Amosando publicacións coa etiqueta Pipino o Breve. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pipino o Breve. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de novembro de 2016

768

Aurelius, representación de 1788
xaneiro, 14: Froila I morre asasinado nunha conxura en Cangas, logo de ter asasinado ao seu propio irmán, Wimarano.

sucédeo un sobriño de Afonso I, Aurelius, elixido pola facción nobiliaria promozárabe. Aurelius aplaca unha rebelión dos servos e establece relacións pacíficas con Abd al-Rahman I.

Waifar de Aquitania e a súa familia son capturados e executados polos francos no bosque de Perigord; un parente de Waifar, Hunaldo, retoma a loita contra os francos.

agosto, 7: a aristocracia clerical romana, instigada por Desiderio, decide elixir outro bispo, Estevo III. Constantino II debe buscar refuxio nun mosteiro.

setembro: Tassilo de Baviera trasládase a Roma e traba lazos de amicitia con Estevo III.

setembro, 24: morre Pipino; seguindo a tradición divide os territorios entre os fillos varóns, Carlos e Carlomán; sen embargo, o reparto non respecta a tradicional división entre Neustria e Austrasia. Carlos recibe un ‘arco’ de territorios occidentais, mentres que Carlomán un de territorios orientais.

outubro, 9: Carlos é coroado en Noyon e Carlomán en Soissons.

Carlos fixa a súa residencia en Aquisgrán.

Desiderio alimenta as diferenzas entres os irmáns francos e decántase por Carlomán. Bertrada, viúva de Pipino, concerta casamentos dos seus fillos con princesas lombardas.

unha capitularia aquitana establece que todo home libre convocado ao exército ten dereito a recibir a auga e herba que precise para o seu cabalo.

Alhred de Northumbria casa coa princesa Osgifu, quizás filla do defunto rei Oswulf.

en al-Andalus, o xefe tribal bérber Saqiya ibn Abd al Wahid al-Miknasi encabeza unha rebelión contra Corduba, na rexión da actual Extremadura.

Pagan é asasinado; sucédeo Telerig como khaghan dos búlgaros.

767

ruínas de Pliska, primeira capital búlgara
www.historivus.com
xuño, 28: morre Paulo I; Toto de Nepi, un magnate local logra impor a seu irmán como bispo de Roma co nome de Constantino II.

Constantino V incendia e saquea ás inmediacións de Pliska, capital búlgara; o khaghan Pagan, sucesor do defunto Toktu, chega a un acordo de paz, e tamén ten que tratar de controlar a crecente anarquía nos seus dominios.

Pipino entra en Burdigalia e saquea a zona, apuntalando o control de Aquitania.

Pipino recibe en Gentilly a delegación bizantina encabezada polo spatharius Anthi e o eunuco Sinesio.

os bérberes kharijita de Tlemcen e Tiaret baixo Abu Qurra atacan Ifriqiya pero fracasan ante Kairouan.

766

acueduto de Valente, estado actual
http://arquitecl.blogspot.com.es/
maio, 1: Pipino convoca os francos en Orleáns e invade Aquitania, derrotando definitivamente a Waifar.

Paulo I trata de mediar entre Desiderio e Pipino.

agosto, 21: no marco das persecucións iconoclastas, Constantino V obriga a monxes e monxas a casarse publicamente no Hipódromo.

agosto, 25: humillación pública de 19 altos funcionarios e magnates no Hipódromo logo de descubrirse e ser descabezado un golpe contra Constantino V. Os líderes, Constantino Podopagouros (logothetes tou dromou) e Strategios, irmáns, son executados. O resto cegados e exiliados.

agosto, 30: o patriarca Constantino II é deposto e decapitado por conivencia cos iconódulos sublevados e substituído por Nicetas I (novembro, 16).

outono: asedio de Kamacha, onde forzas abbasíes baixo al-Hasan ibn Qahtaba son derrotadas; un exército bizantino (12000 homes) acode e fai retroceder os musulmáns ao interior de Armenia.

turbulencias nas elites búlgaras: Subin, khaghan búlgaro, ten que fuxir e refúxiase na fortaleza bizantina de Mesembria, de onde escapa a Constantinopla; Constantino V logra que tamén escape a familia do khaghan. Umor é sucedido por Toktu como khaghan.

en Bagdad traballan 100000 persoas que completan a 'Cidade Redonda', un círculo amurallado cun diámetro de dous quilómetros, no que o centro está ocupado por un palacio para o califa. Esta cidade está rodeada por tres muros máis.

Constantino V ordena anovar o acueduto de Valente.

en Geisingen, nas proximidades de St. Gallen, un documento fala da elaboración da cervexa.

decembro, 25: Pipino celebra o Nadal en Samoussy.

765

faravahar
símbolo zoroastriano
Persepolis
Pipino restaura privilexios papais en Benevento, Toscana, e parcialmente en Spoleto.

os ‘anais’ de Tigernach falan de escaseza de pan en Hibernia.

Aethelwald de Northumbria é deposto en Pincaheale, posiblemente nunha xuntanza de magnates, sendo sucedido por Alhred, parente do rei Oswulf.

a tribo bérber zenata dos Banu Ifran rebélase contra o califato e crea un estado independente arredor de Tlemcen; o seu xefe Abu Qurra reconstrúe a antiga cidade (a Pomaria romana).

os textos falan por primeira vez da introdución do sistema de rotación de cultivos nos campos occidentais.

Subin depón a Telets como khagan búlgaro.

Waifar de Aquitania lanza ataques en Septimania pero acaba sendo rexeitado.

xuño: unha tempestade destrúe unha flota bizantina de 2500 unidades en ruta cara territorios búlgaros.

decembro, 15: escisión no chiismo logo da morte do imán Jafar as-Sadiq: os ismailíes consideran a Isma'il, sétimo imán, como último lexítimo; sen embargo, os imamitas recoñecen doce imáns.

ascende ao trono de Pandya Varaguna I, que combate con éxito os Pallava, aliados a Kongu e Kerala.

inicio da revolta de Ustadh Sis á cabeza de zoroastrianos contra os abbasíes en Khorasan.

Pipino envía unha embaixada a al-Mansur, que tardará tres anos en regresar.

parte de Constantinopla cara territorios francos unha embaixada encabezada polo spatharius Anthi e o eunuco Sinesio; buscan, principalmente, o compromiso de Gisla, filla do franco, co herdeiro bizantino, e o apoio franco ás teses iconoclastas.

martes, 15 de novembro de 2016

763

cáliz de Tassilo III
www.heiligenlexikon.de
Isa ibn Musa derrota a Ibrahim ibn Abdallah, morto en batalla a causa dunha lanzada.

febreiro 17: Shi Chaoyi afórcase para evitar ser capturado por forzas tang enviadas por Li Huaixian, poñendo fin á guerra (revolta An Lushan). China queda sumida nunha grave crise demográfica, económica e social. O estado aumenta as cargas fiscais e moitos pequenos campesiños deben vender as súas terras e facerse servos. Moitos comerciantes tamén sofren confiscacións.

Tassilo de Baviera establece unha alianza matrimonial cos lombardos ao casar con Liutperga, filla de Desiderio; rexeita a chamada anual franca.

maio, 1: Pipino celebra a asemblea anual en Nevers e logo pasa o Loira e invade o Limousin; nova derrota do duque de Aquitania Waifar.

maio 22 (día de Pentecostés): o bispo de Epiphania (Syria) é acusado de roubar os vasos sacros. Os patriarcas de Antioquía, Xerusalem e Alexandría, reunidos en sínodo en Xerusalem excomúngano. Deste xeito, rexeitan as disposicións do concilio de Hiéreia e publican a súa sentenza nunha carta sinodial que envían a Paulo I.

Paulo Diácono dedica un poema a Adalperga, outra filla de Desiderio e Ansa, celebrando a súa maternidade.

agosto: tropas bizantinas invaden os estados papais coa axuda de Desiderio. Pipino intervén e comeza negociacións cos lombardos e con Paulo I. Desiderio promete finalizar as hostilidades a condición de que Pipino libere reféns lombardos.

Ciniod I sucede a Bridei V como rei picto.

novembro, 18: forzas tibetanas baixo Trisong Detsen ocupan a capital tang durante quince días e instalan un emperador propio; os tibetanos apodéranse dos pastos para os cabalos.

o ducado de Neapolis faise autónomo fronte a Constantinopla.

en Carintia o duque Hotimir reprimes as revoltas en reacción contra a crecente cristianización imposta polas elites.

xoves, 10 de novembro de 2016

760

Offa's Dyke
English Heritage
Constantino V volve invadir territorios controlados polos búlgaros.

Peredus, aristócrata e bispo de Lucca, consagra a catedral; documéntanse numerosas doazóns á igrexa.

Pipino conquista Carcassone, Tolosa, Rodez, e Albi. Waifer de Aquitania confisca as terras da igrexa e saquea Borgoña. Pipino resposta invadindo Berry e Auvernia e capturando Bourbon e Clermont. Os vascos que combaten con Waifer son aniquilados e os superviventes son deportados ao norte xunto coas súas familias.

abril: o duque Autchairo e o bispo Remedius, legados de Pipino, asinan un acordo con Desiderio. Paulo I renuncia ás súas reivindicacións territoriais, así como ás súas intencións de influencia Spoleto e Benevento.

maio, 20: os rexistros falan do cometa Halley.

batalla de Hereford: os britanos de Brycheiniog, Gwent, e Powys derrotan a tropas de Mercia baixo Offa, liberándose da súa influencia.

Offa ordena construír un dique (240 kms de lonxitude) de terra, que marca a fronteira entre anglo-saxóns e britanos.

Xuan Zong é arrestado polo oficial eunuco Li Fuguo, que segue ordes do emperador Su Zong e é nomeado comandante da garda imperial.

DosPilas é abandonada logo dunha sublevación vitoriosa de Tamarindito e Petexbatún.

Froila I derrota continxentes musulmáns en Callaecia.

Aethelred I, rei de East Anglia.

eruditos musulmáns adoptan a numeración hindú e desenvolven conceptos de álxebra e trigonometría.

luns, 26 de setembro de 2016

759

representación de Narbo Martius
www.jeanclaudegolvin.com
batalla do paso de Rishki: Constantino V envía tropas a Thracia novamente, mais sofren emboscadas e son derrotadas mentres cruzan o paso, nas proximidades de Stara Planina. Vinekh, khaghan búlgaro non aproveita a situación e inicia negociacións de paz.

asedio de Narbo: Pipino toma a cidade logo de sete anos de asedio; fai retroceder os musulmáns alén dos Pireneos. O comes godo Milo asume o goberno da cidade.

xullo, 24: Oswulf de Northumbria é asasinado por cortesáns en Weighton; Aethelwald Moll, patricio de Deira, probablemente instigador, é coroado rei.

outubro, 1: iníciase un inverno excepcionalmente intenso en occidente, con ríos xeados moi cedo. As baixas temperaturas duran ata febreiro.

al-Mansur inicia a conquista de Tabaristan, na costa sur do Caspio. Khurshid II, foxe ás montañas á fortaleza de Daylam.

forzas tang baixo Guo Ziyi asedian Yanjing, no norte; os combates acentúan a escaseza de comida e acaba por comerciarse con ratas, que alcanzan prezos desorbitados.

venres, 23 de setembro de 2016

758

tremisse de Desiderio, acuñado en Lucca
it.wikipedia.org
verán: Liutprando de Benevento rebélase contra Desiderio, mais é derrótao, sendo Arichis II (fillo de Liutprando) instalado como duque; Desiderio casa a Adelperga, filla súa, con el, para selar unha alianza.

Desiderio depón a Alboíno, duque de Spoleto, e exerce el mesmo a autoridade ducal.

morre Beorna, rei de East Anglia, sucedido por Aethelred, fillo do rei Raedwald.

Eadberht de Northumbria abdica do trono en favor de Oswulf, fillo seu, e profesa no mosteiro de Iork.

morre Swithred de Essex, sucedido por Sixerico, fillo do rei Saelred.

Cynewulf de Wessex recupera Berkshire de Mercia e inicia a guerra contra os galeses.

un grupo de misioneiros de Basra, incluíndo a 'Abd al-Rahman ibn Rustam, proclama o imanato Ibadi; os seus seguidores conquistan a cidade de Kairouan e masacran os khariítas.

xuño: abasíes e uigures chegan simultaneamente a Chang'an, para prestar homenaxe e ofrecer tributo; ambos desexan precedencia e decídese que accedan ao mesmo tempo mais por portas de palacio diferentes.

a emperatriz Kōken abdica, sendo sucedida polo seu fillo adoptivo Junnin, neto do emperador Tenmu, que se converte en emperador (tennō) de Xapón.

Pipino logra un tributo anual de 300 cabalos por parte dos saxóns.

o porto de Guangzhou é destruído durante unha rebelión dos auxiliares persas e árabes que saquean a cidade e o porto.

represión dun levantamento eslavo en Thracia e Macedonia; son deportadas a Bythinia 208000 persoas.

sábado, 17 de setembro de 2016

757

Froila I
retrato figurativo, século xviii
www.eltesorodeoviedo.es
morre Afonso I en Cangas de Onís, sucedido por Froila I, fillo seu.

Aethelbald de Mercia é asasinado nun golpe cortesán, sendo brevemente sucedido por Beornred; derrotado á súa vez por Offa, parente de Aethelbald. Mercia perde a súa supremacía no sur de Britannia.

Cynewulf e os nobres apartan a Sigeberht de Wessex, a quen se lle concede Hampshire como ealdorman pero logo de matar a un dos seus propios homes, tamén perde este dominio.

fundación da cidade de Sijilmâsâ por unha tribo bérber que adopta o khariismo e establece un emirato que se converterá nun rico centro comercial como punto occidental final do comercio que atravesa o Sahara desde Ghana.

xaneiro, 29: An Lushan, emperador yan, é asasinado polo seu propio fillo, An Qingxu, que nomea a Shi Siming primeiro ministro.

batalla de Suiyang: 7000 homes baixo Zhang Xun defenden a cidade. Zhang tenta, sen éxito, conseguir comida das fortalezas próximas; logo dun asedio de dez meses, a cidade é conquistada polos rebeldes. Estímase que entre 20000 e 30000 persoas resultaron canibalizadas durante ese tempo; sobreviviron 400.

marzo,1: asemblea franca en Compiègne, onde Tassilo III de Baviera recoñece a supremacía de Pipino, facéndose vasalo dos francos; xura a commendatio a Pipino e compromete a súa alianza. Unha embaixada bizantina trae como agasallo un órgano.

marzo, 9: un tremor de terra causa enormes destrucións en Palestina e Syria.

abril, 26: morre Estevo II, sucedido polo seu irmán Paulo I como bispo de Roma, que se impón a un rival chamado Teofilacto; o seu nomeamento é comunicado a Pipino, e non ao basileus, como era costume.

Desiderio, duque de Brescia, imponse a Ratchis como rei lombardo.

maio - xuño: Abd al-Rhaman ibn Habib, emir de Ifriqiya é derrotado polos bérberes ourfeddjouma, en rebelión en torno a Kairouan, conquista e saquea a cidade.

novembro, 13: os tang baixo o xeneral Gou Ziyi e a axuda dos uigures son quen de recuperar tanto Chang'an como Luoyang, e o exército rebelde é forzado a retirarse cara o leste.

sábado, 3 de setembro de 2016

756

Abd al-Rahman I
www.pinterest.com
xaneiro: An Lushan, ao mando dun exército de 200000 homes conquista Luoyang, que Feng Changging non pode defender. Os rebeldes cruzan o río Amarelo e marchan para capturar as cidades de Chenliu e Yingyang.

batalla de Yonggiu, un continxente tang de 2000 homes baixo Zhang Xun defende con éxito a súa fortaleza contra o exército rebelde. Zhang logra unha vitoria logo dun asedio de catro meses e impide que os rebeldes se apoderen do territorio fértil ao sur do río Huai.

febreiro, 5: An Lushan proclámase emperador en Luoyang, establecendo o Gran Yan; avanza cara a capital tang, Chang'an, e decide apoderarse do sur para interromper o fluxo de reforzos leais aos tang. Mentres, numerosos soldados se unen á rebelión.

Constantino V constrúe fortificacións no limes do Danubio e comeza a instalar armenios e sirios no thema de Thracia. En resposta Kormisosh, khaghan do imperio búlgaro, demanda o pagamento de tributos. Constantino négase e os búlgaros chegan ata os muros de Anastasio, moi próximos á capital.

batalla de Marcellae: Constantino V envía unha forza expedicionaria (500 naves e 6000 soldados) a Thracia, que derrota os búlgaros, nas proximidades da fortaleza de Markeli, no delta do Danubio. Kormisosh é forzado a aceptar o tratado e confirma a fronteira existente.

as consecuencias no campo búlgaro son graves e o khaghan é deposto e substituído por Vinekh, do clan Vokil.

Aistulfo volve ameazar Roma, que pretende facer capital lombarda, mais Pipino intervén novamente, tamén coa presenza de Carlos e Carlomán, e establece os 'estados papais' (incluíndo Ravenna e a Pentapolis) en favor de Estevo II.

Galla Gaulo é deposto, cegado e exilado; sucédeo Domenico Monegario, como sexto dogo de Venecia.

batalla de Newanbirig: Óengus I, picto, e Eadberht de Northumbria atacan a Dumnagual III de Strathclyde no castelo de Dumbarton; sen embargo, son aniquilados posteriormente, probablemente por britanos.

Cuthred de Wessex morre logo de reinar 16 anos; sucedido por Sigeberht, parente.

maio, 15: Abd al-Rahman I captura Hispalis sen violenza. Derrota a Yusuf ibn 'Abd al-Rahman al-Fihri nunha batalla polo control de al-Andalus e establece un emirato independente, do que se proclama emir. Acaba coa autonomía de Teodomiro en Murcia.

maio: Xuan Zong contrata 4000 mercenarios musulmáns para contribuír á defensa de Chang'an contra os rebeldes. As forzas leais toman posicións defensivas nos pasos montañosos, mais o chanceler Yang Guozhong ordéalles abandonar as súas posicións. An Lushan aplasta as forzas tang, quedando a capital indefensa.

xullo, 14: Xuan Zong foxe coa corte imperial cara Sichuan ao avanzar os rebeldes polo paso de Tongguan cara a capital; An Lushan cae enfermo, quizás por causa dunha diabetes. Queda case cego e sofre de extrema irascibilidade.

xullo, 15: Xuan é obrigado pola Garda Imperial a executar a súa favorita Yang Guozhong; tamén consente que os eunucos estrangulen a Yang Guifei. An Lushan tamén ordena executar outros membros da familia imperial.

agosto, 12: Xuan Zong abdica do trono logo dun reinado de 44 anos; é sucedido polo seu fillo Su Zong como emperador da dinastía Tang, que contrata 22000 mercenarios musulmáns para reforzar o exército diezmado en Lingzhou.

Ibn al-Muqaffa', escritor e pensador musulmán, é torturado en Basra por orden de al-Mansur, sendo desmembrado e arroxado, inda vivo, a un forno aceso.

decembro: Aistulfo morre nun accidente de caza. Ratchis tenta volver ao trono.

venres, 26 de agosto de 2016

755

Silvestre I e Constantino representados nun
fresco do século XIII
capela de Silvestre, Roma
febrero, 13: al-Mansur fai asasinar ao persa Abu Muslin, provocando a hostilidade de Khorasan e unha serie de rebelións contra os abassí; a primeira encabezada polo zoroastriano Sunbadh.

os búlgaros entran novamente en Thracia.

maio, 1: Pipino cambia a data da asemblea anual; o que reflicte a crecente importancia da cabalería no exército: debe esperarse a que a herba estea o suficientemente medrada para cabalos e bois.

Yusuf envía unha expedición contra os árabes iemeníes que asedian ao seu fillo Sumayl en Caesaraugusta, derrotándoos. A continuación diríxense contra Pampilona, pero son rexeitados.

Aistulfo trata de impedir o paso de Estevo II, que regresa de Gallia protexido por un exército franco, sendo derrotado; os francos asedian Ticinum.

xuño: Aistulfo acepta recuperar devolver os territorios imperiais conquistados (Pentapolis e exarcado), que pasan a ser controlados por Estevo II; 'aparece' a 'doazón de Constantino' que concede a Pentapolis ao bispo de Roma, orixe do seu poder 'temporal'.

xullo, 11: concilio de Ver, unha capitularia de Pipino determina o tamaño das moedas e reafirma o monopolio real sobre a súa emisión, cun novo denario co monograma real.

agosto, 14: Abd al-Rahman, supervivente umayyad, desembarca cun contixente militar en Almuñecar.

decembro, 16: An Lushan, gobernador da área de Beijing, e protexido da favorita do emperador, Yang-Yuhuan, inicia a rebelión Anshi contra Xuan Zong. O seu exército baixa polo gran Canal e o emperador manda a Feng Changging, gobernador de Fanyang, contra el, para que defenda Luoyang, capital oriental.

Teodato Ipato, dogo de Venecia é deposto e cegado logo de trece anos de mandato; é substituído polo seu vencedor, Galla Gaulo, bizantino.

as alianzas e o comercio entre as diferentes cidades maias comeza a enfeblecer e a escaseza de comida produce grandes descontentos.

Elfodd, arcebispo de Bangor, trata de lograr o apoio de Cornualles e Gales ás teses de Roma.

martes, 16 de agosto de 2016

754

representación da coronación de Pipino o Breve
biblioteca Xenoveva, ms 782, fol. 107
www.fr.wikipedia.org
xaneiro, 7: Estevo II chega a Chalons, onde Pipino. Acode a recibilo ao camiño Carlos (12 anos), o seu fillo maior.

febreiro, 10: concilio de Hiereia, Constantino V, indignado pola actitude de Roma e a súa alianza cos francos, e perdida a esperanza de recuperar Ravenna, convoca un novo concilio onde se ratifican as teses iconoclastas. Roma négase a enviar representante. Só acoden bispos de territorios dominados polo imperio; establécese que as iconas son contrarias ás escrituras e simplifícase máis o culto. Xoán Damasceno é declarado herexe.

os monxes opóñense, mais o emperador toma medidas drásticas contra eles; péchanse mosteiros e confíscanse propiedades; obrígaos a levar traxes correntes, moitos son encerrados e outros obrigados a exiliarse; algúns son obrigados a casar e son obxecto de escarnio por parte da xente; incluso algúns son executados.

abril, 14: a reunión anual dos francos acepta loitar en Italia.

xuño, 5: Bonifacio atopa en Dokkum un grupo de frisios pagáns que o martirizan á vella usanza.

xuño, 10: morre o califa, sendo sucedido por al-Mansur, que rompe cos chiíes, temeroso do descontento sunní, o que ocasiona unha revolta baixo Muhammad, bisneto de Hassan, que aspira ao califato.

xullo, 28: Pipino é unxido e coroado novamente en Saint-Dennis, mais agora polo bispo de Roma.

Estevo tamén unxe a Carlos e a seu irmán Carlomán (3 anos); outorga a Pipino o título de patricius romanorum, igual que sucedera séculos antes con Clovis, coa intención de que se converta en protector de Roma.

agosto, 8: Constantino II (de Sylaeum) sucede a Anastasius como patriarca de Constantinopla.

outubro, 14: Pipino esixe a Aistulfo que lle entregue todos os territorios que pertencían ao exarcado. Aistulfo só garante o regreso seguro de Estevo II a Roma.

Aistulfo logra que Carlomán, irmán de Pipino, decida saír do seu retiro en Montecassino, para volver a territorio franco e alzarse contra o política de seu irmán; sen embargo, este é interceptado e encerrado nun mosteiro en Vienne, onde é executado (decembro, 4 - agosto, 17).

sábado, 6 de agosto de 2016

753

maqueta da fortaleza de Staraja Ladoga
www.nortfort.ru
Grifo rebélase contra Pipino co apoio dos bretóns mais é derrotado e foxe cara Italia para porse ao servizo de Aistulfo; sen embargo, é interceptado nos pasos alpinos e inmediatamente executado.

Desiderio, poderoso duque lombardo, e Ansa, a súa dona, fundan un mosteiro en Brescia, especialmente ben dotado, con terras procedentes do pai e irmáns dela; a súa filla Anselperga convértese na abadesa.

existen fundacións por parte da nobreza semellantes, quizás unha estratexia da nobreza lombarda para protexer os seus patrimonios dunha previsible conquista franca.

os documentos retratan a Anselperga mercando e intercambiando propiedades con moita enerxía, comisionando portas de ferro para a igrexa do mosteiro, construíndo un sistema hidráulico para fornecer os baños, ...

outono: Estevo II negocia en Ticinum con Aistulfo a devolución do exarcado pero os termos son rexeitados polo lombardo.

novembro: Estevo pasa os Alpes ata territorio franco.

os escandinavos fundan Staraja Ladoga (no norte de Rusia); en pouco tempo convértese nun próspero centro de intercambio onde se comercia con xoias, ferramentas, ...

Sevar, khagan búlgaro, morre logo de reinar 15 anos; sucédeo Kormisosh, do clan Vokil.

martes, 26 de xullo de 2016

752

representación de Estevo II
www.gecoas.com
febreiro: en Soissons Pipino o Breve é coronado novo rei dos francos por Bonifacio, co consentimento de Zacarías; fin dos merovinxios.

marzo, 22: morre Zacarías e tamén, Estevo, o seu sucesor, catro días despois sen ser consagrado. É elixido un novo sucesor, que tamén toma o nome de Estevo (II).

Pipino inicia unha campaña no val do Ródano, na Septimania, en poder musulmán. Recibe a lealdade do comes godo Ansemundo e conquista Nimes, Malquelh, Agda e Béziers.

Pipino sitia Narbo, defendida por musulmáns e godos, que resisten grazas ás subministracións que lles chegan por mar dende flotas árabes.

Aistulfo rende ou destrúe os últimos continxentes imperiais no exarcado. Plántase ante as portas de Roma. Estevo, por medio dunha legación, reclama que Pipino cumpla o prometido a Zacarías.

Pipino esixe que Estevo llo pida en territorio franco, para o cal xestiona unha salvoconduto ante Aistulfo. Pipino, austrasiano, fixa o encontro en Neustria, Prüm, para reforzar alí a súa autoridade.

xuño: Estevo II ten que atravesar Ticinum, capital lombarda, e prodúcense negociacións co Aistulfo, que aposta que Pipino nom vai acceder ás peticións de Estevo.

batalla de Burford: Ethelbald de Mercia ten que defender a súa supremacía ante Cuthred de Wessex, que sae vitorioso na guerra entre ambos reinos.

morre Teudebur de Alt Clut, sucedido por Dumnagal III, que perde a rexión de Kyle a mans dunha invasión conxunta de Óengus I dos pictos e Eadberht de Northumbria.

Abd al-Rahman ibn Habib al-Fihri, gobernante de Ifriqiya, despacha un exército que recupera a Tripolitania, en mans dos ibadíes, facendo que se teñan que refuxiar nos montes Nafusa.

al-Fihri tamén ordena atacar Cerdeña, con certo éxito, e Sicilia, sen éxito.

sábado, 23 de xullo de 2016

750

as-Saffah proclamado califa
en.wikipedia.org
xaneiro, 25: Marwan II é derrotado xunto ao río Zab. Á batalla segue a persecución e matanza sistemática de toda a familia umayyad. Marwan foxe cara Exipto, coa intención de chegar a al-Andalus, onde inda hai grandes continxentes militares leais. Tamén logra escapar Abd al-Rahman, neto de Hisham, que se oculta en Ifriqiya.

Kufa pasa a ser capital. Os abasí non recoñecen os umayyad como califas; só lles outorgan o rango de reis.

o emir de al-Andalus Yusuf nomea a Sumayl gobernador de Caesaraugusta. No norte declárase unha enorme peste e moitos bérberes emigran cara o sur, o que ocasiona despoboamentos na Meseta.

Afonso I, secundado por Fruela, un irmán, ataca as cidades do norte matando musulmáns e levando consigo poboación cristiá. Isto agrava o despoboamento na zona.

Aistulfo ataca o exarcado de Ravenna. Zacarías revive a situación de emerxencia de tempos de Gregorio III anos antes: a iconoclastia afástao de Constantino V. Busca o auxilio franco.

Pipino acepta negociar con Zacarías.

os toltecas saquean Teotihuacan, reducida a ruínas.

agosto, 5: Marwan II é capturado e asasinado en Fostat por partidarios de Adbullah ibn Muhammad as-Saffah. O seu corpo é mutilado polo populacho.

sublevación copta en Exipto en contra dos impostos.

fúndase o imperio de Ghana.

Eadberht de Northumbria encerra a Cynewulf, bispo de Lindisfarne, no castelo de Bamburgh. Asedia o príncipe Offa, fillo do rei Aldfrith, tamén en Lindisfarne, quen finalmente, case morto de fame, decide renderse, sendo inmediatamente executado.

batalla de Mugdock: os britanos de Strathclyde baixo Teudebur derrotan os pictos baixo o príncipe Talorgan. Este feito inicia o comezo do rei Oengus I.

xoves, 21 de xullo de 2016

748

ancient Khorassan
alchetron.com
xaneiro, 18: morre Odilo de Baviera, sendo sucedido por Tassilo III, fillo seu. O fillo menor de Carlos Martelo, Grifo, apodérase do ducado e controla a Tassilo (sete anos).

Eardwulf sucede a Eadberht I, como corexente de Kent.

febreiro, 14: os rebeldes hashimi baixo Abu Muslim Khorasani capturan Merv, capital de Khorasan, consolidando a revolta abasí.

marzo–maio: Pipino celebra a xuntanza anual de homes libres en Dürren. Grifo reúne forzas contra el en Saxonia e Baviera, territorios que invade Pipino. O conflito soluciónase con Grifo nomeado duque en Le Mans, coa misión de supervisar o limes bretón con doce condados ás súas ordes.

decembro, 9: Nasr ibn Saijar, gobernador umayyad de Khorassan, morre en loita contra a revolta abásida.

un tremor de terra esténdese dende Syria ao norte de Exipto causando grandes destrucións.

martes, 19 de xullo de 2016

747

capa do libro 'Odoario o Lugo no século VIII'
www.tococolección.net
Odoario de Lucus funda o mosteiro de Estevo de Atán (en Pantón) e morre logo de testar.

supostamente, regresara do cativerio en Ifriqiyya grazas a Afonso I, que o rescatara a cambio de numerosos reféns. Reinstalado na súa sé, reedifica a cidade, arrasada polos musulmás e entrega villae a compañeiros e 'familiares' (Guntín por Guntino, Destriz por Desterigo, Vila Cendoy por Sendón, Mazoy e Macedon por Macedonio, Vilamarce por Marco, Framil por Framiro, Ramil por Ramiro e Agari por Agarico; tamén se ten deducido Lalín por Lalinus, quizás sen fundamento).

deixa á igrexa o señorío de Lucus, “que restaurei dende as súas raíces ... e as vilas que agora direi e adquirín por dereito de ocupación e poboei con parentes e familiares meus” e nomea, entre outras, “en Ventosa a igrexa de Mamede de Trabancas e Andrés de Orrea; en Deza Xoán de Palmou, María de Bermés e Xoán de Botos; a igrexa de María de Trasdeza, que chaman Pedre”.

o documento está refrendado por Afonso I e é un título 'dotal' (scriptura dotis), requisito previo para fundar ou restaurar unha igrexa.

Yusuf é nomeado emir de al-Andalus, que ten que combater contra rivais nas mesmas portas de Córdoba.

a peste chega a Constantinopla por Monemvasia. Constantino V destrúe a flota árabe fronte a Chipre coa axuda das cidades italianas, poñendo fin á supremacía naval musulmá.

xuño, 9: revolución abásida: Abu Muslim Khorasani, lider militar que ten como símbolo un estandarte negro, inicia en Marv (Turcomenistán) unha revolta contra os umayyad. Ten ás súas ordes case 10000 homes.

agosto,15: abdica Carlomán, quizás inducido por Bonifacio, á súa vez influído por Pipino. Peregrina a Roma e profesa alí nun mosteiro, sendo tonsurado por Zacarías, e logo en Montecassino. Confía as tarefas de goberno ao seu fillo Drogón baixo a rexencia de Pipino. Griffon é liberado a petición de Carlomán.

Gao Xianzhi, un coreano ao servizo dos Tang, derrota os musulmáns e tibetanos con rápidas incursións militares a través do Pamir e o Hindu Kush. Arredor de 72 pequenos principados hindús e na Sogdiana fanse vasalos dos Tang.

Xuang Zong elimina a pena de morte en China.