Amosando publicacións coa etiqueta Ambrosius Aurelianus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ambrosius Aurelianus. Amosar todas as publicacións

venres, 28 de xuño de 2013

479

a táboa redonda, un elemento fundamental na
lenda do rei Aturo
sobreleyendas.com
Zenón, cónsul único.

último texto datado de Sidonio (podería ter morto en calquera ano entre 480 e 490): os seus escritos son fonte fundamental para este período, tanto dende o punto de vista dos acontecementos históricos como do xeito de vida da súa clase social.

primavera: Teodorico o Amalo propón a Zenón marchar a occidente e devolver o trono a Nepos; o plan é rexeitado.

Teodorico o Amalo, con forzas reducidas, ataca Macedonia, incluso Tesalónica. Zenón envía unha embaixada para negociar a paz, mentres Teodorico se apodera de Dyrrachium.

morre Yuryaku, 21º emperador do Xapón.

Nepos planea invadir Italia e derrocar a Odoacro.

Ambrosius Aurelianus toma o poder en Britannia (historia regum britanniae). O seu ámbito quizás sexa o sur da illa, onde loita contra saxóns e anglos. É un personaxe histórico pero arredor da súa traxectoria medrará a lenda de Artús.

sínodo de bispos africanos en Carthago.

outono: Sabinianus, ao mando de tropas imperiais, derrota os ostrogodos e infrínxelles fortes perdas.

Verina logra que Flavius Marcianus (fillo de Antemius) se rebele contra Zenón apoiado por seus irmáns Procopius Antemius e Romulus, e máis por Teodorico Estrabón. O argumento é que el é máis idóneo para o trono. Coa axuda de Estrabón, Marcianus faise coa capital pero é rapidamente derrotado por Illus, capturado e ordenado á forza. Os seus irmáns foxen cara Italia.

en China, a dinastía Song é derrocada pola dinastía Qi. O xeral Xiao Daocheng fai asasinar ao emperador neno da dinastía do sur e toda a súa familia. A historia da nova dinastía será a crónica dun asasinato tras outro.

martes, 2 de abril de 2013

459

moeda coa efixie de Peroz I

Ricimer e Patricius, cónsules para o ano.

Maioriano restaura a paz coas cidades de Gallia e nomea a Aegidius magister militum.

maio: Maioriano marcha a Hispania, onde xunta unha flota coa que prepara a invasión de Africa.

Peroz I, apoiado polos hephtalitas derrota e mata a seu irmán Hormizdas III.

continxentes francos conquistan Colonia.

Teodori­co II recoñece finalmente a lexitimidade de Maioriano. Pero, mentres tanto, tentara estender a súa esfera de influencia á Provenza co placet de boa parte da aristocracia gala.

Teodorico II tamén envía un continxente militar a Baetica para consolidar certa influencia co apoio dunha facción aristocrática oposta ao anterior predominio suevo.

en Callaecia as forzas godas son incapaces de manter a or­de: rebrota a axitación social no rural e varios grupos suevos fuxitivos tentan resistirse á asimilación nas zonas setentrionais e periféricas. Sucédense xefes efémeros e contrapostos entre eles: Maldra e Framtán, e logo Requimundo e Maldra posteriormente. As accións de pillaxe multiplícanse de xeito anárquico, enfrontamentos menores entre grupos suevos e a aristocracia galega, inda moi forte en zonas interiores, e tamén en Lusitania. Estes grupos aristocráticos mostraran tamén unha clara oposición aos visigodos, inda que estes viñeran como representantes imperiais.

ataque de piratas herulos na costas de Callaecia.

os godos inda conservan calidades ancestrais: pelo longo, dieta a base de manteiga, clans, a súa arte ornamental (coñecido en Emerita grazas a numerosas evidencias atopadas), distante da arte monumental e antropomórfica dos romanos. Os xefes comprenden e falan latín, rodéanse de poetas e preceptores e incluso len autores coma Virxilio. Conservarán a latinidade, polo que Isidoro, (De Regibus Gothorum), toma partido por eles.

Teodorico II sitia Arelate, pero Aegidius derrótao e debe desistir. Maioriano tivera éxito anteriormente contra a flota de Gaiserico e traballa para invadir Africa. Teodorico II opta por aliarse con Maioriano contra os vándalos.

os preparativos en Hispania para a campaña africana serían efectuados por godos que tamén estaría controlando a zona do levante. Débese asumir tal feito porque inda que a xefatura do continxente godo estaría compartida por un oficial romano, non hai evidencia da presenza de ningún exército imperial en Hispania.

o exército godo está comandado polo magister militum e comes Nepociano e o comes rei militaris Suniericus.

Nepociano envía unha embaixada a Callaecia para anunciar a paz entre Maioriano e Teodorico II.

unha disputa en relación ao tributo anual fai que Valamiro leve as súas forzas cara os Balcáns e as proximidades de Constantinopla (ata 462). Foron derrotados polo magister militum Antemius e posteriormente León I acorda o pago dun subsidio anual en ouro. Teodorico (5 anos), fillo de Teodemiro, chega a Constantinopla, en calidade de refén; aprenderá latín, táctica militar e conceptos teolóxicos.

Dathusena, rei de Ceilán, da dinastía Moriyan. Durante o seu mandato eríxese a estatua do Bhudda Avukana.

Remixio (22 anos), bispo de Reims.

Vortigern morre queimado vivo en Ganarew (Herefordshire), asediado por forzas romano-britanas comandadas por Ambrosius Aurelianus.

morren Simeón o Estilita (setembro, 2), e Palladius, bispo misioneiro en Hibernia.

mércores, 22 de agosto de 2012

437

nummus de Valentiniano III

Aetius e Sixisvulto, cónsules.

en Constantinopla a influencia de Melania é reforzada pola conversión de Volusianus no leito de morte: se algo era necesario para convencer á piadosa corte oriental do desexable do casamento proposto, a conversión aclara todas as dúbidas. Logo do loito, Melania abandona Constantinopla: coa súa reputación e devoción persoais conseguiu o propósito público da súa misión e reafirma os vínculos entre a corte cristiá e os santos lugares: antes de marchar insiste ante o emperador na conveniencia de que a emperatriz emprendera unha peregrinación.

Melania e o seu home manteñen coas súas doazóns as conexións iniciadas Melania a Vella (avoa súa) e o seu círculo: a igrexa de Xerusalem beneficiárase da liquidacións dos seus bens. Había en Constantinopla persoas agradecidas, coma o presbítero Tigrius, leal apoio de Xoán Crisóstomo, que padecera tortura e exilio en Mesopotamia logo da caída do bispo.

a viaxe de regreso de Melania ao seu mosteiro durou seis semanas. O seu biógrafo pon especial énfase na ansia da protagonista por volver a tempo para as liturxias de semana santa, a pesar das pésimas condicións dos camiños durante a invernía.

mentres Aetius está atuado loitando contra os xermanos en Belgica, o seu xeral Litorius derrota a bacauda en Armorica, matando a Tibatto e outros líderes. Logo marcha ás presas a Narbo para liberala do asedio de Teodorico I, que se aproveita dos problemas no norte. No continxente romano hai unha ampla presenza huna.

maio, 26: morre Xermanus en Roma, viaxara alí para interceder polos rebeldes de Armorica. Outros, porén, retrasan a súa morte a 448 e din que volveu visitar Britannia.

xullo, 2: Valentiniano III cumpre 18 anos e remata a rexencia de Gala Placidia, inda que segue a ter influencia considerable.

en Britannia (segundo a historia brittonum) Ambrosius Aurelianus, líder romano-britano, derrota os anglo-saxóns baixo Vortigern en Wallop. Domina o oeste da illa.

K’inich Yax K’uk’ Mo’, fundador da civilización maia de Copán, morre logo de reinar once anos.

un sínodo en Constantinopla cuestiona os dereitos de Roma sobre Illyricum. Proclus tenta materializar a decisión pero Sixto III lembra aos bispos da zona as súas obrigas cara o vicario en Thessaloniki.

outubro, 29: casan Valentiniano III a filla de Teodosio II, Licinia Eudoxia en Constantinopla. Fan inverno en Thessaloniki antes de volver a occidente.

os vándalos operan en Sicilia.

morre Syrianus en Atenas e Proclus (nado c. 410 en Constantinopla, dato deducido polo seu discípulo Marinus en base a un horóscopo) accede á cabeza da Academia.