venres, 15 de maio de 2026

Sabaria, esquecida entre suevos e visigodos

localización da Sabaria en Hispania
la_Brújula_verde
hai territorios históricos que sobreviven. outros, pola contra, permanecen ocultos nunha caste de néboa mesta. Sabaria pertence a este segundo grupo. durante moito tempo, o seu nome apenas apareceu en referencias dispersas da historiografía tardoantiga, asociado de maneira confusa aos límites entre suevos e visigodos no NO peninsular. mais un recente estudo da historiadora e arqueóloga Rocío A. Fernández Ordás volve colocar este territorio no centro do debate histórico.

segundo a investigación publicada en Acciones populares. Contribuciones de derecho público y privado romano, Sabaria podería ter sido unha comunidade hispanorromana con identidade propia, formada por refuxiados procedentes de Panonnia, capaces de manter a súa autonomía política entre os ss V e VI, nun contexto de derrubamento da pars occidentis, ‘invasións bárbaras’ e transformación profunda da Península Ibérica.

unha migración desde o corazón do Danubio. a hipótese máis sorprendente do estudo é a orixe dos sabarienses. nom serían suevos nin visigodos, senón romanos procedentes de Savaria, identificada coa moderna Szombathely (actual Hungría). na Antigüidade tardía, Savaria fora unha importante urbe da provincia de Pannonia Prima e lugar de nacemento de Martiño de Tours, unha das figuras relixiosas máis influentes do cristianismo occidental.

a cidade sufriu unha sucesión de desastres devastadores. primeiro chegaron os ataques dos hunos arredor dos anos 441-445. despois, un terremoto no ano 455 terminou de destruíla. a partir dese momento, parte da súa poboación tería iniciado un longo movemento migratorio cara ao occidente do Imperio, rematando no noroeste da Hispania.

o interesante desta teoría é que os emigrantes nom chegarían como foederati, caso dos suevos ou visigodos, senón como incolae, é dicir, cidadáns romanos establecidos nun novo territorio conservando parte do seu status xurídico. isto implicaría que Sabaria nom sería un ‘reino bárbaro’ ao uso, senón unha especie de comunidade autónoma hispanorromana que mantivo estruturas políticas e administrativas herdadas de Roma.

onde estaba Sabaria?. a localización exacta segue xerando discusións. a maior parte das hipóteses sitúana nun espazo estratéxico entre os ríos Douro, Esla e Órbigo, nunha ampla área que abranguería territorios das actuais provincias de Zamora, León, Salamanca, Ourense, Lugo e incluso partes de Asturias e do norte de Portugal.

mapa da Panonnia romana
la_Brújula_Verde
o propio nome parece sobrevivir na toponimia. lugares como Sabarís, Sabariz, Sabarei, Sabariego ou Sabarís de Vigo poderían conservar a pegada daquela migración panonia. a permanencia destes topónimos ao longo dos séculos resulta especialmente significativa, porque moitas veces a memoria histórica desaparece antes ca os nomes do territorio.

tamén hai indicios relixiosos. a expansión do culto a Martiño de Tours no NO peninsular podería gardar relación cos emigrantes chegados desde Savaria, cidade natal do santo. nom sería casual, polo tanto, que o cristianismo galaico da Alta Idade Media mostrase unha forte presenza martiniana, especialmente vinculada ao mundo rural.

as fontes romanas mencionan ademais unha mansio chamada Sibarim ou Sebarium na vía que unía Asturica Augusta con Emerita Augusta. a súa identificación concreta continúa aberta. algúns autores propoñen Peñausende ou O Cubo de Tierra del Vino, mentres que Fernández Ordás apunta cara á chamada Torre de Sabre, un enclave defensivo situado entre cursos fluviais e coherente coa descrición de Isidoro de Sevilla, quen falaba dun lugar doado de defender.

outra hipótese interesante é a posíbel relación con Toro. algúns mapas antigos identificaban esta cidade como Sarabris, e o feito de que o bispado de Astorga reclamase posteriormente a súa dependencia eclesiástica podería apuntar a unha antiga conexión co territorio sabariense.

unha fronteira entre mundos. o século V foi unha época de descomposición política acelerada. o Imperio Romano de Occidente afundíase mentres diferentes pobos xermánicos ocupaban partes da Península. os suevos consolidáronse no NO; os visigodos expandíanse progresivamente; e Bizancio chegou incluso a controlar sectores do sur peninsular no VI.

neste escenario, Sabaria tería funcionado como un tampón entre suevos e visigodos. os ríos Órbigo, Esla e Douro actuaban como fronteiras naturais e administrativas xa desde época romana. a arqueoloxía atopou termini ou marcos de delimitación territorial nas súas ribeiras, relacionados con antigas unidades militares romanas como a Legio X Gemina ou a Cohors III Gallorum.

a importancia estratéxica desta rexión explícase tamén pola batalla do Órbigo no ano 456. aí enfrontáronse suevos e visigodos nun momento decisivo para o control do noroeste peninsular. aínda que os godos ocuparon Astorga, os suevos conservaron boa parte do territorio durante máis dun século. Sabaria podería ter contribuído a ese equilibrio precario funcionando como espazo intermedio entre ambas potencias.

as referencias ás fortificacións son igualmente reveladoras. as fontes apuntan á existencia de castella defendendo os pasos fluviais e protexendo comunicacións estratéxicas. isto suxire unha organización militar relativamente sofisticada, máis propia dunha comunidade estable ca dun simple grupo de refuxiados dispersos.

Leovixildo e o final da independencia. o destino de Sabaria cambiou definitivamente coa chegada ao poder de Leovixildo, quen impulsou unha política de expansión destinada a unificar toda Hispania baixo o dominio de Toletum.

no ano 573 lanzou unha campaña contra os territorios independentes do NO. as crónicas de Xoán de Biclaro e Isidoro de Sevilla mencionan explicitamente a conquista de Sabaria e a derrota dos sappos, identificados polos investigadores cos sabarienses. poucos anos despois, no 585, tamén desaparecería o reino suevo tras a súa incorporación ao estado visigodo.

con iso remataba a autonomía dunha comunidade que, segundo esta interpretación, lograra sobrevivir máis dun século entre dous grandes poderes políticos.

Hispania máis complexa. o interese do estudo nom reside unicamente en descubrir un territorio perdido. o realmente relevante é a imaxe da Hispania tardoantiga que ofrece. durante moito tempo simplificouse este período como un conflito entre ‘romanos decadentes’ e ‘pobos bárbaros invasores’. mais a realidade foi moito máis complexa.

Sabaria mostra a posibilidade de comunidades hispanorromanas capaces de reorganizarse, conservar estruturas administrativas propias e manter identidades diferenciadas mesmo despois do colapso imperial. a desaparición da autoridade imperial nom supuxo necesariamente unha ruptura inmediata, senón un proceso lento, desigual e cheo de adaptacións locais.

tamén obriga a reconsiderar o papel do NO peninsular, tradicionalmente visto como unha periferia. GZ, León e Zamora mudaron nun espazo de contacto entre culturas, exércitos e tradicións políticas diversas.

REFERENCIAS:

Fernández Ordás, Rocío A. (2025). “Los otros foederati: Sabaria como frontera hispana entre suevos y visigodos”. En Fernández de Buján, Antonio (dir.), Acciones populares. Contribuciones de derecho público y privado romano, vol. I, pp. 519-545.

Isidoro de Sevilla (2000). Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum. Edición e tradución de Cristóbal Rodríguez Alonso. León: Centro de Estudios e Investigación “San Isidoro”.

Juan de Bíclaro (1960). Crónica. Edición de Julio Campos Ruiz. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Collins, Roger (2004). La España visigoda, 409-711. Barcelona: Crítica (tradución ao castelán de Mercedes García Garmilla).

Ningún comentario:

Publicar un comentario