Amosando publicacións coa etiqueta Afonso III. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Afonso III. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de xullo de 2013

xiii. monarquía de león

Ordoño II
100. Orixe do reino de León. A monarquía de Asturias tiña ampliado considerablemente as súas fronteiras, e trasladou a súa corte a León, a fin de que a capital do seu reino estivese máis no centro dos seus dominios.

O reino de León é, polo tanto, o mesmo reino de Asturias: só ten mudado de nome. O primeiro soberano que se titulou Rei de León foi García I, que só reinou tres anos, fillo de Afonso III o Grande de Asturias. (A monarquía de León comprende dende o ano 914 ao 1037).

101. Reis máis notábeis. Os reis de León máis notábeis son: Ordoño II, Ramiro II e Afonso V o Nobre.

Ordoño II batallou con sorte e valentía contra os moros, fortificou boa parte da ribeira do Douro e edificou a nova Catedral de León, cedendo para iso o seu propio palacio.

Ramiro II
Ramiro II derrotou a Abderramán III en varios encontros, apoderouse da praza de Madrid e levou as súas armas vitoriosas ata Toledo.

Afonso V o Nobre dedicouse a reparar os danos causados polas correrías de Almanzor e emprendeu a conquista de Portugal, morrendo no sitio de Viseu.

102. Importancia da monarquía de León. Os reis de León traballaron sen descanso na santa obra da Reconquista, e no período máis difícil da mesma, por canto o Califato de Córdoba era poderoso: Abderramán III e Almanzor semellaba que ían acabar cos reinos cristiáns, e, a pesar de todo isto, o Califato esborrállase cando a monarquía de León se estende uníndose a Castela.

Afonso V o Nobre
103. Progresos notábeis daquela época. Durante o goberno dos reis de León, celebráronse Cortes; concedéronse foros e privilexios aos pobos; creáronse os municipios; as riquezas e as artes tiveron prosperidade, e aumentou a riqueza pública.

104. Xuízo moi honroso. Di un historiador notable, que, se ben é verdade que a monarquía de Asturias creou a Patria, a de León creou a nacionalidade.

105. O Condado de Castela.  O terreo situado na prolongación oriental do reino asturiano – leonés, tomou o nome de Castela polos moitos castelos e fortalezas que nel se ergueron ao iniciarse a Reconquista, para impedir as correrías dos moros, e este territorio, dependente do reino de León, foi gobernado por Condes, xefes militares de autoridade case soberana. Un destes condes foi Fernán González, que rompeu completamente os vínculos que lle unían con León, erixíndose en Condado Independente.


a "súa" historia de España

xii. a reconquista

Paio
092. Despois da batalla do Guadalete. Os cristiáns que non quixeron someterse ao dominio dos árabes e non poucos que tiñan escapado con vida da derrota do Guadalete, refuxiáronse nas montañas de León, Galicia, Asturias e Provincias Vascongadas.

093. A Reconquista. Coñécese co nome de Reconquista, o espazo de tempo comprendido entre a invasión dos árabes, no ano 711, e a súa total expulsión, en 1492: a Reconquista durou, pois, case oito séculos.

094. Períodos en que pode dividirse a Reconquista. A Reconquista pode dividirse en cinco períodos: 1º, Monarquía de Asturias; 2º, Monarquía de León; 3º, Monarquía de Castela e León; 4º, Separación de Castela e León; 5º, Unión definitiva de Castela e León.

095. Sucesos principais do primeiro período. O primeiro período da Reconquista comprende tres sucesos memorables: a fundación do reino de Asturias, a fundación do reino de Navarra e a fundación do condado de Barcelona.
Afonso I

096. Fundación do reino de Asturias. Sete anos despois do desastre do Guadalete, Don Paio derrotou ao moros na famosa batalla de Covadonga, despois da que foi proclamado rei.

Borrados, antes o común perigo, os odios de raza entre godos e españois, fúndense nun só pobo cristián e xuran vencer ou morrer pola relixión e a Patria; recoñecen por caudillo a Don Paio: este os organiza para a loita, e, cando os moros se deciden a exterminar a aquel puñado de heroes, atopan un forte derrota nos arredores da gruta de Covadonga.

097. Reis máis notábeis de Asturias. Despois de Don Paio, os reis de Asturias máis notábeis son: Afonso I, Afonso II, Ordoño I e Afonso III.

Wifredo o Velloso
Afonso I, xenro de Don Paio, loitou sen cesar, chegando a dominar unha cuarta parte de España; Afonso II tomou Lisboa; estendeu o seu reino ata o Teixo, e o seu reino foi duradeiro e glorioso; Ordoño I gañou aos moros a sanguenta batalla de Clavixo, que é un dos feitos de armas máis notábeis da Reconquista. Afonso III, fillo e sucesor de Ordoño I, levou as súas armas ata o Guadiana e incorporou moitas terras á súa coroa.

098. Fundación do reino de Navarra. Ao mesmo tempo que Don Paio, as Provincias Vascongadas e Navarra, ou sexa, a Vasconia, que nunca tiña sido sometida, da o grito de independencia; os indomables vascos elixen por xefe a Garci-Ximénez, pelexan con ardor asturiano e botan as bases do reino de Navarra.

099. Fundación do Condado de Barcelona. Auxiliados polos franceses, os cataláns empezan a batallar contra os sarracenos, case ao mesmo tempo que Asturias e Navarra. Cataluña consegue pronto facerse independente de Francia, e o seu primeiro conde-rei Wifredo o Velloso, arremete contra os moros e crea un estado florecente e respectado dos demais pobos.

a "súa" historia de España