Amosando publicacións coa etiqueta Peroz I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Peroz I. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de xullo de 2013

484

Alarico II
wikipedia.common.org
Venantius e Teodorico o Amalo, cónsules.

xaneiro, 14: eclipse total de sol en Asia Menor.

febreiro, 24: Hunerico publica un decreto que establece un prazo (xuño, 1) para que os católicos se convertan ao arianismo; os bispos son retirados das súas sés, algúns son exiliados a Córcega, outros martirizados, incluíndo o anterior procónsul imperial Victoriano e Frumentius, xunto con outros mercadores. Son axustizados en Hadrumetum logo de rexeitar a conversión.

Vitor de Vita conta que a poboación de Tipassa embarca e fuxe cara Hispania.

maio, 20: en Pentecostés revolta samaritana en Cesarea e Nablus (Palestina). Zenón reprímeos e ordena edificar a construción da igrexa de monte Garizim, consagrada a María, non emprazamento do templo samaritano.

xullo, 19: Illus e Verina rebélanse contra Zenón, que envía un exército baixo o xeneral isauro Leontius, pero os rebeldes conseguen que este cambie de bando e proclámano augustus en Tarsus. Verina solicita apoio nas dioceses do leste e en Exipto. Fixan a sede imperial en Antioquía.

xullo, 28: Fiz II excomunga a Acacius de Constantinopla e Pedro III de Alexandría, polo papel que xogaron no henotikon dous anos antes. Considera o edicto unha herexía e o cisma entre Roma e Constantinopla aumenta (cisma acaciano, ata 519).

Illus libera a Marcianus e envíao a Italia para conseguir apoio de Odoacro. Zenón emprega os federados xermánicos para derrotar os inimigos. Persuade aos rugos para que ataquen a Odoacro e un exército baixo Iohannes Skytha e Teodorico é enviado ao leste. Esta forza aparta a Illus de Antioquía logo de tela no seu poder de só 12 días (agosto, 8). Iohannes cerca a Illus en Papirius. Verina morre durante o asedio.

os hunos hephtalitas invaden Persia, Peroz I reúne un gran exército e deixa a seu irmán Vologases como rexente en Ctesifonte; morre na batalla de Herat, onde os persas son emboscados e arrasados. O corpo de Peroz é devolto aos persas que o soterran con todos os honores. Vologases sube ao trono, iniciándose un período de anarquía.

no tratado de Nvarsak Vahan Mamikonian, xefe armenio en rebeldía dende 480, obtén liberdades políticas e relixiosas (o cristianismo é recoñecido como relixión oficial de Armenia) a cambio de axuda militar. É nomeado gobernador.

Blosius Aemilius Dracontius compón en Carthago un panexírico sobre un soberano non ariano, supostamente Zenón, que lle vale pena de prisión.

Gundobado proclama a lex burgundionum, un código legal que recolle normas sobre casamentos, herdanzas, o weregild e outras cuestións.

Eurico constrúe unha protección para Carcassona nunha curva do río Aude.

Clodoveo goberna os francos salios (na ribeira do río Salia) e Sixeberto o resto, os ripuarios. Clodoveo apela ao orgullo franco para combater a Siagrius (rex romanorum).

a Notitia Provinciarum et Civitatum Africae, documento vándalo, menciona tres bispados en Baleares e os seus bispos (Macario, MinorcaHelias, MaioricaOpilio, Evuso); sendo tamén mencionada a súa vinculación metropolitana a Caralis; sería a nomina episcoporum insulae Sardiniae. A organización eclesiástica territorial tardía correspóndese coa civil e administrativa.

no sínodo de Beth-Lapat impóñense as teses nestorianas no ámbito cristián en territorios sasánidas.

decembro, 23: morre Hunerico, sucedido polo seu sobriño Guntamundo, que proxecta deter as persecucións contra os católicos e estabilizar a economía dos seus dominios.

decembro, 28: morre Eurico, que é sucedido polo seu fillo Alarico II.

Jayavarman, rei de Fou-nan, envía unha embaixada ao Qi en China para solicitar axuda contra o reino de Lin Yi (centro do actual Vietnam); ao parecer a embaixada non tivo éxito.

martes, 2 de abril de 2013

459

moeda coa efixie de Peroz I

Ricimer e Patricius, cónsules para o ano.

Maioriano restaura a paz coas cidades de Gallia e nomea a Aegidius magister militum.

maio: Maioriano marcha a Hispania, onde xunta unha flota coa que prepara a invasión de Africa.

Peroz I, apoiado polos hephtalitas derrota e mata a seu irmán Hormizdas III.

continxentes francos conquistan Colonia.

Teodori­co II recoñece finalmente a lexitimidade de Maioriano. Pero, mentres tanto, tentara estender a súa esfera de influencia á Provenza co placet de boa parte da aristocracia gala.

Teodorico II tamén envía un continxente militar a Baetica para consolidar certa influencia co apoio dunha facción aristocrática oposta ao anterior predominio suevo.

en Callaecia as forzas godas son incapaces de manter a or­de: rebrota a axitación social no rural e varios grupos suevos fuxitivos tentan resistirse á asimilación nas zonas setentrionais e periféricas. Sucédense xefes efémeros e contrapostos entre eles: Maldra e Framtán, e logo Requimundo e Maldra posteriormente. As accións de pillaxe multiplícanse de xeito anárquico, enfrontamentos menores entre grupos suevos e a aristocracia galega, inda moi forte en zonas interiores, e tamén en Lusitania. Estes grupos aristocráticos mostraran tamén unha clara oposición aos visigodos, inda que estes viñeran como representantes imperiais.

ataque de piratas herulos na costas de Callaecia.

os godos inda conservan calidades ancestrais: pelo longo, dieta a base de manteiga, clans, a súa arte ornamental (coñecido en Emerita grazas a numerosas evidencias atopadas), distante da arte monumental e antropomórfica dos romanos. Os xefes comprenden e falan latín, rodéanse de poetas e preceptores e incluso len autores coma Virxilio. Conservarán a latinidade, polo que Isidoro, (De Regibus Gothorum), toma partido por eles.

Teodorico II sitia Arelate, pero Aegidius derrótao e debe desistir. Maioriano tivera éxito anteriormente contra a flota de Gaiserico e traballa para invadir Africa. Teodorico II opta por aliarse con Maioriano contra os vándalos.

os preparativos en Hispania para a campaña africana serían efectuados por godos que tamén estaría controlando a zona do levante. Débese asumir tal feito porque inda que a xefatura do continxente godo estaría compartida por un oficial romano, non hai evidencia da presenza de ningún exército imperial en Hispania.

o exército godo está comandado polo magister militum e comes Nepociano e o comes rei militaris Suniericus.

Nepociano envía unha embaixada a Callaecia para anunciar a paz entre Maioriano e Teodorico II.

unha disputa en relación ao tributo anual fai que Valamiro leve as súas forzas cara os Balcáns e as proximidades de Constantinopla (ata 462). Foron derrotados polo magister militum Antemius e posteriormente León I acorda o pago dun subsidio anual en ouro. Teodorico (5 anos), fillo de Teodemiro, chega a Constantinopla, en calidade de refén; aprenderá latín, táctica militar e conceptos teolóxicos.

Dathusena, rei de Ceilán, da dinastía Moriyan. Durante o seu mandato eríxese a estatua do Bhudda Avukana.

Remixio (22 anos), bispo de Reims.

Vortigern morre queimado vivo en Ganarew (Herefordshire), asediado por forzas romano-britanas comandadas por Ambrosius Aurelianus.

morren Simeón o Estilita (setembro, 2), e Palladius, bispo misioneiro en Hibernia.

martes, 12 de marzo de 2013

457

moedas coa efixie de Maioriano

Constantinus e Rufus, cónsules.

xaneiro, 26: en Constantinopla morre Marciano (65 anos) afectado de  gangrena nos pés.

febreiro, 7: Aspar é o home forte pero é ariano e isto exclúeo do trono. Busca un católico para o trono e decídese por un xeral (tribuno mattiarii) que adopta o nome de León I.

por primeira vez o bispo coroa o emperador, iniciando así unha tradición secular. Primeiro foi Senado, logo o exército e agora a igrexa. Aséntase unha idea esbozada por Constantino I: os emperadores son por graza de Deus. León I aumenta as atribucións do patriarca.

febreiro, 18: León I confirma a Ricimer como patricius et magister militum e a Maioriano coma magister militum coa posible intención de ser o único emperador. Sen embargo, Ricimer aumenta paulatinamente o seu poder ata dominar no oeste. Tampouco pode asumir a púrpura e ten dúas opcións: disolver a corte occidental e gobernar como dux do emperador en Constantinopla ou instalar unha figura decorativa. Opta, sempre que pode, pola segunda. O  seu control chega ata o punto de inscribir o seu nome en moedas xunto ao do emperador.

Maioriano ordena ao comes Burco que derrote aos alamáns (900 en número) que operaban na zona do lago Maggiore.

en Callaecia Maldra derrota os seus rivais pero Teodorico II envía un exército contra el: apoia a outro rival godo. Os godos aprópianse de máis territorios en Hispania e Teodorico II reparte terras. Maldra logra algunha vitoria en operacións a pequena escala.

en Lugdunum prodúcese a coniuratio Marcelliniana, que resulta desarticulada. Pode ser referida a Marcelino, ou a un grupo de persoas persuadidas das súas dotes de mando que desexan que se converta en emperador. A caída de Avitus causara gran conmoción en Gallia. O máis probable é que o xefe da revolta se chamara Marcellus e buscara apoios nos burgundos. Quizás se aproximaron a Marcelino, quizás este participou; se o fixo retirouse a tempo de evitar represalias.

primavera: en Xudea Sabas é recibido por Euthymius, que o envía coma novicio ao mosteiro de Theoctistus.

Maioriano traballa para conseguir apoios. Ten que contar con Ricimer, que compromete o apoio das súas forzas.

marzo, 29: en Alexandría prodúcense disturbios nos que o pobo, instigado polos monofisitas, protesta contra o patriarca Proterius, que acaba morrendo e sendo sucedido por Timotheus Aelurus.

abril: chegan novas a Emerita Augusta do acontecido en Gallia e Teodorico II decide marchar de volta a Tolosa, probablemente para non perder influencia no novo contexto. Deixa atrás continxentes militares para protexer os asentamentos e apoderarse das prazas da Meseta superior. Son saqueadas Astorga, Palencia e o castrum de Coianza (Valencia de Don Xoán), entre outras. O botín tería sido un tremendo alicerce para as tropas. A misión do exército godo é, sen embargo, explicitamente someter os restos de suevos rebeldes e acabar coa violencia espallada pola provincia.

os hispanos padecen a mans do exército godo pero ese padecemento trae a restauración da autoridade imperial. A acción goda en Callaecia vese coma excepcionalmente brutal, pero a violencia de soldados contra civís nin é nova nin específica dos godos por ser bárbaros; os destacamentos romanos tamén se impuxeran moitas veces aos provincias de xeito violento.

certos notables locais comezan a competir coas forzas suevas e cos representantes godos, que mantiñan a paz en nome do goberno imperial. Para Avitus, Teodorico II fora o que Sidonio lle chamará con posterioridade: romanae columen salusque gentis.

abril, 1: Maioriano é proclamado emperador polo exército occidental.

Victorius de Aquitania, paisano de Próspero, tamén traballando en Roma, elabora un cursus paschalis baseado na lista consular da Chronica de Próspero. Este documento foi continuado logo por outros autores, que foron facendo engadidos.

Victorius tamén é autor dunha táboa de multiplicar de 98 columnas que daba o producto (en números romanos) de todos os números entre dúas e cincuenta veces. Constaba de filas, “unha listaxe de números dende mil, diminuíndo de cen en cen ata cen, e logo diminuíndo de dez en dez ata dez, e logo unidade en unidade ata un, e logo as fraccións ata 1/144”.

persecucións contra os pagáns: son executados, entre outros, o médico Xacobe e o filósofo Xesio; tortúrase e encadéase a Severiano, Herestios, Zosimo, Isidoro e outros. O predicador cristián Conon e os seus seguidores exterminan os últimos pagáns da illa de Imbros, no NE do Exeo. En Chipre exterminan os últimos adoradores de Zeus Lavranio.

verán: Elías e Martyrius, monxes veteranos, chegan de Nitria, Exipto. Alóxanse no mosteiro de Euthymius durante un tempo, e logo fundan os seus: Elías dous coenobia próximos a Jericho, e Martyrius un dos maiores e máis fermosos do deserto de Xudea. Os dous son parte dunha vaga de relixiosos que están a chegar ao lugar, unha vaga favorecida non só polo renome de Euthymius, senón polo entendemento entre el e Xuvenal, novo bispo de Xerusalem, a diferenza da situación en Exipto, con disturbios frecuentes.

Euthymius é o líder indiscutido do movemento monástico do deserto de Xudea. Este feito canalízase na rede de mosteiros e edificios rituais que rodeaba o seu mosteiro. Entre estes está o de Theoctistus, a igrexa do campamento sarraceno (parembole), a torre de Eudocia no cumio de Jebel Muntar e outra igrexa en honor de Pedro construída na calzada dende Xerusalem a Jericho. Ademais, construiríanse máis mosteiros por obra de discípulos seus, coma os xa mencionados e o de Gabriel, ao NO de Mishor Adummim.

segundo a Crónica Anglo-saxona, 4000 britanos morren en Crecganford nunha batalla contra Hengest e o seu fillo Oisc de Kent.

morre Yazdegerd II; sucédeo o seu fillo Hormizdas III como rei dos sasánidas. Decide protexer os nestorianos, pois comprende que uns herexes perseguidos polos romanos serán súbditos fieis. Paulatinamente, os cristiáns persas e armenios adoptan o nestorianismo. Contra el rebélase dende Sistan o seu irmán maior Peroz I.

logo da morte de Meroveo, Childerico I, probablemente fillo seu, é rei dos francos salios. Aegidius contén os seus intentos de expansión no norte de Gallia e opera contra el na beira esquerda do Rhin, na zona de Colonia. Childerico I aséntase en Tournai.

Teodorico II envía un exército á Baetica; Sabinus, o bispo relegado vinte anos atrás polos suevos, volve a Hispalis e retoma a posesión da sé.

decembro, 28: logo de meses sen emperador Maioriano é nomeado augustus en Ravenna no campo ad Columellas. Unha situación explicable polo desexo de León I de seguir exercendo autoridade sobre o oeste e polas poucas gañas de Ricimer de someterse a un augustus. Ravenna ten control efectivo só sobre Italia, Dalmatia e territorios no norte de Gallia.

novella 1 de Maioriano: Erid apud nos cum parente patrioque nostro Ricimere rei militaris pervigil cura. Romani orbis statum, quem communibus excubiis et ab externo hoste et a domestica clade liberavimus, propitia divinitate servemus. Exprésase que ambos personaxes exercerán responsabilidades militares.

Nepociano e o novo magister militum per Gallias Aegidius reciben tamén importantes responsabilidades militares.

Sidonio acepta a autoridade de Maioriano e incluso o recibe na súa casa cando este visita Lugdunum, incluso recita un panexírico na súa honra. Recibe o título de comes.

Skandagupta vence os hephtalitas e preserva o reino Gupta unha vez máis.

Maioriano reclama a súa autoridade sobre Hispania. O control da diocese exérceno agora tropas godas. Neste asunto Maioriano está forzado a entenderse con Teodorico II, que inda non o recoñece. Quizás as súas intencións son incrementar os territorios en Gallia baixo o seu control directo, quizás simplemente exprese resentimento ao non ser considerada a súa opinión como fora no caso de Avitus.