martes, 14 de agosto de 2012

434

solidus coa efixie de
Justa Gratia Honoria, augusta pola man de Deus

Aspar e Aerobindus, cónsules.

xaneiro: Máximo convértese en bispo de Riez. Fausto sucédeo na abadía de Lerins.

Ruga mobiliza tropas para atacar Thracia, pero morre durante a expedición por causa dun lóstrego; sucédeno conxuntamente os seus sobriños Bleda e Atila. Constantinopla prepárase para o asedio.

abril, 12: Maximiano morre; sucédeo Proclus coma patriarca de Constantinopla.

Xusta Grata Honoria, irmá maior de Valentiniano III, queda embarazada dun oficial ao seu servizo. A relación convulsiona a corte, onde certos círculos asumen que Honoria quere elevar ao seu amante ao rango imperial e apartar a seu irmán. Valentiniano III ordena a execución inmediata do militar.

Gaiserico derrota a flota de Aspar, que se retira a Constantinopla con grandes perdas.

nace Xulio Nepos (futuro augustus) en Dalmacia, fillo de Nepociano.

outubro, 23: data dun contorniato coa efixie de Valentiniano e a lenda d(ominus) n(oster) Pla(cidus) Valentinianus p(erpetuus) f(elix) Aug(ustus) no anverso; no reverso o interior do Circo Máximo (onde transcorren unha venatio e un munus) e a lenda vota xx; é dicir, o medallón emitiuse para celebrar os decennalia de Valentiniano. Esta é a última proba concluínte da celebración de munera. Estes xogos celébranse no Circo Máximo porque o Coliseo está sendo reparado coma consecuencia do tremor de 429.

Ningún comentario:

Publicar un comentario