venres, 14 de novembro de 2014

642

Chindasvinto, representado
nunha miniatura na
crónica Albeldense
xaneiro/ febreiro: Flaochad, último mordomo de palacio de Burgundia, elixido durante unha asemblea en Orleans. Nantechilda visita o reino.

os musulmáns (30000 homes) baixo Sa’d ibn Abi Waggas vencen os persas en Nihawand (a cabalería persa, demasiado confiada, carga e é atrapada polos beduínos, que recúan estratexicamente, nun val estreito); Yazdegerd III ten que fuxir cara o NE, e refúxiase en Merv.

abril, 30: Tulga é vítima dunha conxura de nobres, que o obriga a tonsurarse e profesar coma monxe.

maio, 10: Chindasvinto (79 anos) é elixido rei dos godos, como compromiso provisional. Mais o novo rei non resulta doado de manexar, como pretendía a maioría. Fixo matar e escravizar a moitos nobres (quizás ata 700) e confiscou os seus bens, tendo que fuxir moitos a Africa ou a territorio franco.

maio: asemblea de nobres en Burgundia, convocada por Flaochad en Chalon. Amalberto, irmán deste último evita unha loita entre os partidarios do mordomo e os de Willibaldo.

Constante II casa con Fausta, proclamada augusta e filla do xeneral armenio Valentinus, o seu principal valedor, que é nomeado xefe militar supremo, séndolle tamén permitido vestir a púrpura.

Radulfo proclámase rex de Turinxia.

agosto, 5: batalla de Maserfield, na que Penda de Mercia derrota e mata a Oswald de Northumbria (38 anos) con forzas britanas e mercias (colaboran Cadafael Cadomedd de Gwynedd e Cynddylan de Pengwern). Penda é hexemónico nos Midlands.

Oswiu sucede a Oswald.

batalla de Dongola, na que ‘Amr ibn al-‘As envía 20000 homes baixo seu curmán Uqba ibn Nafi a Makuria, no S de Exipto. Os nubios deteñen as incursións musulmás por un tempo.

Taizong publica un decreto que incrementa os castigos para os que se firan deliberadamente (o máis normal nas pernas) para evitar ingresar no exército, unha práctica en aumento constante.

Taizong apoia unha rebelión de tribos turcas contra Tu-lu Qaghan, do khaganato occidental.

Kōgyoku, emperatriz do Xapón logo da morte de Jomei, marido e tío seu.

inverno: Yeon Gaesomun controla Goguryeo e coloca o rei Bojang no trono.

data do papiro escrito con carácteres arábigos máis antigo conservado.

inicio das obras da mesquita de Amr en Fustat, a primeira en África. En Kasaragord iníciase a primeira en India.

setembro: cerca de Autun Willibaldo é asasinado por partidarios de Flaochad, que morre pouco despois de causas naturais.

setembro, 11: o godo Oppila morre loitando contra os vascos.

outubro, 12: morre Xoán IV.

novembro, 24: Teodoro I, un crego nado en Xerusalem e ascendencia grega, é elixido bispo de Roma. Condena o monotelismo, e chega a depor a Paulos, patriarca de Constantinopla, pero Constante II segue apostando pola posibilidade de que o monotelismo gañe os cristiáns persas e exipcios, como paso previo a unha posible reconquista destes territorios.

Teodoro inicia o costume de mollar a súa pluma en viño consagrado para asinar a condena dos herexes, así santificando o asasinato co sangue de Xesús.

Ferchar I, sucesor de Domnal como rei de Dalriada; Oswine, rei de Deira; Boso, bispo de Constanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario