Amosando publicacións coa etiqueta Constante II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Constante II. Amosar todas as publicacións

domingo, 30 de novembro de 2014

668

Constantino IV Pogonatos
Kotrag, khagan dos búlgaros, dirixe os jázaros para derrocar o seu irmán Batbayan dos onogures e marcha cara o sur entrando no Cáucaso.

Asparukh, líder dos utigures, abandona a zona de Ongal a Kotrag e entra en Moesia.

forzas musulmás conquistan os territorios dos garamantes, no deserto de Libia.

marzo, 26: Theodoro de Tarsus, consagrado por Vitaliano como arcebispo de Canterbury; é enviado a Britannia co monxe africano Adriano para ocuparse da escola catedralicia de Canterbury e da escola monástica de Pedro. Introduce o sistema romano de ‘parroquias’, que será o modelo para o estado secular.

Colman de Lindisfarne, con 30 discípulos, navega ata Hibernia, asentándose en Inishbofin e funda un mosteiro.

xullo, 15: revolta en Siracusa.

setembro, 15: Constante II é asasinado en misteriosas circunstancias no baño por un garda de palacio durante un motín en Siracusa.

a corte regresa a Constantinopla logo de cinco anos de ausencia.

os fillos de Constante sucédeno conxuntamente: Constantino IV, (14 anos), Heraclio e Tiberio.

Mu’awiyya recibe un convite de Saborios, comandante bizantino das tropas en Armenia para tentar derrocar a Constantino IV. Envía un exército baixo o seu fillo Yazid contra o imperio bizantino.

Yazid chega a Chalcedonia e toma Amorium.

Mezezius, xeneral armenio e patrikios, é proclamado emperador polo exército que permanece en Siracusa.

Constantino IV reúne un exército e parte a Sicilia para aplacar a rebelión e vingar a morte de seu pai.

novembro: tropas Tang, cuxos líderes selecciona persoalmente Wu Zetian, colaboran co rei de Silla para completar a conquista do reino de Goguryeo.

inicio do reinado de Mahendravarman II, rei de Kanchi.

sábado, 29 de novembro de 2014

666

Emerita Augusta, maqueta
es.wikipedia.org
Constante II concede a Maurus, bispo de Ravenna, o privilexio da “autocefalia” (o seu arcebispo pode ser elixido por tres dos seus sufragáneos sen ter que viaxar a Roma); isto supón a ruptura con Roma, coa que a sé de Ravenna nunca tivera grandes diferenzas, incluso durante o episodio dos ‘tres capítulos’.

concilio de Emerita: recomendación aos presbíteros que procurasen “recitar ante o altar durante a misa os nomes daqueles que tiveran construído basílicas ou teñan traído ou traian algo a estas santas igrexas” (xeito de estimular as doazóns da aristocracia local, acostumada aos mecanismos de everxetismo clásico).

un dos índices que marcan o paso da romanidade á tardoantigüídade é a substitución do everxetismo clásico romano e pagán pola caridade cristiá. O pobre cobra un papel fundamental nos dous modelos caritativos, non coma suxeito, mais coma lucrativo obxecto da caridade. No baleiro que se crea coa desaparición do aparato administrativo estatal imperial romano xorden os bispos coma figuras que socorren aos realmente pobres e necesitados.

setembro, 4: eclipse de sol total en Hispania.

Lupus de Friuli rebélase contra Grimoaldo I con aliados avaros, pero o rei toma e devasta Friuli e persegue ao fillo de Lupus, Amefrito e mátao nunha batalla no castelo de Nimis. Grimoaldo nomea a Wechtar como novo duque de Friuli.

Wilfrid naufraga de volta a Britannia en Sussex. Cando finalmente pode chegar a Northumbria, atópase que fora deposto e é obrigado a retirarse a Ripon.

xoves, 27 de novembro de 2014

663

panoplia dun guerreiro picto
louespiritucelta.blogspot.com
Constante II ataca Benevento aproveitando que Grimoaldo I está a combater contra forzas francas procedentes de Neustria. Desembarca en Tarento e asedia Lucera e a propia Benevento. Toma Brindisi, coa axuda da horda búlgara de Alcek, que logo recibe autorización imperial para asentarse na zona de Ravenna.

sen embargo, Grimoaldo intervén e Constante debe renunciar a Benevento; marcha cara Neapolis pero é derrotado no camiño polo conde de Capua Mitola.

maio, 8: batalla de Forino, na que os bizantinos (unha columna diferente á do emperador, baixo Saburrus) volven ser derrotados polos lombardos baixo Romualdo I.

xuño, 5: o palacio Daming pasa a ser a residencia oficial de Gaozong.

xullo, 5: Constante II visita Roma durante doce días, onde é recibido por Vitaliano con grandes honores. O emperador queda decepcionado coa cidade, que atopa en estado de ruína, pero ordena quitar algúns adornos que quedan e mandalos a Constantinopla.

Constante II marcha novamente a Neapolis e logo a Siracusa, desde onde planea frear os musulmáns á propia Sicilia.

un monxe, de nome descoñecido, é o primeiro en chegar á cima do monte Fuji.

Oswiu de Northumbria invade territorio picto e establece a súa supremacía sobre os reinos de Fortriu, Fib, e posiblemente Circinn.

agosto, 27-28: batalla de Baekgang, na que as forzas de Baekje e os seus aliados xaponeses son derrotados (dirixidos por Abe no Hirafu) nunha batalla naval pola coalición de Silla e os chineses.

Silla esténdese sobre toda a península coreana, ocupando o antigo reino de Paikche e o sur de Goguryeo. Ao norte xorde Palhae, que escapa ao control de Silla e mantén relacións cos pobos ‘bárbaros’ do norte.

Wine, bispo de Winchester, volve trasladar a se episcopal a Dorchester.

luns, 24 de novembro de 2014

661

emperador Tenji de Xapón
debuxo de Ogura Hyakunin Isshu
es.wikipedia.org
Constante II instálase en Atenas.

algúns musulmáns, cansos da guerra, cren que a solución para conseguir a paz entre eles pasa por asasinar os dous ‘califas’.

xaneiro, 22: os khariditas conseguen atentar contra Ali, mentres reza en Kufa (morre o 24). Mu’awiyya é agora o único califa. Iníciase por tanto o ‘califato ummayad’.

os partidarios de Ali non aceptan a situación e resisten en Kufa arredor de Hasan ibn Ali e Husain ibn Ali, fillos de Ali, que resultan ser relixiosos amantes do estudo e cedo renuncian ao trono. Inda así, os seus partidarios persisten. Serán coñecidos como shiitas.

morre Eriberto I e Pertarito e Godeperto, fillos del, dividen o reino lombardo: un reside en Mediolanum e o outro en Ticinum. Godeperto forza unha alianza con Grimoaldo, duque de Benevento.

batalla de Posbury: Cenwalh de Wessex invade Dumnonia e derrota os britanos cerca de Crediton empurrándoos contra a costa.

Wulfhere de Mercia e o seu exército saquean os Berkshire Downs (ao sur do Támesis) e diríxense cara o sur para conquistar o Meonware e a illa de Wight.

Wulfhere nomea a Aethelwealh rei de Sussex e é bautizado en Mercia.

Mu’awiyya fai preso ao patriarca Giwarxis I ao negarse a pagar o tributo esixido; os cristiáns son perseguidos e algunhas igrexas destruídas.

a flota imperial xaponesa invade Kyūshū por orden da emperatriz Saimei. De camiño, a princesa Nukata compón un famoso poema en Nikitatsu na provincia de Iyo.

Saimei constrúe o palacio de Asakura en Kyūshū de árbores que sostiñan altares e morre dous meses máis tarde. A lenda di que por unha maldición dos deuses que habitaban os altares destruídos.

o emperador Tenji sube ao trono imperial xaponés logo da morte de Saimei e que envía un exército baixo Abe no Hirafu a Korea para axudar a Baekje, aliado xaponés.

Munmu, rei de Silla, en Korea.

Maximo Confesor é levado á capital e xulgado e sentenciado a serlle cortadas a lingua e a man dereita para evitar que volva opoñerse ao monotelismo.

660

clepsidra
vivirdiario.com
Constante II manía coas ambicións de seu irmán menor Teodosio e fai que o asasinen; isto desata as iras da xente na capital e decide marchar con parte da corte a Tesalónica, coa idea de chegar ata Sicilia.

Swithhelm e Swithfrith matan a seu irmán Sigeberht II, e sucédeno conxuntamente como reis de Essex. O defunto era demasiado ‘proclive’ a perdoar os ‘inimigos’ (os cristiáns).

Domanagart II mac Domnaill, rei de Dál Riata, sucesor de Conall II Crandomna.

xullo: Mu’awiyya é proclamado califa polos seus partidarios en Xerusalem en contra de Ali. Damasco pasa a ser a capital dos musulmáns en detrimento de Madinat. Organiza un aparato estatal centralizado que se apoia nos iemenitas e os cadros bizantinos sirios recen convertidos ao islam (Ibn Sarjun é un vello funcionario bizantino que se encarga das finanzas).

xullo, 9: batalla de Hwangsanbeol, na que forzas de Silla (50000 homes) dirixidas polo xeneral Kim Yu-shin derrotan o exército de Baekje en Nonsan; o xeneral Gyebaek morre loitando contra os invasores.

xullo, 18: rendición de Sabi, capital de Baekje, que é conquistado por unha alianza da dinastía Tang e Silla, dirixida polo xeneral chinés Su Dingfang e polo rei Munmu de Silla.

Felix, patricio de Tolosa, asume o título de duque de Vasconia e Aquitania; formalmente é vasalo dos francos pero comeza a tomar decisións propias.

Cenwalh de Wessex divide a se episcopal de Dorchester en dúas: Wine, bispo de Wintancestir; Axilberto de Dorchester dimite como protesta e viaxa cara Northumbria.

Gaozong enferma (quizás envelenamento) e Wu Zetian comeza a gobernar o imperio chinés nun clima de terror.

o príncipe Naka no Ōe no Ōji de Xapón fabrica unha clepsidra en Asuka.

os búlgaros líbranse do xugo avaro co liderado de Asparoukh e chegan ao delta do Danubio e instálanse na Dobruja.

659

a ruta da seda
larutadelasedacat.wordpress.com
morre Elixio de Noyon, que empregara pasaxes de correctione rusticorum de Martiño de Dumio, para elaborar algúns dos seus sermóns.

os turcos occidentais son definitivamente controlados polos Tang dirixidos por Su Dingfang, que fai prisioneiro ao seu khagan Aschina Holu. A ‘ruta da seda’ queda definitivamente nas súas mans, con catro postos principais: Kaschgar, Khotan, Kutscha e Karaschahr.

Leodegario, rival de Ebroino, bispo de Autun.

Constante II aproveita os problemas dos musulmáns para consolidar a súas defensas e o control bizantino sobre Armenia.

xuño, 2: Constante coroa os fillos Heraclio e Tiberio co-rexentes.

Xertrude de Nivelles, filla de Pipino de Landen, solicita ser soterrada cun simple sudario de liño, seguindo o ritual pagán.

domingo, 23 de novembro de 2014

658

www.thestudentroom.co.uk
xaneiro: arbitraxe de Adhruh, en Xordania. Mu’awiyya é destituído do seu posto como gobernador de Syria pero consegue formar un exército de 100000 que ameaza a posición de Ali de xeito definitivo.

morre Samo e con el o seu reino. Os eslavos volven dividirse en tribos desarticuladas entre si. Os avaros recuperan posicións na actual Hungría.

Constante II enfróntase con éxito a tribos avaras e eslavos nos Balcáns, recupera Macedonia para o imperio e parte dos vencidos son asentados en Anatolia.

Constante planea reforzar o que queda do exarcado de Africa contra os musulmáns.

conclusión da crónica de Fredegario.

a nobreza de Mercia dirixida por Immin, Eata e Eadberht, elixe rei a Wulfhere, fillo de Penda, e rexeita a autoridade de Northumbria.

batalla de Peonnum, na que Cenwalh, rei de Wessex, ataca Dumnonia e consegue facer do río Parrett a divisoria entre os dous reinos.

abril: Mu’awiyya recoñecido califa en Syria.

xullo, 17: masacre de kharidiitas por Ali na batalla de Nahrawan, cerca de Bagdad, ao leste do Tigris.

xullo: Mu’awiyya apodérase de Exipto.

Ebroino chega a mordomo de palacio en Neustria; pretende dominar a aristocracia impedindo a transmisión de herdanzas e elevando a postos palatinos a xente humilde que lle deben todo a el. As grandes familias agrúpanse en torno a Leodegario.

venres, 21 de novembro de 2014

655

extensión dos territorios Chalukya
en.wikipedia.org
batalla dos mastros: Constante II decide enfrontarse a Mu’awiyya e reúne unha flota (500 naves) que comandala persoalmente. Ataca a musulmá, comandada por Abdullah ibn Sa’ad, tendo lugar o encontro en Lycia, fronte o monte Phoenix, cerca do porto do mesmo nome (actual Finike) e os bizantinos son derrotados. O emperador consegue poñerse a salvo en Constantinopla con moitas dificultades. De todas maneiras, os musulmáns tamén sofren moitos danos e non poden operar por unha tempada.

maio, 15: Martiño I é conducido a Cherson, na península de Crimea.

novembro, 2: inicio das sesións do IX concilio de Toledo.

novembro, 15: batalla de Winwaed entre Penda de Mercia e Oswiu que conclúe coa derrota e morte do primeiro. Cadafael Cadomedd de Gwynedd e Oethelwald de Deira, aliados de Mercia, retiran as súas forzas antes de comezar a loita. Esta batalla acaba co último símbolo pagán en Britannia.

Oswiu é agora a referencia (bretwalda) e faise tamén rei de Mercia, instalando ao seu xenro, Peada, fillo de Penda, como rei de Middle Anglia.

Vikramaditya I de Chalukya reunifica o reino logo de derrotar os seus irmáns.

setembro, 16: Martiño I morre de fame e polas malas condicións nas que vive.

Peada funda a catedral de Peterborough (en Canterbury) e Deusdedit é consagrado como arcebispo.

654

Constante II con Constantino IV Pogonatos
Frutuoso, bispo de Braga.

publícase o liber judiciorum, baseado no dereito romano e que equipara os godos e o resto da poboación en Hispania.

marzo, 1: a comunidade xudía de Toletum asina un placitum, onde se compromete a non manter relacións cos seus ‘irmáns’ bautizados, nin practicar a circuncisión, nin celebrar o sabá, nin practicar o restos dos seus costumes e crenzas ancestrais e adoptar os cristiáns.

abril: Constante II nomea o seu fillo Constantino IV Pogonatos (2 anos) augustus.

en China, a emperatriz Wang é acusada de ter tentado envelenar o emperador. A concubina Wu Zhao é nomeada emperatriz, que manda asasinar a Wang e a outra concubina.

Penda derrota a Anna de East Anglia en Blythburgh. Anna e o seu fillo Jurmin morren na loita.

Aethelhere sucede a seu irmán no trono de East Anglia e acepta a autoridade de Penda.

Mu’awiyya fai de Chipre unha base para seguir a conquista das illas do Mare Nostrum. Conquista Kos.

setembro, 17: Martiño I é conducido a Constantinopla e alí condenado (decembro, 15) a ser desmembrado polo delito de lesa maxestade.

novembro, 24: morre Kōkotu e a súa irmá Kōgyoku sucédeo no trono co nome de Saimei.

Takamuko no Kuromaro é enviado á corte Tang pero morre nada máis chegar a Chang’an.

Petros, novo patriarca de Constantinopla.

peste en Provenza, Latium e Ticinum.

xoves, 20 de novembro de 2014

653

Recesvinto
no codex vigilianus
es.wikipedia.org
xuño, 17: os ataques de Martiño I contra o monotelismo colman a paciencia de Constante II, que ordena detelo no propio palacio Laterano. O exarca de Ravenna Theodoros Kalliopas executa a orde imperial e reclúe a Martiño en Naxos, antes de trasladalo a Constantinopla. Maximo Confesor segue a mesma sorte que o bispo de Roma.

Constante II marcha a Armenia, onde logra algunhas vitorias, pero non pode conquistar a parte de Armenia que fora persa.

morre asasinado Rodoaldo, sucedido por Eriberto I, que aposta decididamente polo catolicismo.

Paulos II deixa de ser patriarca de Constantinopla.

Constante II concede aos armenios autonomía e nomea ao nakharar Theodor Rshtuni soberano de Armenia.

Mu’awiyya ataca Rodas, facéndose cos restos de bronce do ‘coloso’ que traslada a Syria para acuñar moedas.

Atto, sucede a  Theodelap como duque de Spoleto.

Penda predomina no centro de Britannia, onde impón ao seu fillo Peada como rei. Peada casa con Alchflaed, filla de Oswiu de Bernicia e é bautizado en ad murum (cerca do ‘muro de Adriano’) polo bispo Finan.

Oethelwald de Deira rexeita a soberanía de Oswiu e alíase con Penda, que lanza outro ataque sobre Bernicia.

Talorgan I, sobriño de Oswiu, é coronado rei picto, e acepta a soberanía e a tributación a Northumbria.

Sigeberht II adopta o cristianismo e entra a formar parte dunha coalición contra Penda.

o príncipe Tenji de Xapón muda a súa residencia a Asuka (na prefectura Nara) con outros membros da familia imperial e ministros. O emperador Kōtoku permanece no palacio Naniwa.

setembro, 30: morre Chindasvinto e, segundo o disposto, sucédeo o seu fillo Recesvinto.

decembro, 16: inicio das sesións do VIII Concilio de Toledo, convocado por Recesvinto, no que trata de conciliar el perdón real coas severas leis ditadas por seu pai. De novo establécese que no sucesivo serán bispos e nobres os que elixirán o rei.

martes, 18 de novembro de 2014

649

emperador Gaozong
en.wikipedia.org
xaneiro, 19: os defensores de Kucha réndense logo dun asedio de 40 días. Queda establecido o control chinés total sobre o norte da conca do Tarim.

xaneiro, 20: Recesvinto, nomeado co-rexente por Chindasvinto.

Mu'awiyya, gobernador de Syria, comisiona a Adbullah ibn Sa'ad a conquista de Chipre, cousa que fai usando unha flota de 1700 naves manexada por mariñeiros cristiáns disidentes: coptos e monofisitas, entre outros. Os musulmáns saquean Constantia, logo dun curto asedio, e tamén o resto da illa. Os xefes locais concordan en pagar ao califato o mesmo tributo que se pagaba a Constantinopla.

maio, 14: morre Theodoro I, tendo sona de ter sido xeneroso cos necesitados.

xullo, 5: Martiño I sucede a Theodoro I como bispo de Roma.

xullo, 10: Gaozong (20 anos) sucede a seu pai Taizong, como emperador Tangg en China.


outubro, 5: Martiño I convoca un sínodo no Laterano, ao que asisten 105 bispos, maioritariamente italianos.

outubro, 31: o sínodo elabora un documento con 20 obxeccións ao monotelismo, remitido a Constantinopla.

Botandus, sucesor de Cuniperto como bispo de Colonia.

Constante II acusa a Martiño I de ter condenado o monotelismo e ordena a Olympius, exarca de Ravenna, que o arreste. O exarca tenta gañarse a poboación e os bispos e ordena asasinar a Martiño.

o emperador Kōtoku acusa a Soga no Kurayamada de traizón e estrangúlao de xeito ritual no templo de Yamada-dera, sendo outros membros do clan ‘soga’ arrestados e executados.

luns, 17 de novembro de 2014

648

Martiño I
en.wikipedia.org
setembro: Constante II tenta calmar a intensa controversia sobre o monotelismo cun edicto imperial (typos) distribuído polo patriarca Paulos II. Theodoro I, bispo de Roma, excomunga a Paulos.

o xeneral Ashina She’er restablece o control sobre Karasahr e dirixe unha campaña militar contra o reino de Kucha, na conca do Tarim, vasalo do khaganato turco.

morre o chanceler chinés Fang Xuanling, logo de que se remate o libro de Jin, do que é o principal editor.

Cenwalh, desposuído do sei reino por Penda de Mercia e refuxiado na corte de East Anglia, poder volver a Wessex. Concede terras arredor de Ashdown ao seu sobriño Cuthred.

Cenwalh convida o bispo Birinus para establecerse en Winchester.

domingo, 16 de novembro de 2014

646

Fructuoso de Braga
santoraltradicional.blogspot.com
abril, 21: eclipse solar total en Exipto e Anatolia.

verán: Taizong destrúe Xueyantuo, en Asia central.

outubro, 18: inicio das sesións do VII concilio de Toledo, que aproba as medidas de Chindasvinto contra os nobres e decreta a excomuñón contra quen conspire contra o rei. Chindasvinto dita leis que pretenden igualar o marco legal de godos co resto da poboación.

novembro, 18: Chindasvinto e Reciberga doan libros ao mosteiro de Compludo segundo un privilegium (que ten sido cuestionado): un Psalterio, os “Diálogos” de Gregorio Magno, un Passionarium ou “Colección de Vidas de Santos” para a súa lectura pública o día do seu aniversario.

Frutuoso chega a Emerita pola vía romana que procedía de Bracara Augusta. Visita o mosteiro de Cauliana, en ruta cara o sur para fundar varios mosteiros en Lusitania e na Baetica (illa de Cádiz e Nono).

Abdullah ibn Saad reconquista Alexandría definitivamente e inicia a construción dunha flota propia por orden de Utman.

Gregorio o patricio, exarca de Africa, inicia unha rebelión contra Constante II e proclámase emperador, sendo apoiado pola poboación local.

Utman funda Jeddah, na costa do mar Vermello; establece un porto para que os peregrinos musulmáns poidan cumprir co rito do hajj en a Meca.

batalla de Nikiou: os musulmáns baixo Amr ibn al-‘As (15000) derrotan unha forza bizantina menor cerca de Nikiou, Exipto.

Kōtoku regula a construción de tumbas, interrompendo o vello costume de sacrificar xente en honor dos mortos e prohibe certos rituais de purificación.

unha gran reforma administrativa en Xapón pretende centralizar toda a administración desde o palacio Naniwa Nagara–Toyosaki, en Osaka, onde vive Kōtoku.

Xuanzang completa un libro sobre occidente, que será unha fonte esencial para o estudo de Asia central e India nesta época.


Radoaldo, duque de Benevento.

venres, 14 de novembro de 2014

643

edictum rothari
www.lookandlearn.com
Huien Tsang, peregrino chinés, chega a India, onde o rei Harsha organiza no seu honor una gran asemblea na capital Kannauj, presidida por unha imaxe de Buda á que acoden reis veciños, bramáns, xainistas e monxes budistas. Pronúncianse discursos, fanse ofrendas a Buda e Harsa distribúe unha parte do tesouro real.

Leuthario, duque dos alamanos, ordena o asasinato de Otto, protector de Sixeberto III e mordomo de palacio, e allana o camiño para que Grimoaldo o Vello sexa o novo mordomo en Austrasia. Grimoaldo tamén recibe o apoio do bispo Cuniperto e fai valer o carácter hereditario do cargo tal e como establecera Clotario II.

Constante II recoñece a Theodoro Rshtuni como rei de Armenia logo da súa vitoriosa campaña contra os musulmáns; noméao nakharar do exército armenio.

Mauricio, comandante bizantino de Roma, proclámase dux de Roma e rebélase contra o exarca Isaac, declarándose independente de Constantinopla.

Cynegils de Wessex morre e é sucedido polo seu fillo Cenwalh, inda pagán, que casa coa irmá de Penda de Mercia.

Peroz III, fillo de Yazdegerd III, último sasánida, refúxiase en territorio baixo control da dinastía Tang.

os musulmáns avanzan en Africa cara o leste; asedian Tripoli, que cae logo dun mes.

‘Amr ibn al-‘As envía un destacamento a Sabratha, que axiña paga a jizya (imposto de capitación) correspondente. Sen embargo, Umar rexeita seguir avanzando e ordena a ‘Amr que regrese a Exipto. Os musulmáns xa controlan, sen embargo, a Tripolitana e a Cyrenaica.

Taizong ordena construír en Chang’an cuartos para aloxar os funcionarios que veñen render contas sobre os seus distritos. Cada un poderá dispor dos seus propios cuartos.

Taizong comisiona a Yan Liben para pintar no pavillón Lingyan os retratos en tamaño real de 24 funcionarios gobernamentais que conmemoren os seus servizos á dinastía Tang.

Clodoveo II casa con Balthilda, escrava anglo-saxona que cobra gran influencia.

Isfahan é refundada polos musulmáns, que avanzan en Media e Acerbaixán.


novembro, 22: Rothario promulga en Ticinum o edictum rothari, que codifica en latín as leis e usos lombardos.

642

Chindasvinto, representado
nunha miniatura na
crónica Albeldense
xaneiro/ febreiro: Flaochad, último mordomo de palacio de Burgundia, elixido durante unha asemblea en Orleans. Nantechilda visita o reino.

os musulmáns (30000 homes) baixo Sa’d ibn Abi Waggas vencen os persas en Nihawand (a cabalería persa, demasiado confiada, carga e é atrapada polos beduínos, que recúan estratexicamente, nun val estreito); Yazdegerd III ten que fuxir cara o NE, e refúxiase en Merv.

abril, 30: Tulga é vítima dunha conxura de nobres, que o obriga a tonsurarse e profesar coma monxe.

maio, 10: Chindasvinto (79 anos) é elixido rei dos godos, como compromiso provisional. Mais o novo rei non resulta doado de manexar, como pretendía a maioría. Fixo matar e escravizar a moitos nobres (quizás ata 700) e confiscou os seus bens, tendo que fuxir moitos a Africa ou a territorio franco.

maio: asemblea de nobres en Burgundia, convocada por Flaochad en Chalon. Amalberto, irmán deste último evita unha loita entre os partidarios do mordomo e os de Willibaldo.

Constante II casa con Fausta, proclamada augusta e filla do xeneral armenio Valentinus, o seu principal valedor, que é nomeado xefe militar supremo, séndolle tamén permitido vestir a púrpura.

Radulfo proclámase rex de Turinxia.

agosto, 5: batalla de Maserfield, na que Penda de Mercia derrota e mata a Oswald de Northumbria (38 anos) con forzas britanas e mercias (colaboran Cadafael Cadomedd de Gwynedd e Cynddylan de Pengwern). Penda é hexemónico nos Midlands.

Oswiu sucede a Oswald.

batalla de Dongola, na que ‘Amr ibn al-‘As envía 20000 homes baixo seu curmán Uqba ibn Nafi a Makuria, no S de Exipto. Os nubios deteñen as incursións musulmás por un tempo.

Taizong publica un decreto que incrementa os castigos para os que se firan deliberadamente (o máis normal nas pernas) para evitar ingresar no exército, unha práctica en aumento constante.

Taizong apoia unha rebelión de tribos turcas contra Tu-lu Qaghan, do khaganato occidental.

Kōgyoku, emperatriz do Xapón logo da morte de Jomei, marido e tío seu.

inverno: Yeon Gaesomun controla Goguryeo e coloca o rei Bojang no trono.

data do papiro escrito con carácteres arábigos máis antigo conservado.

inicio das obras da mesquita de Amr en Fustat, a primeira en África. En Kasaragord iníciase a primeira en India.

setembro: cerca de Autun Willibaldo é asasinado por partidarios de Flaochad, que morre pouco despois de causas naturais.

setembro, 11: o godo Oppila morre loitando contra os vascos.

outubro, 12: morre Xoán IV.

novembro, 24: Teodoro I, un crego nado en Xerusalem e ascendencia grega, é elixido bispo de Roma. Condena o monotelismo, e chega a depor a Paulos, patriarca de Constantinopla, pero Constante II segue apostando pola posibilidade de que o monotelismo gañe os cristiáns persas e exipcios, como paso previo a unha posible reconquista destes territorios.

Teodoro inicia o costume de mollar a súa pluma en viño consagrado para asinar a condena dos herexes, así santificando o asasinato co sangue de Xesús.

Ferchar I, sucesor de Domnal como rei de Dalriada; Oswine, rei de Deira; Boso, bispo de Constanza.

xoves, 13 de novembro de 2014

641

moedas bizantinas do período de Constante II
www.tesorillo.com
Xoán IV condena o monotelismo nun concilio en Roma.

febreiro, 11: morre Heraclio de hidropisía aos 61 anos, sucedido polos seus fillos Constantino III Heraclio e Heracleonas, enfrontados.

Oswiu, príncipe de Bernicia, conquista Manau, territorio que cede a seu irmán Oswald de Northumbria.

maio, 25: morre Constantino III Heraclio, quizás de tuberculose, quizás envelenado por orden de Martina, segundo rumores. Constantino establecera a sucesión no seu fillo Constante II (once anos).

setembro, 14: a presión fai que Heracleonas (que morre pouco despois) teña que renunciar ao trono. O senado decreta a súa mutilación e a de súa nai, que son confinados en Rhodas. O novo basileus é Constante II, fillo de Constantino III Heraclio, con só once anos de idade, apoiado polo xeneral Valentinus.

Paulos II, patriarca de Constantinopla, en sucesión de Pyrrhos.

Penda de Mercia ataca a Oswald de Northumbria, usando o cristianismo deste como escusa. Oswald morre e seu irmán Oswiu faise coroar rei, consolidando a súa posición co casamento coa filla de Edwin. Tamén establece unha alianza con Penda, para neutralízalo, dándolle un fillo como refén e casando unha filla cun fillo del, ofrécelle tributo e recoñéceo como señor.

novembro, 8: ‘Amr ibn al-‘As toma Alexandría, logo de catorce meses de asedio; os musulmáns dominan Exipto.

unha lenda di que os libros da biblioteca de Alexandría foron postos aos pés de Umar, quen dixo: ‘se estes libros coinciden co Corán, son innecesarios; se están en desacordo con el, son perniciosos. En calquera caso, destruídeos.’ En realidade a biblioteca fora destruída polos cristiáns na súa loita contra o paganismo.

Xoán de Alexandría, colaborador na recompilación médica docente chamada XVI libros de Galeno, é un médico que vive na cidade e vive a toma árabe. Tamén se lle deben os resumos dos escritos pseudogalénicos: manuais na escola médica de Alexandría, onde brillan a inicios de século outros cristiáns coma Paulo de Exina e Aaron, cuxas obras exercen grande influencia na nacente ciencia árabe.

‘Amr ibn al-‘As constrúe Fustat, celme do actual Cairo, e que se constitúe como capital musulmá de Exipto.

Radulfo de Turinxia rebélase contra os francos. Sixeberto III con Grimoaldo, fillo maior de Pipino de Landen, e o duque Adalxisel pasan o Rhin e pese a éxitos iniciais o turinxio finalmente logra certa independencia dos francos.

morre Aega, mordomo de palacio en Neustria e Burgundia, e rexente con Nantechilda; e sucédeo Erchinoaldo, parente da nai de Dagoberto I.

Rothario conquista Genoa e todos os territorios bizantinos na parte baixa do val do Po.

morre Arechis I de Benevento e sucédeo Aiulfo I.

os eslavos destrúen Salona.

novembro, 17: morre Jomei en Xapón.

Bridei II morre e sucédeo seu irmán Talorc III como rei dos pictos.

Taizong instiga unha guerra civil no khaganato turco occidental ao apoiar a Isbara Yabghu Qaghan.

primeira expedición de Abdallah ibn Saad contra Nubia.