Amosando publicacións coa etiqueta Bleda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bleda. Amosar todas as publicacións

venres, 5 de outubro de 2012

445

representación de Leon I, bispo de Roma

Valentiniano III e Nonus, cónsules.

Petronio Máximo nomeado patricius. Vai adquirindo poder e convértese en rival de Aetius.

León I busca estender a súa autoridade a Hispania e Gallia. Emite escritos contradicindo a autoridade de Hilario de Arelate, que semella controlar a igrexa gala.

Hydacio e Toribio tratan de erradicar os maniqueos en Asturica, xulgándoos e informando a Antoninus de Emerita. Toribio escribe a León I pedindo consello.

Hydacio nunca menciona o bispo de Bracara, sé metropolitana de Callaecia. Debe haber unha causa política: ou interferencia e colaboración sueva co bispo ou hostilidade de Hydacio cara el.

Chlodio amplía o seu territorio dende Toxandria ata o Somme. É derrotado por Aetius, que acorda un tratado con el.

Bleda morre nun accidente de caza, quizás instigado por Atila, que se converte no único rei dos hunos. Bleda, ao parecer exercía unha influencia moderadora sobre Atila. Verdade ou mentira, Atila inicia movementos máis agresivos.

edicto de Valentiniano III confirmando o primado de Roma sobre occidente (Italia, sur de Gallia, Hispania, norte de Africa, Britannia). Os bispos de Roma, en canto sucesores do apóstolo Pedro, son vicarius christi, quedándolles reservada a máis alta xurisdición, a administración suprema e o sumo maxisterio.

en Narendrasena (India) o rei Vakatak inicia o seu mandato. Sepárase do imperio Gupta e logra expulsar os invasores Nala, matando a Arthapati, o seu rei, e apoderándose do seu territorio (Mekala). Ocupa a Malwa.

Flavio Orestes, un aristócrata de Savia ofrece os seus servizos a Atila e instálase na corte coa súa dona, filla do dux de Noricum, Romulus. Faise o máis influínte dos catro secretarios romanos que ten Atila.

xuño, 19: outro edicto de Valentiniano III condena os maniqueos.

Domnus II, patriarca de Antioquía, convoca un sínodo de bispos sirios para confirmar a deposición de Athanasius de Perrha.

aumento da actividade da bacauda no tractus armoricanus.

sábado, 22 de setembro de 2012

442

Africa
www.cassiciaco.it

Dioscorus e Eudoxius, cónsules.

os hunos xa posúen capacidade tecnolóxica para atacar cidades fortificadas: saquean e toman Margus, Naissus, Serdica e Arcadiopolis. A escaseza de tropas imperiais (destacadas contra os vándalos) fai que cheguen ata Adrianopolis e Heracleia, case ameazando Constantinopla. Aspar volve apresuradamente de Sicilia e planta cara no Quersoneso (primeiro enfrontamento huno – romano a gran escala) pero é derrotado. Teodosio II solicita novas negociacións.

Zerkon, un anano mauretano na comitiva de Aspar, é capturado por Bleda, que aprecia as súas dotes humorísticas. Á morte de Bleda é rexeitado por Atila, que llo ofrece a Aetius, que o manda de regreso con Aspar. Aconsellado por Edecón, Zerkon volverá en 449 onde os hunos cunha comitiva romana para recuperar (sen éxito) a muller que lle fora concedida por Bleda.

novos asentamentos de foederati en Gallia.

Valentiniano III recoñece, coa aceptación de Constantinopla, o dominio vándalo sobre un territorio inda maior: devólvense Mauretania e Numidia ao imperio (zonas exhaustas e depredadas) pero Gaiserico ve recoñecida a súa autoridade sobre Africa Proconsularis e Byzacena (inda ricas) co que controla todas as terras ao oeste de Tripolitania. Os romanos recoñecen o reino vándalo coma un territorio independente, xa non subsidiario ou independente dos romanos.

Gaiserico confisca propiedades e exime de impostos aos propietarios vándalos. Só é rei dos vándalos, mentres que os cidadáns romanos seguen rexidos polas súas leis. Seguen desterros de boa parte do clero católico é desterrada, para debilitar a acción romana.

Hunerico comprométese coa filla de Valentiniano III, Eudocia. Hunerico estaba casado cunha filla de Teoderico I, pero seu pai acúsaa de querer envelenalo: a princesa goda é mutilada e é enviada de volta a seu pai a Tolosa, sen orellas e sen nariz.

Gaiserico, a pesar de todos estes éxitos, ten que facer fronte a unha revolta dalgúns nobres vándalos, que rexeitan a súa xefatura única.

Asterius, magister utriusque militiae, distínguese na represión da bacauda en Tarraconensis.

en Roma constrúese a basílica de san Pedro en Vincoli, por desexo da emperatriz.

o archimandrita Shenouda funda o Mosteiro Branco, próximo a Sohag (Exipto).

Eógan mac Néill, fundador do reino de Ailech, en Hibernia, é bautizado por Patricio. É o primeiro rei católico da illa.

concilio de Vaison (Gallia). Armentario, bispo presente na reunión, é o máis antigo coñecido desa sé.

Yazdgerd II emprende campañas contra os hunos kidaritas.

venres, 21 de setembro de 2012

441

perímetro da Hispalis romana, sobre o rueiro da
actual Sevilla,
http://geografiadesevilla.wordpress.com/evolucion/ 

Cyrus de Panópolis e Seleucus, cónsules.

morre Hermerico, e Rechila goberna xa en nome propio. Colle caro o norte dende o sur de Lusitania e toma Hispalis (Baetica), posiblemente en conivencia cun sector da aristo­cracia local. Sabinus, bispo de Hispalis, é expulsado e substituído por Epifanius, cuxa ordenación é rexeitada por Hydacio por “fraudulenta”. Epifanius cooperaría cos suevos, en interese mutuo. Isto confírmase en 458 coa volta de Sabinus a Hispalis dende Gallia (sé do poder godo), logo de que Teodorico II, en nome de Avitus, reconquiste Hispania para o imperio.

Rechila conseguirá exercer a súa potestas tamén sobre Baetica e Carthaginiensis inda que é complexo saber ata onde chega esta autoridade. Non conquista as provincias de maneira sistemática. En realidade, semella que a maioría do continxente suevo ten base en Emerita e a conquista é puramente nominal.

a administración imperial nestas provincias cesa co beneplácito, ou incluso colaboración, de potentes intereses provinciais. Os líderes relixiosos e militares pugnan, apoiándose e enfrotándose uns noutros, por lograr os seus propios fines nun contexto onde o poder imperial é cada vez máis feble.

os apoios suevos son variados: a poboación explotada económica e socialmente polo sistema, os priscilianistas (arraigados en Callaecia) e a bacauda. O clero está fortemente dividido, cun gran continxente próximo ao priscilianismo. Algúns bispos (como Ortyginus) son depostos e outros apoian os suevos (Symphosius).

Symphosius actúa como embaixador en representación de intereses suevos. Isto non é unha interferencia planificada polos suevos (Hydacio mencionaría a perfidia sueva); máis ben reflectiría que non todos os provinciais ou honestiores tiñan friccións cos suevos ou estaban interesados en expulsalos. En efecto, en 446 Vitus será enviado para represaliar os provinciais que colaboraran cos bárbaros.

só Tarraconensis está baixo a órbita imperial, quizás co apoio de foederati godos, dependentes ou non de Tolosa. A situación é sutil: a autoridade imperial sobrevive pero ten que competir con outros centros de poder; un cambio que se vai estender a toda pars occidentalis. Porén, Aetius xa consolidara a súa posición en Ravenna e estabilizara Gallia e, por tanto, está en disposición de volver prestar atención a Hispania.

a primeira prioridade é a bacauda, que tamén xorde en Tarraconensis (ameazadas Araceli e Tarazona) en coincidencia coa gala (conducida por Tibatón entre o Loira e o Sena).esta localización fai pensar en conexións coas poboacións vascas, que se atopan en periodo de migración e expansión nos territorios da actual Euskadi e na Novempopulania; un proceso que acabará a finais do s. vi.

conexións aparte, as poboacións vascas e a bacauda coincidirían en oporse ao mundo tardorromano. Así, non é raro que o goberno imperial, agora algo máis libre en Gallia, trate de eliminar estas revoltas de xeito enérxico. Esta é unha ameaza máis grave que os suevos porque destrúe a base do control imperial. Asturio, magister utriusque militiae, é enviado á península comandando un poderoso continxente militar.

os saxóns asentados na boca do Támesis rebélanse e parte de Britannia sofre as consecuencias. Vortimer (fillo de Vortigern) derrótaos en catro batallas en Kent. Os enfrontamentos xeneralízanse por toda a illa (crónica Anglo-saxona).

primavera: Teodosio II organiza unha expedición contra os vándalos: as tropas proceden da fronteira do Danubio, mandadas por Areobindus, Ansilas, Inobindos, Arintheo e Xermano e transportadas por 1100 navíos. Gaiserico reacciona e pretende negociar cando as tropas están xa en Sicilia. Finalmente o ataque persa no leste desbarata os plans e as tropas deben retirarse para reforzar o Danubio e a fronteira leste.

Domnus sucede a seu tío Xoán coma patriarca en Antioquía.

primavera – inicio de verán: Bleda e Atila rompen negociacións con Senator, embaixador oriental e coordinan un ataque contra o imperio de Oriente, cruzando o Danubio. Bleda ocupa Sirmium, fai prisioneiros aos seus moradores e progresa cara o norte: a Pannonia secunda é agora huna. Atila saquea e ocupa Ratiaria.

o bispo de Sirmium consegue que o tesouro da catedral atravese as liñas hunas durante o asedio coa complicidade de Constancio, secretario de Bleda e orixinario de Galia. Con ocasión dunha visita oficial a Roma son deixados a cargo de Silvanus, banqueiro. Bleda empala o bispo por traizón e Atila reclamará estes bens durante as negociacións de 450.

Hunixis, ministro de orixe greco–latina de Bleda, fai construír unhas termas en Sirmium, próximas ao seu palacio, logo do asedio e toma da cidade.

Yazdgerd II rompe a tregua de seu pai con Teodosio II e ataca Teodosiopolis e Satala. Porén, Anatole, magister militum per orientem resiste e acorda un novo tratado de paz.

outono – inverno: o apartamento de Pulcheria senta un precedente. Téndose desfeito da interferencia dunha augusta, Chrysaphius pretende facelo coa otra. Eudocia está a punto de abandonar a corte. Evidencia disto sería unha pasaxe da Suda, que se apoiaría na testemuña do historiador Priscus, contemporáneo aos feitos; e todo en relación á figura de Cyrus de Panopolis, prefecto do pretorio do leste e praefectus urbi en Constantinopla.

en agosto Cyrus inda obstenta os seus cargos pero é rapidamente relegado a un escuro e distante bispado frixio. Chrysaphius debeu convencer a Teodosio II que Cyrus se podía constituír nun rival poderoso a ollos do pobo e argallou o affair con Eudocia para relegalo. Eudocia tamén sae defenestrada cara Palestina a finais de ano.

terras desertas en torno a Valentia son concedidas a un continxente de alanos comandado por Sambida. A pretensión é seguir a estabilizar a zona e liberar recursos para solucionar as revoltas da bacauda.

concilio de Orange: asiste un tal Agrestius, quizás bispo de Lucus, autor da obra de fide. Busca apoio en Gallia contra o priscilianismo, endémico en Callaecia: ao pretender apoio tería que dar testemuña da súa ortodoxia e é neste contexto onde a composición referida cobra o seu sentido.

tamén se tratan cuestións de autoridade en Callaecia: dous dos seus rivais, Syagrius e Pastor, ían ser ordenados de xeito inadecuado por outras faccións cristiás; as diferenzas tamén poden estar en relación con asuntos de xurisdición (uso do distrito xudicial ou conventus) en Hispania.

a apelación de Agrestius ao concilio é benvida por Hilario de Arelate e os seus partidarios, que poden alegar que a súa autoridade é respectada tamén en Hispania; tamén os leigos, Eparchius Avitus á cabeza, saen reforzados ao amparar a ortodoxia de Agrestius.

mércores, 15 de agosto de 2012

435

crismón, un dos símbolos
cristiáns por excelencia

novo consulado conxunto de Teodosio II e Valentiniano III.

febreiro, 11: logo de tratar de contelos nos límites da Proconsularis Ravenna negocia cos vándalos e asina un tratado non que se lles recoñece como foederati e nesa calidade recoñece tamén as súas conquistas: Mauretania e parte de Numidia. O imperio controla Carthago e as provincias orientais de Africa. No tradicional intercambio de reféns, Hunerico, fillo maior de Gaiserico, é enviado a Ravenna.

febreiro, 19: acordo secreto entre Aspar e Gaiserico para concluír a campaña oriental en Africa; Carthago é abandonada á súa sorte.

Hippo Regius constitúese en base de operacións navais para os vándalos. Gaiserico establece unha ruta comercial entre Italia e Africa; aproveita a paz para fortalecerse.

Ibas convértese en bispo de Edessa, en sucesión de Rabbalu; aproximarase aos nestorianos (predica “herexías” en público) e sendo a súa cabeza en Mesopotamia.

os burgundios de Gondicaro entran en Belgica, de onde son desaloxados por Aetius.

agosto: Xoán de Antioquía quéixase a Teodosio II de disturbios ocasionados polos nestorianos. Teodosio prohibe a prédica de doutrinas nestorianas.

agosto, 3:  a petición de Pulcheria, Teodosio II ordena o exilio contra Nestorio dende o seu retiro no mosteiro de Antiochia, onde se encontraba libre e activo logo da súa renuncia ao bispado, a Petra en Palestina Tertia.

agosto, 9: Casper II acada o trono da cidade de Palenque.

setembro, 5: Aetius recibe o título de patricius en Ravenna.

novembro, 14: lei de Teodosio II (dirixida a Leoncio, prefecto de Constantinopla) contra heréticos e pagáns e sobre os templos antigos.

nela pódense diferenciar tres partes. Na primeira, despois de evocar como fundamento a condena de Nestorio –damnatus–, descualificar a súa teoloxía como unha superstición propia de monstros –o adxectivo portentuosus pretende connotar a deformidade animal dos seus seguidores, a súa separación da racionalidade humana– e execrar o seu nome coa nota de infamia, ordénase que os seus seguidores deixen de chamarse cristiáns e que sexan chamados simonianos, por ter imitado o crime de Simón desertando de Deus.

sería o reflexo legal de considerar a cristoloxía de Nestorio como una herexía e o acto formal de incorporación do nestorianismo ao catálogo de herexías prohibidas e perseguidas. Pero sobre todo, a lei fai pública a condena ao silencio de Nestorio e a súa estigmatización social por parte de Teodosio II, que desexa manter a alianza con Alexandría tras non poder alcanzar unha verdadeira reconciliación.

decreta a pena de morte para todos os heréticos e pagáns. Aparte da ortodoxia, só o xudaísmo ten carácter legal.

tamén se ordena expresamente a destrución dos templos ou que sexan purificados mediante a colocación do signo da cruz, que “se cristianicen” transformándoos así en edificios que, inda que manteñan o seu aspecto anterior, estean desprovistos de toda connotación pagán; é dicir, purificalos e cristianizalos sen necesidade de transformalos en igrexas: venerandae christianae religionis signi expiari praecipimus.

nunha columna do templo de Concordia (r/Holguín) de Emerita hai un crismón. M. Alba di: “cun sentido claramente purificador foi repicado un crismón con lenda de factura improvisada e considerable tamaño, nunha moldura do templo”. A tentación de asociar este signo coa lei anterior é bastante razoable e teríamos aquí un exemplo do seu cumprimento.

decembro, 10: mención de celebracións con motivo da fin dun período katun segundo o calendario maia (9.0.0.0.0).

tratado de paz de Margus: Bleda e Atila arrancan condicións moi vantaxosas aos negociadores de Constantinopla, o quaestor Epixenes e Plinthas. Entre outras, os romanos non buscarán aliarse con outros bárbaros contra os hunos; duplícase o pago anual (de 350 a 700 libras de ouro) a cambio de paz.

decembro, 20: concédense poderes á comisión que estuda a lexislación para concluír o estudo e formar o codex legal.

Tibatto dirixe unha sublevación da bacauda na Armorica, que se retroalimenta cunha alta taxa de delincuencia e asaltos na zona do noroeste de Gallia.

Próspero de Aquitania escribe capitulla, unha listaxe de dez puntos doutrinais que defende a eficacia e necesidade da graza de Deus, cadanseu defendidos separadamente por declaracións papais. Defende a Agostiño e a súa doutrina sen nomealo. Outras obras compostas no período de Sixto III: sententiae (colección de 92 máximas que corren paralelos a escritos de Agostiño) e epigrammata (compilación de 106 epigramas de florilegium) – ambos concibidas coma libros de texto para os fieis cristiáns discutindo as doutrinas da encarnación e da graza. As florilexia mostran influencia monástica, urxindo ao lector a ser paciente na adversidade, acompañándose da virtude e intentando constantemente alcanzar a perfección. liber contra collatorem, opinión final de Próspero no problema da necesidade da graza, escrito en resposta á conferencia XIII das colationes de Xoan Casiano. carmen de providentia Divina, no que o problema da providencia se discute no contexto da creación do mundo por Deus e en relación á invasión da Gallia por vándalos e godos.

comezo da construción de Chichén Itzá.

morre Xoán Casiano. Tamén o historiador Philostorxio.

martes, 14 de agosto de 2012

434

solidus coa efixie de
Justa Gratia Honoria, augusta pola man de Deus

Aspar e Aerobindus, cónsules.

xaneiro: Máximo convértese en bispo de Riez. Fausto sucédeo na abadía de Lerins.

Ruga mobiliza tropas para atacar Thracia, pero morre durante a expedición por causa dun lóstrego; sucédeno conxuntamente os seus sobriños Bleda e Atila. Constantinopla prepárase para o asedio.

abril, 12: Maximiano morre; sucédeo Proclus coma patriarca de Constantinopla.

Xusta Grata Honoria, irmá maior de Valentiniano III, queda embarazada dun oficial ao seu servizo. A relación convulsiona a corte, onde certos círculos asumen que Honoria quere elevar ao seu amante ao rango imperial e apartar a seu irmán. Valentiniano III ordena a execución inmediata do militar.

Gaiserico derrota a flota de Aspar, que se retira a Constantinopla con grandes perdas.

nace Xulio Nepos (futuro augustus) en Dalmacia, fillo de Nepociano.

outubro, 23: data dun contorniato coa efixie de Valentiniano e a lenda d(ominus) n(oster) Pla(cidus) Valentinianus p(erpetuus) f(elix) Aug(ustus) no anverso; no reverso o interior do Circo Máximo (onde transcorren unha venatio e un munus) e a lenda vota xx; é dicir, o medallón emitiuse para celebrar os decennalia de Valentiniano. Esta é a última proba concluínte da celebración de munera. Estes xogos celébranse no Circo Máximo porque o Coliseo está sendo reparado coma consecuencia do tremor de 429.