martes, 19 de xullo de 2016

747

capa do libro 'Odoario o Lugo no século VIII'
www.tococolección.net
Odoario de Lucus funda o mosteiro de Estevo de Atán (en Pantón) e morre logo de testar.

supostamente, regresara do cativerio en Ifriqiyya grazas a Afonso I, que o rescatara a cambio de numerosos reféns. Reinstalado na súa sé, reedifica a cidade, arrasada polos musulmás e entrega villae a compañeiros e 'familiares' (Guntín por Guntino, Destriz por Desterigo, Vila Cendoy por Sendón, Mazoy e Macedon por Macedonio, Vilamarce por Marco, Framil por Framiro, Ramil por Ramiro e Agari por Agarico; tamén se ten deducido Lalín por Lalinus, quizás sen fundamento).

deixa á igrexa o señorío de Lucus, “que restaurei dende as súas raíces ... e as vilas que agora direi e adquirín por dereito de ocupación e poboei con parentes e familiares meus” e nomea, entre outras, “en Ventosa a igrexa de Mamede de Trabancas e Andrés de Orrea; en Deza Xoán de Palmou, María de Bermés e Xoán de Botos; a igrexa de María de Trasdeza, que chaman Pedre”.

o documento está refrendado por Afonso I e é un título 'dotal' (scriptura dotis), requisito previo para fundar ou restaurar unha igrexa.

Yusuf é nomeado emir de al-Andalus, que ten que combater contra rivais nas mesmas portas de Córdoba.

a peste chega a Constantinopla por Monemvasia. Constantino V destrúe a flota árabe fronte a Chipre coa axuda das cidades italianas, poñendo fin á supremacía naval musulmá.

xuño, 9: revolución abásida: Abu Muslim Khorasani, lider militar que ten como símbolo un estandarte negro, inicia en Marv (Turcomenistán) unha revolta contra os umayyad. Ten ás súas ordes case 10000 homes.

agosto,15: abdica Carlomán, quizás inducido por Bonifacio, á súa vez influído por Pipino. Peregrina a Roma e profesa alí nun mosteiro, sendo tonsurado por Zacarías, e logo en Montecassino. Confía as tarefas de goberno ao seu fillo Drogón baixo a rexencia de Pipino. Griffon é liberado a petición de Carlomán.

Gao Xianzhi, un coreano ao servizo dos Tang, derrota os musulmáns e tibetanos con rápidas incursións militares a través do Pamir e o Hindu Kush. Arredor de 72 pequenos principados hindús e na Sogdiana fanse vasalos dos Tang.

Xuang Zong elimina a pena de morte en China.

Ningún comentario:

Publicar un comentario