mércores, 22 de agosto de 2012

437

nummus de Valentiniano III

Aetius e Sixisvulto, cónsules.

en Constantinopla a influencia de Melania é reforzada pola conversión de Volusianus no leito de morte: se algo era necesario para convencer á piadosa corte oriental do desexable do casamento proposto, a conversión aclara todas as dúbidas. Logo do loito, Melania abandona Constantinopla: coa súa reputación e devoción persoais conseguiu o propósito público da súa misión e reafirma os vínculos entre a corte cristiá e os santos lugares: antes de marchar insiste ante o emperador na conveniencia de que a emperatriz emprendera unha peregrinación.

Melania e o seu home manteñen coas súas doazóns as conexións iniciadas Melania a Vella (avoa súa) e o seu círculo: a igrexa de Xerusalem beneficiárase da liquidacións dos seus bens. Había en Constantinopla persoas agradecidas, coma o presbítero Tigrius, leal apoio de Xoán Crisóstomo, que padecera tortura e exilio en Mesopotamia logo da caída do bispo.

a viaxe de regreso de Melania ao seu mosteiro durou seis semanas. O seu biógrafo pon especial énfase na ansia da protagonista por volver a tempo para as liturxias de semana santa, a pesar das pésimas condicións dos camiños durante a invernía.

mentres Aetius está atuado loitando contra os xermanos en Belgica, o seu xeral Litorius derrota a bacauda en Armorica, matando a Tibatto e outros líderes. Logo marcha ás presas a Narbo para liberala do asedio de Teodorico I, que se aproveita dos problemas no norte. No continxente romano hai unha ampla presenza huna.

maio, 26: morre Xermanus en Roma, viaxara alí para interceder polos rebeldes de Armorica. Outros, porén, retrasan a súa morte a 448 e din que volveu visitar Britannia.

xullo, 2: Valentiniano III cumpre 18 anos e remata a rexencia de Gala Placidia, inda que segue a ter influencia considerable.

en Britannia (segundo a historia brittonum) Ambrosius Aurelianus, líder romano-britano, derrota os anglo-saxóns baixo Vortigern en Wallop. Domina o oeste da illa.

K’inich Yax K’uk’ Mo’, fundador da civilización maia de Copán, morre logo de reinar once anos.

un sínodo en Constantinopla cuestiona os dereitos de Roma sobre Illyricum. Proclus tenta materializar a decisión pero Sixto III lembra aos bispos da zona as súas obrigas cara o vicario en Thessaloniki.

outubro, 29: casan Valentiniano III a filla de Teodosio II, Licinia Eudoxia en Constantinopla. Fan inverno en Thessaloniki antes de volver a occidente.

os vándalos operan en Sicilia.

morre Syrianus en Atenas e Proclus (nado c. 410 en Constantinopla, dato deducido polo seu discípulo Marinus en base a un horóscopo) accede á cabeza da Academia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario