Amosando publicacións coa etiqueta Atalarico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Atalarico. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de xullo de 2014

534

restos atopados nunha basílica paleocristián en Septem
es.wikipedia.org
Xustiniano e Decius Paulinus, cónsules: este o último cónsul nomeado para a pars occidentis.

marzo: Xelimer foxe ás montañas pero logo de pasar nelas todo o inverno entrégase finalmente a Belisarius no monte Papua. El e grandes cantidades de vándalos son trasladados a Constantinopla.

abril: Belisarius deixa Carthago ao mando de Archelaos, novo prefecto do pretorio e do xeneral Salomon, que dispón dunha pequena forza militar. Mentres, el segue a pacificar a provincia e logra someter tribos bereberes.

lei CI I, xxvii, 2, 2 do emperador a Belisarius onde se organizan administrativa e defensivamente os novos territorios; menciónanse os territorios nucleares de Africa e tamén a organización e cargo de gobernadores en Cerdeña e Septem. Non se mencionan Baleares e Córcega, o que pode indicar que a súa importancia estratéxica se considera menor.

abril: fortificación de Septem. Ao tribuno da cidade encoméndaselle vixiar os ‘movementos’ de Gallia e Hispania (“… et ipsium traiectum semper servare et omnia, quaecumque in partibus Hispaniae vel” 17 CI I, xxvii, 2, 2). Isto é lóxico para Hispania pero non tanto para Gallia.

Baleares sería importante para vixiar e controlar Gallia. Datos arqueolóxicos certificarían a presenza de tropas imperiais, un feito que non sería tampouco cómodo para os visigodos. De feito, datos de Dianium (Denia) revelan reformas nas fortificacións nesta época.

a presenza nas Baleares tamén aporta vantaxes económicas e sociais: sobre todo, o control do tráfico comercial na zona. Estas terras tamén serán utilizadas en ocasións como destino para personaxes que sofren exilios ou desterros. A autoridade sería exercida posiblemente por un tribunus, ao igual que en Córcega, dependente do gobernador de Cerdeña.

verán: Xustiniano permite a celebración dun gran triunfo en honor de Belisarius, o primeiro que non honra un emperador en 500 anos. Participan Xelimer e grandes cantidades de vándalos. Durante a cerimonia exhíbense elementos procedentes do Templo de Xerusalem e tamén o tesouro vándalo. Xelimer recibe unha pensión e é exiliado a Galatia coa súa familia. Moitos vándalos ingresan no exército imperial. Tómanse medidas para erradicar o arianismo da rexión.

Toletum é agora o centro desde o que opera de Teudis, que se esforza por controlar rexións da Baetica.

outubro, 2: Atalarico (18 anos), rei godo de Italia, morre de tuberculose, lodo dunha vida ‘consentida’ e ‘disipada’. A súa nai Amalasunta non pode seguir gobernando en solitario e casa cun curmán, Theohadad, sobriño de Teodorico, que se converte en rei.

Theodahad é o maior terratenente de Italia e o último herdeiro masculino da liña de Teodorico. O previsto é que sexa consorte sen participar no poder. Pero mantén conversas secretas cos imperiais prometendo a Toscana ao imperio a cambio de cartos, o rango de senador e permiso para residir en Constantinopla.

Clotario I, coa axuda de seu irmán Childeberto I, acaba con Gundemaro II, rei burgundio. Repártense o territorios burgundos, que se incorporan a Neustria.

Xustiniano restrinxe as liberdades da comunidade xudea.

Cynric, rei de Wessex logo da morte de Cerdic (segundo a Crónica anglo – saxona).

novembro, 16: publícase a segunda revisión, e final, do corpus iuris civilis (Código de Xustiniano).

en Arabia, fin da guerra de el Basous, logo de corenta anos de enfrontamentos, entre as tribos Tamim e Taghlib.

o reino Wei do norte divídese en Wei leste e Wei oeste: Ye, capital oriental e Chang’ an, capital occidental.

morren Marcellinus Comes (cronista) e Anthemius de Tralles (arquitecto e matemático).

sábado, 17 de maio de 2014

529

familiaromana.blogspot.com
Decius, cónsul único.

febreiro, 6: máis de catro anos logo da morte do seu predecesor (Ahkal Mo’ Nahb I) exerce como ajaw de Palenque K’an Joy Chitam.

o ‘código de Xustiniano’ (12 tomos con 4562 leis) está finalizado e constituirá a referencia xurídica dos séculos seguintes; é conservador, axústase ás tradicións. Facilita a manumisión dos escravos e a venda de terras, protexe viúvas e nenos. Por outra banda, o sacrificio a deuses pagáns supón pena de morte e os conversos ao cristianismo que recaen no paganismo son condenados á decapitación. Aos xudeus prohíbeselles tratar de converter cristiáns ou telos como escravos.

Xustiniano inicia un programa de construcións militares para reforzar a seguridade dos territorios imperiais: numerosas prazas fortes ou pequenos poboados fortificados nas fronteiras; tamén se reforzan as infraestruturas xa existentes. Procopio de Cesarea ofrece unha descrición que menciona centos destes postos de fronteira. Normalmente eran de planta cadrada ou rectangular, podendo medir 40/300 (Tebessa, Alxeria) inda que poucas veces pasaban de 60/80; os muros podían ter entre un e tres metros de espesor e, ás veces, ata 8 de altura, e a distribución do recinto – onde non faltaba unha igrexa – podía, na súa maioría, ser parecido (con excepción como Qasr Ibn Wardan – Siria, 564).

Xustiniano somete unha revolta de samaritanos dirixida por Julian ben Sabar en Belem, na que morren 20000 persoas. A basílica da Natividade resulta destruída e o emperador ordena restituíla.

(data precisa sinalada por Teófanes (Chronographia, "ad annum mundi 6022"), Xustiniano ordena unha persecución dos herexes e pagáns de Constantinopla, da que foron vítimas ilustres cidadáns da capital.

Xustiniano decreta unha medida que retira aos pagáns a facultade de ensinar: esta disposición debe entenderse como un intento por parte de Xustiniano de terminar cos influxos da filosofía pagá na propia corte, xa existente en época de León I (Xoán Malalas, chronographia, XIV, 369-370), motivou clausura temporal da escola filosófica de Atenas. Moitos filósofos acaban asentándose en Persia (Simplikios).

sen embargo, o desenvolvemento da actividade en Alexandría non se ve afectado.

Xoán o Gramático escribe en Alexandría de aeternitate mundi contra proclum en contra dun asunto esencial da filosofía pagá: a idea da eternidade do mundo, pero especialmente coa idea de refutar un escrito perdido de Proclus, ao que o Léxico da Suda da os títulos de XVIII procli argumenta (de aeternitate mundi) e de argumenta XVIII contra Christianos. Un elemento interesante da obra de Xoán é a súa datación, pois no propio texto indícase que se escribiu en 245 da ‘era de Dioclezio’ (ano 529 aD). Xoán tenta demostrar a ortodoxia do ensino superior en Alexandría, para así asegurar a súa continuidade, en vista dos acontecementos en Atenas.

Xustiniano tolera a escola filosófica en Alexandría esencialmente para conservar o orden público. Durante este século a fama de levantiscos dos alexandrinos non diminúe: Xoán de Éfeso (Hist. Eccl., 1, 17 e 43) di que son unha horda de bárbaros, directamente inspirada por Satán. Evagrio Escolástico (Hist. Eccl., 11, 8), máis realista, di que nos seus motíns se deixan arrastrar polo último en chegar, sen reparar no pretexto. O odio dos alexandrinos contra a autoridade imperial ten antecedentes sanguentos sen importar a relixión dos amotinados.

Xustiniano quere protexer as remesas anuais de trigo exipcio que parten desde Alexandría, a modo de imposto. Así compréndese tamén que durante estes mesmos anos Timoteo IV, patriarca de Alexandría, contrario a Calcedonia, siga no seu posto.

Bieito de Nursia, no deserto de Subiaco, adquire sona de santo e acoden a el numerosos seguidores, que organiza en doce mosteiros de doce membros cada un. a súa comunidade entra en conflito con Florencio, sacerdote dunha igrexa cercana. Bieito decide trasladarse a Montecassino, onde funda un enorme mosteiro, ao sudeste de Roma, no solar dun antigo templo pagán. Redacta un regra que non tarda en ser adoptada por outros mosteiros; aparece así a orde Beneditina. A regra obrigaba á obediencia, a pobreza e a castidade, pero desalentaba o ascetismo inútil. Bieito non quería mendigos, inspirábaos a traballar, nos campos ou en labores intelectuais. A disciplina era férrea, o abade era elixido de por vida e a súa autoridade era absoluta. Cada mosteiro tiña que ser autosuficiente e ser refuxio para a laboriosidade e o saber.

continúa a guerra contra Persia. En xeral, os persas acostumaban gañar as batallas (exércitos máis numerosos) por iso os romanos evitábanas, construían fortalezas doadas de defender e esta estratexia contribúe a estabilizar a fronteira.

sínodo de Orange, onde resulta condenado o semi-pelaxianismo, entre outras decisións. Apróbase a doutrina do pecado e graza proposta por Agostiño, pero sen aprobar a predestinación absoluta que el defendía.

al-Harith ibn Jabala (Flavius Arethas o Coxo nas fontes gregas), segundo rei dos Ghasánidas.

tribos árabes da etnia Kinda penetran en Mesopotamia e conquistan Hira.

Amalasunta recibe unha delegación do consello aristocrático godo que a urxe a que Atalarico (13 anos) reciba unha educación que lle ensine a ‘montar, practicar as armas, e ser endurecido, non convertido nunha rata de libros’.

morren Baderico (rei dos turingos), Teodosio o Cenobiarca (monxe e fundador do mosteiro de Teodosio) e Yuan Hao (príncipe imperial de Wei Norte).

venres, 20 de decembro de 2013

526

escudo de xefe lombardo co símbolo de Odín
www.taringa.net
Olybrius, cónsul único.

maio, 18: ao seu regreso a Ravenna Teodorico encerra a Xoán I en prisión, onde non tarda moitos días en morrer de fame; elixe como sucesor Fiz III (para algúns Fiz IV).

maio, 20: tremor de terra en Antioquía cun balanzo de 300.000 vítimas.

maio, 29 &30: a cidade Lychnidos, en Illyricum, sufre un tremor de terra e é destruída.

agosto, 26: morre Teodorico en Ravenna; sucédeo o seu neto Atalarico (10 anos) baixo a rexencia de súa nai Amalasunta (filla de Teodorico).

o reino visigodo está en mans do outro neto de Teodorico, Amalarico (24), co que remata a rexencia de Teudis.

Clotario I e Childeberto I asinan unha paz con Gundemaro II de Burgundia e atacan Provenza en mans visigodas. Amalarico é derrotado e ten que ceder a Provenza, co que as posesións godas en Gallia redúcense á Septimania.

os francos tamén derrotan os alamanos e ocupan os seus territorios.

Khavad I, coa asistencia de al-Mundhir III, comeza unha campaña no Transcáucaso e na alta Mesopotamia.

os xenerais Sittas e Belisarius dirixen exércitos á Armenia persa.

Ecclesius, bispo de Ravenna, comisiona dous novos templos, un para Classis.

unha carta de Atalarico, que nomea quaestor a un tal Ambrosius, mostra as funcións que agora tiña este cargo en Italia como, esencialmente, voceiro do rei.

os lombardos entran en Pannonia.