Cerdeña, o Milanesado, Toscana e canto restaba nos Países Baixos.

223. Resistencia de Cataluña e Baleares. Cataluña e as illas Baleares tíñanse declarado abertamente polo Archiduque Carlos, e negáronse a recoñecer a Don Filipe.

As tropas de Filipe V caeron sobre Barcelona, e despois dun terrible asedio e repetidos asaltos, penetraron na cidade o día 11 de setembro de 1714.

224. A Lei Sálica. Unha vez Filipe V se tivo afianzado no trono, publicou a Lei Sálica, que excluía da coroa as mulleres e era contraria aos costumes españois.

Luís I
225. Abdicación de Filipe V (1724). Desgustado, abatido, presa de gran melancolía, Filipe V abdicou a coroa no seu fillo Luís I, e retirouse ao sitio real de La Granja ou San Ildefonso, que el mandara edificar.

226. Luís I. Aos sete meses de ocupar o trono, Luís I morreu de varíolas, por cuxo motivo Don Filipe volveu encargarse do poder.

227. Recuperación de Nápoles e Sicilia. Despois de breve e gloriosa campaña, os españois apoderáronse de Nápoles e Sicilia, sendo Don Carlos, fillo de Filipe V, recoñecido como rei das Dúas Sicilias.

228. Xuízo acerca do reinado de Filipe V. Filipe V foi un soberano ilustrado e amante da cultura do pobo: mellorou a administración e a facenda pública; organizou o exército, a mariña e o ensino e, durante o seu reinado, España volveu a figurar entre as nacións europeas de primeiro orde.

A agricultura e a industria mereceron a súa atención; creou os arsenais do Estado; fundou as Reais Academias; corrixiu moitiss abusos, e autorizou a publicación de periódicos.

a "súa" historia de España