Amosando publicacións coa etiqueta Romulus Augustulus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Romulus Augustulus. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de novembro de 2013

520

Boethius
www.wikipedia.de
Rusticus e Vitalianus, cónsules.

Teodorico nomea a Boethius magister officiorum; é un home de ciencia, un helenista que traduce obras de Aristóteles ao latín e trata de atopar vías de comunicación entre este autor e Platón.

Teodorico ordena a construción en Ravenna do templo de Vital e do que se denominará ‘mausoleo de Teodorico’.

morre a filla de Teodorico casada con Sexismundo, rei burgundo, que casa coa filla de Theuderico de Austrasia. Esta muller intriga contra Sixerico, fillo da primeira muller e acúsao de conspirar contra seu pai. Sexismundo estrangúlao. Teodorico decide vingar a morte de seu neto e forxa unha alianza co resto de fillos de Clodoveo.

febreiro, 20: Epifanio, patriarca de Constantinopla.

morre Hormisdas, sucedido por Xoán I.

xullo: Vitalianus é asasinado. Sabbatius xa cansara das súas continuas exixencias.
                                                
tropas de Trasamundo, rei vándalo, son derrotadas por un tal Cabaon, xefe de cameleiros.

polo que se pode deducir de Casiodoro (Variae III, 35) Rómulus Augústulus inda vive no seu retiro.

Prisciano, gramático latino, escribe institutiones grammaticae en Constantinopla. codifica este manuscrito en 18 volumes, que serán amplamente usados posteriormente. Será a base da gramática especulativa.

Sana’a, capital dos himjaritas.

Pabo Post Prydain, rei dos Pennies (norte de Britannia), abdica e divide o reino entre dous fillos. Retira a Anglesey coma ermitán.

East Anglia xorde como configuración política (actuais condados de Norfolk e Suffolk e quizás a parte leste dos Fens)

Budicca II retorna a Cornualles e reclama a xefatura britana.

Bodhidharma, monxe budista, chega a Luoyang e viaxa ao reino Wei do norte, ao mosteiro shaolin.

martes, 9 de xullo de 2013

490

dominios hephtalitas
commons.wikipedia.org
Flavius Anicius Probus Faustus e Flavius Longinus, cónsules.

marzo: Euphemius convértese en patriarca de Constantinopla logo da morte de Fravitta. Recoñece o credo de Calcedonia e rompe con Alexandría pero non pode reconciliarse con Fiz II de Roma porque se nega a retirar os nomes de Acacius e Fravitta dos dípticos litúrxicos.

primavera: Odoacro recibe reforzos do sur, sae de Ravenna e derrota a Teodorico en Faenza.

Teodorico retrocede ata Ticinum, onde constrúe un campo fortificado, que é asediado.

abril, finais de: o magister militum Toba abandona a Odoacro.

verán: os burgundos baixo Gundobado cruzan os Alpes e saquean Liguria e Emilia. Moitos romanos son collidos como prisioneiros.

Alarico II apoia a Teodorico e despraza un exército para levantar o sitio de Ticinum.

Teodorico pasa o Po e recupera Mediolanum, abandonada pola poboación.

agosto, 11: Teodorico e Alarico II derrotan un exército de Odoacro onde o río Adda. Piden recoñecemento a Zenón pero este rexeita enviarlle as vestis regia de occidente que Odoacro lle enviara. Odoacro encérrase definitivamente en Ravenna.

Teodorico asedia Ravenna. O grao sube tanto de prezo que se desata unha gran fame na cidade e os habitantes chegan a comerse os coiros dos animais. Moitos morren.

As cidades de Cesena e Rimini seguen sendo leais a Odoacro.

(data imprecisa) Romulus Augustulus casa con Bárbara, nobre napolitana. O casamento relaciónase co bispo de Roma Xelasio. Adican parte da súa finca a funda un mosteiro co propósito de acoller a tumba de Severino de Nórico, cuxos restos obtiverían grazas a Xelasio.

a emperatriz Feng da dinastía Wei (norte) morre. É soterrada con grandes honores, na tomba Wenming.

Cesario, dunha importante familia de Chalon-sur-Saone, fíxose monxe e ingresou en Lerins.

Toramana é o xefe hephtalita, un grupo que coñece o seu máximo apoxeo.

sábado, 29 de xuño de 2013

480

ruínas de Salona, acueducto
Flavius Cecina Decio Maximo Basilius, cónsul único.

Nepos é asasinado por dous dos seus comites, Viator e Ovida, na súa villa próxima a  Salona. A responsabilidade podería ser de Odoacro, que se libraría definitivamente del e o seu posible regreso a Italia como emperador. Pola contra, algúns (J.J. Wilkes) afirman que Odoacro tería recoñecido a Nepos e que o motivo da invasión de Dalmacia será vingar a súa morte e castigar a Viator e Ovida. Outras posibilidades son que os seus propios nobres se cansaran da súa insistencia a reclamar o trono imperial e viran máis realista facer de Dalmacia un poder independente tanto de oriente como de occidente. Tamén é posible que Glycerius, inda vivo, acadara por fin a súa propia vinganza.

os turinxios arrasan Batavis e ameazan as cidades de Noricum.

un tremor de terra destrúe partes de Roma e Constantinopla.

morren Chilperico e Godomaro, dous dos burgundos que aspiran á xefatura. Gundobado é proclamado rex; Godexisel queda como gobernador dunha parte con capital en Xenebra.

en India morre Skandagupta, sucedido por Narasimhagupta, quen non terá tanta sorte como seu pai contra os hunos.

Hunerico é máis intransixente que seu pai. Incluso usou a violencia para forzar conversións ao arianismo. Os que se resistían eran queimados, ou lles cortaban a lingua.

Seinei, 22º emperador de Xapón.

o matemático Chongzhi calcula o número pi ata sete decimais.

quizás morre Salviano de Massilia.

decembro, 9: Odoacro emprende a marcha cara Dalmacia.

Constantius de Lugdunum comeza a reunir materiais para vita sancta germani.

en Hibernia, fúndase a diócese de Connor.

martes, 25 de xuño de 2013

476

Odoacro e Romulus Augustulus
na película "La Última Legión"
www.historiasdelahistoria.com
Basiliscus e Armatus, cónsules.

Odoacro cruza os Alpes marítimos cun exército de mercenarios xermánicos e invade Provenza. Conquista as cidades de Arelate e Massiliensis despois dunha batalla vitoriosa contra os burgundos.

agosto: Basiliscus perde axiña apoio popular, tamén o de Verina e de Illus e Armatus (sobriño de Basiliscus), que agora se alían con Zenón. Este marcha cara Constantinopla cun exército isauro. O exército tamén se pasa ao bando de Zenón. Basiliscus é deposto e exiliado a Phrygia, onde Zenón o deixa morrer de fame. O fillo de Armatus, León, é nomeado caesar.

Teodorico Estrabón continúa a súa rebelión, agora aliado con Teodorico o Amalo.

agosto, 23: as tropas xermánicas elixen xefe a Odoacro. Seguen a reclamar un terzo das terras de Italia como pago aos seus servizos. Odoacro visita Ravenna para tratar de chegar a un acordo pero non é posible.

agosto, 28: Orestes articula a súa resistencia fronte a Odoacro en torno ás cidades fortificadas de Ticinum e Ravenna, defendidas por el mesmo e seu irmán Paulo, e tendo en conta o tradicional descoñecemento bárbaro das tácticas de asedio pero Odoacro emprega zapadores e conquista ambas cidades no prazo de dúas semanas. Orestes é capturado en Placentia e executado.

setembro, 4: Ravenna tamén cae e Paulo é inmediatamente executado. O último emperador romano, Romulus Augustulus, é deposto. Odoacro decide respectar a súa vida: non lle parece perigoso, desexa ter boas relacións coa aristocracia italiana e desexa aparecer clemente ante Constantinopla (clementia caesaris). Concédelle a el e os seus descendentes 6000 pezas de outro e un extenso latifundio en Campania, entre Neapolis e Puzzuoli, (castellum luculi en memoria do seu primeiro propietario e patrimonio imperial). Romulus inda vive en 511.

Odoacro envías as vestis regia a Constantinopla aceptando a reunificación do imperio baixo Zenón, quen nunca recoñecera a lexitimidade de Romulus Augustulus; para el, o emperador lexítimo é Xulio Nepos. Odoacro aceptar recoñecer nominalmente tamén a Nepos, que seguirá en Dalmacia.

no contexto de disolución do poder imperial os bispos de Roma consolidan pouco a pouco a súa crecente influencia.

o senado romano pide a Zenón que recoñeza a Nepos como deposto e exerza individualmente a púrpura imperial e recoñeza tamén a autoridade de Odoacro en Italia. Zenón declina a súa primeira petición pero nomea patricius a Odoaco, investindo a súa autoridade coa lexitimidade imperial.

os godos de Eurico tamén penetran en Italia pero son derrotados por Odoacro. Zenón conclúe un tratado de paz polo que se lle ceden a Eurico os territorios galos recén conquistados. Eurico comprométese a non emprender máis hostilidades. Roma xa non controla ningún territorio en Gallia.

unha inscrición demostra que o bereber Masties, xefe de tribos no Aurès, proclámase imperator e exercerá tal autoridade durante moitos anos.

Priscus de Panio publica historia byzantina (8 volumes dos que conservamos fragmentos).

inicio dunha guerra entre burgundos e godos. O rei Chilperico, que busca acceso ao mar, ataca os godos, pero é vencido. Podería ser que se establecera un tributo a pagar a Eurico.

inverno: Zenón recoñece o reino vándalo. Gaiserico cede Sicilia, coa excepción de Lilybaeum, a Odoacro a cambio dun tributo.

o nacemento de Aryabhata é tradicionalmente recoñecido como o comezo do período clásico das matemáticas e astronomía hindús.

Xian Wen Di, emperador retirado de Wei, é asasinado pola emperatriz Feng. Ela asume a rexencia sobre Xiao Wen Di.