Amosando publicacións coa etiqueta Sarus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sarus. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de maio de 2012

409

silicua coa efixie de Priscus Attalus
consulado de Honorio e Teodosio II. Probablemente Constantino III foi recoñecido en occidente tamén coma cónsul inda que non en oriente logo de recibir as insignias imperiais por parte de Ravenna. Esta información sería posteriormente omitida na documentación oficial logo da súa caída (damnatio memoriae).

xaneiro: o praefectus urbi de Roma Gabinius Barbarus Pompeianus, animado por un grupo de pagáns de Narnia que argumentan que os rezos aos deuses causaron unha tormenta que fixo fuxir aos godos, consulta os arúspices etruscos e renova os sacrificios; o mesmo papa Inocencio dá a súa autorización.

logo de arduas negociacións, o Senado acorda pagar un rescate de 5000 libras de outro, 30000 de prata, 4000 túnicas douradas, 3000 peles tinguidas de escarlata, 3000 libras de lá, etc. Como feito curioso a inclusión de 3000 libras de pementa (valorábase polas súas bondades medicinais e para camuflar o deterioro da carne cando esta xa non era de todo fresca). Atila, con doce anos é un dos reféns enviado á corte occidental e Flavius Aetius un dos que terá que convivir cos hunos.

o senado envía unha delegación a Ravenna pedindo a ratificación do acordo, pero Honorio rexéitao, retendo a Caecilius como novo prefecto do pretorio. Priscus Attalus (fillo de Publius Ampelius, procedende de Antioquía, gobernador de Achaia e Africa e prefecto de Roma en 372), outro membro da delegación, é nomeado comes sacrorum largitiones e reenviado a Roma con 6000 homes para reforzar as defensas da cidade pero son atacados por Alarico por romper o pacto establecido e a maioría perece no ataque.

o senador hispano Basilius foi enviado ao campamento de Alarico, que acorda unha tregua a pesar do fracaso da embaixada de Attalus en Ravenna para iniciar negociacións.

Constantino III, recoñecida a súa posición, síntese libre e seguro en Arelate. Constante estaba con el. A resistencia hispana fora suprimida por Gerontius.

Antemio reforma o sistema de subministro de grao para evitar problemas no futuro.

os esciros capturados o ano anterior son empregados como obra de man agrícola.

xaneiro, 13: constitución de Honorio decretando a pena capital contra os que ultraxen as basílicas ou insulten bispos ou sacerdotes católicos.

provisión normativa ditada por Honorio contra os mathematici [a lei de Eutropio (398) é precedente]: os astrólogos, cuxa actividade se considera maligna (Codex Theodosianus, 9, 16) serían unha desviación da catholicae religionis error– á vez que se ordea queimar os seus códices diante dos bispos. Mentres na de Eutropio os escritos heréticos debían ser queimados ante os xuíces, nesta, os códices dos astrólogos debían ser dados queimados en presenza dos bispos. Este contraste evidencia a cada vez maior colaboración entre o estamento civil e o eclesiástico.

febreiro: Gabinius Barbarus Pompeianus é masacrado nunha revolta a consecuencia da carestía de alimento. Attalus é nomeado praefectus urbi no seu lugar.

marzo: Olympius envía outro exército de 6000 dálmatas comandado polo comes domesticorum Valens para reforzar a guarnición de Roma; esta forza tamén é masacrada polas forzas de Alarico nunha emboscada. Olympius cae en desgraza e é substituído por Jovius, nomeado praefectus praetorium por Honorio. Jovius emprende unha política xermanófila, que semella tamén máis tolerante cos pagáns e os donatistas.

primaveira: o bárbaro Generidus, comandante de Noricum, envía 10000 mercenarios hunos a Ravenna para reforzar a posición de Honorio. Alarico, "reforzado" por 40000 escravos fuxidos de Roma pola fame, marcha contra Ravenna; Ataúlfo, o seu cuñado, trae reforzos procedentes do Danubio pero é derrotado en Pisa.

Jovius argalla un motín dos reximentos da garda pretoriana para forzar a Honrio a arrestar a dous xerais e dous eunucos influíntes que se lle opoñen; estes son exilados en Constantinopla pero os xerais son executados a pesar de non ter feito nada. Allobichus é nomeado comes domesticorum en Ravenna e ordena a execución do eunuco Eusebius.

Constantino III calcula mal as súas forzas e proclama augustus a Constante, enviándoo a Hispania, rodeado de novos comites: Apollinaris foi substituído por Decimius Rusticus coma prefecto. Gerontius sospeita que lle vai acontecer o mesmo ao saber que o xeral Justus acompaña ao novo augustus. Decide rebelarse; unha das medidas que toma é contactar cos bárbaros que vagaban por Gallia (nas fontes non aparecen dende que cruzaran o limes, debían permanecer nas Belgicas, segundo Xerome) e animarlles a desplazarse cara o sur.

maio – xuño: Honorio reconcíliase con Constantino, que promete intervir en Italia.

quedara pendente entre Honorio e Alarico a promesa da embaixada romana de pactar unha paz duradeira entre godos e romanos. Renováronse negociacións con tal fin entre Jovius e Alarico en Rimini. Alarico, entre outras cousas esixiu o cargo magister militum, e Noricum e Dalmatia, subsidios en cartos e garantías do subministro de grao para os foederati godos. As conversas fracasaron e Alarico rebaixou as súas pretensións (renuncia á maxistratura militar, os pagos e Noricum) pero inda así non se aceptaron as súas esixencias. Decidiu novamente bloquear Roma.

xuño, 26: constitución de Honorio ao prefecto do pretorio Jovius, que ameaza a todos os funcionarios imperiais que non executen a medidas prescritas contra os herexes.

verán – principios de 410: os bárbaros mobilizados por Gerontius causan devastacións en Aquitania e Narbonensis. Estas rexións gozaran de paz e prosperidade durante décadas ininterrumpidamente, a pesar dos graves problemas que sufrira o norte de Gallia. A economía tivera un pulo nunca visto. O impacto das invasións viuse acentuado por estas circunstancias. Se daba por sentado que cousas así non sucedían.

as fontes literarias pintan un cadro dramático: un lamento anónimo quéixase do fin da tranquilidade, con todos sufrindo por igual o ferro e a enfermidade, a fame e o frío, e a captividade; un epigrama (atribuído a Paulinus) fai especial referencia aos vándalos e aos “veloces” alanos, os lumes e o sacos que causaron ao tempo que reproba que as vítimas volvan rapidamente aos seus costumes decadentes con toda celeridade; o carmen de divina providentia e o commonitorium de Orientius tamén se refiren aos horrores da guerra e o seu catálogo é semellante: fame, enfermidade, crimes aleatorios, sacos e lumes. Estes escritos transmiten por baixo da retórica antiga.

setembro, 28 (ou outubro, 13): vándalos, alanos e suevos atravesan os pasos dos Pirineos sen oposición. Estes postos non tiñan guarnición; por causa do conflito entre Gerontius e Constantino. É probable que a situación se lle fora das mans ao primeiro. A súa intención era complicarlle a situación a Constantino, pero as consecuencias foron excesivas.

repetiuse a situación de Gallia. Este acontecemento lígase ao fin de Hispania como provincia do imperio pero iso non é totalmente veraz. O que si supuxo foi o inicio da perda gradual de control imperial sobre a península, un proceso onde houbo repetidos ciclos de control e descontrol.

Hydacio escribe: “cando os bárbaros percorrían Hispania sen control algún, o mal da pestilencia tamén imperaba, o recadador tiránico acaparaba a riqueza e os bens almacenados nas cidades e os soldados os devoraban. A fame desatouse con tanta intensidade que cegados por ela os humanos devoraron carne humana; as nais tamén devoraron os corpos dos seus propios fillos que elas mesmas mataran e cociñaran: as bestas salvaxes, acostumadas a alimentarse dos corpos dos que morreran pola espada, a fame ou a pestilencia, mataban incluso a aqueles que eran bastante fortes, ensañándose coa súa carne, por todas partes a brutalidade fixouse coma obxectivo a destrución da raza humana. E así, coa catro pragas da espada, a fame, a pestilencia, e as bestas salvaxes campando ás súas anchas no mundo, a anunciación predita pola orde por medio dos seus profetas foi cumprida.”

sería errado deducir que os bárbaros, unha vez cruzados os pasos pirenáicos permaneceron exclusivamente na península. Sozomeno afirma que logo da revolta de Gerontius e a consecuente perda de poder de Constantino, os bárbaros ramparon a ambos lados dos Pirineos. O probable é que entre outono de 409 e 411 estiveran activos a ambos lados.

novembro, 10: Ming Yuan Di sucede a Dao Wu di con 16 anos coma xefe dos Wei do norte.

novembro-decembro: logo da toma de Ostia, Alarico entabla negociacións con representantes do senado. Por desexo seu o praefectus urbi Priscus Attalus é proclamado augustus, quen concede a Alarico o cargo de magister utriusque militae praesentialis. Attalus é "asesorado" por Ataúlfo coma comes domesticorum, Marcianus é praefectus urbi.

Attalus acompaña Alarico contra Ravenna, pero fracasan en Bonona, inda que Mediolanum si se suma.

decembro, 24: o prefecto Jovius é enviado por Honorio onde Attalus, con Valens, magister militum, o cuestor Potamius e Xuliano, primicerium notariorum. Proponse unha partición de occidente entre os dous augustos. Jovius e Valens pásanse ao lado do usurpador. Sen embargo, non todo sucede segundo os desexos do godo, xa que Attalus non se adapta o papel de marioneta e quere influír persoalmente sobre os acontecemenos. Noméase a Valens segundo magister militum, que é un anti-godo declarado. E Lampadius, voceiro do partido anti-godo é nomeado máxima autoridade civil de Italia. Tampouco hai entendemento sobre a cuestión africana por Attalus, que se nega a usar forzas godas para reintegrar a provincia á obediencia ao seu réxime.

faise unha tentativa de romper o bloqueo de trigo africano por parte de Heracliano: Attalus envía unha pequena forza expedicionaria ao mando dun tal Constante, que é derrotado.

ante todas estas dificultades Alarico tivo que buscar apoios. Tentou acercarse a Ravenna. Desposuiu a Attalus, que quedou, porén, baixo protección goda, das insignias (diadema e púrpura) e envioullas a Honorio. Pero as negociacións fracasaron novamente. A rivalidade latente entre Ataulfo e Sarus desencadea o pase deste ao lado de Honorio. Ataca o exército godo e infrínxelle unha considerable derrota ao collelo desprevenido. As negociacións con Alarico interrómpense.

coma consecuencia, Alarico diríxese por terceira vez contra Roma.

Honorio recibe reforzos de oriente (4000 homes).

os saxóns fan incursións en Britannia pero son expulsados. Tamén hai ataques en Armorica. Como consecuencia prodúcense rebelións tanto na illa como en Armorica. Os oficiais romanos son expulsados e rexeitados progresivamente e os locais asumen a súa propia defensa. A fenda coas autoridades imperiais é cada vez máis ampla e definitiva.

sábado, 17 de marzo de 2012

407

ano do consulado de Honorio e Teodosio.

en Britannia Graciano (para Orosio pertencería á aristocracia local) é deposto e asasinado.
Un tal Constantino é inmediatamente proclamando augustus. Seica é un soldado raso, non un oficial, pero sería decisivo o seu nome, que convocaría bos augurios. A presenxa de bárbaros en Belgica II é a causa inmediata do seu paso a Gallia (primeiro paso cara a evacuación romana de Britannia). Pero os seus obxectivos serían máis persoais. Desexaba ser recoñecido como augustus lexítimo e fundar unha dinastía. Un dos seus fillos foi chamado dun mosteiro e casou, para producir herdeiros. Tanto el coma seu irmán foron rebautizados, Constante e Xulián, respectivamente, o que tamén testemuña as ambicións dinásticas.
a adopción da propaganda constantiniana, especialmente querida na milicia romana en Britannia, é significativa. A utilización da liñaxe e da continuidade dinástica ao facerse chamar Flavius Claudius Constantino, é obvia. O seu uso non dependía de que a xente o crera como certo.
os plans de cruce ao continente foron inmediatos, ben para loitar cos bárbaros ou para asegurarse unha base máis firme para a súa usurpación. Antes de marchar nomeou magister militum a Justinus e Nebiogast, e logo cruzo ata Bononia. Non atopou resistencias imperiais. As tropas de Gallia e das quinque provinciae uníronse a el antes de que avanzara e os gobernadores de Hispania tamén o fixeron.
Arelate

o avance de Constantino dende Bononia pode ser rastrexado seguindo a fuxida dos funcionarios imperiais. O epitafio de Eventius, en Roma, mostra que Constantino pasara pola Lugdunensis e a zona de Vienne antes de xullo. Eventius fora consularis da Viennensis e morrera en Roma en xullo ou agosto, probablemente logo de fuxir. Outros funcionarios tamén o tiñan feito, coma o prefecto pretoriano Limenius e o magister militum Chariobaudes. Constantino dirixíase a Italia pero o seu obxectivo inmediato era Arelate, a cidade máis importante do sur, das quinque provinciae e o lugar ao que se trasladara a prefectura de Gallia. Non o fixo sen oposición.
Sarus, o xeral godo ao servizo imperial, fixo fronte a Constantino en Valentia, no val do Ródano, a medio camiño entre Vienne e Arlés. Justinus, o xeral de Constantino, avanzara contra Sarus pero foi derrotado e morto, co que o godo cercou a Constantino en Valentia. O outro magister de Constantino, Nebiogast, entablou negociacións con Sarus. De Zósimo non podemos deducir se o fixo así no seu beneficio ou no do seu emperador. Ou quería negociar un fin de hostilidades co obxectivo do recoñecemento de Constantino como augustus lexítimo, ou tiña intención de traizoalo ao xeral de Honorio.
inda que se asume que Nebiogast defendía Valentia, isto tampouco está claro e non era o caso probablemente. Constantino avanzara en Gallia, separado e quizás un pouco atrás dos seus magistri. Co avance de Sarus, o exército de Justinus plantara cara. O de Nebiogast mantivérase en reserva, mentres o propio Constantino tomaba posicións en Valentia. Con Justinus derrotado, Nebiogast contemplou.
Sarus asasinou a Nebiogast na primeira ocasión que tivo. Constantino reaccionou nomeando novos magistri, Gerontius e Edobich, cuxa chegada puxo en fuga a Sarus, só sete días despois de iniciar o sitio de Valentia. Non está claro se foi agora cando fuxiu Limenius ou xa o tiña feito antes.
a finais de ano (quizás xa en maio), polo tanto, Constantino xa estaba en posesión de toda Gallia, incluída Arelate. Agora nomea ao seu fillo Constante caesar e envíao a Hispania co magister militum Gerontius, o praefectus praetorium Apollinaris e o magister officiorum Decimius Rusticus.

revoltas de campesiños en Armorica.

1 abril: tremor de terra en Constantinopla (Chronicon Paschale).

Alarico demandaría unha enorme compensación polos plans non realizados sobre a posposta invasión de Illyria.

a familia de Teodosio en Hispania rexeita a autoridade de Constantino III, a pesar de que os seus maxistrados tiveran boa acollida; o cal non debería sorprender porque durante todo o s. IV todas as usurpacións en Gallia tamén tiveran boa acollida en Hispania.
coñecemos a catro parentes de Honorio: Didymus, Verinianus, Theodosiolus e Lagodius. Os dous últimos semellan concordar coa nova autoridade; os outros, sen embargo, e a pesar de estar enfrontados, reconcílianse e constitúen un exército entre os seu dependentes para facer fronte a Constantino. Constante derrótaos e captúraos e lévaos ante seu pai, que ordea a súa execución.
Hispania non posuía unha forza militar de seu, por iso non houbo nin quen os detivera na formación do exército entre os seus escravos e dependentes e que houbera que enviar un exército para detelos.
a expedición a Hispania debeu sair a finais de ano, co cal os irmáns tiveran case un ano para facerse fortes. O lugar onde o fixeron é difícil de precisar. Sábese que houbo dúas batallas, a primeira vitoriosa para os hispanos, e a segunda unha derrota total.
Sozomeno (e polo tanto Olympiodorus) sitúa ambas en Lusitania. Orosio, pola contra, afirma que os irmáns fixéronse fortes no Pirineos, pero non localiza o sitio da segunda batalla. Engade, sen embargo, o detalle de que os irmáns cruzaran a península sen oposición de ningún tipo. Este detalle cadra ben coa base de poder lusitana dos irmáns e coa presumible incapacidade dos oficiais hispanos de Constantino de deter o seu avance. Sen embargo, non é posible estar certos xa que calquera solución supón descartar partes de ou Orosio ou Sozomeno. Quizás o dos Pirineos foron simplemente escaramuzas e a única batalla real foi en Lusitania.
Constante quizás quedara na retaguarda en Caesaraugusta, cidade que logo foi a súa residencia oficial. Que Apollinairs fora enviado a Hispania coma prefecto é curioso. A prefectura occidental tivera sé en Gallia durante máis de medio século. Habería dúas explicacións. Quizás Constantino pretendía revivir a praxe constantiniana pola que cada emperador tiña o seu propio prefecto. Por outra band, e isto é o máis probable, pode ter sentido que Constante sería incapaz de exercer sen axuda, tanto no eido civil coma no militar.
Gerontius, a quen Constante trouxera coma comes e magister militum, será quen dirixa as operacións militares.
Didymus e Verinianus foron capturados no segundo intento e, en vista disto, Lagodius e Theodosiolus fuxiron, o primeiro a Constantinopla e o segundo a Ravenna. Constante permitiu que tropas súas saquearan os campi pallentini, presumiblemente a rexión de Palantia. Son os honoriaci. Constante déixaos en Hispania ao mando de Gerontius. Tamén deixa a súa muller na corte de Caesaraugusta, escoltando en persoa os prisioneiros ata Arelate.

mentres, Constantino simplemente esperaría acontecementos en Arelate. Quizás agora tería empezado a beber e comer desproporcionadamente, feito polo que o censura Frigeridus. Empeza, en todo caso, a facer ostentación da súa lexitimidade e moedas da ceca de Lugdunum proclaman a concordia dos catro augusti (Arcadius, Honorius, Teodosio e Constantino).

o goberno de Honorio non aceptaba este feito. Estilicón aconsellara dende o inicio resistencia e rexeitamento e logo do fracaso de Sarus, e con Alarico baixo certo control, empezou a reunir un exército para envialo contra o usurpador. Sería esta forza, en Ticinum, a que se rebelaría en 408.

Estilicón, moi consciente da súa posición cada vez máis cuestionada, e co consello de Serena, casa a súa segunda filla, Thermantia, con Honorio para tentar contrarrestar este feito.
unha lei sinala que os edificios (aedificia ipsa templorum) que se atopen nas cidades ou nos oppida o fóra destes, é decir, no territorio, sexan aproveitados para uso público (ad usum publicum vindicentur). Na mesma lei ordénase destruír altares e que os templos se usen para outros menesteres (ad usu adcommodos transferantur) e que os templos que se atopen nas domus privadas (en villae, por exemplo) sexan destruídos, xa que non son de función ou utilidade pública coma os das cidades.

Liu Bobo (Xia Buliedi) funda o estado de Xia e toma o título de tian wang (príncipe celestial).