Amosando publicacións coa etiqueta Axiulfo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Axiulfo. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de outubro de 2016

batalla do Urbicus, regnum destructum et finitum est suevorum?

en 455 varios acontecementos alteran fondamente os precarios equilibrios existentes na pars occidentis do imperio romano: Valentiniano III é asasinado por bucellarii de Aetius, e Petronius Maximus e Avitus sucédeno de xeito efémero.

en Hispania os suevos vense así liberados dos seus compromisos con Ravenna e invaden Carthaginensis. En resposta, para que os suevos respecten a 'legalidade' imperial, Avitus envía o comes Fronto. O rei godo de Tolosa, Teodorico II, tamén envía aos seus propios legados. Sen embargo, os suevos fan caso omiso e incluso entran en Tarraconensis, inda ferreamente suxeita ao imperio. Unha nova embaixada goda en 456 é seguida doutro ataque suevo sobre a mesma Tarraconensis, con saqueo e toma de numerosos prisioneiros.

Hispania en 456
www.ciudaddelastresculturastoledo.blogspot.com
desde o inicio do seu reinado Reckiario en 449 trata de reforzar a súa posición casando cunha filla de Teodorico I, pai de Teodorico II: aos godos convenlles ter un aliado máis no taboleiro imperial e para os suevos contar co apoio godo é garantía da estabilidade para as posicións que obtiveran en Lusitania durante o reinado de Rechila, pai de Reckiario.

sen embargo, á volta da viaxe a Tolosa para o casorio en 449 Reckiario devasta territorios na Tarraconensis, sendo esta unha máis das accións depredatorias que caracterizan o modus operandi suevo na época. Reckiario tamén semella alcanzar un pacto con Basilio, líder da bacauda en Hispania, que ataca e debilita o poder romano en Tarraconensis. Este feito choca cos intereses romanos e, por ende, godos (o ataque da bacauda a Tarazona acaba co destacamento godo na cidade).

os acontecementos de 455 son movementos erráticos e quizás so pretendan obter botín que reforce o papel do rei e os seus nobres aproveitando unha situación que xulgan favorable. Reckiario e os seus semellan considerarse inmunes, vista a situación de fonda crise que atravesa o poder central.

A actitude de Teodorico II, enviando unha nova embaixada conciliadora, semella darlles a razón. O godo tamén semella convencido de ser quen de controlar a seu cuñado mediante acordos diplomáticos. Sen embargo, Reckiario non avalía correctamente a situación porque, por mandato de Avitus, no verán de 456, Teodorico II reúne un gran exército en Gallia e marcha cara Hispania.

ao tratarse dunha expedición encabezada directamente polo rei, os distintos aristócratas propietarios de exércitos privados farían parte da expedición. Sen embargo, esta integración nom faría desaparecer as diferenzas entre as distintas unidades e os intereses dos seus dirixentes. Pode que Reckiario contara, nos seus cálculos, coas dificultades de harmonizar os diferentes señores godos. Tampouco é un desatino supor que contase con apoio de parte da nobreza goda e que confiara nisto para neutralizar ou atenuar calquera acción hostil.

a expedición de Teodorico ten un dobre obxectivo: facer cumprir a legalidade imperial, quebrando a expansión sueva, e obter botín. En ningún momento se tenta ampliar a zona de asentamento godo buscando terras en Hispania: o que logo sucede non da a entender interese algún polo control directo do territorio suevo.

Hydacio nom detalla o itinerario seguido por Teodorico na súa marcha mais nom é difícil supor que seguiría a vía romana entre Burdigala e Asturica. Nom sabemos o día de inicio da expedición nim cantos homes marcharon (Hydacio: cum ingenti exercitu suo, inda que serían varios milleiros, posiblemente o maior continxente militar godo en Hispania desde que Walia marchara a Tolosa. O volume das tropas debeu ocasionar problemas loxísticos durante a marcha.

a marcha cara Hispania iniciaríase a finais de xullo ou inicios de agosto, e faríanse pausas en varias cidades de Tarraconensis para valorar as consecuencias dos saqueos suevos da primavera e asegurar os continxentes godos nelas.

campaña de Teodorico II contra Reckiario
www.condadodecastilla.es
finalmente, o 5 de outubro de 456, venres, nas ribeiras do Órbigo, a doce millas de Asturica, un gran número de suevos son abatidos no curso dunha batalla campal, outros son feitos prisioneiros. Moitos foxen co propio Reckiario, ferido, que apenas pode facer outra cousa que escapar ás rexións máis distantes de Callaecia.

chama a atención o escaso quebranto que semellan padecer as tropas de Teodorico, e máis tendo en conta que o número de suevos nom era inferior (cum multitudine Suevorum). O éxito godo debeu ser produto dunha maior experiencia en enfrontamentos militares recentes, coma contra os hunos de Atila en 451.

reconstruír as condicións nas que se puido desenvolver o combate é ilusorio. A referencia ás tropas de Teodorico como ingenti exercito suo e ás de Reckiario como multitudine suevorum nom é abondo para deducir que se enfrontaron un exército en orden (o godo) e un conglomerado popular desorganizado (o suevo).

fuxido Reckiario cara o interior de Callaecia (ad extremas sedes), Teodorico saquea Bracara o 28 de outubro, 'humillando' tanto a romanos como a suevos. Hydacio nom esperaba as vexacións infrinxidas á poboación romana, ás virxes consagradas, aos cregos e aos lugares sagrados. Ao cabo os godos actúan en nome de Roma e o cronista espera unha acción civilizada, unha liberación da súa provincia.

Reckiario, refuxiado en Portus Cale, quizá coa pretensión de fuxir por mar, é capturado e o rei godo manteno prisioneiro por un tempo. O entorno próximo ao rei debeu ser agora masacrado; el mesmo é executado en Bracara en decembro. A conclusión do cronista nom pode ser máis clara: regnum destructum et finitum est suevorum.

Teodorico impón como rexente da Callaecia ao hérulo Axiulfo, e marcha a Lusitania. Sen embargo, os feitos desmenten a Hydacio porque a maioría dos suevos nom recoñecen a autoridade do hérulo e cando Teodorico debe regresar precipitadamente a Gallia debido á morte do propio emperador Avitus, proclaman a Framtán, fragmentándose a provincia en dúas partes.

no propio ano 457 Maldra, outro suevo, reunifica o 'reino', pero é asasinado en 459 nunha conxura, xurdindo dous novos rexentes Frumario e Remismundo (fillo de Maldra), quen en 463 pasa a reinar en solitario ata 469. Os suevos seguiron controlando Callaecia algún tempo máis. Os vaticinios de Hydacio nom se cumpren totalmente, e el mesmo inda vive para comprobalo.

sábado, 16 de febreiro de 2013

456

representación de Reckiario

Avitus, cónsul sen colega en oriente.

xaneiro, 1: en Roma Avitus accede ao consulado nunha cerimonia onde Sidonio le un panexírico na súa honra composto para a ocasión. A cambio Avitus ordena erixirlle unha estatua de bronce no forum Traianum.

Avitus busca recoñecemento oficial por parte de Marciano, pero non chega.

en Carthaginensis os suevos reinician as súas incursións. Reckiario insiste en non recoñecer a autoridade de Avitus.

importantes reparacións no encoro de Ma’rib (Yemen) segundo unha inscrición.

os vándalos atacan Córcega e Cerdeña. Marciano tenta que cesen estes ataques enviando unha embaixada a Carthago.

Avitus nomea magister militum a Ricimer (por detrás de Remistus), que recruta un exército e unha flota con mercenarios xermanos. Coa flota derrota os vándalos nas proximidades de Córcega. Tamén os derrota en terra en Agrigentum (Sicilia).

o éxito fortalece a Ricimer; el e Maioriano, comes domesticorum, deciden tomar a iniciativa. É dubidoso se actúan conxuntamente porque comparten intereses ou porque comparten ambicións. Quizás entenden que precisan apoiarse mutuamente en contra de Avitus, inda que só coxunturalmente.

a pesar das repetidas protestas de dúas embaixadas conxuntas de Avitus e Teodorico II, Reckiario estende as súas accións tamén por dúas veces consecutivas á propia Tarraconensis.

Ricimer vese impotente para frear novos ataques vándalos; esta vez na propia península, onde atacan e destrúen Capua.

tropas romanas reprimen disturbios en Armenia.

en Roma a situación de Avitus é cada vez máis feble. Non conta co apoio da aristocracia italiana nin tampouco do pobo. Cúlpaselle da carencia de alimentos e de incapacidade de frear os ataques vándalos. A decisión imperial de pagar as súas tropas godas co bronce tirado de edificios e estatuas públicas tampouco axuda. Prodúcense disturbios, atizados por algúns senadores. Vese forzado a prescindir de tropas galas e os seus bucellarii godos, que son licenciados e deben volver a Gallia, deixándoo máis desprotexido.

Ricimer e Maioriano son autorizados polo Senado a emprender accións militares contra o propio emperador.

Patricio abandona Britannia cara Hibernia para estender o catolicismo.

os anglo-saxóns convocan os britanos en Stonehenge para negociar unha paz pero atácanos e masacran a case todos os asistentes.

ás costas de Callaecia (quizás zona luguesa) chegan sete naves. Delas baixan 400 homes con armas lixeiras que se enfrontan a un grupo de homes do país que lles sae ao paso, ponos en fuga, morrendo unicamente dous dos atacantes, que se retiran aos seus barcos, fuxindo e saqueando as costas de Cantabria e Vardulia de camiño de regreso a Gallia. Quizás é un dos ataques periódicos dos herulos contra a costa atlántica entre 450 e 460; quizás un ataque godo deliberado, ordenado por Teodorico II para sementar o pánico na retagarda de Reckiario.

os burgundios inician acción fóra de Sapaudia.

prodúcese o “latrocinio de Braga”, una acción da bacauda (Hyd., Chron., 179: in conuentu parte Bracarensis, latrocinantum depraedatio perpetratur); a bacauda estende accións ata Callaecia logo das matanzas de Frederico en 454 ex auctoritate romana.

barcos cargados de produtos orientais chegan a Hispalis e os mercadores difunden a noticia da vitoria de Marciano sobre os lazas. As rutas entre occidente e Constantinopla seguen abertas, e desempeñan un papel prioritario na transmisión de información. Ao parecer tamén seguen abertas as rutas dende os portos orientais a Britannia, atravesando as columnas de Hércules. O autor da biografía do patriarca de Alexandría Xoan III o esmoleiro (610-619) describe a chegada dun barco desta cidade ás costas británicas a comezo da segunda década do século VII. Os comerciantes bizantinos que se dirixen ao Atlántico, van na procura de estaño, que intercambian por grao exipcio.

Ricimer ataca a Remistus en Ravenna. Este foxe cara Classis e é asasinado no pazo.

setembro: Teodorico encabeza un exército baixo as aguias de Avitus cara Hispania seguindo as vías dende Burdigalia a Asturica. No exército habería continxentes burgundios, segundo Jordanes. A expedición pretende principalmente quebrar substancialmente o poder suevo.

setembro: Avitus foxe a Arelate. Tenda pedir axuda a Teodorico pero este xa está de cara a Hispania e volve a Italia coas forzas que pode reunir en Gallia.

masacre de monxes monofisitas de Nablus a causa dos samaritanos por encargo do patriarca de Xerusalem.

setembro, 7: tremor de terra en Savaria (antiga Szombathely, no estremo oeste de Hungria) que destrúe a cidade.

despois da morte de Quodvultdeus en Neapolis, onde estaba exiliado, Gaiserico non permite que se nomee a ninguén como novo bispo de Carthago.

outubro, 5: batalla do río Urbicus, próximo a Asturica (doce millas). Teodorico e Reckiario enfrontan as súas forzas. As suevas son desbordadas e moitos foxen do campo de batalla, incluído Reckiario, que está ferido: Mox Hispanias rex Gothorum Theodoricus cum ingenti exercitio suo et cum uoluntate et ordinatione Auiti imperatoris ingreditur: cui cum multitudine Suevorum rex Richiarius occurens duodecimo de Asturecensi urbe miliario ad fluuium nominee Vrbicum III non. Octubris, die VI feria, inito mox certamine superantur. Caesis suorum agminibus, aliquantis captis plurimisque fugatis ipse ad extremas sedes Gallaciae plagatus uix euadit ac profugus). Pero Teodorico non se conforma e semella intención de eliminar significativamente o poder suevo. Diríxese ao corazón dos asentamentos suevos.

posible establecemento do limes visigodo: unha serie de prazas fortes ou campamentos fortificados (castella e castra), unha segunda liña de cidades importantes ben fortificadas e a miúdo lugares onde se acuña moeda e, finalmente, unha gran vía de comunicación estratexicamente organizada arredor destes puntos fortificados.

outubro, 17/18: Avitus é derrotado nunha sanguenta batalla en Placentia. É capturado e perdóaselle a vida e resulta ordenado bispo da cidade. Sen embargo, non se sinte seguro e decide fuxir cara Gallia. Morre no camiño (uns din que asasinado, outros de fame).

semella que a deposición de Avitus non foi mal vista por Constantinopla. Ricimer, a diferenza de outros, non é patricius por obra dun emperador occidental a quen debera o ascenso e a quen estivera ligado. Recibe o rango de León I, pero logo de recibilo, consérvao durante os réximes de varios emperadores occidentais sucesivos. No seu caso o rango de patricius adquire unha condición independente.

igualmente, desdeñará o rango de consul (só un ano, 459). O consulado representa vincularse ao réxime. O segundo e terceiro consulado eran prerrogativa da familia real. Para Ricimer isto xa carece de significado. Igual que logo Odoacro e Teodorico o grande, que nunca foron cónsules.

outubro, 28: Teodorico segue a vía Nova (Astorga-Bierzo-Xurés) e chega a Bracara, que non se pode defender e é saqueada: Theuderico rege cum exercito ad Bracaram extremam ciuitatem Gallecia pertendente V kal. Nouembris, die domenico, etsi incruenta, fit tamen satis maesta et lacrimabilis eiusdem direptio ciuitatis. Profánanse basílicas, destrúense altares, secuéstranse as virxes de Deus e os cregos resultan espidos (róubanlles a súa roupa de culto, quizá vinganza polo apoio de Reckiario ao catolicismo). Permanece na cidade varios meses, quizás utilizándoa como base dende a que ir atallando a resistencia sueva en Callaecia.

novembro/decembro: capturan a Reckiario en Portus Cale, trasládano a Bracara e axustízano alí en decembro: Rechiarius ad locum qui Portum Cale appellatur profugus regi Theuderico captious adducitur – Occiso Rechiario mense Decembri. Para Hydacio, isto supón a fin do reino suevo: regnum destructum et finitum est Suevorum. Quizás Teodorico non se sente tan dono da situación.

Aegidius, magister militum no norte de Gallia.

finais de ano: Teodorico nomea a un tal Axiulfo goberna­dor do reino suevo e entra en Lusitania, onde Emerita tamén fora base real sueva. Considera saquear tamén esta cidade, debido á súa resistencia. Finalmente non o fai e instala alí un campamento de inverno. Segundo Isidoro (Historia de regibus gothorum, vandalorum, sueborum) fronte aos muros de Mérida, retírase sen saquearla, ante un prodixio que o aterroriza con horribles visións e que piadosamente se atribúe a Eulalia, protectora da cidade.

no entanto, Callaecia sofre as secuelas inevitables da guerra e os axustes de poder: un aumento de bandidos e a reorganización a pequena escala dos suevos sobreviventes.

Teodorico cumpre a súa misión cum uoluntate et ordinatione Auiti imperatoris: destrúe o reino suevo e reintegra as provincias ao control romano. A capital diocesana volve a control imperial en moitos anos.

morre Anko logo de dez anos no trono. É asasinado por Mayowa no Okimi en represalia pola morte de seu pai. Yuryako, irmán e Anko, é o novo emperador de Xapón.