Amosando publicacións coa etiqueta Khavad I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Khavad I. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2014

531

ordorenascendi.blogspot.com
abril, 19: batalla de Callinicum: Belisarius (ao mando de 20000 homes) é derrotado polos persas sasánidas baixo Spahbod Azarethes, Éufrates, nas proximidades da actual ar-Raqqa. Xustiniano inicia negociacións de paz.

febreiro, 20 – abril, 30: Xoán de Capadocia é nomeado prefecto do pretorio de Oriente. Xunto con Triboniano promove medidas impopulares que buscan aumentar os ingresos imperiais.

setembro, 13: morre Khavad I morre e sucédeo Khosrau I Anushrivan ‘o Xusto’ (Cosroes I). Sabíase que o fillo maior era partidario de Mazdak polo que foi relegado a favor de Cosroes, que fixo executar ao propio Mazdak, para que no se dubidara da súa relixiosidade.

a herexía, de carácter comunitario e colectivista, sen embargo, non desaparece de inmediato, pero xa nunca volve ser relevante. Tamén hai matanza na familia real para evitar unha guerra civil, case unha tradición ineludible.

batalla de onde o río Unstrut: a familia dirixente turinxia é prácticamente destruída polos francos; só sobreviven Radegunda e seu irmán, que son capturados. Amalberga, tía deles, e Amalfredo, curmán, escapan cara Constantinopla. É posible que tamén participaran saxóns.

os turinxios eran unha confederación de tribos na zona das actuais Hesse, Thuringia e Sachsen. Semella que falaban un dialecto común.

Radegunda e seu irmán son levados a corte de Clotario I, na proximidade de Soissons. Semella que foron separados: Radegunda a unha propiedade real próxima a Athies, onde estivo ata que tivo idade de casar. Aprendeu a ler e escribir en latín e recibiu instrución na fe católica. Co tempo ensinou e coidou dos nenos e nenas da propiedade.

en Constantinopla, por causa de certos disturbios, algúns ‘azuis’ e ‘verdes’ son apresados.

Amalarico destitúe ao prefecto de Hispania, Estevo, e non nomea substituto.

Amalarico casara con Clotilde, filla de Clodoveo I, para mellorar as relacións cos francos, pero é católica e obrígaa a adoptar o arianismo. Clotilde queixouse ante Clotario I e Childeberto I, que derrotan a Amalarico nas proximidades de Narbo. Os exércitos francos penetran en Hispania perseguindo a Amalarico, que se refuxia en Barcino, onde morre asasinado.

primeiras incursión dos antos nos Balcáns. Xustiniano constrúe liñas fortificadas para protexer o Danubio.

carta do bispo de Toletum, Montanus ao magnate Turribius.

a sección norte de Septimania, en torno a Albi, pasa a control franco.

os visigodos elixen a Teudis, rexente de Amalarico. Os francos saquean o NE de Hispania e Teudis tenta expulsalos.

Bonifacio II busca regular a sucesión no bispado de Roma a favor de Vixilius pero ten que ceder nas súas pretensións ante as presións do clero romano.

remata o tempo de Chang Guang Wang en Wei (norte de China). O xeneral Gao Huan inicia unha rebelión e declara emperador a outro membro do clan imperial, An Ding Wang.

Ankan (66) sucede a seu pai Keitai, como emperador de Xapón.

o xefe iemení Esymphaios sufre un golpe do clan Habachan que o substitúen por Abraham, un cristián orixinario de Adoulis, que entón Kaleb de Axum pasa a recoñecer como vicerrei, logo de fracasar no intento de derrotalo.

venres, 20 de decembro de 2013

526

escudo de xefe lombardo co símbolo de Odín
www.taringa.net
Olybrius, cónsul único.

maio, 18: ao seu regreso a Ravenna Teodorico encerra a Xoán I en prisión, onde non tarda moitos días en morrer de fame; elixe como sucesor Fiz III (para algúns Fiz IV).

maio, 20: tremor de terra en Antioquía cun balanzo de 300.000 vítimas.

maio, 29 &30: a cidade Lychnidos, en Illyricum, sufre un tremor de terra e é destruída.

agosto, 26: morre Teodorico en Ravenna; sucédeo o seu neto Atalarico (10 anos) baixo a rexencia de súa nai Amalasunta (filla de Teodorico).

o reino visigodo está en mans do outro neto de Teodorico, Amalarico (24), co que remata a rexencia de Teudis.

Clotario I e Childeberto I asinan unha paz con Gundemaro II de Burgundia e atacan Provenza en mans visigodas. Amalarico é derrotado e ten que ceder a Provenza, co que as posesións godas en Gallia redúcense á Septimania.

os francos tamén derrotan os alamanos e ocupan os seus territorios.

Khavad I, coa asistencia de al-Mundhir III, comeza unha campaña no Transcáucaso e na alta Mesopotamia.

os xenerais Sittas e Belisarius dirixen exércitos á Armenia persa.

Ecclesius, bispo de Ravenna, comisiona dous novos templos, un para Classis.

unha carta de Atalarico, que nomea quaestor a un tal Ambrosius, mostra as funcións que agora tiña este cargo en Italia como, esencialmente, voceiro do rei.

os lombardos entran en Pannonia.

luns, 21 de outubro de 2013

513

Thracia, orixe da revolta de Vitalianus
de.wikipedia.org
Probus e Clementinus, cónsules.

revolta de Vitalianus, comes foederatorum en Thracia e godo de orixe, que apoia Chalcedon en contra de Anastasius, monofisita. O exército regular da diocese apoia a revolta; tamén os federados bárbaros e a poboación local, pero tamén recibe apoio de Teodorico.

Anastasius reduce impostos nas provincias de Bithynia e Asia para evitar que se unan á revolta.

un exército de 60000 homes asedia Constantinopla. O campamento está no suburbio de Hebdomon.

Anastasius envía unha embaixada baixo o cónsul Patricius para iniciar negociacións. Vitalianus fixa as súas condicións: restauración da ortodoxia de Chalcedon e o asentamento dos foederati de Thracia.

Vitalianus acepta un acordo e devolve o seu exército á Baixa Moesia. Logo de certas escaramuzas non decisivas, Anastasius envía un exército (80000) baixo o seu sobriño Hypatius.

Vitalianus derrota os bizantinos en Acris (Bulgaria) na costa do Mar Negro. Ataca os seus campamentos fortificados e logra unha derrota demoledora, aniquilando unha gran parte do exército imperial.

Xuño, 11: Cesarius de Arelate é nomeado vigario apostólico de Gallia e Hispania.

Khavad I adopta a doctrina dos mazdeístas e quebra a influencia dos magnates.

a comunidade xudía rebélase en Ctesiphonte contra o mazdeísmo e estable un reino xudeu independente que durará sete anos.

Vigor chega a bispo de Bayeux. Oponse ao paganismo e funda un mosteiro, que se fará famoso posteriormente (Saint-Vigor-le-Grand).

Drust mac Uudrost, rei dos pictos.

primeira edición ilustrada do Rhizotomikon de Crateo.

xoves, 5 de setembro de 2013

503

ruínas de Edessa
www.edfu-books.com
Volusianus e Dixicrates, cónsules.

maio: Aerobindus, descendente de Aspar e magister militum, acuartélase en Dara cun exército de 12000 para vixiar e controlar Nisibis, en Persia.

Mundhir III, rei dos Lakhmidas (árabes cristiáns) saquea palaestina salutaris. Captura moitos romanos.

Ernakh, terceiro fillo de Atila, morre logo de reinar 34 anos. Sucédeno dous fillos, Utigur e Kutrigur, que teñen que contar cos búlgaros, na súa zona de influencia.

xullo: Anastasius envía un numeroso exército contra os persas (52000 homes) en Armenia ao mando de Flavius Hypatius, pero este é derrotado. Os romanos asedian Amida pero tamén fracasan.

agosto, fin de: Khavad I invade Osroene e asedia Edessa. Téntao dúas veces máis en setembro pero fracasa.

Liciniano, secretario de Cesarius de Arelate, denúnciao ante Alarico II por ter querido entregar Arelate aos burgundos, de quen era súbdito por nacemento.


inverno: Cesarius de Arelate in Burdigalensem civitatem ... quasi in exilio relegatus, segundo se deduce da data da epist. IV de Ruricius; pero Alarico II conta coa súa opinión e visítano altas personalidades da corte goda, como conta o propio bispo Ruricius na epist. III.

en Korea, o reino de Saro pasa a denominarse de Silla.

comeza o goberno de Bhanugupta, emperador gupta de India.

mércores, 4 de setembro de 2013

500

arte-historia.com
interior de Apolinar o Novo
Patricius e Hypatius, cónsules.

batalla de Mons Badonicus: “os romanos” (unha coalición de britanos e celtas) vencen os anglosaxóns, contendo a penetración destes ás zonas interiores de Britannia. O ano é aproximado e o lugar pode ser a zona de Bath. O líder xermano podería ser Aelle de Sussex ou Cerdic de Wessex; o lider romano, segundo lendas posteriores, sería o que daría lugar á lenda de Artús.

Britannia estaría xa dividida en sete reinos (heptarquía).

ao parecer, un grupo de emigrantes escotos parte de Dál Riata (norte de Hibernia), conducidos por Fergus Mor, e aséntase nas costas occidentais de Caledonia, que tamén se considera parte do reino, polo que é coñecido tamén como Dál Riata. Non sendo os primeiros escotos no lugar si son os primeiros que logran unha organización alén do simplemente tribal. A existencia histórica de Mor é cuestionable (Anais de Tigernach)

o reino de Munster en Hibernia pasara xa o seu período de maior apoxeo e agora divídese en dúas partes (Desmond, norte e Thomond, sur) gobernadas por dúas ramas da familia real de Munster (os Eoghan Mor): os MacCarthy en Desmond e os O'Brien en Thomond.

constrúese o monumento coñecido como “pedras de Ale” en Suecia.

o imperio chinés está gobernado pola dinastía Qi. Ao norte, o reino bárbaro de Wei fai de protección frontes aos ataques de varios pobos, especialmente os Yuan-Yuan. Ao sur o imperio chinés apoia ao reino Fu-nan coa esperanza de que domine o reino de Shampa, pero os intentos resultan infrutuosos.

Xuan Wu Di, novo emperador do norte.

aparecen os primeiros teóricos da literatura: Liu Xie escribe o Dragón cravado no corazón da literatura, onde combate o preciosismo e defende que o obxectivo da literatura é describir situacións e sentimentos reais, á vez que proporciona criterios “obxectivos” para xulgar unha obra.

en Roma, e outros lados, xa non hai necesidade de esconderse e cesan de producirse máis enterramentos en catacumbas.

Trasamundo casa con Amalafrida, irmá viúva de Teodorico, que aporta unha gran dote e unha tropa goda de elite de 5000 homes.

mercadores árabes establécense no norte de Etiopía.

Persia e India están conmocionadas polos hunos, se ben Khavad está facéndose co control do imperio grazas á axuda dos propios hunos.

os cristiáns de Persia, Armenia e o reino árabe de Hira adoptan o nestorianismo. Os nestorianos difunden novamente a cultura grega a Persia, antes erradicada polos sasánidas.

aparece o mazdeísmo, creado por Mazdak, que propón unha doutrina semellante ao maniqueísmo, un modo de vida ascético e comunista. Denuncia os intereses da nobreza e o poderío dos sacerdotes, co que se gañou a animadversión de ambos sectores.

o declive huno en occidente tamén permite a expansión dos eslavos, que asimilan parte dos invasores asiáticos e deixan de ser os campesiños dóciles que foran baixo os cimerios, sármatas, godos e hunos. Mudan en guerreiros, pero sen deixar as prácticas campesiñas. Mentres os xermanos só eran guerreiros e escravizaban os traballadores dos territorios conquistados, os eslavos conquistan un territorio e forman familias, labran a terra e absorben os nativos.

colonizan lentamente o territorio dende os Balcáns ata as actuais Rusia e Ucraína, e a poboación desas zonas “eslavízase” completamente.

ocupan territorios xunto ao Danubio e son a nova ameaza bárbara para a pars orientis.

o clima, relativamente estable e favorable desde 300, empeza a cambiar no este do Mediterráneo cara circunstancias máis desfavorables. É un cambio gradual que cubre case un século. Secan as fontes e son cubertas por dunas de area.

este cambio produce un desastre económico, xa que o sistema se basea na agricultura, que comeza a colapsar en áreas que dependían da auga: as chuvias decrecen e o aumento de anos de seca leva ao empobrecemento das terras, a fame e o abandono de terras. A poboación volve a unha economía que se basea máis no pastoreo. Este proceso afecta primeiro e máis directamente aos grandes asentamentos. Os anos prolongados de seca e os factores políticos producen cambios que terminan por causar o abandono final de moitos asentamentos.

nunha carta a un tal Xerome de Elusa, amigo seu, Procopio de Cesarea describe como as raíces das viñas están expostas ao aire por culpa dunha combinación de seca e ventos inclementes en Gaza.

Roma non forma parte do imperio pero os seus habitantes seguen a denominarse romanos. Constantinopla é a nova Roma, o latín é a lingua administrativa inda que o poboación fala grego e as institucións eran as tradicionais, modificadas pola adopción do cristianismo como relixión oficial.

a polémica máis importante á que sen enfronta Anastasius é a pugna entre catolicismo e monofisismo. Exipto e Asia Menor, liderados polos patriarcas de Alexandría e Antioquía, mudaron monofisitas para oporse ao patriarca de Constantinopla, e na capital o clero estaba dividido. Desde un punto de vista político, o dilema era que apoiar o monofisismo supuña conseguir a lealdade das provincias, pero tamén a ruptura con occidente (totalmente católico) e, por conseguinte, cerraba as portas a unha posible reconstrución do Imperio; por outra parte, apoiar o catolicismo podía facilitar que a poboación occidental se puxera de parte dos exércitos imperiais se lograban ocupar un territorio, pero a costa de perigosas tensións internas. Esta alternativa non era moi prometedora, pois tamén estaba a rivalidade entre o papa de Roma e o patriarca de Alexandría, rivalidade que non se resolvía inda que ambas igrexas aceptaran a doutrina católica. Tal vez por iso Anastasius se decantou polo monofisismo.

alguén, no norte de Italia, escribe o codex argenteus, unha versión da Biblia traducida ao godo por Wulfila.

a polémica sobre as diferenzas teolóxicas vese multiplicada por un fenómeno sociolóxico: en Constantinopla popularizáranse as carreiras de carros. Ao inicio había dous equipos, que se distinguían polas cores das súas traxes: os vermellos e os brancos, pero a medida que se popularizaban máis creáronse dous equipos máis: os azuis e os verdes, que finalmente foron maioritarios e eclipsaron os outros dous. Pero a rivalidade medrou tanto que se estendeu á política e á relixión; os azuis eran católicos e os verdes monofisitas.

cando Anastasius apoia o monofisismo atopa media cidade descontenta, provocando motíns e disturbios, cada vez máis frecuentes.

os xudeus redactaron a Guemará babilónica, comentarios á Mishná que deron lugar a unha segunda versión do Talmud, polo que se distingue entre o Talmud de Xerusalem e o de Babilonia; este último o máis difundido e o que ten desempeñado un papel principal na teoloxía xudía.

francos e burgundos libran unha batalla en Aedunense: Gundobado, sen saber do pacto segredo, contaba con reforzos de seu irmán Godexiselo pero estes non chegan e é derrotado. Gundobado consegue fuxir e chegar a Avignon. Mentres Clodoveo toma Lugdunum e Vienne. Tropas de Teodorico móvense cara a Provenza para conter a Clodoveo.

onde e refuxia e consegue que Clodoveo acceda a recoñecelo rei a cambio de pagarlle tributos.

Gundobado, presionado polo acercamento dos bispos a Clodoveo, tamén se fai católico xunto co seu fillo Sexismundo. Pasan a gobernar xuntos.

Gundobado derrota a Godexiselo, que é axustizado.

Clodoveo lexisla (lei sálica: un artigo nega que as mulleres poidan herdar terras, con repercusións na historia posterior de Europa).

Bieito de Nursia, mozo da aristocracia, decide abandonar Roma, onde estudara retórica, filosofía e dereito, para retirarse ao deserto de Subiaco, en Italia, onde o monxe Román, lle impón os hábitos monásticos.

chega a Roma a vivir Dionisio Exiguo. Alí, como membro educado da curia romana, traduce do grego ao latín 401 canons eclesiásticos, incluíndo os canons apostólicos e os decretos dos concilios de Nicea, Constantinopla, Chalcedonia e Sardis, e tamén unha colección das decretais dos papas dende Siricius ata Anastasius II. Estas coleccións tiveron grande autoridade no oeste e inda guían as administracións eclesiásticas. Dionisio tamén escribe un tratado de matemáticas elementais. Beda e Félix fixeron del abade inda que Casiodoro, amigo seu, di nas Institutiones que todavía era monxe ao final da súa vida.

Fulxencio de Ruspe, de visita en Roma, di: “que marabillosa debe ter sido a Xerusalem do ceo, cando esta cidade terreal brilla como o fai.” A vida de Roma non sufre gran alteración: o senado reúnese regularmente e as grandes familias aristocráticas manteñen en todo o seu estatus e as súas enormes propiedades; celébranse os xogos no circo; o grao segue a ser distribuído coma sempre; florecen as escolas e hai unha brillante vida cultural e social.

en Ravenna construción do baptisterio ariano e de Apolinar o Novo.

setembro, fin: Teodorico I abandona Ravenna e chega a Roma, onde entra triunfalmente. Publica o edictum theodorici regis, tratando de impor a lei romana a todos os seus súbditos, independentemente da súa orixe étnica. Restaura a organización política e administrativa da cidade (senado, prefecto da cidade, gobernadores provinciais, e curias municipais).

o edictum theodorici regis era incluído pola maioría de autores dentro do dereito ostrogodo, inda que algúns din que sería visigodo. Consta dun prólogo, 155 capítulos e epílogo e contén disposicións tomadas do dereito romano tardoantiguo (códigos gregoriano, hermoxeniano e teodosiano).

xunto con outras leis da época xa se distancia do principio de personalidade e se aproxima ao de territorialidade en canto á súa aplicación, xa que debía ser observado tanto por “romanos” como “bárbaros”. Trata de regular problemas territoriais nos lugares onde conviven romanos e bárbaros e hai problemas de asentamento.

hai teorías distintas sobre a súa autoría. Ata 1953 supúñase que era obra de Teodorico pero a partir de aí italianos coma Piero Rasi e Giulio Vismara identifican ao rei coma Teodorico II. Álvaro d’Ors supón que é obra dun gobernador ou prefecto do pretorio das Galias durante Teodorico II; quizás Magno de Narbo, de quen se sabe que dictou normas xurídicas aos godos (segundo Sidonio) e inda que contén costumes xermánicos, está fondamente xermanizado.

expansión das culturas de Perú.

enorme erupción do volcán Barú (Centroamérica).

fundación de Uxmal, cidade maia.

sábado, 20 de xullo de 2013

499

Avitus de Vienne
tedeum-laudamus.blogspot.com
Iohannes, cónsul único.

marzo, 1: Teodorico intervén no conflito entre Laurentius e Simmacus. Nun sínodo en Roma onde participan 72 bispos, Laurentius é deposto e recibe unha sé episcopal en Nocera, Campania.

abril, 26: Xiao Wen Di morre de fame na súa capital de Luoyang. Sucédeo Xuan Wu Di (16 anos), que nomea a seu tío Yuan Xie governador provincial, pero que se fará temporalmente rexente.

setembro, 2: Gundobado xunta en Lugdunum un concilio de bispos do sur de Gallia: Avitus de Vienne defende a ortodoxia contra o arianismo, sen lograr mudar a fe de Gundobado.

alianza secreta entre Clodoveo e Godexiselo, corexente burgundo, contra Gundobado: pactan un ataque conxunto con Teodorico para a primavera.

Chrodechilda era filla de Chilperico, irmán de Gundobado; que participara nas mortes de Chilperico e Godemaro (os outros corexentes burgundos) e ela salvaría a vida grazas á protección de Godexiselo. Clodoveo ten en mente ampliar territorios a costa burgunda.

Anastasius somete os últimos isauros rebeldes, que engrosan as filas do exército e son deportados a Thracia.

Xeorxia pasa a mans persas.

os búlgaros, xunto con grupos eslavos e restos hunos, derrotan o exército romano de Illyricum.

en Persia Khavad I recupera o trono coa axuda dos hephtalitas.

venres, 19 de xullo de 2013

496

batalla de Tolbiacum
www.diomedia.com
Paulus, cónsul único.

febreiro, 14: Xelasio promove o día de Valentín na súa tentativa de abolir e prohibir as lupercalia.

os godos acaban cunha usurpación en Hispania: Burdunelus proclámase augustus; (podemos deducilo de “tyranidem assumit”: describíndose coma tyrannus, probablemente se autotitularía coma augustus) pero é abandonado polos seus partidarios e levado a Tolosa, onde o queiman vivo dentro dun boi de bronce.

morre Guntamundo (46 anos), sucedido por seu irmán Trasamundo, que casa pouco despois con Amalafrida, irmá de Teodorico o amalo. É culto, afeccionado á poesía e teólogo (ariano). Tivo problemas continuos cos mauros.

os francos depredan Saintes.

os alamanos séntense ameazados por Teodorico I e deciden penetrar en territorios francos e burgundos. Clodoveo usa o argumento da defensa propia para pasar ao ataque. Prodúcese unha encarnizada batalla en Tolbiacum (Zülpich), que gañan os francos con grandes perdas e a morte do líder alamano Xibuldo. A zona entre Neckar, Alb e Main pasa ao reino franco.

Khavad I é deposto, encarcerado e exiliado a Susiana logo de que fracasara no intento de quebrar o poder dos magnates. Sucédeo seu irmán máis novo Zamaspes.

novembro, 21: morre Xelasio I e elixen a Anastasius II, que decide restablecer os vínculos entre Roma e Constantinopla.

Anastasius depón e excomunga a Euphemius e envíao ao exilio. O seu sucesor como patriarca de Constantinopla é Makedonios II.

co decretum gelasiarum elabórase unha listaxe de libros prohibidos pola igrexa.

domingo, 7 de xullo de 2013

488

reconstrución de Sirmium
www.tripadvisor.fr
Ecclesius e Sividius, cónsules.

os xépidos capturan Singidunum (Belgrado).

a fortaleza onde Illus e Leontius están asediados cae por traizón e ambos son executados en Seleucia-on-Calycadnus.

Vologases é deposto e cegado polos magnates, que elixen sucesor no seu primo Khavadh I.

Ninken convértese no 34. emperador de Xapón.

Oeric, rei de Kent logo da morte de Hengest.

domingo, 13 de marzo de 2011

502

Avienus e Probus, cónsules.

Bizancio afronta problemas tanto no oeste coma no leste. 
Anastasius rexeita o pagamento do custe de defender as "portas do Cáucaso" polas que veñen penetrando tribos nómades que atacan tanto Persia coma Bizancio.

empeza a guerra cos persas: Kavadh I conquista Theodiosopolis e somete Armenia coa axuda dos hunos hephtalitas

os búlgaros derrotan un exército romano en Thracia.

en China a dinastía Qi foi substituída pola Liang, que protexeu o budismo, convertido en credo oficial por Liang Wudi.

o budismo chino sufrira moitas transformacións dende as súas orixes na India. Buda convertérase nun dios eterno que se reencarnara en moitas ocasións (o que permitía indentificar con encarnacións de Buda a algunhas deidades locais).


tamén o taoísmo evolucionara moito. Os Han apoiárano porque a súa invitación ao quietismo e a inactividade era moi convinte dede un punto de vista político. Pero tanta meditación deu lugar a crenzas místicas cada vez máis surrealistas. Contábase a historia do taoísta Liehtzu, que cabalgaba sobre o vento e podía viaxar ata quince días impulsado pola brisa. Había homes que planeaban no aire entre fume e lapas, un rei foi transportado ao ceo por un mago para contemplar o seu pazo celestial, e había descripcións das illas dos inmortais, con plantas e froitas milagreiras que gardaban da vellez e da morte. Tamén estaba a historia de Chen Tao Ling, que aos sesenta anos recobrou a xuventude bebendo dragón azul e tigre branco, un composto que descubrira cando subiu ao ceo ao lombo dun tigre. Moitas sectas taoístas esforzábanse en fabricar ouro comestible a partir do cinabrio, convencidos que dese xeito serían inmortais.

Anastasius recompensa ao xefe dos Ghasánidas co título de filarca de Arabia.

marzo, 29: Gundobado publica a lex burgundionum, que será aplicada tanto a "romanos" como burgundos.

outubro, 5: Kavadh I asedia Amida en territorio bizantino que aguanta tres meses ata ser finalmente conquistada.

outubro, 23: o synodus palmaris, convocado por Teodorico en Roma absolve a Simmacus de todas as súas acusacións, acabando así coa polémica entre el e Laurentius.

Mazdak proclama que a propiedade privada é a fonte de todo mal.

remátase o Libro de Song, unha das 24 Historias, que recollen as crónicas tradicionais das dinastías chinas do sur e do norte.

decembro: Cesarius ocupa a silla de Arelate, que conserva a súa importancia como cidade en Gallia.

mércores, 9 de marzo de 2011

501

ruínas de Palenque
www.viajejet.com
Avienus e Pompeius, cónsules.

Simmacus é acusado de varios delictos, co que a súa posición en relación a Laurentius se debilita; contrarresta as acusacións co argumento de que o papa non é responsable diante da xustiza terrena. Apoíase en documentos falsos.

cando se retira Clodoveo, Gundobado rompe o acordo e sitia a Godexiselo en Vienne e mátao nunha igrexa ariana, xunto co bispo. Agora é rei único burgundo. Elixirá a Sixismundo, fillo seu, como correxente en Xenebra.

Gundobado publica un código de leis (lex gundobada).

Domangart Réti sucede a Fergus Mór como soberano de Dalriada á súa morte durante combates contra os pictos.

Khavad I está firmemente asentado no trono; proba da recuperación do Imperio Persa é o inicio de novas hostilidades contra os romanos.

Dong Hun Hou morre dunrante un asedio á capital Jiankang. Sucédeo seu irmán Qi He Di, que é o novo emperador do sur de  Qi (China).

Muryeong, rei de Baekie (Korea): durante o seu goberno aliarase con Silla e aumentará as relacións con China e Xapón.

os maias están alcanzando novas cotas de prosperidade. Teotihuacan comeza o seu declive e a poboación comeza a migrar á maior cidade maia, Tikal, levando con eles novas ideas sobre armamento e cerimonias rituais.

maio: con ocasión das festas pagás das brytae enfróntanse os azuis e os verdes. Morren máis de 3000 persoas.

xuño, 5: Ahkal Mo' Nahb I, soberano de Palenque. O primeiro do que coñecemos datas exactas de vida e goberno.

o Sushruta Samhita, en India, contén descricións de cirurxía, enfermidades, plantas curativas e un estudo anatómico detallado.

Xuan Wu Di, emperador do norte, "requisa" 50000 para reconstruír a capital Luoyang.