martes, 12 de maio de 2026

ávaros en Hispania

casco ávaro
Landesmuseum
Wüttemburg
os ávaros procedían das estepas asiáticas, sucesores dos hunos, e establecéronse no este de Europa a partir do VI. na península Ibérica nom había trazas deles ata que María Teresa Ximénez de Embún (Museo Arqueolóxico de Alicante) e o seu equipo comezaron a traballar no xacemento de Cabezo del Molino (Rojales, Alicante). nun alto de 31 metros sobre o nivel do mar, e adxacente ao río Segura, localizaron unha necrópole con 46 tumbas e 87 individuos no seu interior. cinco dos varóns poderían ser, case con total seguridade, xinetes ávaros, inda que este pobo en teoría nunca atravesara os Pireneos. que facían alí eses restos?

tardaron sete anos en atopar sentido a este enigma arqueolóxico (en colaboración coa Universidade Isabel I e o Instituto Max Planck - Jena, Alemaña). o primeiro que lles chamou a atención foi que a porcentaxe de nenos entre 6 e 14 anos na necrópole superaba con moito o habitual na época.

os inhumados compartían, ademais, dous riscos epixenéticos moi particulares: o moño occipital (unha protuberancia na parte traseira do cranio) e os tubérculos mentonianos (coñecidos como coviños no queixo). os esqueletos das mulleres soterradas confirman que eran persoas gráciles, sen demasiadas patoloxías e que nom superaban os 1,55 metros de altura, como correspondía a unha poboación local de orixe peninsular, pero que, logo do paso do mundo romano, xa se atopaba moi mesturada xeneticamente.

pero o que deixou estupefacta á arqueóloga foi descubrir que enterrados neste osario había dous tipos de homes: uns enormemente musculados e de 1,80 de altura (para identificalos, os arqueólogos bautizáronos con nomes de superheroes de Marvel) e outros cinco que nom alcanzaban o 1,65. a maioría deles parecían ter sufrido caídas importante evidenciadas por patoloxías relacionadas con fracturas de brazos, pernas e, sobre todo, clavículas. nada tiña sentido.

ata que Ximénez de Embún foi coñecedora da brutal caída do piloto de MotoGP Marc Márquez na que se fracturou a clavícula, 'exacto, eran xinetes!'. as análises xenéticas levadas a cabo no Instituto Max Planck nom deixaban dúbidas: tratábase de individuos procedentes das estepas asiáticas.

os ss VI e VII caracterizáronse por un fortísimo enfrontamento militar entre as tropas visigodas, que dominaban o centro peninsular, e os bizantinos, que se estableceran na costa mediterránea e que conformaron o que eles denominaban Spania. en 552 Atanaxildo solicitou a Xustiniano tropas para derrocar a Axila. a mediados do VI chegaron esas tropas e establecéronse nas actuais provincias de Alacante, Murcia e na Andalucía oriental. os bizantinos si estaban en contacto cos ávaros no este europeo, polo que os cadáveres dos xinetes das estepas atopados en Alacante podían pertencer a soldados recrutados ou a escravos levados polos bizantinos á península; 'inda nom o sabemos,' admite Ximénez de Embún.

a solución ao complexo enigma del Cabezo del Molino atopouse ao analizar o corpo dunha moza local e a súa filla de dous ano, xa que ambas contaban con evidencias dun mesmo patóxeno: a bacteria yersinia pestis, a temíbel peste de Xustiniano, que decimou a poboación de Europa a partir de 541. os expertos comprobaron entón que o resto dos individuos tamén poderían  ter morto por peste bubónica. estaban ante un cemiterio de apestados. por iso, había enterrados máis nenos, menos resistentes á bacteria.

se este foi un cemiterio aberto ex professo para enterrar ao finados pola peste, agora, di Ximénez de Embún, falta atopar o do resto da poboación; 'niso estamos,' afirma. 

REFERENCIA: VICENTE G. OLAYA 'halladas las tumbas de cinco jinetes ávaros'. EL_PAÍS, 12mai2026

Ningún comentario:

Publicar un comentario