Amosando publicacións coa etiqueta Chlodomiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chlodomiro. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de decembro de 2013

524

Iustinus e Opilio, cónsules.

maio, 1: Sexismundo é executado en Aurelianum; tamén a súa muller e os fillos. Seica acaban no fondo dun puzo.

o irmán de Sexismundo, Gundemaro II, asume o mando burgundo, agrupa as forzas burgundas e busca axuda ostrogoda.

xuño, 25: os francos son derrotados polos aliados en Veseruntia; sen embargo, o rei franco Chlodomiro morre na batalla.

Clotario I casa á forza coa viúva de Chlodomiro, Guntheuc e mata os fillos de seu irmán, excepto Chlodoaldo, que pode escapar a Provenza pero non tenta facer valer os seus dereitos ao trono; dedícase á vida relixiosa e funda un mosteiro.

Clotario I e Childeberto I repártense os territorios de seu irmán (Childeberto Carnutum e Aureliani, Clotario Turonensis e Pictavia).

Nubia está dividida en varios ‘reinos’: ao norte Nobatia (entre a 1 e a 3 cataratas do  Nilo) con capital en Paras; ao sur Markuria, con capital en Dongola. Inda máis ao sur Alodia, con capital en Soba.

os abisinios esténdese cara Nubia e agora, baixo Kaleb, lánzase a conquistar novamente Iemen, en teoría para axudar a poboación cristiana perseguida polos reis de Himyar.

Xustino decreta medidas contra o arianismo, que aristócratas italianos tamén queren instaurar en Italia. Teodorico dera facilidades ao catolicismo e síntese traizoado ao comprobar que non valeran de nada. Fai asasinar algúns aristócratas acusados de traizón. Boethius defendera a un dos acusados, o senador Albino, resultando el mesmo inculpado e torturado ata morrer.

concilio en Ilerda.

a brecha entre a aristocracia senatorial con base en Roma e os partidarios do goberno godo en Ravenna é cada vez maior. Os anos finais de Teodorico son anos de persecución do culto católico, en represalia ás medidas orientais contra os arianos.

decembro, 1: morre Ahkal Mo’Naab’ I de Palenque, que estará varios anos sen gobernante.

523

es.wikipedia.org
Flavius Anicius Maximus, cónsul único.

o Coliseo presenza os últimos xogos con animais organizados por Flavius Anicius Maximus, en celebración do seu consulado, prohibidos posteriormente por Teodorico.

Casiodoro sucede a Boethius coma magister officiorum: “para o monarca ti [Casiodoro] fuches un bo xuíz e un íntimo ao que honrou. Pois cando se liberaba dos seus deberes oficiais buscaba a túa conversa para saber os preceptos dos sabios, para emular os grandes homes do pasado. Sempre curioso, quería saber sobre o curso das estrelas, as mareas do mar, e fontes lendarias, para que o seu estudo da ciencia natural lle fixera parecer un auténtico filósofo purpurado (Variae, 9.24.8).

Clotario I, Chlodomiro e Childeberto I aproveitan a ameaza que supoñen os preparativos de Teodorico e invaden territorio burgundo, derrotando a Sexismundo e seu irmán Gundemaro II.

Sexismundo é traizoado, capturado e trasladado a Aurelianum por Chlodomiro. Teodorico queda con algúns territorios e recupera o tesouro visigodo que capturara Gundobado, e retírase da guerra, que continúa entre francos e burgundos.

Sabbatius casa con Teodora.

maio, 6: morre Trasamundo, sucedido por Hilderico (probablemente 60 anos), fillo de Hunerico e Eudocia; pasara ata os corenta en Constantinopla e era romano culturalmente. Decreta a liberdade de culto para católicos e establece boas relacións Oriente.

agosto, 13: Xoán I sucede a Hormisdas.

continxentes bereberes saquean Lepcis Magna, que quedara sen defensas; Gaiserico ordenara derrubar as murallas das cidades para evitar rebelións dos romanos.

unha revolta estalla nas seis cidades fronteira no norte do reino Wei: fortes tensións entre a elite e clan Tuoba desestabilizan moito o estado.

a pagoda Songyue complétase durante a era Wei.

Seong, rei de Baekje, un dos tres reinos de Korea.

luns, 21 de outubro de 2013

511

austrasia - wikipedia.org
Félix e Secundinus, cónsules.

Trasamundo (tamén inimigo de Teodorico) apoia a Xesaleico economicamente para que reemprenda a súa campaña en Hispania pero este é traizoado e abandonado polos seus partidarios en Barcino cando ía ser atacado polos ostrogodos ao mando de Ibbas. Tenta fuxir cara os burgundos pero é capturado e morto.

revoltas e enfrontamentos nas rúas de Antioquía entre partidarios do patriarca Flaviano II e o emperador Anastasius, monofisita.

agosto, 7: o emperador destitúe a Makedonios II como patriarca de Constantinopla e substitúeo por Thimotheos I, monofisita. Isto provoca tamén revoltas na capital, onde a residencia do prefecto do pretorio Marinos de Apamea é saqueada.

concilio en Orleáns convocado por Clodoveo ao que acoden bispos de toda Gallia. Regúlase o credo e a organización da igrexa no ámbito franco logo das novas anexións. Estréitanse vínculos entre monarquía e igrexa; o rei terá gran influencia á hora de nomear bispos.

o termo Gallia vai quedando en desuso: chaman Neustria (terra nova) aos últimos territorios conquistados, mentres os antigos denominaranse Austrasia (terra do leste). En Neustria distínguese a parte norte, propiamente franca, da parte sur, a que fora goda, onde os costumes romanos estaban moito máis enraizados. Esta parte conservou o nome romano de Aquitania.

Neustria e o norte de Austrasia seguirían dominadas polos francos salios, que adoptaron o latín como lingua, o mesmo que os burgundos; pola contra, alamanos e ripuarios conservaron a lingua xermánica.

Clodoveo reforza a súa posición coa axuda de Anastasius, que lle concede títulos oficiais romanos. En realidade, Constantinopla pretende contrarrestar a influencia de Teodorico. Clodoveo é católico inda que sexa ambicioso, traizoeiro, bárbaro, despótico e belicoso; Teodorico é ariano inda que leal, ilustrado e bo gobernante.

novembro, 11: morre Clodoveo (46). Divide os territorios entre os fillos seguindo o uso xermánico: Theuderico, primoxénito pero bastardo, reina en Remensis (Reims) e Metensis (Metz), onde habitan ripuarios e alamanos; Chlodomiro en Aurelianum (Orleáns), a parte central de Neustria; Childeberto en Parisiensis, a parte sur de Neustria; e Clotario Noviodunum (Soissons).

o reino burgundio segue en mans de Gundobado.

os reis apóianse nas cidades para recadar impostos, recrutar exércitos e manter a lei e o orde. O imposto sobre as terras faise cada vez menos relevante, como noutros reinos xermánicos. O representante real é o comes civitatis, que colabora co bispo. As cidades conservan a súa importancia e o rei mantén contacto viaxando e visitando permanentemente as diversas rexións que controla de xeito itinerante. Tamén van xurdindo residencias reais pouco a pouco. Polo tanto, non hai unha capital como tal.

Teodorico pon en circulación uns novos tremises de ouro de excelente peso e calidade para o pago do tributo dos visigodos, pronto imitados por burgundos e francos.

Amalarico reina baixo a rexencia de Teodorico; casa coa filla de Clodoveo.

en Arelate Cesarius funda as primeiras comunidades relixiosas femininas de occidente.

un monde chamado Euxipio escribe dunha comunidade no Monte Titano. Outro monxe que vive alí xa o denomina ‘San Marino’. É a primeira evidencia histórica da existencia da república.