Amosando publicacións coa etiqueta Mónica Rei Cabezudo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mónica Rei Cabezudo. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de outubro de 2016

adro vello

parte dun panel informativo no propio xacemento
fotografía propia
Adro Vello atópase ao pé da praia de O Carreiro, en O Grove. Cada certo tempo os temporais e o mar deixan á descuberta restos procedentes da xacemento. Como en marzo de 2016, cando apareceu a peza superior dunha mandíbula humana moi deteriorada, ao parecer feminina.

a forza do mar é un dos graves perigos que ameazan a conservación dos restos arqueolóxicos e o seu estudo. Mais non o único.

en capas superpostas os arqueólogos teñen identificado restos dunha villa romana (ocupada do s. I ata o s. IV, e quizás destruída por un lume) con elementos estruturais que evidencian a salga de peixe; unha necrópole por inhumación (que vai desde o s. V ata o XVIII), a planta dunha igrexa goda, ou sueva (s. VI ou VII); e elementos dunha fortificación, probablemente construída como protección ante posibles agresores chegados por mar.

todo o conxunto está bordeado cara o mar por unha serie de muros superpostos.

ata o s. XVIII a igrexa parroquial estaba situada alí mais debido aos temporais foi traslada cara ao interior, ao lugar no que hoxe se levanta. Este feito acredita que a necrópole fose abandonada e esquecida na memoria popular ata a súa 'redescuberta' na 2ª metade do s. XX.

o galego 'adro' nom equivale ao castelán 'atrio'; é un eufemismo por 'cemiterio' (E. Montero, el eufemismo en Galicia). Iso é precisamente o que se atopou en Adro Vello, o que anunciaba o microtopónimo: unha importante necrópole con tumbas que seguen os patróns imperantes nas diferentes épocas: romanas, cunha tégula en cabeceira e pé respectivamente, ou con cubertas pétreas a base de lousas encabalgadas; sarcófagos monolíticos, laudas altomedievais co que poderían ser marcas gremiais; ... unha sucesión de modas funerarias impresionante e nada frecuente pola potencia temporal do estrato, nada menos que 1700 anos.

parte do perímetro da igrexa
fotografía propia
foi a partir da construción dunha estrada de acceso a unha urbanización proxectada ao oeste do lugar (que nunca se chegou a construír) cando se detectou a presenza de muros e ósos humanos, descuberta que motivou as primeiras escavacións. É probable que tanto baixo a estrada como baixo unha vivenda levantada ao outro lado da estrada se atope unha área tan rica en restos arqueolóxicos coma a xa escavada.

a existencia da factoría de salgadura implicaría unha actividade pesqueira moi desenvolta na área e na época, nom sendo o único caso na ría de Arousa. As cubetas miden 1,5 m2, están soterradas e forradas co chamado opus signinum, un morteiro de cal e grava que impermeabiliza as paredes da cubeta para a boa conservación do peixe.

sobre a factoría construiríase villa, que destaca polo muro de contención contra o embate das mareas feito a base de grandes perpiaños almofadados (característicos da construción romana). Outros restos da villa son os diferentes muros, calzadas, e canalizacións de auga.

da igrexa consérvase a base dos muros perimetrais e restos dun altar. No interior da igrexa pero, sobre todo, ao seu redor, esténdese un gran número de enterramentos (entre 1600 e 4000) en varias capas superpostas. A gran maioría son moi simples, directamente na terra ou rodeados de varias pedras verticais, mais tamén hai sarcófagos labrados nunha única peza.

di Chavarría Arnau que en Callaecia, "o fenómeno das necrópoles instaladas sobre edificios rurais romanos é moi significativo e relaciónase coa existencia de edificios de culto (...); sen embargo, resulta moi complexo establecer a secuencia cronolóxica existente entre unha villa, necrópole e edificio de culto. É dicir, se as sepulturas se instalan debido á existencia dun edificio de culto ou se o edificio se constrúe con relación ás sepulturas preexistentes" (Villas tardoantiguas en el Mediterráneo Occidental). Pode que o estudo detido de Adro Vello responda esta incógnita.

unha construción anexa pode corresponder ás bases dunha torre de base cadrada que pertencería a unha posible fortificación altomedieval contra as incursións normandas e sarracenas documentadas na época.

nas proximidades existiu un pequeno poboado castrexo do que só quedan moi poucas pegadas; a principal na microtoponimia: O Castriño.

a antiga igrexa está documentada desde o s. X: et ecclesiam Sancti Uicentii de Ogrobe cum totis suis directuris et familia (...) et in concurrencia ipsius ecclesie uilla de Antas, cautata per petras erectas et scriptas (documentación de San Martiño Pinario, CODOLGA).

xa nas primeiras escavacións atopouse tamén unha moeda na que se representa a que quizás sexa a imaxe máis antiga da translación do apóstolo Santiago, e que hoxe se conserva no Museo das Peregrinacións, en Compostela. A peza mide 13 milímetros de diámetro e está feita dunha aliaxe de prata e cobre e data do reinado de Fernando II, impulsor da construción da catedral de Compostela e rexente en Galiza desde 1157 a 1188.

o estado actual do xacemento é de case total abandono, simplemente rodeado dunha valla perimetral e algúns carteis explicativos. Case todas as institucións (Concello de O Grove, Deputación de Pontevedra, e Xunta de Galicia) reivindican a súa recuperación mais o seu estado é o que é. Ata tal punto se considerou grave a situación que desde o Concello se falou de volver tapar o xacemento con area para evitar a súa deterioración.

parte da necrópole, con restos procedentes de épocas diversas
fotografía propia
a última tentativa de recuperación e posta en valor anunciouse en xaneiro de 2016 mais nom se fixo ren: "é certo que é un xacemento descoidado, invadido pola maleza e sen intervención ou musealización nos últimos tempos", son palabras de Mónica Rei Cabezudo, que desenvolveu o relatorio 'Perfumes e liturxia ... A cruz osculatoria de Adro Vello' no curso 'Arte, Historia, Xeografía, e Cultura no Salnés. Comercio, Intercambios, e Relacións exteriores' organizado pola USC. Esta peza da que se fala tamén é algo case único, de pequenas dimensións, cun remate en forma de aro que serviría na liturxia para mesturar os óleos sacros; un exemplar único porque só hai dous en toda Galiza e non existen referencias sobre a súa existencia no resto da península.

tamén se atopou un ara romana incrustada nos muros da igrexa coa inscrición fragmentaria 'DEO D EVER', sobre cuxo significado existen distintas especulacións e interpretacións pero que confirmaría a antigüidade do sitio como lugar de culto.

a pesar da súa importancia e singularidades, Adro Vello leva abandonado máis de 20 anos. En 1997, un grupo de xornalistas fixo un documental sobre a situación de abandono daquela, con ósos á intemperie; material humano que é moi difícil de atopar nos chans ácidos galegos e que se conservaron neste emprazamento por estar soterrados baixo area, un perfecto impermeabilizante. Uns restos, que debidamente analizados, darían información relevante sobre as poboacións que viviron no emprazamento.

FONTES:
'Adro Vello, un exemplo do abandono do patrimonio galego' historiadegalicia.gal, 17 xullo 2016
'investigan la aparición de una mandíbula humana junto a Adro Vello' Voz de Galicia, 10 marzo 2016
'adro vello' en arqueotoponimia, 01 xaneiro 2014
'el yacimiento de Adro Vello sufrirá un lavado de cara antes del verano' Diario de Arousa, 20 xaneiro 2013

'Cacabelos: "Sin apoyo, habrá que volver a enterrar el yacimiento de Adro Vello"' Faro de Vigo, 07 outubro 2010