Amosando publicacións coa etiqueta Zacarías. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Zacarías. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de xullo de 2016

752

representación de Estevo II
www.gecoas.com
febreiro: en Soissons Pipino o Breve é coronado novo rei dos francos por Bonifacio, co consentimento de Zacarías; fin dos merovinxios.

marzo, 22: morre Zacarías e tamén, Estevo, o seu sucesor, catro días despois sen ser consagrado. É elixido un novo sucesor, que tamén toma o nome de Estevo (II).

Pipino inicia unha campaña no val do Ródano, na Septimania, en poder musulmán. Recibe a lealdade do comes godo Ansemundo e conquista Nimes, Malquelh, Agda e Béziers.

Pipino sitia Narbo, defendida por musulmáns e godos, que resisten grazas ás subministracións que lles chegan por mar dende flotas árabes.

Aistulfo rende ou destrúe os últimos continxentes imperiais no exarcado. Plántase ante as portas de Roma. Estevo, por medio dunha legación, reclama que Pipino cumpla o prometido a Zacarías.

Pipino esixe que Estevo llo pida en territorio franco, para o cal xestiona unha salvoconduto ante Aistulfo. Pipino, austrasiano, fixa o encontro en Neustria, Prüm, para reforzar alí a súa autoridade.

xuño: Estevo II ten que atravesar Ticinum, capital lombarda, e prodúcense negociacións co Aistulfo, que aposta que Pipino nom vai acceder ás peticións de Estevo.

batalla de Burford: Ethelbald de Mercia ten que defender a súa supremacía ante Cuthred de Wessex, que sae vitorioso na guerra entre ambos reinos.

morre Teudebur de Alt Clut, sucedido por Dumnagal III, que perde a rexión de Kyle a mans dunha invasión conxunta de Óengus I dos pictos e Eadberht de Northumbria.

Abd al-Rahman ibn Habib al-Fihri, gobernante de Ifriqiya, despacha un exército que recupera a Tripolitania, en mans dos ibadíes, facendo que se teñan que refuxiar nos montes Nafusa.

al-Fihri tamén ordena atacar Cerdeña, con certo éxito, e Sicilia, sen éxito.

sábado, 23 de xullo de 2016

751

Childerico III é tonsurado, do libro
L'Histoire de France Populaire, Henri Martin, 1876.
Constantino V derrota os musulmáns en Melitene.

Aistulfo toma Ravenna, final do exarcado. Aistulfo centra agora a súa atención sobre Roma, que volve pedir axuda a Constantinopla, sen éxito.

unha embaixada franca chega a Roma. Formulan unha pregunta: é xusto que unha persoa sen autoridade sexa chamado 'rei'? non será mellor que leve o título quen realmente goberna?'. Zacarías resposta, coa debida cerimonia, afirmativamente.

xuño, 6: o fillo de Constantino V é coronado basileus como León IV; pouco despois morre María, segunda muller de Constantino.

xullo/agosto: os chineses, baixo Gao Xianzhi, son derrotados polos árabes, axudados por tribos turcas coaligadas, onde o río Talas.

é posible que os prisioneiros chineses feitos difundan no ámbito musulmán o uso do papel, que comeza a producirse en Samarcanda.

concilio en Constantinopla (o sétimo xeral segundo os ortodoxos): confirmación das teses iconoclastas.

novembro: Childerico III é tonsurado, desposto e recluído nun mosteiro.

morre Xisulfo, duque de Benevento, sucedido por Liutprando, fillo seu; Scauniperga, súa nai, exerce a rexencia.

unha terrible tormenta destrúe máis de mil barcos no Yangzhou.

750

as-Saffah proclamado califa
en.wikipedia.org
xaneiro, 25: Marwan II é derrotado xunto ao río Zab. Á batalla segue a persecución e matanza sistemática de toda a familia umayyad. Marwan foxe cara Exipto, coa intención de chegar a al-Andalus, onde inda hai grandes continxentes militares leais. Tamén logra escapar Abd al-Rahman, neto de Hisham, que se oculta en Ifriqiya.

Kufa pasa a ser capital. Os abasí non recoñecen os umayyad como califas; só lles outorgan o rango de reis.

o emir de al-Andalus Yusuf nomea a Sumayl gobernador de Caesaraugusta. No norte declárase unha enorme peste e moitos bérberes emigran cara o sur, o que ocasiona despoboamentos na Meseta.

Afonso I, secundado por Fruela, un irmán, ataca as cidades do norte matando musulmáns e levando consigo poboación cristiá. Isto agrava o despoboamento na zona.

Aistulfo ataca o exarcado de Ravenna. Zacarías revive a situación de emerxencia de tempos de Gregorio III anos antes: a iconoclastia afástao de Constantino V. Busca o auxilio franco.

Pipino acepta negociar con Zacarías.

os toltecas saquean Teotihuacan, reducida a ruínas.

agosto, 5: Marwan II é capturado e asasinado en Fostat por partidarios de Adbullah ibn Muhammad as-Saffah. O seu corpo é mutilado polo populacho.

sublevación copta en Exipto en contra dos impostos.

fúndase o imperio de Ghana.

Eadberht de Northumbria encerra a Cynewulf, bispo de Lindisfarne, no castelo de Bamburgh. Asedia o príncipe Offa, fillo do rei Aldfrith, tamén en Lindisfarne, quen finalmente, case morto de fame, decide renderse, sendo inmediatamente executado.

batalla de Mugdock: os britanos de Strathclyde baixo Teudebur derrotan os pictos baixo o príncipe Talorgan. Este feito inicia o comezo do rei Oengus I.

venres, 22 de xullo de 2016

749

follis de Aistulfo
www.cngcoins.com
Ratchis asedia Perugia pero Zacarías convénceo para que levante o cerco e se retire coa súa familia a Montecassino.

xuño: Aistulfo sucede a Ratchis como rei e casa con Xisaltruda, irmá de Anselmo, duque de Friuli.

Aelfwald de East Anglia morre, sendo sucedido por Beonna, Aethelberht I e posiblemente Hun, sendo Beonna o rexente principal.

revolución abasí: forzas baixo Qahtaba ibn Shabib al-Ta'i derrotan un gran exército umayyad (50000 homes) en Isfahan e invaden Mesopotamia, tomando Kufa.

agosto, 19: Shōmu abdica logo de 25 anos no trono, dominado pola súa dona (e tía), Kōmyō. É sucedido pola súa filla Kōken, profesando como sacerdote budista.

outubro, 28: Abdullah ibn Muhammad é proclamado califa en Kufa e adopta o título de al-Saffah ('o carniceiro de sangue').

Abdallah ibn Abd al-Malik, príncipe umayyad é crucificado por orden do califa abasí, en al-Hirah.

Salih ibn Tarif, profeta bérber, aproveita a crise do califato para independizar a rexión de Bargawata.

K'ak' Yipvaj Chan K'awiil, soberano de Copán.

fames en Hispania, que provocan migracións cristiás alén dos Pireneos.

Gorazd, duque de Carintia.

decembro, 4: morre Xoán Damasceno en Damasco; tratara de conxugar filosofía aristotélica e teoloxía cristiá; é un síntoma dos tempos que o teólogo cristián máis reputado vivira baixo o poder musulmán.

luns, 14 de decembro de 2015

744

dirham de Marwan II
febreiro: morre Liutprando por causas naturais; sucédeo Hildeprando o Inútil, sobriño seu.

Abd al-Rahman ibn Habib, neto de Uqba ibn Nafi, gobernador de Ifriqiya, proclámase independente de Túnez.

marzo, 2: sínodo de Soissons para toda a igrexa franca, que acaba coa condena de Adalberto a instigación de Pipino e Bonifacio. Adalberto sementara de cruces de madeira o territorio e animara a xente a rezar onda elas. O sínodo condénao ao silencio e a arrancar todas as cruces sementadas.

abril, 17: al-Walid II é asediado e asasinado na súa fortaleza de Bakra, cerca de Palmira, por forzas xiítas baixo Sulayman ibn Hisham. O seu sucesor é Yazid III, curmán seu.

xullo: turcos baixo Uyghur, Karluk e Basmyl, con axuda Tang, non membros do clan de Ashina, perpetran un golpe e matan ao último kaghan Ozmich e acaban co citado clan fundando o imperio Ouigour.

setembro, 25: morre Yazid III dun tumor cerebral, sucedido polo seu irmán Ibrahim, quen so é recoñecido en partes de Syria. Contra el álzase Marwan II, umayyad, que se considera vingador de al-Walid II.

o conde alamano Theudebald rebélase en Alsacia mais Pipino recobra o control da rexión.

outubro: Hildeprando é derrocado por un concilio de nobres debido á súa incompetencia, sendo sucedido polo duque de Friuli, Ratchis, que asina un tratado de paz con Zacarías. Duque de Friuli é agora Aistulfo.

o bérber Salih ibn Taif proclámase profeta e funda o reino de Bargawata (oeste de Marrocos).

constrúese o 'wat's dyke' con terra, que será fronteira entre Mercia e Powys.

outubro: revolta xií en Kufa por parte de Abd Allah ibn Muawiya que se estende a outras zonas.

novembro, 18: vitoria de Marwan II en Anjar sobre as forzas de Ibrahim, quen se somete.

decembro, 7: Marwan II entra en Damasco, sendo recoñecido como califa. Instálase en Harran.

domingo, 13 de decembro de 2015

743

representación de Childerico III
www.datuopinion.com
febreiro, 6: Hisham ibn Abd al-Malik morre; sucédeo o seu fillo al-Walid II, que mete preso a Khalid al-Qasri, anterior gobernador de Iraq; faino torturar polas súas crenzas contrarias ao islam.

marzo, 1: concilium germanicum de Leptines: primeiro gran sínodo celebrado no leste dos territorios francos, organizado por Carlomán e presidido por Bonifacio, xa consolidado na súa posición de líder da igrexa franca. Son prohibidas as prácticas máxicas e astrolóxicas; institúese a precaria verbo regis, que regula a práctica da confiscación de bens eclesiásticos; condena de crenzas e cerimonias como a vince luna ('lúa, túa é a vitoria'): o clero apóiase no opúsculo natura rerum (Isidoro) para explicar 'cientificamente' os eclipses lunares, e debe loitar para que se asente a noción da muller como ser humano e non cósmico; precísase que algúns cren que 'as mulleres entréganse á lúa para facerse co corazón dos homes igual que facían os pagáns'. A muller segue a ser 'considerada' como misterio, ora benéfica ora maléfica, orixe de pracer e desgrazas, pureza terrorífica mais tamén impureza destrutiva.

marzo, 3: para lexitimar a súa posición Pipino saca dun mosteiro a Childerico III 'o estúpido', suposto 'fillo' de Chilperico II e faino rei.

abril, 1: Zacarías responde a Bonifacio, que se queixa do estado 'deplorable' dos cregos, que non coñecen o latín e viven en concubinato.

a poesía chinesa pasa por unha idade dourada; destacan Li Bo e Du Fu.

morre Teodomiro, o godo que inda conservaba a súa autonomía no SE de al-Andalus, sendo sucedido polo seu fillo Atanaxildo.

o sistema de anotación de Victorius de Aquitania inda funciona en Britannia, onde se elabora unha listaxe dos reis de East-Anglia, con dobre datación: a de Victorius e a de Dionisio.

primavera: Pipino e Carlomán atacan os eslavos, saxóns e alamanos baixo os duques bávaro Odilo e alamano Theudebald, que foxen logo de ser derrotados en Lech.

Aethelbald de Mercia e Ceolred de Wessex atacan xuntos os reinos britanos de Gwent e Powys.

nova revolta en Kufa.

verán: Artabasdos é novamente derrotado por Constantino V, agora recoñecido como basileus. O usurpador e o seu fillo Niketas son cegados en público e encerrados no mosteiro de Chora.

Constantino prosegue a súa política iconoclasta. Tamén reforma a 'Garda Imperial' e converte os efectivos en unidades de elite de cabalería e infantería chamadas tagmata; usa estas tropas en campañas contra unha rebelión interna no NO de Anatolia e para campañas ofensivas contra atacantes musulmáns e búlgaros.

xuño, 29: entrevista de Ticinum entre Zacarías e Liutprando, quen se ten beneficiado das disensións entre Roma e os bizantinos. Mais o bispo de Roma apoia, a petición do exarca, que o lombardo acorde unha paz co imperio.

Odilo de Baviera axuda a Boruth, knyaz dos carantanios, contra os ataques avaros. A cambio, Boruth acepta a súa soberanía e faise cristián.

Shōmu muda a lei da 'propiedade perpetua das terras de cultivo', o cal permite que aristócratas e cregos cultiven a terra: as novas terras chámanse shoin.

Pipino e Carlomán emprenden unha reforma eclesiástica reflectida nas 'capitularia': cada cidade debe posuír un bispo e todos os cregos da diocese deben prestarlle obediencia; monxes e monxas deben ter autorización para vivir fóra das súas congregacións; deben retornarse as posesións detraídas á Igrexa; os metropolitanos son restaurados nas súas funcións; os cregos deben acudir aos sínodos provinciais; os cregos fornicadores e os adúlteros deben cumprir penitencia.

martes, 8 de decembro de 2015

742

reconstrución de Chang'an
www.city-data.com
Liutprando segue ameazando Roma pero Zacarías pacta con el e ofrécelle a súa axuda contra os duques de Spoleto e Benevento.

a situación de Pipino en Neustria é precaria debido á súa orixe austrasiana.

marzo: Hunald I, duque de Aquitania e Vasconia, en rebeldía dende a morte de Carlos, é atacado por Pipino e Carlomán en Bourges; destrúen tamén o castelo de Loches. Hunald non se somete mais non é quen de evitar que arrasen o país.

derrotado Hunald, Pipino e Carlomán atacan e someten os alamanos, dirixidos polo duque Theudebald.

abril - maio: o gobernador de Exipto Handhala ben Safwan intervén no Maghreb contra os bérberes kharidjitas rebeldes e derrótaos en dúas batallas en al-Qarn e el-Asnam (Chlef en Alxeria) despois de ser atacada a propia Kairouan polos rebeldes.

maio: vitoria de Constantino V sobre Artabasdos, que se refuxia en Constantinopla.

agosto: tratado de Terni entre Zacarías e Liutprando, polo que o lombardo retorna posicións conquistadas en 739.

outubro, 1: Chrodegang, vello chanceler de Carlos Martelo, é nomeado bispo de Metz.

Teodato Ipato, dogo de Venecia, logo da morte de seu pai Orso, transfire a sé ducal de Eraclea a Malamocco.

os eslavos combaten os francos, aliados cos bávaros.

Trasamundo é desposuído por Liutprando e recluído nun mosteiro.

Xisulfo II, duque de Benevento.

Hisham permite ocupar a sé de Antioquía logo de corenta anos vacante; o elixido leva o nome de Estevo IV.

Abd al-Malik ibn Katan al-Fihri, wali de al-Andalus, suprime a rebelión bérber na rexión de Mértola.

Xuan Xong comeza a favorecer o taoísmo en detrimento do budismo, adoptando o título de tianbao ('tesouros celestiais'); o número total de homes alistados no exército medra ata medio millón debido ás reformas militares efectuadas.

o censo conservado para Chang'an e a súa área metropolitana de Jingzhou indica 362921 familias rexistradas cun total de 1960188 persoas.

sábado, 7 de novembro de 2015

741

sólido de Constantino V
www.bisanzioit.blogspot.com.es
xuño, 18: morre León III o Isauro de hidropisía en Constantinopla. Sucédeo Constantino V Copronimo, que invade Syria e continúa a súa política iconoclasta. Mais ten que enfrontarse á oposición interna.

o seu cuñado Artabasdos, strategos do thema armenio e iconódulo, faise co control de Constantinopla, e coróase basileus. Asegúrase os themas de Thracia e Opsikion. Constantino apóiase en Anatolia.

Shomu constrúe templos budistas nas provincias para 'pregar' por unha futura prosperidade. Os xefes dos clans deben participar nos gastos, co que se reduce a súa autonomía financeira.

outubro, 22: morre Carlos Martelo; os territorios francos repártense entre os seus fillos: Carloman (27), mordomo de Austrasia e os territorios alamanos co control de Baviera; Pipino o Breve (pola súa baixa estatura, 23), mordomo de Neustria e Burgundia con Aquitania como vasalo; e Griffo, o menor, cunha franxa de terra entre Neustria e Austrasia.

Pipino o Breve casa con Bertrada de Laon, filla do conde Cariberto.

a gran revolta bérber continúa: Hisham ibn Abd al-Malik nomea a Kulthum ibn Iyad al-Qasi wali de Ifriqiya. Envíase unha cuarta expedición dende Syria para sufocar a rebelión na rexión do Atlas, mais é derrotada na batalla de Bagdoura, na chaira de Ghrab. Sen embargo, os rebeldes kharijitas non son quen de conquistar Kairouan dos umayyad nun primeiro momento. Algo máis tarde, unha rama radical dos kharijitas, os sufristas, consegue tomar a cidade.

novembro, 28: morre Gregorio III.

decembro, 3: Zacarías elixido novo bispo de Roma.

decembro, 10: Zacarías é consagrado sen esperar autorización imperial de Constantinopla ou Ravenna, sumidas nas súas propias crises e debilidades.

moitos monxes gregos refúxianse en Roma, expulsados por Constantino e exasperados contra el.